Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Xoves, 24 de xaneiro de 2019 Páx. 4530

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos premios Galicia Parabéns e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

Unha das marcas de identidade de Galicia é o seu patrimonio natural. Na mente dos nosos potenciais visitantes debúxase un territorio que aínda conserva gran parte do valor da súa natureza autóctona. A nosa paisaxe é un recurso turístico de primeira magnitude, mais pola súa fraxilidade precisa do compromiso social e institucional para a súa salvagarda, xestión e mellora. Xa que logo, este patrimonio exixe unha posta en valor que contribúa a mellorar a imaxe da nosa Comunidade.

Por outra banda, os núcleos poboacionais de Galicia configuran un asentamento da poboación labrado ao longo dos séculos, orixinal e exclusivo, que forma parte dos nosos sinais de identidade máis sobranceiros.

Outro feito diferencial de enorme trascendencia turística para a nosa Comunidade é o Camiño de Santiago. Este itinerario secular está na orixe dunha cultura común europea baseada no intercambio de ideas, de correntes artísticas e dinámicas sociais que vertebraron unha conciencia europea, ata o punto de poder afirmarse que Europa se conformou coas peregrinacións a Santiago de Compostela.

Cómpre, por tanto, que estes tres elementos identitarios de Galicia sexan merecedores dunha política turística que apoie actuacións que promovan a súa revalorización, a súa calidade estética e a súa integración paisaxística e urbana.

Os premios Galicia Parabéns perseguen tres finalidades; por unha banda, distinguir as mellores iniciativas xa realizadas de embelecemento do noso territorio; por outra, financiar novos proxectos que complementen as obras levadas a cabo e, finalmente, impulsar novas propostas de actuacións que teñan esta mesma orientación.

A mellora das fachadas urbanas do litoral, a utilización de materiais construtivos respectuosos coas arquitecturas tradicionais galegas, o adecuado remate das edificacións, a retirada ou demolición de estruturas construtivas inacabadas ou que deterioran os escenarios paisaxísticos e urbanos, o recebo, pintado e correcto retellado de casas, pendellos, almacéns, fábricas, etc., son exemplos de pequenas intervencións que embelecen e poden ir recuperando a fisionomía tradicional das paisaxes de Galicia.

Ano tras ano, estes premios axudarán a poñer en valor o noso territorio e a fomentar un sentimento de orgullo dos propios galegos polas obras ben realizadas.

Aínda recoñecendo que as cidades principais de Galicia están a levar a cabo nos últimos anos brillantes actuacións de revalorización e embelecemento dos seus núcleos urbanos, resulta imprescindible tamén que estas intervencións se leven a cabo nos concellos rurais. Por outra banda, as paisaxes rurais de Galicia conforman un dos nosos principais trazos de identidade. Tendo en conta que os recursos económicos dunha gran parte dos concellos de Galicia son escasos, cómpre que as políticas públicas prioricen os investimentos de recuperación paisaxística e urbana nos contornos rurais. Con esta pretensión os premios Galicia Parabéns non se destinarán a financiar proxectos de intervención que se desenvolvan no ámbito das sete cidades principais de Galicia.

De conformidade co disposto polo artigo 1 do Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, sta configúrase como axencia pública autonómica co obxectivo de impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e ordenación do turismo dentro da comunidade e tamén da conservación e promoción dos Camiños de Santiago.

En consecuencia e con cargo aos créditos da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade, e todo isto consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita Lei, o Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, e de conformidade coa competencia conferida polo artigo 19 dos estatutos da Axencia Turismo de Galicia, aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1º. Convócanse os premios Galicia Parabéns co obxecto de distinguir as iniciativas públicas destinadas a conservar, mellorar e embelecer as paisaxes, os núcleos poboacionais e os Camiños de Santiago dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2019 (TU201A).

Os seus principais obxectivos son:

• Avanzar na mellora da paisaxe de Galicia e da integración harmónica dos elementos arquitectónicos nela, en particular nos itinerarios dos distintos Camiños de Santiago e nos núcleos poboacionais de singular interese.

