Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Xoves, 27 de decembro de 2018 Páx. 53974

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 3 de decembro de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que publica a resolución do recurso de reposición contra a clasificación do monte denominado Outeiro, solicitada a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Guillán, na parroquia de Guillán, do concello de Vilagarcía de Arousa.

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión que tivo lugar o día 8 de novembro de 2018 adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Outeiro, solicitado a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Guillán, na parroquia de Guillán, do concello de Vilagarcía de Arousa, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. O 27 de setembro de 2010, Belén Raposo Pérez, actuando en calidade de representante da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Guillán (Vilagarcía de Arousa), presenta unha solicitude de iniciación de expediente de clasificación do monte Outeiro (subdividido en tres parcelas: a, b e c).

En relación con este aspecto debe sinalarse, así mesmo, que consta no expediente de referencia (folio 31 e seguintes) informe emitido pola Sección de Topografía do Servizo de Montes, do 18 de outubro de 2010, onde se fai constar que parte do monte abrangue parcelas de titular catastral particular.

Segundo. O Xurado Provincial de Montes en Man Común de Pontevedra acordou, unha vez cumpridos os trámites pertinentes, en sesión do 27 de outubro de 2010, incoar o correspondente expediente de clasificación do dito monte.

Terceiro. De conformidade co establecido no artigo 20 do Decreto 260/1992, solicítase e recíbese informe preceptivo do Servizo de Montes e Industrias Forestais, que consta no expediente administrativo de clasificación no folio 50 e seguintes, emitido o 27 de xaneiro de 2010, no cal se fan constar, entre outros aspectos relevantes, os seguintes:

«(...) De acordo coa Lei 13/2003, do 21 de novembro, modificada pola Lei 10/2006, do 28 de abril, esta parcela non se pode definir como monte por estar situada sobre solo de núcleo rural e solo rústico común sen acadar a superficie mínima pola comunidade.

A parcela encóntrase practicamente rasa, salvo a presenza de matogueira e rexenerado novo de eucalipto e carballo moi escaso e dous piñeiros, con abondosos afloramentos rochosos que limitan o seu aproveitamento.

Está limitada por camiños de terra e muros con predios edificados.

Está atravesada por pistas de servizo a propiedades particulares, incluídos rúas urbanas asfaltadas e tendidos de media tensión e telefónico.

Non se observa aproveitamento recente».

Cuarto. O 4 de marzo de 2011, o Concello de Vilagarcía de Arousa remite un informe do arquitecto municipal onde se recollen unha serie de observacións contrarias á clasificación do monte como veciñal en man común, informe que foi remitido á CMVMC de Guillán e ao cal se fixeron alegacións mediante escritos do 30 de abril de 2011 e do 23 de xuño de 2011.

Quinto. O Rexistro da Propiedade de Vilagarcía de Arousa certifica, o 14 de xaneiro de 2011, que os predios dos cales se solicita certificación non constan inscritos a nome de ningunha persoa.

Sexto. O 24 de xaneiro de 2013 Belén Raposo, en representación da CMVMC de Guillán presenta novo escrito en que solicita a clasificación dos montes obxecto deste expediente por silencio administrativo positivo, ao abeiro do artigo 25 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e do disposto na Lei 6/2001, do 29 de xuño.

Sétimo. Á vista da documentación achegada pola solicitante e do informe do Servizo de Montes, o monte obxecto de clasificación é o monte Outeiro, de 7.120,80 m2, subdividido nas parcelas a, b e c, coas estremas e descrición que figuran debidamente publicados no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo. O 25 de febreiro de 2016 o Xurado Provincial de Clasificación de MVMC de Pontevedra dita resolución pola cal se acorda a non clasificación do monte Outeiro por non concorreren os requisitos fixados na Lei 13/1989, de montes, ao non quedar suficientemente acreditado o aproveitamento consuetudinario sobre a parcela polos veciños de Guillán.

Noveno. Contra a citada resolución a CMVMC de Guillán interpuxo recurso de reposición, con data de rexistro de entrada do 22 de marzo de 2016, no cal se fan alegacións correspondentes a outro expediente tramitado para esta mesma CMVMC de Guillán, en concreto o referido ao monte Garabulla e outros, onde se alega o seguinte:

Existencia de declaracións asinadas de veciños en que acreditan o uso comunal dos montes obxecto de clasificación (xúntase copia destas declaracións).

Existencia dun certificado da empresa Redenor, S.L. do 18 de marzo de 2016, respecto de traballos de limpeza realizados nunha serie de predios cuxa referencia catastral se indica (achégase factura do 15 de outubro de 2014 sobre os ditos traballos).

Mención a unha certificación expedida pola Secretaría do Concello de Vilagarcía de Arousa, do 9 de marzo de 2016, sobre cesións duns terreos e respecto da cal a CMVMC de Guillán entende que supón un recoñecemento por parte do concello da titularidade comunal do monte Garabulla e outros.

Décimo. A estes feitos son de aplicación as seguintes consideracións legais e técnicas:

Primeira. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as súas resolucións en virtude do disposto no artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. Procede admitir o recurso de reposición interposto de contrario por concorreren os requisitos fixados no artigo 124 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Terceira. Entrando a analizar o fondo da cuestión controvertida, e tendo en conta ademais, que este recurso de reposición nin tan sequera se refire ao monte Outeiro senón ao monte Garabulla e outros, este órgano considera que se deben reproducir todas e cada unha das consideracións que levaron a este xurado a denegar a clasificación da referida parcela, pois nada novo se acredita agora en sede de recurso que faga enervar esta resolución.

En efecto, e unha vez máis, convén traer a colación o disposto no artigo 1 da Lei de montes, o artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e o artigo 20 da nova Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, de acordo cos cales cómpre entender por monte veciñal en man común:

«Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas por parte dos membros daquelas na súa condición de veciños».

Así pois, de acordo coa propia dicción literal deste artigo e a prolixa xurisprudencia existente na materia, o feito que determina a clasificación ou non como veciñal do monte en cuestión é a circunstancia de terse acreditado de forma sólida e fidedigna o aproveitamento consuetudinario en man común pola agrupación veciñal, á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais.

Pois ben, extrapolando o concepto e as exixencias que se condensan na normativa analizada ao caso concreto, e tomando en consideración moi especialmente as observacións que se condensaban no informe emitido polo Servizo de Montes e Industrias Forestais, relativas ao aproveitamento e uso actual do monte, pódese colixir que non queda acreditado de maneira suficiente o aproveitamento consuetudinario con carácter exclusivo sobre as parcelas respecto das cales se solicita a clasificación.

É certo que a parte solicitante se fixo no seu momento, como xa se sinalou na resolución impugnada, un esforzo loable á hora de presentar documentación técnica aos efectos de identificar de forma nítida as parcelas obxecto de clasificación, pero bótase en falta a existencia dunha mínima documentación histórica tendente a acreditar de xeito claro o aproveitamento consuetudinario do monte.

De feito, non se atopa nin un só documento que referende tal aspecto máis alá das propias reivindicacións subxectivas feitas pola parte interesada no seu escrito de solicitude e posteriores alegacións.

E non se poden tomar en consideración nin as declaracións xuradas dos veciños, nin a factura e certificación achegada co recurso de reposición procedentes da empresa Redenor, S.L., pois van referidas a outro expediente de clasificación: o monte Garabulla.

Pola contra, si consta no expediente administrativo, como se sinalou nos feitos, o informe do Servizo de Montes, contundente á hora de sinalar:

«A parcela encóntrase practicamente rasa, salvo a presenza de matogueira e rexenerado novo de eucalipto e carballo moi escaso e dous piñeiros, con abondosos afloramentos rochosos que limitan o seu aproveitamento.

Está limitada por camiños de terra e muros con predios edificados.

Está atravesada por pistas de servizo a propiedades particulares, incluídos rúas urbanas asfaltadas e tendidos de media tensión e telefónico.

Non se observa aproveitamento recente».

Ao anterior débense engadir a postura e as alegacións presentadas polo Concello de Vilagarcía de Arousa, na mesma liña que o Servizo de Montes.

Entendemos, en definitiva, que tan importantes como os esforzos investidos pola parte solicitante en clarificar e delimitar a concreta extensión dos terreos que se pretenden clasificar é a achega dunha mínima proba documental que sustente de xeito fidedigno a clasificación do monte como veciñal en man común.

En consecuencia, vistos os feitos, as consideracións legais e técnicas, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o Xurado Provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Desestimar o recurso de reposición presentado pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Guillán en relación co monte Outeiro, coa ratificación íntegra da resolución de non clasificación do 25 de febreiro de 2016.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 114.c) e 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 3 de decembro de 2018

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra