Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Luns, 24 de decembro de 2018 Páx. 53513

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 3 de decembro de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do recurso de reposición contra a clasificación do monte denominado A Costa, solicitada a favor dos veciños do lugar da Eirexa, na parroquia do Sisto, do concello de Dozón (Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión do día 8 de novembro de 2018, adoptou a seguinte resolución:

«Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado A Costa, solicitado a favor dos veciños da Eirexa, na parroquia do Sisto, do concello de Dozón, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. O 28.11.2014, Jesús Bértolo Dafonte e María del Carmen Penedo Crespo, actuando en calidade de representantes dos veciños do lugar da Eirexa, parroquia do Sisto, concello de Dozón, presentan solicitude de iniciación de expediente de clasificación do monte denominado A Costa, como veciñal en man común, xuntando como única documentación un plano topográfico coa identificación do terreo do cal se pide a clasificación.

Segundo. O Xurado Provincial de Montes en Man Común de Pontevedra acordou, unha vez cumpridos os trámites pertinentes, en sesión do 30.6.2015, incoar o correspondente expediente de clasificación do devandito monte.

Terceiro. De conformidade co establecido no artigo 20 do Decreto 260/1992, solicítase e recíbese informe preceptivo do Servizo de Montes e Industrias Forestais con data do 12 de febreiro de 2016, no cal se fan constar, entre outros aspectos relevantes, os seguintes:

“Terceiro: (...) da revisión da documentación presentada ao expediente polos solicitantes, dos informes da sección de Topografía e da inspección no campo, dedúcese a información seguinte:

Parcela A: corresponde coa parcela catastral 36016A00100307 de 3,19 ha. Parcela poboada por masa mixta de carballo e piñeiro de distintas idades e mato formado por toxo, xesta, silvas e urces. Bordeada por estrada asfaltada ao sur, leste e oeste e ao norte por unha leira labrada.

No momento da inspección non se aprecian usos diferenciados.

Parcela B: corresponde coa parcela catastral 36016A00100308 de 0,25 ha. Parcela residual por trazado de camiños, poboada por toxos, xestas, silvas e algúns pes illados de piñeiro, carballo e bidueiro. Bordeada por estrada asfaltada e camiño sen asfaltar en todas as súas estremas.

No momento da inspección non se aprecian usos diferenciados excepto vertedoiro”.

No referido informe de Montes achégase anexo fotográfico onde se pode constatar cada unha das afirmacións anteriores.

Cuarto. O Rexistro da Propiedade de Lalín certifica con data do 15 de abril de 2016 que o monte solicitado non figura inscrito a nome de ningunha persoa.

Quinto. Á vista da documentación presentada polos solicitantes e o informe do Servizo de Montes, o monte obxecto do presente expediente está formado por dúas parcelas catastrais de forma irregular e separadas por un camiño, coa descrición que a seguir se detalla:

– Parcela 307, polígono 1.

Cabida: 31.880 m² aproximadamente (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: Salvador Sobrino Golmar (parcela 444).

Sur: camiño público.

Leste: camiño público.

Oeste: camiño público.

– Parcela 308, polígono 1.

Cabida: 2.528 m² aproximadamente (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte camiño público.

Sur: camiño público.

Leste: camiño público.

Oeste: camiño público

Sexto. O 19.1.2017 o Xurado Provincial de Clasificación de MVMC de Pontevedra dita resolución pola que se acorda non clasificar o monte da Costa por non concorreren os requisitos fixados na Lei de montes 13/1989, ao non quedar suficientemente acreditado o aproveitamento consuetudinario sobre a parcela por parte dos veciños do lugar da Eirexa, parroquia do Sisto, concello de Dozón.

Sétimo. Contra a citada resolución, e con data do 24.1.2017, interpúxose recurso de reposición e xuntouse como documentación multitude de declaracións xuradas dos veciños do lugar correctamente identificados mediante fotocopia do DNI.

Oitavo. A estes feitos son de aplicación as seguintes:

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as súas resolucións en virtude do disposto no artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. Procede admitir o recurso de reposición interposto de contrario por concorreren os requisitos fixados no artigo 124 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Terceira. En primeiro lugar, e para os efectos de esclarecer se procede ou non a estimación do presente recurso de reposición, debe traerse a colación o disposto no artigo 1 do referido texto normativo, o artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e o artigo 20 da nova Lei de montes de Galicia 7/2012, do 28 de xuño, segundo os cales cómpre entender por monte veciñal en man común: “Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños”.

Así pois, de acordo coa propia dicción literal deste artigo e a prolixa xurisprudencia existente na materia, o feito que determina a clasificación ou non como veciñal do monte en cuestión, é a circunstancia de terse acreditado de forma sólida e fidedigna o aproveitamento consuetudinario en man común pola agrupación veciñal, á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais.

Extrapolando o concepto e exixencias que se condensan na normativa analizada ao caso concreto, e tomando en consideración as observacións que se condensaban no informe emitido polo Servizo de Montes e Industrias Forestais relativas ao aproveitamento e uso actual do monte, o Xurado de Montes entendeu no seu momento que non quedaba acreditado de xeito suficiente o aproveitamento consuetudinario con carácter exclusivo sobre as parcelas respecto das cales se solicita a clasificación, sobre todo porque concorría unha total orfandade probatoria sobre tal aspecto.

Non obstante, tal conclusión debe verse alterada neste momento ao terse presentado co recurso de reposición a declaración xurada de múltiples veciños do lugar dando conta do exixido aproveitamento consuetudinario, declaracións que noutros expedientes de clasificación deveñen insuficientes pola concorrencia de litixios entre comunidades e reivindicación por parte de diferentes veciños sobre unha mesma parcela.

Non obstante, no presente suposto a solicitude de clasificación sobre o monte da Costa é pacífica, non hai alegacións en contra por parte de posibles e potenciais interesados, e tampouco o informe do Servizo de Montes exclúe de forma radical este aproveitamento comunal, sinalando simplemente que no momento da inspección non se aprecian “usos diferenciados”.

En definitiva, este Xurado considera que, unha vez valoradas en conxunto todas as circunstancias concorrentes, si pode considerarse acreditado o uso e aproveitamento consuetudinario sobre a parcela de referencia, sen prexuízo de que sexa desexable a achega dalgunha factura sobre corta de leña ou documento similar para un maior esforzo probatorio.

En consecuencia, vistos os feitos, as consideracións legais e técnicas, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o Xurado Provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Estimar o recurso de reposición presentado polos veciños do lugar da Eirexa, parroquia do Sisto, concello de Dozón sobre o monte da Costa, segundo a descrición que do monte se fai no feito quinto e na planimetría elaborada para o efecto e que forma parte inseparable da presente resolución.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo con disposto nos artigos 114.c) e 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Pontevedra, 3 de decembro de 2018

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra