Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Martes, 22 de xaneiro de 2019 Páx. 4060

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 14 de xaneiro de 2019 pola que se convocan cursos dirixidos ao persoal do Instituto Galego de Consumo e da Competencia; da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; dos espazos xoves; das OMIX e das OMIC.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito con data do 5 de outubro de 2017, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar os cursos que figuran no anexo II, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos do persoal participante

Poderá participar nas actividades formativas convocadas mediante esta resolución o persoal do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC); da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; dos Espazos Xoves; das OMIX e das OMIC que se encontren en situación de servizo activo, permiso por maternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou familiar e que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Toda persoa solicitante que, ao inicio e durante o curso, estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado. Esta incidencia deberá ser comunicada á EGAP con carácter inmediato.

Segunda. Desenvolvemento da actividade de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, serán actualizadas e ampliadas na páxina web https://egap.xunta.gal.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e, ao tratarse de actividades impartidas nunha modalidade de teleformación, deberán dispor dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web co plugin de flash.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección deberán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal.

Así mesmo os/as peticionarios/as poderán obter información chamando ao teléfono 881 99 90 93.

Cuarta. Criterios de selección

1. Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 xaneiro).

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos que o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG núm. 58, do 25 de marzo). Para o ano 2018, segundo a Resolución da Consellería de Facenda do 16 de xaneiro (DOG núm. 19, do 26 de xaneiro), comezarase pola letra G.

2. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso poderá completarse o número de alumnos/as asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas publicarase no enderezo https://egap.xunta.gal, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

O prazo de alegacións contra a dita relación será de cinco días naturais desde a súa publicación.

2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo https://egap.xunta.gal a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e seguimento da actividade de teleformación

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación mínima de tres días naturais anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal.

c) As persoas que incumpran o previsto nas letras a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Sétima. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade é necesario a adecuada realización de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito ao certificado de participación na actividade.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado das tarefas e cuestionarios propostos.

Non se expedirán certificados de asistencia sen a superación do curso.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e o IGCC poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa e, no suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, resérvanse o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, todo o cal lle será notificado ás persoas interesadas a través dos medios de notificación previstos na normativa vixente.

2. A EGAP e o IGCC resolverán todas as continxencias que poidan xurdir no desenvolvemento e na xestión das actividades, corréspondelle á EGAP prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

3. A EGAP e o IGCC garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

• Código: CV19001

Consumo e finanzas

1. Obxectivos.

Analizar os servizos financeiros desde unha perspectiva de consumo.

Ofrecer contidos para a aplicación no ámbito laboral e na vida diaria do alumnado.

Proporcionarlle ao alumnado ferramentas para o fomento dun consumo responsable no ámbito dos servizos financeiros.

2. Destinatarios/as.

Poderá participar na actividade formativa convocada mediante esta resolución o persoal do Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGCC); da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; dos Espazos Xoves; das OMIX e das OMIC.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 20 h.

Edicións: 1.

Núm. prazas: 30.

Datas: do 12 de febreiro ao 12 de marzo de 2019.

Proba final: 12 de marzo: das 9.00 ás 14.00 horas.

4. Contido.

Módulo inicial (2.5 horas).

– Guía didáctica e presentación do curso.

Módulo 1: servizos financeiros básicos (5 horas).

– Entidades financeiras.

– Servizos principais (contas bancarias, tarxetas de crédito e de débito, préstamos, comisións...).

– Finanzas en liña.

Módulo 2: orzamentos responsables (5 horas).

– Elaboración de orzamentos responsables.

– Evitar riscos: «os créditos rápidos».

Módulo 3: dereitos e resolución de conflitos financeiros (5 horas).

– Dereitos da clientela da banca presencial e electrónica.

– Reclamacións en materia de servizos financeiros.

Módulo final (2.5 horas).

• Código: CV19002

Consumo e publicidade

1. Obxectivos.

Adquirir uns coñecementos básicos sobre a publicidade.

Analizar e construír materiais con publicidade e sobre publicidade.

2. Destinatarios/as.

Poderá participar na actividade formativa convocada mediante esta resolución o persoal do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC); da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; dos Espazos Xoves; das OMIX e das OMIC.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 20 h.

Edicións: 1.

Núm. prazas: 30.

Datas: do 12 de marzo ao 12 de abril de 2019.

Proba final: 12 de abril: das 9.00 ás 14.00 horas.

4. Contido.

Módulo inicial (2 horas).

– Guía didáctica. Presentación do curso.

Módulo 1: concepto e historia da publicidade (4 horas).

– Definicións e elementos da publicidade.

– Disciplinas relacionadas coa publicidade.

– Diferenza entre información, publicidade e propaganda.

– Orixe da publicidade.

– Publicidade moderna e a chegada dos medios audiovisuais.

Módulo 2: a mensaxe e a linguaxe publicitaria (4 horas).

– A mensaxe publicitaria.

– A linguaxe publicitaria.

– Código lingüístico.

– Código visual.

– Simboloxía e funcións da linguaxe publicitaria.

Módulo 3: estereotipos e valores (4 horas).

– Modelos de socialización.

– Os estereotipos na publicidade.

– Os valores na publicidade.

Módulo 4: consumo e publicidade (4 horas).

– Dereitos e deberes das persoas consumidoras fronte á publicidade.

– Marco legal da publicidade en Galicia.

– A publicidade ilícita.

Módulo final (2 horas).

– Conclusións.

• Código: CV19003

Consumo e xénero

1. Obxectivos.

Promover a reflexión arredor do consumo e o xénero filtrado polo papel crucial da educación.

Reflexionar sobre a relación entre o consumo e o xénero como elementos de desigualdade social, cuestionando os estereotipos de xénero asociados ao consumo e analizando os roles de homes e mulleres neste ámbito.

2. Destinatarios/as.

Poderá participar na actividade formativa convocada mediante esta resolución o persoal do Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGCC); da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; dos Espazos Xoves; das OMIX e das OMIC.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 20 h.

Edicións: 1.

Núm. prazas: 30.

Datas: do 21 de maio ao 14 de xuño de 2019.

Proba final: 14 de xuño: das 9.00 ás 14.00 horas.

4. Contido.

Modulo inicial: guía didáctica e presentación do curso (2.5 horas).

– Visualización «Grandes almacenes y revolución social».

Módulo 1: o consumo como elemento de desigualdade social (5 horas).

– O papel social do consumo na historia e na actualidade. A sociedade do consumo.

– Consumo responsable.

– Dereitos e deberes das persoas consumidoras e usuarias e resolución de conflitos de consumo.

Módulo 2: o xénero como elemento de desigualdade social (5 horas).

Análise do xénero como un factor de desigualdade transversal que inflúe en todas as desigualdades anteriores e como os roles tradicionalmente desiguais de homes e mulleres e os estereotipos asociados a eles teñen un papel crucial na desigualdade de xénero, apoiado no estudo dos seguintes materiais:

– Mulleres e homes en España (INE).

– Guía de sensibilización e formación na igualdade (Instituto da Muller).

Módulo 3: a interacción entre o consumo e o xénero (5 horas).

Análise das interaccións entre o consumo e o xénero, é dicir, aplicación da denominada «perspectiva de xénero» na análise do consumo, apoiado no estudo dos seguintes materiais:

– O xénero do consumo na sociedade do consumo.

– As desigualdades no consumo a través do xénero.

– Mulleres en Galicia: sensibilización social (Secretaría Xeral de Igualdade).

– Publicidade e xénero no consumo.