Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 21 de decembro de 2018 Páx. 53207

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 28 de novembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2019.

De acordo co disposto no artigo 148.1.11 da Constitución, en virtude do establecido no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten competencia exclusiva en materia de caza.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ten atribuída a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos, segundo o establecido no Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en relación co Decreto 106/2018, do 4 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, e co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

O lobo mantén unha poboación abundante na xeografía galega. A súa presenza nos nosos montes non só é un expoñente da nosa rica biodiversidade senón, ademais, un elemento destacado no equilibrio biolóxico do medio en que se desenvolve.

As súas necesidades alimenticias entran ás veces en conflito cos intereses do sector gandeiro, que sofre a depredación que ocasionalmente realiza sobre o gando. É por iso, polo que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para conciliar o interese pola pervivencia da especie co das actividades gandeiras, pon en marcha unha liña de axudas, de carácter compensatorio, para reparar os danos ocasionados sobre o gando vacún, ovino, cabrún, equino, porcino de Galicia, asnal e mular, sempre que os danos procedan de ataques que non se poidan evitar polo tipo de gando ou polo sistema de explotación e non cando se poida demostrar neglixencia ou intencionalidade de non protexer ao gando.

Tendo en conta a información sobre os ataques de lobos, recollida nos últimos anos, o importe das axudas incrementarase nun 30 % cando afecte a explotacións dos concellos recollidos no anexo III desta orde.

O réxime xeral das axudas e subvencións nas administracións públicas establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario a norma principal constitúea o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Esta orde cumpre coas exixencias da citada normativa.

Nos vindeiros exercicios, estas axudas financiaranse con cargo ás consignacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, de acordo co contido da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para cada exercicio. Para o ano 2019, o referido importe recóllese no artigo 20 desta orde.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e principios

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras afectadas polos ataques do lobo ás reses das súas explotacións, coa finalidade de compensar os danos ocasionados no seu gando, e proceder á súa convocatoria para o ano 2019 (código do procedemento MT809B).

2. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, resultarán de aplicación os preceptos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando que se especifica no anexo I e que fora afectado por ataques de lobos dentro da comunidade autónoma.

2. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias das axudas previstas nesta orde nas que se produza algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou as persoas beneficiarias propietarias de gando vacún leiteiro naqueles casos en que se poida demostrar unha clara neglixencia na protección dos animais contra os ataques do lobo, agás no caso de gando vacún leiteiro que por prescrición facultativa veterinaria deban permanecer fóra das instalacións gandeiras e que, téndose adoptado as adecuadas medidas de protección, sexan afectados por ataques de lobo.

Artigo 3. Requisitos

1. O gando danado polo que se solicita a axuda deberá cumprir cos seguintes requisitos:

a) Pertencer a unha persoa física ou xurídica titular dunha explotación gandeira inscrita na sección correspondente segundo o tipo de gando no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia.

b) O gando bovino, ovino e cabrún deberá cumprir cos requisitos sanitarios establecidos nos programas de control, vixilancia e erradicación de enfermidades que poden afectar as especies gandeiras de acordo coa normativa aplicable para o efecto.

No caso do gando porcino, deberá pertencer á raza celta e cumprir cos requisitos sanitarios establecidos no Real decreto 599/2011, do 29 de abril, polo que se establecen as bases do Plan de vixilancia sanitaria do gando porcino, e no Real decreto 360/2009, do 23 de marzo, polo que se establecen as bases do programa coordinado de loita, control e erradicación da enfermidade de Aujeszky.

c) Estar identificado de acordo coa normativa aplicable para o efecto e, no caso de gando porcino de raza celta, deberán estar identificados individualmente e estar inscritos no Libro xenealóxico da raza.

2. As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

Artigo 4. Ámbito temporal

Esta orde comprende as axudas para os danos producidos polo lobo que se comuniquen desde o 1 de outubro de 2018 ata o 30 de setembro de 2019.

Artigo 5. Comunicación do dano

1. Nas vinte e catro horas seguintes ao ataque no caso de gando en réxime intensivo e nas setenta e dous horas no caso de gando en réxime semi-extensivo ou extensivo, as persoas propietarias das reses deberán poñelo en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mediante unha chamada, no horario hábil, ao teléfono 012, en que se lles facilitará unha chave que servirá para acreditar a chamada e identificar o expediente.

O horario hábil de atención telefónica é das 8.00 ás 20.00 horas, de luns a venres, e das 8.00 ás 17.30 horas os sábados.

Para os danos constatados entre as 17.30 horas dos sábados e as 8.00 horas dos luns, a comunicación da constatación do ataque realizarase nas vinte e catro horas seguintes contados desde as 20.00 horas do domingo.

Os animais mortos non poderán ser manipulados para non obstaculizar o labor investigador dos/das axentes que se despracen ao lugar para valorar os feitos e elaborar a correspondente acta. Para isto tomaranse as medidas oportunas para evitar, no posible, a alteración do escenario do acto de predación, evitando en todo caso o seu traslado do lugar dos feitos.

Os animais feridos poderán ser atendidos por persoal veterinario coa menor manipulación posible co obxecto de non entorpecer o labor investigador.

2. A partir do 1 de outubro de 2019 poderán realizarse comunicacións por danos de lobo de acordo co establecido nos parágrafos anteriores, quedando condicionada a concesión de axudas a unha nova convocatoria no ano 2020.

Artigo 6. Importe das axudas

1. O importe das axudas por morte do gando figura no anexo I desta orde.

Este importe incrementarase nun 30 % cando afecte a gando pertencente a explotacións gandeiras dos concellos recollidos no anexo III desta orde e nun 10 % no caso daquelas explotacións en que se teña comprobada a aplicación de medidas preventivas fronte aos ataques do lobo, e que fosen avaliadas como adecuadas pola comisión de valoración correspondente, de acordo co criterio que se fixe ao respecto pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para o período de vixencia desta orde.

2. No caso de animais feridos, a axuda estimarase en función dos gastos veterinarios producidos e acreditados (enténdese por gasto veterinario tanto a actuación do persoal profesional como o tratamento prescrito), nunha contía que, en ningún caso, poderá exceder o límite das contías previstas no anexo I desta orde.

Cando os animais feridos sexan varios exemplares, admitiranse facturas conxuntas do servizo veterinario nas cales se relacione o gasto veterinario de xeito individual para cada un dos animais feridos, con referencia á súa idade e á súa identificación individual, de ser o caso.

No caso de animais que tras o tratamento prescrito morran como consecuencia das feridas producidas polo acto de depredación, a axuda poderá superar o límite das contías previstas no anexo I desta orde. Nestes casos a axuda estimarase en función das contías previstas no anexo I desta orde por animal, mais os gastos veterinarios producidos e acreditados ata un máximo do 10 % das anteditas contías.

No caso de reses afectadas polo ataque de lobo que sobrevivan ao acto de depredación e como consecuencia deste sufran un aborto, que precisará dunha certificación veterinaria que o acredite, a cantidade compensatoria por cada aborto corresponderá a un 75 % do valor da clase e idade máis baixa no caso de especies de gando ovino e cabrún e do 50 % do valor da clase e idade máis baixa no caso do resto das especies de gando, segundo as contías previstas no anexo I desta orde. En caso de parto múltiple compensarase por cada un dos animais abortados.

3. Os gastos de eutanasia producidos y acreditados serán compensables. O importe máximo da compensación dos gastos de eutanasia por animal establécese en 75 €. No caso de que os gastos excedan este importe, a persoa beneficiaria terá dereito á axuda máxima, é dicir, 75 €.

A eutanasia realizarase de forma regrada e será prescrita e efectuada por unha persoa profesional veterinaria, co fin de evitar ao animal sufrimento grave e irremediable ou afección grave.

Artigo 7. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes delas.

Se algunha das persoas interesadas que estea obrigada a presentar a súa solicitude a través de medios electrónicos presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes en soporte papel nos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As solicitudes dirixiranse á Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da provincia en que se produza o dano.

2. A solicitude de axuda, anexo II desta orde (código do procedemento MT809B) inclúe as seguintes declaracións da persoa solicitante:

a) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

b) Declaración da conta para a transferencia bancaria.

c) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Xunto coa solicitude de axuda (anexo II desta orde), as persoas interesadas deberán achegar a seguinte documentación:

• Se a persoa titular fose unha persoa xurídica, acordo do órgano competente desta polo cal se aprobou a solicitude desta axuda.

• Cando se actúe en nome doutra persoa, física ou xurídica, deberase acreditar a representación legal con que se actúa e, ademais, o acordo das persoas partícipes para solicitar a subvención. Cando se trate dunha comunidade de bens, ademais, acreditarase que o acordo foi tomado pola maioría dos seus membros e o réxime de participación de cada un deles na dita comunidade. Cando se trate dunha comunidade de montes veciñais en man común o acordo deberá estar tomado en asemblea e acreditado mediante acta ou certificación do secretario.

• No caso do representante, e de acordo co artigo 5.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, deberá acreditar esa representación mediante algún dos seguintes medios de acreditación:

A. Por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna (poder notarial, representación legal, copia de escrituras ou poder onde se acredite a representación legal...).

B. Mediante apoderamento apud acta efectuado por comparecencia persoal ou comparecencia electrónica na correspondente sede electrónica, ou a través da acreditación da súa inscrición no rexistro electrónico de apoderamentos da Administración pública competente.

• No caso de animais feridos ou da aplicación da eutanasia, a factura dos gastos veterinarios segundo o especificado no artigo 6, puntos 2 e 3.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén se poderán presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os seguintes datos en poder das administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante (se for o caso).

c) NIF da entidade solicitante para as persoas xurídicas.

d) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias (AEAT).

f) Estar ao día no pagamento coa Xunta de Galicia.

g) Inscrición no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia.

h) Identificación da res afectada, o estado sanitario e toda a información necesaria para poder valorar o cumprimento das exixencias legais que afecta ao gando conforme a lexislación vixente.

i) No caso de ataque ao gando porcino celta, inscrición no Libro xenealóxico da raza.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado na solicitude e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Segundo o establecido no artigo 49.d) da Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, referente á simplificación da acreditación do cumprimento das obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, a Administración do Estado e a Seguridade Social, a obriga de presentar a certificación que acredite o cumprimento das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, poderá ser reemprazado pola declaración responsable da persoa solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma no caso das axudas que se concedan con carácter de compensación ou indemnización.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Notificación

As resolucións expresas de aprobación ou de denegación notificaránselles ás persoas interesadas seguindo os criterios dos artigos 41 a 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Prazo de presentación de solicitudes

Os prazos de presentación da solicitude de axuda serán os seguintes:

a) Para os danos comunicados entre o 1 de outubro de 2018 e a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será de 45 días naturais contados a partir da entrada en vigor desta orde.

É requisito imprescindible que se teña previamente comunicado o ataque do xeito e no prazo previsto na Orde do 12 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2018.

b) Para os danos ocasionados a partir da entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será de 45 días naturais contados desde o día seguinte ao da comunicación do dano.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 13. Procedemento de concesión

1. A concesión das axudas para paliar os danos producidos polo lobo tramitarase en réxime de concorrencia.

2. O procedemento de concesión iniciarase coa presentación da solicitude de axuda.

3. De conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e tendo en conta o carácter compensatorio que presentan as axudas para paliar os danos producidos polo lobo, exceptúase expresamente o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes que reúnan os requisitos establecidos nesta orde.

4. Estas axudas tramitaranse mediante o procedemento abreviado ao abeiro do artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Tramitación

1. As solicitudes remitiranse ás xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Os servizos de Conservación da Natureza examinaranas e revisarán a documentación acompañante que se especifica no artigo 8 desta orde.

2. No caso de que fosen detectados erros ou omisións, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de 10 días contados desde o seguinte ao de recepción do requirimento, emende ou complete a solicitude, coa indicación de que, se non o fixese así, teráselle por desistida da súa petición logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

4. As solicitudes serán avaliadas por unha comisión de valoración creada para tal fin nos servizos de Conservación da Natureza, dentro dos seus respectivos ámbitos territoriais. Na composición da comisión de valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

Esta comisión será presidida pola persoa titular do servizo de Conservación da Natureza ou persoa en quen delegue. Ademais, serán membros da citada comisión a persoa titular da Xefatura de Sección de Biodiversidade ou da Xefatura de Sección de Caza e Pesca Fluvial, e o persoal axente ambiental que determine a persoa que presida a citada comisión, segundo os casos.

Poderán, así mesmo, asistir ás reunións destas comisións, en calidade de persoal asesor, o persoal veterinario, persoal experto na materia e persoas representantes do sector gandeiro, por invitación da persoa que presida a comisión.

5. Os servizos de Conservación da Natureza emitirán unha certificación co resultado da avaliación das solicitude que remitirán á Dirección Xeral de Patrimonio Natural xunto coa documentación das solicitudes avaliadas que sexa necesaria para a tramitación dos aboamentos.

6. A Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas formulará as propostas á Dirección Xeral de Patrimonio Natural ata esgotar o crédito consignado para o efecto.

7. En ningún caso se concederán aboamentos á conta ou pagamentos anticipados.

Artigo 15. Resolución e recursos

1. De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a competencia para a concesión das axudas reguladas nesta orde corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. A resolución que poña fin ao procedemento será motivada con suxeición ao establecido nas bases reguladoras desta orde.

2. O prazo máximo para resolver será de tres meses desde a presentación da solicitude de axuda. Transcorrido o prazo sen que se ditase resolución expresa, as persoas solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución ditada, segundo o disposto no punto 1 deste artigo, poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Aceptación da axuda concedida e trámites posteriores ao inicio de expediente

O outorgamento da subvención debe ser aceptado pola persoa beneficiaria no prazo máximo de 10 días desde a súa notificación, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que a persoa beneficiaria non comunique a súa aceptación dentro do prazo indicado, considerarase que se entende tacitamente aceptada a axuda concedida.

Artigo 17. Compatibilidade

1. As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos conforme o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Estas axudas serán incompatibles coas cantidades percibidas en concepto de indemnización polos mesmos danos derivados dun expediente de responsabilidade patrimonial.

Artigo 18. Rexistro Público de Subvencións

1. A concesión das axudas para paliar os danos producidos polo lobo reguladas nesta orde será obxecto de inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda, co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencionada en Galicia.

2. A solicitude para ser persoa beneficiaria de axudas para paliar os danos producidos polo lobo levará implícita a autorización, no suposto de que se lle conceda a axuda solicitada, para a inscrición, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na solicitude. Non obstante, as persoas solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorran algunha das circunstancias previstas na alínea d), do punto 2, do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 19. Pagamento

1. O pagamento corresponderase co importe da subvención aprobada.

2. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en tanto a persoa beneficiaria non se encontre ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e teña pendente de pagamento algunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora por resolución de procedencia de reintegro, de acordo co disposto no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Crédito

1. Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Por iso a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente, nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2019, no momento da resolución.

2. As axudas concedidas ao abeiro desta orde serán financiadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, con cargo á aplicación orzamentaria 07.03.541B.470.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2019. O importe asignado é de trescentos cincuenta mil euros (350.000 €).

3. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde, cando o incremento derive de:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) No suposto previsto no artigo 25.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, de ser o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

4. As solicitudes e recursos estimados de anos anteriores que non se poidan conceder por insuficiencia orzamentaria ou por atrasos na tramitación por causa da Administración, atenderanse con cargo á convocatoria do ano seguinte de se produciren.

Artigo 21. Disposicións xerais

1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As persoas beneficiarias están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, citada, nos casos e termos previstos no artigo 33 da mesma lei.

5. A relación das axudas concedidas publicarase no Diario Oficial de Galicia cando o importe destas, individualmente consideradas, sexa igual ou superior aos 3.000 €. Para as de contía inferior, a relación das concedidas e denegadas farase pública a través da páxina web da consellería, nos termos establecidos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e tamén as sancións que se poidan impoñer, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados nestes procedementos serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión destes procedementos e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANEXO I

Baremo utilizado para o pagamento de axudas polos ataques do lobo

Especie

Clase e idade

Custo calidade normal

Custo calidade selecta (*)

Ovino

Cordeiro < 12 meses

58 €

88 €

Ovino

Adulto ≥ 12 e < 6 anos

102 €

124 €

Ovino

Adulto ≥ 6 anos

26 €

31 €

Cabrún

Cabrito < 12 meses

73 €

109 €

Cabrún

Adulto ≥ 12 e < 6 anos

102 €

131 €

Cabrún

Adulto ≥ 6 anos

26 €

31 €

(*) Razas incluídas no Catálogo oficial de razas de gando de España (anexo I do Real decreto 2129/2008) ou calquera outra de pura raza.

Especie

Clase e idade

Raza celta

Porcino

Leitón < 3 meses

90 €

Porcino

Porco ≥ 3 meses e < 6 meses

150 €

Porcino

Porco ≥ 6 meses e < 9 meses

200 €

Porcino

Porco da ceba ≥ 9 e < 12 meses

300 €

Porcino

Porco da ceba ≥ 12 meses

380 €

Porcino

Reprodutoras

360 €

Porcino

Reprodutora preñada

400 €

Porcino

Reprodutor

450 €

Especie

Clase e idade

Custo rubia galega

Custo outras razas autóctonas*

Custo vacún leiteiro

Resto de reses de gando vacún

Vacún

Becerro < 2 meses

305 €

360 €

240 €

240 €

Vacún

Becerro ≥ 2 meses e < 4 meses

383 €

458 €

305 €

305 €

Vacún

Becerro ≥ 4 meses e < 6 meses

639 €

839 €

560 €

560 €

Vacún

Becerro ≥ 6 meses e < 1 ano

658 €

867 €

579 €

579 €

Vacún

Vacún ≥ 1 ano e < 2 anos

879 €

1.150 €

958 €

767 €

Vacún

Vacún ≥ 2 anos e < 6 anos

1.199 €

1.799 €

1.597 €

1.199 €

Vacún

Vacún ≥ 6 anos e < 9 anos

958 €

1.318 €

879 €

879 €

Vacún

Vacún ≥ 9 anos

575 €

718 €

480 €

480 €

* Cachena, caldelá, vianesa, limiá e frieiresa.

Especie

Clase e idade

Custo pura raza galega

Custo outros cabalos

Equino

Poldro < 2 meses

198 €

158 €

Equino

Poldro ≥ 2 meses e < 4 meses

258 €

198 €

Equino

Poldro ≥ 4 meses e < 6 meses

396 €

330 €

Equino

Poldro ≥ 6 meses e < 1 ano

594 €

496 €

Equino

Equino ≥ 1 ano e < 2 anos

634 €

541 €

Equino

Equino ≥ 2 anos e < 10 anos

792 €

594 €

Equino

Equino ≥ 10 anos

594 €

449 €

Asnal

Asnal < 1 ano

60 €

Asnal

Asnal ≥ 1 ano e < 10 anos

200 €

Asnal

Asnal ≥ 10 anos

150 €

Mular

Mular < 1 ano

100 €

Mular

Mular ≥ 1 ano e < 10 anos

300 €

Mular

Mular ≥ 10 anos

225 €

ANEXO III

Lista de concellos

– Provincia da Coruña

Aranga

Curtis

Dumbría

Irixoa

Mazaricos

Melide

Monfero

Muros

Muxía

Ordes

Pontes de García Rodríguez, As

Porto do Son

Santiago de Compostela

Sobrado

Toques

Vilasantar

Vimianzo

– Provincia de Lugo

Abadín

Alfoz

Baralla

Begonte

Castro de Rei

Cervantes

Corgo, O

Cospeito

Fonsagrada, A

Friol

Guitiriz

Incio, O

Láncara

Mondoñedo

Muras

Navia de Suarna

Ourol

Outeiro de Rei

Palas de Rei

Páramo, O

Pastoriza, A

Riotorto

Samos

Triacastela

Valadouro, O

Vilalba

Xermade

– Provincia de Ourense

Allariz

Avión

Baltar

Bande

Beariz

Blancos, Os

Bola, A

Calvos de Randín

Cualedro

Entrimo

Lobeira

Lobios

Maceda

Melón

Montederramo

Muíños

Pobra de Trives, A

Rairiz de Veiga

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Vilardevós

– Provincia de Pontevedra

Cañiza, A

Cerdedo-Cotobade

Covelo

Cuntis

Estrada, A

Forcarei

Fornelos de Montes

Lalín

Lama, A

Valga

missing image file
missing image file
missing image file