Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Venres, 11 de xaneiro de 2019 Páx. 1620

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca o Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas.

Un dos fins da EGAP, establecido no artigo 3 da Lei 14/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, é a difusión e normalización da lingua galega. Para conseguir este fin, cómpre concienciar os nenos e as nenas galegos da necesidade de fomentar a dinamización da nosa lingua e de coñecer e divulgar a cultura que a través dela nos transmitiron os nosos devanceiros.

Por esta razón, como un máis dos actos que a EGAP organiza para honrar as letras galegas e especialmente este ano a Antón Fraguas Fraguas, convócase, un ano máis, o premio de literatura infantil e xuvenil co obxecto de que os nenos e nenas galegos teñan a oportunidade de demostrar a súa capacidade para redactar en lingua galega e de exercitar a súa imaxinación para concibir historias e desenvolver as súas habilidades neste idioma.

Ao igual que na convocatoria do ano anterior, este ano prevese a posibilidade de que os contos poidan ser presentados tanto de forma presencial como electrónica. Esta alternativa permitirá aos nenos e ás nenas galegos ter a posibilidade de comezar a familiarizarse co emprego de ferramentas electrónicas e ademais contribuirá a que as persoas que presenten as solicitudes na súa representación teñan unha maior facilidade para comunicarse coa Administración. Así mesmo, esta medida contribuirá ao aforro de papel ás persoas interesadas.

En vista de todo o exposto,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras e convocar un premio de literatura infantil e xuvenil en que poderán participar os nenos e nenas galegos, que ten como obxectivo incentivar a creatividade literaria a través do uso da lingua galega, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto e réxime xurídico

Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras e convócase, baixo o réxime de concorrencia competitiva, o Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas orientado aos nenos e nenas galegos, con idades comprendidas, segundo estas dúas categorías: de 9 a 11 anos e de 12 a 14 anos (código do procedemento PR775A).

A concesión dos premios rexerase por estas bases; pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, subsidiariamente, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións.

Segunda. Dotación e imputación orzamentaria

Existirán en cada categoría tres premios en metálico, cada un deles coa seguinte dotación económica:

Categorías

De 9 a 11 anos

De 12 a 14 anos

1º premio

250 euros

250 euros

2º premio

200 euros

200 euros

3º premio

150 euros

150 euros

Estas cantidades serán imputadas aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2019 con cargo á aplicación orzamentaria da EGAP 05.80.122B.4800 e estarán suxeitas ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión. A convocatoria de subvencións regulada nesta orde tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2019.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, o crédito previsto e, xa que logo, a concesión das subvencións, queda sometido á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no exercicio 2019 para financiar as obrigas derivadas da convocatoria.

Terceira. Participantes e contido

Poderán optar aos premios os nenos e nenas galegos con idades comprendidas entre estas dúas categorías: de 9 a 11 anos e de 12 a 14 anos. A idade estará referida á data de finalización do prazo de presentación de traballos.

Os contos deberán redactarse en lingua galega e a súa temática será libre, á elección das persoas participantes. Os textos deberán ser presentados en folios A4, mecanografados por unha soa cara, a un espazo e medio, con formato de fonte Times New Roman, tamaño 12 e cunha extensión mínima dun folio e máxima de cinco.

Non poderán acceder a estes premios as persoas participantes cuxos representantes legais se atopen afectados por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os fillos e fillas de quen sexa integrante do xurado non poderán presentar textos a esta convocatoria.

Cuarta. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia.

Quinta. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas que opten pola presentación electrónica deberán formular a súa solicitude, mediante a presentación do anexo I, e presentarán a seguinte documentación, en arquivos independentes:

a) O texto do conto. Este arquivo nomearase co título do conto e o pseudónimo da persoa autora.

b) Unha copia do libro de familia onde consten o nome, apelidos e idade do/a menor que se presenta ao concurso.

No caso de que se opte pola presentación presencial, á solicitude, que deberá formularse mediante a presentación do anexo I, deberá xuntarse a seguinte documentación:

a. Un sobre tamaño folio, pechado, coa seguinte inscrición: Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas, acompañado do pseudónimo e o título do conto. Este sobre incluirá o texto do conto en folio formato A4.

b. Unha copia do libro de familia onde consten o nome, apelidos e idade do/da menor que se presenta ao concurso.

Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. Co obxecto de garantir o anonimato das persoas que redacten os contos, tanto na presentación presencial como na electrónica cumpriranse as seguintes exixencias:

– Na cabeceira do conto indicarase exclusivamente o título do conto presentado e o pseudónimo.

– Neste texto non poderá figurar ningún dato que permita identificar a persoa participante e romper o anonimato.

Sexta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos das persoas representantes legais do/da menor incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificación de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias que constan en poder da Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificación do cumprimento das obrigas tributarias que constan en poder da Administración autonómica.

e) Certificación de estar ao día no pagamento das obrigas coa Seguridade Social que constan en poder da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

2. No caso de que as persoas representantes legais do/da menor se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos citados poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sétima. Instrución e tramitación das solicitudes

A Dirección da EGAP, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos recollidos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e realizará de oficio cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar o ditame de concesión dos premios. En particular, terá atribuídas especificamente as funcións de recepción dos orixinais presentados, a instrución e o requirimento ás persoas solicitantes da emenda, se for necesario.

Oitava. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Novena. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décima. Xurado

Para a valoración dos textos constituirase un xurado formado por seis persoas das cales cinco pertencerán ao ámbito literario e docente. As funcións da secretaría, con voz e sen voto, realizaraas unha persoa integrante do cadro de persoal da EGAP proposta pola súa dirección.

A persoa que exerza a presidencia dirimirá co seu voto de calidade os empates en caso de producírense. A composición do xurado, na cal se procurará unha presenza equilibrada de mulleres e homes, farase pública na páxina web da EGAP.

O xurado actuará en pleno e será necesaria a asistencia, como mínimo, de dous terzos das persoas que o integran. As súas deliberacións serán secretas e da decisión redactarase a acta correspondente, que será asinada pola persoa que exerza a presidencia e a que exerza a secretaría.

Os premios poderán ser declarados desertos, se así o considera o xurado.

Co fin de garantir o anonimato, a Dirección da EGAP facilitará ao xurado, para o desenvolvemento das súas funcións, unicamente o documento/sobre, segundo corresponda, relativo ás obras presentadas, e manterá custodiada a identidade da persoa autora ata que se resolva o procedemento.

Décimo primeira. Criterios de valoración, exame e proposta de resolución: ditame do xurado

O xurado, tendo en conta os criterios de valoración que se especifican a seguir, relacionará os textos presentados por orde de prelación na acta correspondente.

O xurado, á hora de avaliar os textos presentados, terá en conta os seguintes criterios de valoración:

a) Calidade literaria: 15 puntos.

b) Orixinalidade: 15 puntos.

c) Valores relacionados coa nosa cultura e país: 10 puntos.

d) Coidado da lingua: 10 puntos.

Décimo segunda. Resolución, comunicación e aceptación

A Dirección da EGAP, con base na proposta do xurado, resolverá o procedemento de concesión dos premios no prazo de cinco días desde a data de elevación da proposta de resolución.

Para tal efecto, unha vez que o xurado eleve a proposta, a Dirección da EGAP abrirá o documento/sobre, segundo corresponda, relativo á identidade das persoas participantes.

Cada unha delas debe aceptar o premio no prazo de cinco días, que se contarán a partir do día seguinte a aquel en que se publique a resolución de concesión do premio.

Décimo terceira. Publicación dos actos

A resolución do premio publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, a dita resolución será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da EGAP.

Décimo cuarta. Recursos

A resolución do procedemento porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a directora da EGAP no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Así mesmo, cabe a interposición directa dun recurso contencioso-administrativo ante os xulgados desa xurisdición que resulten competentes, no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da antedita publicación, de conformidade co disposto polos artigos 8.2 e 14 e 46, respectivamente, da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo quinta. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a EGAP publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas beneficiarias do premio están obrigadas a subministrar á EGAP, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Décimo sexta. Datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Escola Galega de Administración Pública, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Décimo sétima. Pagamento dos premios

Os premios outorgados serán aboados dentro do exercicio económico 2019. Así mesmo, e ao resultar que o requisito de achega da documentación necesaria para a xustificación e cobramento do premio xa foi cumprido mediante a presentación da solicitude de participación, non será necesario presentar ningunha outra documentación complementaria para a súa liquidación.

Décimo oitava. Retirada de orixinais non premiados

Os textos non premiados poderán ser retirados das oficinas da EGAP, logo de presentar a solicitude de retirada asinada pola persoa que exerza a representación legal do/da menor e unha identificación no momento da súa recollida, nun prazo de trinta (30) días contados a partir do seguinte ao da comunicación do xurado. Aqueles que non sexan retirados no prazo indicado serán destruídos, sen que caiba ningunha reclamación ao respecto.

Décimo novena. Información e control

As persoas que representan legalmente as persoas beneficiarias dos premios quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou polo Consello de Contas, segundo a súa normativa propia.

Ademais, deberáselle facilitar á EGAP toda a información e documentación complementarias que considere precisa para a concesión ou o aboamento do importe dos premios.

Vixésima. Aceptación e desenvolvemento das bases

A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

missing image file
missing image file