• Aumentar a sensibilidade cidadá en relación coa relevancia dos valores da paisaxe e da calidade estética das construcións inseridas nela.

• Fomentar a colaboración cidadá en coordinación coas administracións públicas.

2º. Así mesmo, apróbanse as bases reguladoras que rexerán a concesión dos premios Galicia Parabéns no ano 2019 (anexo I).

2. Categorías.

1º. Os premios Galicia Parabéns constarán de dúas categorías:

1ª categoría:

Destinada a distinguir as iniciativas ou actuacións realizadas nos últimos dez anos para conseguir unha mellora da paisaxe, unha integración axeitada nela de elementos antrópicos (arquitecturas, estradas, industrias, canteiras, etc), ou da propia mellora estética dos núcleos poboacionais. Así mesmo, inclúense nesta categoría as iniciativas ou actuacións de embelecemento realizadas nos lindeiros das rutas dos Camiños de Santiago.

Para a categoría primeira existirán dúas opcións:

No caso de que as obras realizadas anteriormente precisen dunha nova fase de intervención, presentarase un proxecto que continúe, amplíe ou remate esas actuacións. No caso de que as obras se atopen finalizadas no momento de presentar a solicitude, poderá presentarse un novo proxecto complementario na mesma liña de actuación.

2ª categoría:

Destinada a premiar novos proxectos dirixidos á realización de obras de revalorización e embelecemento, tanto para promover unha mellora da paisaxe como para intervencións nos núcleos poboacionais ou nos lindeiros dos Camiños de Santiago.

Nesta segunda categoría será obrigatorio executar un proxecto de nova intervención.

2º. A dotación económica dos devanditos premios será:

– Para a primeira categoría establécese un premio de 400.000 €.

– Para a segunda categoría establécese un premio de 400.000 €

3º. A dotación económica destes premios estará destinada a sufragar os gastos das obras de execución de novas intervencións, que se levarán a cabo, como máximo, en dúas anualidades 2019 e 2020.

3. Financiamento e concorrencia.

1. A convocatoria realízase con cargo ás aplicacións orzamentarias previstas nos orzamentos de gastos da Axencia Turismo de Galicia para os anos 2019 e 2020, segundo se establece no artigo 26 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e coa desagregación establecida no artigo 3 das bases reguladoras.

2. A concesión dos premios realizarase mediante o procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os premios regulados ao abeiro desta resolución son compatibles con outras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou de entidades públicas ou privadas, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais. En ningún caso, o importe do premio concedido máis o importe doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, poderá ser superior ao custo das obras de execución das intervencións premiadas.

4. Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes deberán presentarse no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e segundo se establece no artigo 5 das bases reguladoras.

5. Prazo de duración do procedemento de concesión.

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

2. O prazo máximo para ditar e notificarlles aos/as interesados/as a resolución expresa será de 5 meses. Transcorrido o devandito prazo sen que se notifique a resolución expresa, entenderanse desestimadas as solicitudes por silencio administrativo.

6. Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial de Turismo de Galicia: http://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-subvencions.

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código de procedemento TU201A.

c) O teléfono 981 54 63 67 e 981 54 74 04 da devandita Axencia.

d) Correo electrónico fomento.turismo@xunta.gal

7. Réxime de recursos.

A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2018

María Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras dos premios Galicia Parabéns, convocatoria 2019

Artigo 1. Obxecto e réxime

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos premios Galicia Parabéns como un recoñecemento institucional e social ás iniciativas destinadas a conservar, mellorar e embelecer as paisaxes, os núcleos poboacionais e os Camiños de Santiago dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (TU201A).

2. Os premios Galicia Parabéns constarán das seguintes categorías:

1ª categoría:

Destinada a distinguir as iniciativas ou actuacións realizadas nos últimos dez anos para conseguir unha mellora da paisaxe, unha integración axeitada nela de elementos antrópicos (arquitecturas, estradas, industrias, canteiras, etc), ou da propia mellora estética dos núcleos poboacionais. Así mesmo, inclúense nesta categoría as iniciativas ou actuacións de embelecemento realizadas nos lindeiros das rutas dos Camiños de Santiago.

2ª categoría:

Destinada a premiar os mellores proxectos dirixidos á realización de obras de revalorización e embelecemento, tanto para promover unha mellora da paisaxe como para intervencións nos núcleos poboacionais ou nos lindeiros dos Camiños de Santiago.

3. Outorgarase un premio en cada unha das dúas categorías establecidas no número anterior, cuxa dotación económica será:

– Para a primeira categoría establécese un premio de 400.000 €.

– Para a segunda categoría establécese un premio de 400.000 €

4. Os premios quedarán desertos cando a iniciativa non acade unha puntuación mínima de 50 puntos, de conformidade co disposto no artigo 13 destas bases.

Así mesmo, o xurado poderá outorgar unha ou varias mencións especiais a algúns dos proxectos ou iniciativas participantes, que non terán dotación económica.

5. Os/as premiados/as recibirán un diploma, ademais da dotación económica do premio. O diploma entregaráselles nun acto público e o pagamento realizarase segundo o disposto no artigo 19.4.

6. O procedemento para a concesión dos premios será tramitado no réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consonte os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

7. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado no parágrafo anterior, as candidaturas serán examinadas por un xurado, que terá carácter de comisión avaliadora e que se axustará aos principios contidos na sección 3ª, capítulo I, título I, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 2. Gastos subvencionables e subcontratación

1. Teñen a consideración de gastos subvencionables, que terán que xustificar os/as premiados/as de conformidade co disposto nestas bases reguladoras, os seguintes:

– Os gastos inherentes á realización do proxecto premiado.

– Custos xerais asociados aos investimentos que se efectuen, tales como honorarios de redacción de proxectos, enxeñeiros e asesores, así como estudos de viabilidade, gastos xerais e beneficio industrial. O importe total destes custos xerais asociados non poderá superar o 20 % do gasto subvencionable (gasto total do proxecto).

– A adquisición de terreos ou edificacións estritamente necesarios para poder levar a cabo o citado proxecto.

Así mesmo, serán subvencionables os gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais e os gastos periciais para a realización do proxecto subvencionado e os de administración específicos, sempre que en todos os casos estean directamente relacionados coa actividade subvencionada e sexan indispensables para a súa axeitada preparación ou execución.

Os tributos tamén serán gastos subvencionables cando as persoas premiadas os paguen efectivamente. Non obstante, non serán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda.

2. Os/as premiados/as poderán subcontratar o 100 % da actividade subvencionada, nos termos establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Financiamento e compatibilidade

1. Os premios previstos nestas bases imputaranse á aplicación orzamentaria 11.A2 761A 760.0, proxecto 2017 00004, dos orzamentos da Axencia Turismo de Galicia para as anualidades 2019 e 2020. A distribución para cada anualidade e para ambas as categorías é a seguinte:

Anualidade 2019: 200.000 €.

Anualidade 2020: 600.000 €.

2. A modificación da distribución establecida no número anterior requirirá a tramitación do correspondente reaxuste de anualidades no expediente de gasto, segundo se establece nos artigos 26 e 27 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2019.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

4. Os premios regulados ao abeiro desta resolución son compatibles con outras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou de entidades públicas ou privadas, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais. En ningún caso, o importe do premio concedido máis o importe doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos poderá ser superior ao custo das obras de execución das intervencións premiadas.

Artigo 4. Beneficiarios/as

1. Poderán participar nesta convocatoria, segundo as categorías que se establecen no artigo anterior, os concellos, as agrupacións de concellos de Galicia, mancomunidades de concellos de Galicia e os consorcios locais galegos.

Para os efectos desta resolución, considérase agrupación de concellos aquela candidatura subscrita por dous ou máis concellos, e deberá axustarse ao disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os concellos non poderán solicitar o premio en máis dunha candidatura. A infracción deste criterio dará lugar á non admisión de todas as candidaturas de que formen parte.

Non poderán participar nesta convocatoria as sete grandes cidades galegas: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela, e as entidades locais en que están integradas.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incurso nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable das entidades solicitantes. No caso de agrupación de concellos, deberá presentar a declaración cada un dos concellos agrupados.

3. Os concellos, así como as agrupacións e o resto de entidades locais do punto 1, deberán cumprir o requisito de ter remitidas ao Consello de Contas de Galicia as contas xerais de cada exercicio. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de participación, e a súa falta de acreditación por parte dalgún dos participantes na candidatura supoñerá a inadmisión desta. No caso de agrupacións de concellos, este requisito deberá ser acreditado por cada un dos concellos integrantes da agrupación.

4. Non se admitirán as solicitudes presentadas por consorcios locais dos cales forme parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.

5. Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación das solicitudes.

Artigo 5. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1.1. Documentación administrativa:

a) Certificación da secretaría do concello, da mancomunidade, consorcio ou área metropolitana que acredite que a entidade local cumpriu coa súa obriga de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

b) Certificación do/a secretario/a da entidade local en que conste o acordo da entidade local polo cal se solicita a subvención para as obras ou equipamentos que se pretenden executar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta resolución, así como o compromiso, de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

Este acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación das solicitudes. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

c) No caso de agrupación de concellos, instrumento xurídico que regule a agrupación e a xestión dos servizos que deberá incluír, en todo caso, os compromisos de execución asumidos por cada membro, así como o importe de subvención aplicable por cada un deles e a designación do/a alcalde/sa que actuará como representante da agrupación. A este representante corresponderalle asinar a solicitude e con el efectuaranse todas as actuacións a que o procedemento dea lugar.

Así mesmo, achegarase unha certificación emitida pola secretaría do concello representante, na cal se faga constar, con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos agrupados e/ou nas certificacións emitidas polos/as secretarios/as dos concellos integrantes da agrupación:

– Que todos os concellos integrantes da agrupación adoptaron o acordo polo cal se solicita a subvención para as obras ou equipamentos que se pretenden executar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta resolución, así como o compromiso de financiar o importe da actividade, na parte que lle corresponda, que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

– O nomeamento do/a alcalde/sa representante con poderes suficientes para cumprir con todas as obrigas que como entidade beneficiaria corresponden á agrupación, e que actuará como coordinador/a, interlocutor/a e perceptor/a da subvención.

– Que todos os concellos participantes na solicitude remitiron as contas do concello ao Consello de Contas de Galicia. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas de Galicia se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

Os acordos deberán estar adoptados e as contas remitidas antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. O incumprimento destes requisitos ou a falta da referencia expresa ao contido determinado nos números anteriores, aínda que afecte unha soa das entidades agrupadas, determinará a inadmisión da solicitude.

d) No caso de que se trate dunha mancomunidade, consorcio ou área metropolitana, deberá presentarse o instrumento xurídico acreditativo da súa constitución.

e) De ser o caso, instrumento xurídico (ordenanza, plan....) polo que as administracións locais promovan políticas urbanísticas destinadas a mellorar, conservar e recuperar a súa calidade paisaxística e ambiental.

f) De ser o caso, acreditación dos soportes de promoción turística en relación co espazo xeográfico onde se realizou ou se vai realizar a intervención, promovidos polo propio concello ou outras administracións públicas distintas da Axencia Turismo de Galicia.

g) Certificación do secretario/a relativa á suma dos capítulos de gasto de capital do concello vixentes no ano 2019. No caso de agrupacións, polo secretario/a do concello representante deberá expedir unha certificación acreditativa da media dos gastos de capital dos concellos agrupados, que se emitirá con base nas certificacións que deberán expedir os/as secretarios/as dos concellos agrupados.

1.2. Documentación técnica:

Categoría primeira:

a) Memoria das actuacións ou iniciativas executadas, na cal se detallarán as obras realizadas co maior grao de concreción posible, de xeito que se facilite a súa valoración (concepto da integración paisaxística pretendida, xustificación da elección dos materiais empregados, planos e fotografías do estado inicial e do estado final, orzamentos, etc.)

b) Proxecto técnico, asinado por técnico competente, destinado a complementar ou finalizar as obras xa executadas. En caso de que estas non precisen de continuación ou remate, o solicitante presentará un novo proxecto complementario na liña do recollido nesta resolución. Nel incluiranse os planos necesarios para a correcta identificación e delimitación das obras propostas, orzamentos, materiais que se empregarán, fotografías do estado actual e recreación virtual da transformación que se pretende.

Este proxecto técnico presentarase en soporte electrónico e en soporte papel para facilitar a súa valoración polo xurado.

c) Cronograma de execución da actuación que se realizará, así como a súa distribución nas anualidades 2019 e 2020.

Categoría segunda:

– Proxecto de intervención para obras novas, asinado por técnico competente. Nel incluiranse os planos necesarios para a correcta identificación e delimitación das obras propostas, orzamentos, materiais que se empregarán, fotografías do estado actual e recreación virtual da transformación que se pretende.

Este proxecto técnico presentarase en soporte electrónico e en soporte papel para facilitar a súa valoración polo xurado.

– Cronograma de execución da actuación a realizar, así como a súa distribución nas anualidades 2019 e 2020.

2. Para os efectos das declaracións contidas na solicitude, no caso das agrupacións de concellos, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada un dos concellos que as integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano instructor.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– Certificación de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

– Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificación de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a suministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10. Órganos competentes

1. A Xerencia é o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión destes premios e das mencións especiais referidas nesta resolución. A devandita instrución rematará coa proposta de resolución, que se elevará á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

2. Corresponderalle á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia ditar a resolución de concesión dos premios con indicación do nome do/a premiado/a e a contía que lles corresponde, e conceder as mencións especiais que procedan.

Artigo 11. Instrución do procedemento

1. O defecto na solicitude seralles notificado aos/ás interesados/as e daráselles un prazo de dez días hábiles para emendaren os erros ou omisións. No requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se considerarán desistidos da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

2. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria achegaranse ao xurado encargado da súa valoración, de acordo co establecido nestas bases.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 12. Xurado

1. Os premios serán outorgados por proposta dun xurado presidido pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, que terá a consideración de Comisión de Valoración e estará integrado por:

a) Un/unha representante da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

b) Un/unha representante da Xerencia da Axencia Turismo de Galicia.

c) Un/unha representante da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

d) Un/unha representante da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

e) Un/unha representante do Instituto de Estudos do Territorio.

f) Dous técnicos da Dirección de Promoción da Axencia Turismo de Galicia.

g) Un/unha representante do Colexio de Arquitectos de Galicia.

h) A persoa titular da Secretaría de Coordinación Económica e Administrativa, que actuará como secretaria.

2. Os/as suplentes, se é o caso, serán designados/as pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

3. As decisións do xurado especificarán a avaliación que corresponde a cada un dos proxectos presentados á convocatoria, en aplicación dos criterios previstos no artigo seguinte.

En cada unha das categorías establecidas nestas bases, os premios poderán outorgarse de xeito individual, ou declararse desertos.

O xurado proporá, ademais, as mencións especiais correspondentes, se é o caso.

Artigo 13. Criterios de valoración

Os criterios que se empregarán para a valoración das candidaturas serán, cun máximo de 100 puntos, os seguintes:

1. Para a 1ª categoría, e en relación coa valoración das obras xa realizadas, serán os seguintes (ata un máximo de 60 puntos):

a) Relevancia turística do espazo xeográfico onde se realizou a intervención. Para valorar este criterio terase en conta a súa presenza nos soportes de promoción turística (folletos, páxina web, stands en feiras, campañas, presentacións, etc) elaborados pola Axencia Turismo de Galicia, ou noutros promovidos polo propio concello ou outras administracións públicas. Ata 20 puntos.

b) Iniciativas que se levaron a cabo no ámbito territorial das administracións locais comprometidas con políticas urbanísticas destinadas a mellorar, conservar e recuperar a súa calidade paisaxística e ambiental, por teren normas aprobadas ao respecto a través do correspondente instrumento xurídico (ordenanza, plan....). Ata 10 puntos.

c) Utilización de materiais construtivos tradicionais que harmonicen coa contorna. Valorarase o uso de recubrimentos feitos en pedra, madeira, recebos de cores naturais, etc, que consigan unha integración cromática e natural co medio en que se insiren. Ata 10 puntos.

d) Mellora estética na paisaxe que conseguise a obra realizada. Valorarase a minimización do impacto visual, a integración cromática e harmónica da obra realizada.Valorarase a situación dentro de espazos que presenten algunha das declaracións de protección sinaladas na Lei 9/2001, de conservación da natureza de Galicia. Ata 20 puntos.

En relación co proxecto de novas obras por realizar, serán (ata un máximo de 40 puntos):

a) Proxecto de continuación, remate ou ampliación das obras xa realizadas ou dun novo proxecto de embelecemento. Farase unha avaliación conforme os criterios sinalados anteriormente para as obras xa executadas. Ata 35 puntos.

b) Repercusión do orzamento do proxecto con respecto aos orzamentos municipais: outorgaráselle a puntuación máxima de 5 puntos á solicitude cuxo investimento represente a maior porcentaxe sobre a suma dos capítulos de gasto de capital do concello, e o resto valorarase de forma proporcional.

No caso de que a solicitude a presente unha agrupación de concellos, o orzamento municipal que se terá en conta, para efectos deste criteiro, será a media dos orzamentos municipais dos concellos agrupados.

2. Para a 2ª categoría:

a) Relevancia turística do espazo xeográfico onde vai realizar a intervención. Para valorar este criterio terase en conta a súa presenza nos soportes de promoción turística (folletos, páxina web, stands en feiras, campañas, presentacións, etc) desenvolvidos pola Axencia Turismo de Galicia. Ata 30 puntos.

b) Iniciativas que se levaron a cabo no ámbito territorial das administracións locais comprometidas con políticas urbanísticas destinadas a mellorar, conservar e recuperar a súa calidade paisaxística e ambiental, por teren normas aprobadas ao respecto a través do correspondente instrumento xurídico (ordenanza, plan....). Ata 10 puntos.

c) Utilización de materiais construtivos tradicionais que harmonicen coa contorna. Valorarase o uso de recubrimentos feitos en pedra, madeira, recebos de cores naturais, etc, que consigan unha integración cromática e natural co medio en que se insiren. Ata 20 puntos.

d) Mellora estética na paisaxe que consiga a obra que se pretende realizar. Valorarase a minimización do impacto visual, a integración cromática e harmónica que se consiga coa obra que se pretende realizar. Adicionalmente, valorarase a situación dentro de espazos que presenten algunha das declaracións de protección sinaladas na Lei 9/2001, de conservación da natureza de Galicia. Ata 10 puntos.

e) Repercusión do orzamento do proxecto con respecto aos orzamentos municipais: outorgaráselle a puntuación máxima de 10 puntos á solicitude cuxo investimento represente a maior porcentaxe sobre a suma dos capítulos de gasto de capital do concello e 0 puntos á que teña a menor porcentaxe, e o resto valorarase de forma proporcional.

No caso de que a solicitude a presente unha agrupación de concellos, o orzamento municipal que se terá en conta, para efectos deste criteiro, será a media dos orzamentos municipais dos concellos agrupados.

f) Avaliación xeral do proxecto das obras novas que se vaian realizar. Valoraranse diferentes aspectos relacionados coa elaboración e presentación do proxecto, tales como a súa calidade técnica, orixinalidade, grao de precisión dos documentos, simulación virtual da actuación proposta, etc. Ata 20 puntos.

O premio declararase deserto en calquera das categorías cando a actuación non acade un mínimo de 50 puntos.

Artigo 14. Resolución

1. Á vista da deliberación do xurado, contida na acta da sesión en que se concrete a súa avaliación para o outorgamento dos premios, a Xerencia da Axencia Turismo de Galicia elevará proposta de resolución á persoa titular da Dirección da Axencia quen, á vista da proposta motivada, ditará resolución.

Na dita proposta e de acordo coa deliberación do xurado, poderán recollerse observacións que melloren ou completen as actuacións programadas, que serán de obrigado cumprimento pola entidade interesada.

En todo caso, tanto a proposta de resolución como a resolución especificarán as intervencións que se financian, segundo o proxecto presentado.

2. A concesión dos premios e das mencións especiais será publicada no Diario Oficial de Galicia e na páxina web de Turismo de Galicia http://www.turismo.gal e notificaráselle aos premiados e, se for o caso, aos/ás distinguidos/as coa mención especial.

3. O prazo máximo para ditar e notificar aos/ás interesados/as a resolución será de 5 meses. Transcorrido o citado prazo sen que se notifique a resolución expresa lexitima os/as interesados/as para entender desestimada a súa candidatura por silencio administrativo, de conformidade co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Aceptación e renuncia

1. Os/as premiados/as disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicaren a aceptación do premio e das condicións contidas na resolución. Transcorrido o referido prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptado e, desde ese momento, a entidade ou persoa premiada adquire a condición de beneficiario/a.

2. A renuncia ao premio poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa titular da Dirección da Axencia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

3. A entrega dos premios realizarase nun acto público, no lugar e na data que se determinarán oportunamente.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, o/a premiado/a poderá solicitar, segundo se establece no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización das actuacións.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da iniciativa premiada e non dar lugar a intervencións deficientes e incompletas.

3. Xunto coa solicitude, a entidade deberá presentar: memoria xustificativa, orzamento modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos, así como, de ser o caso, novo cronograma adaptado á modificación solicitada.

4. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola directora da Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao/á interesado/a, nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Cando o/a premiado/a da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a súa concesión que non alteren esencialmente a natureza ou os seus obxectivos, e que poden dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

6. Cando a modificación implique un reaxuste de anualidades, observarase o disposto nos artigos 26 e 27 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 18. Obrigas dos beneficiarios dos premios económicos

1. Os/as premiados/as adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Cumprir o obxectivo e realizar o proxecto premiado, de conformidade coa solicitude presentada e, se é o caso, co modificado coa autorización da Axencia Turismo de Galicia.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión do premio.

c) Manter o investimento durante un período non inferior a cinco anos, cando se trate de bens inscritibles nun rexistro público e non inferior a 2 anos para o resto de bens, de conformidade co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Acreditación, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, de estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, que poderá substituírse pola presentación dunha declaración responsable. No caso de agrupacións de concellos será necesaria unha declaración por cada un dos concellos agrupados.

f) Comunicarlle á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais. Estas comunicacións deberanse efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. No caso de agrupacións de concellos, todos os integrados na candidatura presentarán cadansúa declaración.

g) Os/as premiados/as deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

En concreto, os/as premiados/as deberán facer constar na súa publicidade, incluída a realizada a través de páxinas web, ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o financiamento dos seus proxectos pola Xunta de Galicia a través da Axencia de Turismo de Galicia, e deberán colocar nun lugar de fácil visibilidade da obra realizada un cartel coa referencia do premio Galicia Parabéns, segundo o deseño que se indica no anexo VI.

Os/as premiados/as colocarán nun lugar visible para o público unha placa permanente, segundo o deseño especificado no manual de identidade na marca Galicia Parabéns, no prazo de tres meses a partir da conclusión do proxecto premiado, en que se indicará que o proxecto obtivo o premio Galicia Parabéns.

Os/as premiados/as deberán incluír, nas súas accións promocionais, a marca turística de Galicia. De ser o caso, na páxina web deberá inserir un banner cunha ligazón á páxina de promoción turística de Galicia. Nos folletos e outras publicacións deberá incluír na contraportada a marca turística, seguindo as indicacións do manual de uso. Para a aplicación correcta da marca deberán descargar de http://www.turismo.gal/marca01 os arquivos informáticos cos elementos gráficos en calidade e formatos axeitados, así como as indicacións do uso. Así mesmo, incluirase en todos os soportes promocionais e publicitarios o distintivo dos premios Galicia Parabéns.

Este distintivo e o manual de identidade da marca poden descargarse no seguinte link:

http://www.turismo.gal/docs/mdaw/mza3/~edisp/turga307283.pdf

Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do/a premiado/a.

g) Os beneficiarios quedan obrigados a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

– Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención

h) En todo caso é de obrigado cumprimento por parte da entidade beneficiaria a normativa que rexe para a contratación nas administracións públicas cando se superen as contías previstas para os contratos menores.

i) Os proxectos que se subvencionen terán que cumprir o disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, e as normas regulamentarias de desenvolvemento.

Artigo 19. Xustificación das actuacións e pagamento

1. Os/as premiados/as terán que presentar, nos lugares sinalados na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a solicitude de cobramento asinada segundo o modelo do anexo IV, xunto cos orixinais ou copias cotexadas da documentación que a continuación se indica:

a) Conta xustificativa conforme os artigos 8 e 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, que incorporará:

1. En todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

2. Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/a alcalde/alcaldesa, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

– O cumprimento da finalidade da subvención.

– Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables ás actuacións subvencionadas coa seguinte relación: identificación do/a acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Salvo disposición expresa das bases reguladoras, e sen prexuízo do previsto na alínea 4, non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Certificado de taxador/a independente debidamente acreditado/a e inscrito/a no correspondente rexistro oficial, no caso de adquisición de bens inmobles.

4. Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, de ser o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia na alínea 2.

5. Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e da súa procedencia.

6. De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Anexo V. Modelo de declaración actualizado.

No caso das agrupacións de concellos, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada un dos concellos que a integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

c) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas.

2. Os prazos para presentar a documentación xustificativa serán:

Fase 2019: 15 de decembro de 2019.

Fase 2020: 30 de novembro de 2020.

3. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión do premio ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ao importe xustificado.

A falta de presentación da xustificación nos prazos establecidos ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso ditarase a oportuna resolución, nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

De non xustificarse o investimento correspondente á primeira anualidade, quedará anulada toda a subvención.

De non xustificarse o investimento correspondente a calquera outra anualidade nos prazos indicados, soamente se anulará a subvención correspondente a esa anualidade, sempre que se xustifique a realización do proxecto premiado.

4. Unha vez presentada polos/as premiados/as a documentación prevista neste artigo, realizarase o pagamento do premio, para cada unha das anualidades de execución do investimento: 2019 e 2020.

Non obstante, os premiados poderán, unha vez ditada a resolución de concesión do premio, solicitar un pagamento anticipado do 50 % do importe correspondente á anualidade de 2019, de conformidade co disposto no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Así mesmo, unha vez iniciada a anualidade 2020, os premiados poderán solicitar o pagamento anticipado do 50 % da contía correspondente á citada anualidade.

Os citados pagamentos anticipados están exentos de constituír garantía, segundo se establece no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 20. Réxime de recursos

Contra a resolución de concesión dos premios, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia no prazo dun mes, desde que se lle notifica a devandita resolución, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, de conformidade cos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 21. Anulación e reintegro

Procederá o reintegro total ou parcial dos premios percibidos cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de que os/as beneficiarios/as incumpran algunha das obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Axencia Turismo de Galicia poderá iniciar, se é o caso, un procedemento sancionador, de conformidade co previsto no título IV da dita lei.

Artigo 22. Control

Os/as premiados/as quedan obrigados/as a declarar a contía do premio concedido en calquera outro procedemento de subvencións do cal poida derivar financiamento para a dita actuación.

Igualmente, quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, e a aquelas que deban realizar o Consello de Contas ou o Tribunal de Contas de conformidade co previsto na súa normativa específica.

Ademais, deberán facilitar á Axencia Turismo de Galicia toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou aboamento do importe do premio.

Artigo 23. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación dos premios concedidos con indicación da norma reguladora, beneficiario ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Así mesmo, e de conformidade cos artigos 18.3 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

A solicitude para ser beneficiario/a do premio levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda o premio, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude, así como na Base de datos nacional de subvencións. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro público de subvencións, cando concorran algunhas das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Remisión normativa

Supletoriamente, aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Axencia Turismo de Galicia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file