Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Venres, 25 de xaneiro de 2019 Páx. 4703

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Resolución do 21 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento SI427A).

BDNS (Identif.): 435476.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas na convocatoria as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que teñan domicilio social ou delegación en Galicia e que estean inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), sempre que cumpran os demais requisitos e condicións establecidos nas bases reguladoras.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír á redución da dobre discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, coa finalidade de que poidan acadar unha maior autonomía e independencia de cara a mellorar a súa situación persoal, social e laboral, mediante o apoio a programas de recursos integrais de atención personalizada e especializada que respondan a un dos seguintes tipos:

a) Programa de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de tres anos, en situación de especial vulnerabilidade.

b) Programa de recursos integrais de atención personalizada e especializada para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos en que concorra a dita situación.

Son subvencionables os gastos e as actuacións realizadas entre o 1 de outubro de 2018 e o 30 de setembro de 2019.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 21 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade cofinanciadas polo Fondo Social Europeo con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 (SI427A).

Cuarto. Importe

A contía máxima da axuda é de 40.000 €. Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de novecentos dez mil euros (910.000,00 €), financiado nun 80 %, con cargo ao FSE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e nun 20 % con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2018

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade