Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Mércores, 2 de xaneiro de 2019 Páx. 170

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

EXTRACTO da Orde do 27 de novembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, para o alumnado do Sistema universitario de Galicia que participa en Erasmus Estudos no curso 2018/19.

BDNS (Identif.:) 429374.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

O alumnado das universidades do Sistema universitario de Galicia que participa en Erasmus Estudos durante o curso 2018/19.

Segundo. Obxecto

Convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Orzamento e contía das bolsas

O importe global previsto na orde é de 1.751.000,00 €.

As axudas terán a seguinte contía, en función dos grupos de países determinados no programa Erasmus+:

a) De 195 euros/mes para un país de destino do grupo 1.

b) De 165 euros/mes para un país de destino do grupo 2.

c) De 125 euros/mes para un país de destino do grupo 3.

Unha vez distribuída a contía uniforme en función dos grupos de países determinados no programa Erasmus+, o orzamento restante dispoñible, se o houber, adxudicarase entre as persoas solicitantes que teñan unha maior media no seu expediente académico, asignándose unha contía uniforme de 500 euros ata esgotar o orzamento.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2018

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional