Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Venres, 28 de decembro de 2018 Páx. 54496

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Asomega

ANUNCIO polo que se convoca a XXI edición do Premio Nóvoa Santos.

A Asociación de Médicos Galegos (Asomega) organiza o Premio Nóvoa Santos e convoca a súa XXI edición.

Colabora con Asomega nesta convocatoria o Grupo Coren.

Bases do premio:

1. Poderanse propoñer para este premio personalidades relevantes galegas, ou directamente vinculadas a Galicia, da medicina e/ou biomedicina, cuxo labor profesional ou científico fose de repercusión nacional ou internacional e, especificamente, de proxección cara a Galicia.

2. As propostas dos candidatos faranas as universidades, as reais academias ou os colexios profesionais da medicina, farmacia ou veterinaria, as sociedades científicas, os hospitais, as fundacións, etc., ou un grupo mínimo de oito profesionais médicos e/ou biomédicos.

3. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Un resumo do curriculum vitae do candidato en formato electrónico (PDF).

b) Unha memoria en que se aduzan os méritos do candidato nun máximo de cinco (5) follas (PDF).

c) Ademais dos aspectos estritamente académico-curriculares e profesionais dos potenciais candidatos, avaliarase o compromiso do candidato coa sociedade galega, así como o impacto e a influencia que o candidato poida exercer ou ter exercido sobre Galicia na súa actividade profesional en xeral e da medicina galega en particular.

4. O galardoado aceptará o compromiso de dar unha conferencia do tema médico-sanitario que considere que foi o motivo do Premio Nóvoa Santos, ademais da realizada na cerimonia de entrega do premio.

5. Non poderán concorrer os membros da Xunta Directiva de Asomega.

6. As solicitudes e documentación dirixiranse por correo electrónico á atención do secretario de Asomega (tfno. 677 04 60 72) ao enderezo electrónico secretaria@asomega.es.

O prazo límite de presentación das candidaturas remata o día 31 de marzo de 2019.

Premio:

1. O Premio Nóvoa Santos outorgarao o xurado constituído pola Xunta Directiva de Asomega. O Comité Científico de Asomega, logo de motivación razoada, presentará ao xurado unha proposta da candidatura máis adecuada. Para a adxudicación do premio terá lugar unha reunión da Xunta Directiva e a súa decisión, ante a cal non caberá reclamación nin recurso, darase a coñecer a continuación.

2. O galardón consistirá en 12.000 euros, diploma e medalla conmemorativa do Premio Nóvoa Santos. O premio é indivisible.

3. A entrega do premio Nóvoa Santos ao gañador farase nunha cerimonia pública, onde o galardoado impartirá unha conferencia sobre o tema médico e/ou biomédico que considera o motivo deste mérito.

Madrid, 17 de decembro de 2018

Julio Ancochea Bermúdez
Presidente de Asomega