Os municipios de Cerdedo e Cotobade tramitaron un procedemento de fusión para constituírense nun único municipio, que deu lugar á aprobación do Decreto 134/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba a fusión voluntaria dos municipios de Cerdedo e Cotobade e se constitúe o municipio de Cerdedo-Cotobade, publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 197, do 17 de outubro.
O citado Decreto 134/2016, do 22 de setembro, na súa disposición adicional establece que, conforme o disposto na Lei de bases de réxime local, procederase ao nomeamento dunha comisión xestora, da cal formarán parte todos os concelleiros e concelleiras dos municipios de Cerdedo e Cotobade, que se ocupará de rexer e administrar o novo municipio ata as vindeiras eleccións municipais.
Mediante a Orde do 17 de outubro de 2016 pola que se designa a Comisión Xestora do municipio de Cerdedo-Cotobade, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 198, do 18 de outubro, procedeuse á designación dos membros da Comisión Xestora do municipio fusionado de Cerdedo-Cotobade.
Esta comisión constituíuse con data 20 de outubro de 2016 ás 12.00 horas, como dispón o propio artigo 3 da Orde do 17 de outubro de 2016.
A Comisión Xestora, en sesión do 16 de novembro de 2018, tomou coñecemento da renuncia presentada o día 5 de outubro, polo vogal designado, Silvestre José Balseiros Guinarte, e remitiu certificación do acordo á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos oportunos.
A seguinte persoa con dereito a ser nomeada membro da Comisión Xestora do Municipio de Cerdedo-Cotobade en substitución de Silvestre José Balseiros Guinarte é María Luz Castro Gil, xa que é a seguinte da lista da candidatura do Partido Popular de Cerdedo publicada no BOP de Pontevedra, do 28 de abril de 2015, que cumpre os requisitos para substituír a calquera vogal da comisión xestora emanado desa lista.
A designación da nova vogal faise seguindo os mesmos criterios de repartición utilizados para as eleccións municipais e segundo os resultados producidos nestas no conxunto dos municipios afectados. Segundo o artigo 182 da Lei orgánica 7/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral, no caso de renuncia dun concelleiro o escano atribuirase ao candidato ou, de ser o caso, ao suplente da mesma lista a quen corresponda, atendendo á súa orde de colocación.
En consecuencia, no exercicio das facultades outorgadas polo Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de conformidade co disposto polo artigo 39 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, e dándolle cumprimento ao establecido na disposición adicional do Decreto 134/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba a fusión voluntaria dos municipios de Cerdedo e Cotobade e se constitúe o municipio de Cerdedo-Cotobade,
DISPÓN:
Primeiro. Designar como novo membro da Comisión Xestora do municipio de Cerdedo-Cotobade en substitución de Silvestre José Balseiros Guinarte a María Luz Castro Gil.
Segundo. Esta orde producirá efectos desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2018
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza