Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Luns, 14 de xaneiro de 2019 Páx. 1990

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 19 de decembro de 2018 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia e se convocan para o ano 2019.

BDNS (Identif.): 433882.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

1. Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas e xurídicas privadas domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas, que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e cumpran os requisitos referidos no artigo 10.1 da Lei de subvencións de Galicia.

2. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude, individual ou conxuntamente, como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado, e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

3. Para optar a estas axudas os festivais terán que reunir os seguintes requisitos:

a) Celebrarse nas datas comprendidas entre o 1 de novembro de 2018 e o 31 de outubro de 2019. No devandito cómputo enténdense incluídos tanto o 1 de novembro do ano da publicación da convocatoria coma o 31 de outubro do seguinte. Enténdense incluídos os festivais iniciados ata o día 31 de outubro do ano 2019 e que desenvolvan as actividades neste período.

b) Ter unha duración mínima de 4 xornadas e realizar un mínimo de 20 proxeccións.

c) Realizar un mínimo de tres edicións consecutivas inmediatamente anteriores ao ano da convocatoria respectiva.

d) Que a programación proposta para a edición obxecto de axuda conteña un mínimo dun 5 % de títulos ou 5 sesións de produción cinematográfica galega e/ou dirección galega.

e) Que obteñan unha puntuación mínima na fase de valoración de 50 puntos, polo que quedarán excluídos de subvención os que non alcancen a dita puntuación; deberán obter ademais 15 puntos na letra B da base décimo quinta.

f) As actividades que se desenvolvan obxecto desta subvención non poden estar subcontratadas nin total nin parcialmente, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Segundo. Finalidade

A finalidade desta resolución é establecer as bases que regularán, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións establecidas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para o apoio a festivais de cinema de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector, e convocalas para o ano 2019.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 19 de decembro de 2018 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia e se convocan para o ano 2019.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas subvencións destínase un crédito global de 170.000 euros, repartido nas aplicacións orzamentarias seguintes:

11.A1.432B.460.0: 50.000 euros.

11.A1.432B.470.0: 50.000 euros.

11.A1.432B.481.0: 70.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2018

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais