Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Venres, 18 de xaneiro de 2019 Páx. 3584

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 26 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2019.

BDNS (Identif.): 434392.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pódese consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán optar a estas subvencións referidas nas modalidades A (escrita individual de guión en galego) e B (proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega cunha duración inferior a 60 minutos) todas as persoas físicas residentes, polo menos, durante un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, sempre que non realicen o proxecto para o que solicitan a subvención de xeito profesional.

2. Poderán optar ás subvencións referidas na modalidade C (proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega, cunha duración igual ou superior aos 60 minutos e que conten cun realizador que non dirixise ou codirixise máis de dúas longametraxes cualificadas para a súa explotación comercial en salas de exhibición cinematográfica) os directores residentes, polo menos, durante un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, que estean constituídos como produtora individual no momento de presentar a solicitude. Así mesmo, poderán optar aquelas persoas xurídicas constituídas como produtoras con antigüidade ininterrompida de, polo menos, un ano inmediatamente anterior a esta convocatoria, establecidas, polo menos, durante un ano previo inmediatamente anterior a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.

Segundo. Finalidade

A finalidade desta resolución é establecer e aprobar as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o fomento á creación de obras audiovisuais con decidida vocación artística e cultural e, en concreto, a escrita de guións e a realización de curtametraxes a cargo de creadores individuais ou a realización de longametraxes a cargo de empresas individuais ou produtoras, e proceder á súa convocatoria para o ano 2019.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 26 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2019.

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións destínase un crédito global de 156.000 euros, correspondente ás aplicacións seguintes dos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais: 66.000 euros da aplicación orzamentaria 11.A1.432B.480.0 e 90.000 euros da aplicación orzamentaria 11.A1.432B.770.0, distribuídos en dúas anualidades: 30.000 euros da anualidade 2019 e 60.000 euros da anualidade 2020.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2018

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais