Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Venres, 11 de xaneiro de 2019 Páx. 1684

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 21 de decembro de 2018 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos obradoiros e das axudas á dixitalización Industria 4.0 para o ano 2019, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (Axudas a obradoiros).

BDNS (Identif.): 433085.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

Os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderase como tal para os efectos destas bases:

a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa ou clústeres empresariais.

b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE número 20, do 23 de xaneiro de 2009).

Segundo. Obxecto

Os obradoiros concíbense como espazos de encontro entre empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración que dean lugar a proxectos de implementación de ferramentas dixitais colaborativas sectoriais susceptibles de optar ás axudas establecidas nestas bases ou noutras convocatorias, ou ben oportunidades de hibridación intersectorial.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 21 de decembro de 2018 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos obradoiros e das axudas do Igape á dixitalización Industria 4.0 para o ano 2019 cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741.A.7810 e polo seguinte importe:

Liña IG239.1 Obradoiros: 200.000 € con cargo ao exercicio 2019 e 200.000 € con cargo ao exercicio 2020.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de marzo de 2019.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2018

Pablo Casal Espido
Secretario xeral do Instituto Galego de Promoción Económica