Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Xoves, 10 de xaneiro de 2019 Páx. 1286

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 17 de decembro de 2018 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa para conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario, para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación.

A disposición derradeira sétima, número 2, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, dá nova redacción ao número 1 da disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que pasa a dispoñer que as fundacións do sector público unicamente poderán conceder subvencións cando así se autorice á correspondente fundación de forma expresa mediante acordo do ministerio de adscrición ou órgano equivalente da Administración ao cal a fundación estea adscrita.

Esta modificación normativa, que segundo a disposición derradeira primeira ten o carácter de lexislación básica, entrou en vigor o 3 de outubro de 2015, de conformidade coa disposición derradeira décimo oitava.2 da citada Lei 40/2015, polo que, a partir desa data, o outorgamento de subvencións pola Fundación Galicia Europa (FGE) require a autorización expresa da consellería de adscrición, neste caso, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Así mesmo, conforme establece a mesma disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, na redacción dada pola disposición derradeira sétima da Lei 40/2015, do 1 de outubro, a aprobación das bases reguladoras será exercida polos órganos da Administración que financien en maior proporción a subvención correspondente.

Segundo a disposición adicional primeira do Decreto 178/2015, do 26 de novembro, polo que se regula a acción exterior da Comunidade Autónoma de Galicia, a FGE é unha entidade sen ánimo de lucro e ente instrumental do sector público autonómico galego que depende orgánica e funcionalmente do centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior.

Segundo o Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Vicepresidencia a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ten, entre outras funcións, a de proxección exterior de Galicia e a execución da actividade exterior da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias sectoriais doutros órganos ou unidades, así como a coordinación e seguimento da xestión da Fundación Galicia Europa.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das competencias que me foron atribuídas,

DISPOÑO:

Primeiro. Autorización

Autorizar a Fundación Galicia Europa para poder conceder subvencións para bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario, para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación.

Segundo. Bases reguladoras

Aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario, para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación.

Disposición adicional. Facultade de desenvolvemento

Autorízase o director da Fundación Galicia Europa para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento destas bases.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas de formación práctica para persoas tituladas universitarias en materia de financiamento comunitario de proxectos europeos no ámbito da innovación e a investigación (código de procedemento PR770M)

Artigo 1. Introdución

Segundo o establecido na disposición adicional primeira do Decreto 178/2015, do 26 de novembro, polo que se regula a acción exterior da Comunidade Autónoma de Galicia, a Fundación Galicia Europa (en diante, FGE) ten o mandato da Xunta de Galicia para exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado. A FGE prestará apoio aos distintos departamentos e entidades da Xunta de Galicia, así como ás restantes administracións públicas, organismos e corporacións galegas, no exercicio da súa participación nos asuntos da Unión e colaborará na preparación de viaxes e visitas institucionais das autoridades de Galicia ás institucións e órganos da Unión, así como das autoridades das citadas institucións e órganos a Galicia.

A Axencia Galega de Innovación (en diante, Gain) é unha axencia pública autonómica encadrada nas entidades instrumentais do sector público autonómico. Os estatutos de Gain atribúenlle, entre outras funcións, as de ordenación, planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias en materia de fomento da investigación que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do establecido no artigo 27.19 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A importancia da innovación e da investigación para o tecido empresarial de Galicia, a formación da mocidade neste ámbito, así como o coñecemento dos programas europeos de apoio a estas políticas, son elementos primordiais para un crecemento competitivo e sustentable da economía galega, o que require un esforzo continuado na formación dos recursos humanos para adaptar as novas demandas ás actuacións das persoas tituladas superiores universitarias que inician a súa actividade neste sector.

Por este motivo, a Axencia Galega de Innovación a través das transferencias de financiamento do seu orzamento de gastos financia un programa de bolsas que se desenvolven fundamentalmente na oficina da FGE en Bruxelas, de formación en proxectos europeos no ámbito da innovación e a investigación, e en seguimento das políticas comunitarias relacionadas coa innovación e a investigación.

O obxectivo das bolsas é que as persoas bolseiras adquiran coñecementos prácticos sobre políticas comunitarias relacionadas coa innovación e a investigación, a identificación das convocatorias, e a participación nas reunións das redes de cooperación rexional en que participa a Xunta de Galicia para promover a participación galega en iniciativas de I+D+i, nomeadamente ERRIN (European Regions Research and Innovation Network) e Vanguard Initiative.

En relación coa presentación das solicitudes, debido á capacidade técnica das persoas físicas beneficiarias desta bolsa, que deben reunir a condición de tituladas universitarias, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente aos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente neste procedemento, de acordo co establecido no artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.

Artigo 2. Obxecto

Estas bases regulan as condicións polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas de formación para persoas cun título universitario, para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación (código de procedemento PR770M).

Artigo 3. Duración e lugar de realización das bolsas

1. O programa formativo das bolsas terá unha duración máxima de doce (12) meses.

A convocatoria anual da FGE determinará a duración exacta das bolsas.

2. O lugar de desenvolvemento das bolsas será a oficina da FGE en Bruxelas, podendo realizar tamén breves períodos formativos nas dependencias de Gain en Santiago de Compostela ou onde esta indique.

Artigo 4. Número, contía e financiamento das bolsas

1. O número de bolsas e os seus importes determinaranse con base no importe anual reflectido no orzamento de gastos da Axencia Galega de Innovación como transferencia de financiamento á FGE para o programa de bolsas.

As convocatorias anuais da FGE quedarán condicionadas á existencia desta transferencia de financiamento e indicarán o número de bolsas, así como o seu importe total.

O importe total de cada bolsa incluirá as retribucións brutas e os custos da Seguridade Social, así como unha axuda de desprazamento que terá a consideración de pagamento anticipado de acordo co artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Este anticipo non exixe a constitución de garantías.

2. O financiamento das bolsas pola FGE establecerase nas correspondentes convocatorias anuais da FGE.

3. A bolsa aboaranse mensualmente pola parte proporcional da retribución bruta que corresponda tras descontar as retencións do IRPF e a cota obreira da Seguridade Social, sempre que non haxa algunha incidencia no seu desenvolvemento.

Artigo 5. Requisitos das persoas beneficiarias para obter a bolsa

Poderán optar á obtención das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

1. Ter a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.

2. Ser natural de Galicia, ser fillo/filla de galegos ou acreditar a súa residencia en Galicia polo menos desde os dous anos anteriores á publicación da convocatoria e nivel B2 nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Posuír un título universitario de grao, licenciatura, enxeñaría ou equivalente ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición. Os estudos conducentes a obtención do título deberon terse rematado dentro dos seis anos anteriores ao da publicación da convocatoria.

4. Posuír un nivel B2 ou superior en lingua inglesa.

5. Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do obxecto desta bolsa.

6. Non estar incursas nas prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).

7. Non ter gozado anteriormente doutra bolsa da FGE en convocatorias anteriores, excepto que na convocatoria do ano inmediatamente anterior fose chamado da lista de suplentes e gozase da bolsa por un período de tempo non superior a 3 meses.

Artigo 6. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia do pasaporte no caso de nacionais da Unión Europea residentes fóra de España e que non posúan NIE.

b) Copia do libro de familia ou documento equivalente para aqueles solicitantes que pretendan acreditar á filiación de proxenitores galegos.

c) Copia do documento que acredita o nivel B2 nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, só para aquelas persoas candidatas que deben acreditar a súa residencia en Galicia polo menos desde os dous anos anteriores á publicación da convocatoria.

d) Copia da xustificación do pagamento dos dereitos de expedición da titulación correspondente (no caso de non estar en posesión do título universitario).

e) Copia da homologación ou validación do título pola Administración educativa española no caso de presentar un título académico estranxeiro.

f) Copia do documento que acredita o nivel B2 en lingua inglesa.

g) Currículo: preferentemente en formato Europass, en que se relacionen os estudos cursados e, de ser o caso, experiencia en proxectos de innovación e investigación.

h) Anexo III xunto coa copia dos documentos acreditativos dos méritos alegados relacionados no dito anexo (ver artigo 12, criterios de adxudicación).

– O expediente académico acreditarase mediante copia da certificación académica dos estudos realizados, en que consten as materias cursadas, as cualificacións obtidas e a nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, ou normativa que o modifique.

– Os cursos relacionados en materia de investigación ou innovación acreditaranse mediante o correspondente título ou certificado de participación nas entidades formativas. Non se terán en conta os cursos que non acrediten as horas de duración ou os inferiores a 20 horas lectivas nin os diplomas relativos a xornadas, seminarios, simposios e similares.

– A participación en proxectos de investigación e innovación acreditarase mediante certificación expedida pola entidade onde se realizou o proxecto. A duración pódese acreditar mediante copia do contrato de traballo ou certificado de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

– O coñecemento do idioma galego acreditarase mediante o Celga 4, Celga 3 ou titulación equivalente, só no caso de non estar expedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ou o órgano competente que corresponda.

– O coñecemento de idiomas estranxeiros acreditarase mediante os documentos a que fai referencia a Orde do 21 de xuño de 2016 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 128, do 7 de xullo).

– Sen prexuízo dos puntos anteriores, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos e aclaración resulten procedentes para a tramitación do procedemento.

Non se valorarán os cursos e idiomas que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica.

Os méritos que non estean acreditados non se computarán e non procederá o requirimento a que se refire o artigo 14.3. Así mesmo, non se terán aqueles méritos obtidos con posterioridade á data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

2. Os documentos presentados en lingua distinta ao español, galego ou inglés deberán acompañarse dunha tradución xurada.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Consulta de títulos oficiais universitarios.

d) Datos de residencia con data de última variación padroal.

e) Celga 4, Celga 3 ou titulación equivalente, se están expedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ou o órgano competente que corresponda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Criterios de adxudicación

A comisión avaliará as solicitudes admitidas en dúas fases e de acordo cos seguintes criterios:

1. Primeira fase: valoración de méritos. Máximo 38 puntos.

Concepto

Puntuación

Puntuación máxima na epígrafe

Titulación universitaria
(inferior a mestrado)

Estudos universitarios relacionados coas ramas de coñecemento de ciencias, ciencias da saúde, enxeñaría e arquitectura segundo se especifica no Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais: 5 puntos.

5

Expediente académico
(da titulación anterior)

Nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003 (de 0 a 10) ou normativa que o modifique: ata 10 puntos.

10

Mestrado

Mestrado universitario nas ramas de coñecemento de ciencias, ciencias da saúde, enxeñería e arquitectura: 5 puntos.

5

Cursos relacionados en materia de investigación ou innovación

– Cursos de duración igual ou superior a 20 horas e ata 74 horas: 0,25 puntos por curso.

– Cursos de duración igual ou superior a 75 horas: 0,50 puntos por curso.

5

Por participación en proxectos de investigación ou innovación

Prácticas ou traballo acreditados: 0,50 puntos por cada tres meses de prácticas ou traballo.

5

Lingua galega

– Celga 3 ou titulación equivalente: 1 punto.

– Celga 4 ou titulación equivalente ou superior: 2 puntos.

As puntuacións por niveis non son acumulativas.

2

Lingua inglesa

– Nivel C1: 3 puntos.

– Nivel C2: 4 puntos.

As puntuacións por niveis non son acumulativas.

Aplicaranse 4 puntos nesta epígrafe aos graos ou licenciaturas en Filoloxía ou Tradución e Interpretación das linguas referidas.

4

Outras linguas estranxeiras

– Nivel B2: 1 punto.

– Nivel C1: 2 puntos.

Valoraranse ata un máximo de dúas linguas.

As puntuacións por niveis dunha mesma lingua non son acumulativas.

Aplicaranse 2 puntos nesta epígrafe aos graos ou licenciaturas en Filoloxía ou Tradución e Interpretación das linguas referidas.

2

2. Segunda fase: entrevista persoal. Máximo 12 puntos.

A entrevista valorará o grao de coñecemento das persoas candidatas nos seguintes aspectos:

1º. O coñecemento das institucións comunitarias e das políticas europeas que máis afectan Galicia.

2º. O coñecemento sobre a política científica e tecnolóxica da Unión Europea, do Estado e de Galicia.

3º. O coñecemento sobre o programa Horizon2020.

4º. A claridade na exposición dos contidos.

5º. O grao de fluidez na lingua inglesa.

Os membros da comisión poderán realizar preguntas en inglés.

Artigo 13. Comisión de valoración

1. Dentro dos quince días naturais seguintes ao da publicación da correspondente convocatoria das bolsas o director da FGE designará unha comisión de valoración que será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios de adxudicación sinalados no artigo anterior, así como de elevar ao órgano instrutor a proposta de concesión ou denegación das bolsas.

O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ou normativa que a modifique.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidencia: a directora da oficina da FGE en Bruxelas ou persoa en quen delegue.

Secretaría: a persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a persoa en quen delegue.

Vogais: ata un máximo de tres vogais que serán designados entre o persoal da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Gain e FGE.

A composición da comisión de valoración farase pública na páxina web da FGE,
http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/

3. A comisión poderá estar asesorada polo persoal técnico que considere necesario, o cal asistirá ás sesións con voz pero sen voto.

Artigo 14. Instrución do procedemento e tramitación

1. A competencia para resolver as solicitudes de concesión corresponderalle ao director da Fundación Galicia Europa.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea que realizará cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

3. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea aprobará a listaxe provisional das persoas candidatas admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión, que será publicada na páxina web da FGE.

As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das solicitudes de emenda entenderase implícita na listaxe definitiva das persoas candidatas admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión, que será publicada na páxina web da FGE e remitida á comisión para que valore as solicitudes das persoas candidatas admitidas.

4. A comisión de valoración avaliara inicialmente os méritos acreditados documentalmente (primeira fase) das persoas candidatas admitidas e tras a avaliación, publicarase na páxina web da FGE a listaxe provisional das puntuacións obtidas polas persoas candidatas ordenadas de maior a menor.

Contra estas puntuacións poderán presentarse reclamacións no prazo de tres (3) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio. Non se terá en conta neste prazo de reclamacións a achega de novos méritos que non fosen acreditados documentalmente no prazo de presentación das solicitudes.

Logo de resolverse as reclamacións, publicarase na páxina web da FGE a listaxe definitiva coa puntuación obtida na primeira fase por cada unha das persoas candidatas. A estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita na puntuación obtida na listaxe definitiva.

5. Con base na listaxe anterior, a comisión de valoración convocará, mediante anuncio na páxina web da FGE, as persoas candidatas para a realización das entrevistas persoais (segunda fase) indicando a data, a hora e o lugar de realización destas. A concorrencia é obrigatoria polo que as persoas que non se presenten serán excluídas do procedemento de selección. As persoas candidatas deben acreditar a súa identidade para a realización da entrevista.

6. Tras a valoración dos méritos (primeira fase) e da entrevista persoal (segunda fase), a comisión de valoración formulará un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada e a puntuación total obtida por cada unha das persoas candidatas, que será remitida ao órgano instrutor.

Para o caso de empate na puntuación total obtida, este resolverase aplicando por orde os seguintes criterios:

a) A maior puntuación na primeira fase.

b) A maior puntuación na segunda fase.

c) A maior antigüidade na data de obtención do título.

d) A maior idade da persoa solicitante.

7. O órgano instrutor elevará o informe xunto coa proposta de adxudicación e a listaxe de suplentes ao órgano competente para resolver.

8. A resolución definitiva publicarase na páxina web da FGE,
http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/ e notificaráselle/s a/s persoa/s adxudicataria/s que, nun prazo de tres días hábiles, estarán obrigadas a comunicarlle á Fundación Galicia Europa a súa aceptación ou renuncia por escrito. Se transcorrido o prazo non se producise manifestación expresa, esta entenderase tacitamente aceptada. Se a persoa beneficiaria renuncia expresamente á bolsa, esta concederase á seguinte persoa con mellor puntuación da lista de suplentes.

9. No caso de que non se presenten solicitudes, non acadar ningunha das persoas candidatas unha puntuación mínima de 25 puntos (50 % da puntuación máxima) ou ningunha das persoas beneficiarias acepte a bolsa, a convocatoria será declarada deserta.

10. O prazo máximo para a tramitación e resolución da concesión das bolsas será de catro meses, desde a data de publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 15. Recursos

A resolución do director da FGE non pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación de conformidade co establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 26.2.c) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, sen prexuízo de que poida exercer calquera outro recurso que xulgue pertinente. Transcorrido este prazo sen terse presentado o dito recurso, esta resolución adquirirá firmeza na vía administrativa.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas seleccionadas quedan obrigadas pola aceptación da bolsa a:

1. Aceptar en todos os seus termos esta resolución. A comprobación de datos non axustada á realidade, tanto na solicitude como na documentación achegada, poderá supoñer a denegación ou revogación da axuda.

2. Comezar o desfrute da bolsa dentro do prazo que se sinala en cada caso e desenvolver o seu labor sen que ningún outro compromiso anterior ou futuro o impida ou dificulte.

3. Manter un comportamento que en ningún caso implique un prexuízo para os intereses da Xunta de Galicia nin para a imaxe exterior de Galicia e actuar segundo os principios de eficacia, integridade e confidencialidade.

4. As bolsas será indivisibles, improrrogables e incompatibles con calquera outra bolsa concedida para o mesmo período e con calquera actividade laboral ou remunerada.

A persoa adxudicataria no momento de aceptación da bolsa non poderá ser perceptora de salarios ou doutros ingresos que impliquen vinculación contractual ou estatutaria. A bolsa é incompatible coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.

A concesión e desfrute da bolsa non supoñerá vinculación civil, laboral ou funcionarial entre a persoa bolseira e a FGE.

A estas bolsas non lles será aplicable o Estatuto do persoal investigador en formación.

5. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia.

Artigo 17. Compromisos da FGE

A FGE comprométese a:

1. Facer o pagamento das obrigas económicas derivadas da concesión desta bolsa.

2. Efectuar as retencións á conta correspondentes ao imposto sobre a renda das persoas físicas, así como as cotas da Seguridade Social, de acordo co establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación ou normativa que o modifique.

3. Proporcionar un plan de formación co obxectivo de que a persoa bolseira adquira experiencia e un coñecemento prácticos

4. Asignar ao beneficiario unha persoa representante de Gain que colabore coa FGE que exerza a titoría e que será responsable da súa formación durante todo o período que duren as prácticas.

Ao remate do período de formación a persoa que exerza a titoría expedirá un certificado sobre asistencia e aproveitamento da bolsa.

Artigo 18. Incidencias no desenvolvemento das bolsas

1. Se durante o desenvolvemento das prácticas se produce algunha vacante ou renuncia por parte das persoas beneficiarias, procederase á cobertura desta seguindo a orde establecida nas correspondentes listas de suplentes en función da puntuación obtida.

2. En calquera momento, a persoa responsable da oficina da FGE poderá propoñerlle ao seu director cancelar a bolsa por falta de rendemento da persoa beneficiaria que, logo de dar trámite de audiencia ao interesado, poderá revogar a concesión da bolsa por incumprimento das obrigas contraídas pola persoa adxudicataria.

3. A FGE poderá autorizar a interrupción temporal da bolsa, logo da incorporación do bolseiro ao destino adxudicado por motivos de forza maior.

4. A renuncia durante o desfrute da bolsa inhabilitará a persoa adxudicataria para os efectos de presentación nas seguintes convocatorias, agás nos casos de forza maior, que serán valorados pola FGE.

5. O incumprimento dos compromisos adquiridos de acordo coas bases precedentes dará lugar á revogación da axuda concedida e, de ser o caso, á reclamación das cantidades xa pagadas, de conformidade co disposto na lexislación vixente. Así mesmo, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa obxecto desta resolución e a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes privados nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

6. As funcións derivadas do reintegro e, de ser o caso, de imposición de sancións, así como as funcións de control e demais que supoñan o exercicio de potestades administrativas, serán exercidas pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a FGE publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 20. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Fundación Galicia Europa, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Artigo 21. Remisión normativa

En todo o non recollido na presente resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade correspondente.

missing image file
missing image file
missing image file