Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Xoves, 31 de xaneiro de 2019 Páx. 6686

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 24 de xaneiro de 2019, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se dispón a publicación das bases do nomeamento estatutario eventual de continuidade.

Con data do 15 de xaneiro de 2019, na mesa sectorial de negociación do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, a Administración sanitaria e as organizacións sindicais CESM-O´MEGA, UGT, CSIF e SATSE asinaron un acordo sobre a formalización de nomeamentos de persoal estatutario eventual na modalidade de nomeamentos de continuidade.

A negociación foi realizada de conformidade coas previsións que ao respecto conteñen a Lei do estatuto básico do empregado público (texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro), a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e a Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

Para xeral coñecemento do acordo faise necesaria a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude,

RESOLVO:

Publicar, para xeral coñecemento e efectividade, o acordo sobre o nomeamento estatutario eventual de continuidade asinado na mesa sectorial de negociación do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, con data do 15 de xaneiro de 2019, pola Administración sanitaria e as organizacións sindicais CESM-O´MEGA, UGT, CSIF e SATSE, que entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2019

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos

Bases do nomeamento estatutario eventual de continuidade
no ámbito do Servizo Galego de Saúde

O artigo 9 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, determina no seu punto 3.a) e b) que o nomeamento de carácter eventual se expedirá cando se trate da prestación de servizos determinados de natureza temporal, coxuntural ou extraordinaria, e cando sexa necesario para garantir o funcionamento permanente e continuado dos centros sanitarios.

Actualmente no Servizo Galego de Saúde existe unha elevada porcentaxe de persoal en atención primaria que mantén unha vinculación temporal de prestación de servizos que dificulta a garantía de continuidade asistencial, ao tempo que nos centros sanitarios xorden constantemente necesidades de cobertura inmediata nas que a falta de profesionais dispoñibles para determinadas áreas xeográficas, ou para asumir as coberturas de curta duración, dificultan a súa provisión en prexuízo dunha asistencia sanitaria de calidade.

Neste sentido, o presente acordo persegue unha maior estabilidade do persoal, o que redundará, sen dúbida, nunha mellor atención sanitaria e nunha maior fidelización dos recursos humanos dispoñibles. Neste contexto, mediante os nomeamentos de continuidade de persoal estatutario eventual preténdese, ao mesmo tempo, ofrecer aos profesionais sanitarios interesados nesta modalidade de nomeamento un período de estabilidade no emprego maior que o ofrecido ata o momento a través dos nomeamentos eventuais e de substitución para situacións de curta duración que se veñen realizando, ademais de garantir unha adecuada cobertura das incidencias de persoal nos ámbitos previstos neste acordo, proporcionando un servizo máis eficaz á poboación, aumentando a eficiencia e garantindo, así mesmo, unha continuidade na prestación de servizos.

En particular, debe terse en conta que o artigo 9.4 do Estatuto marco regula o nomeamento de substitución cando resulte necesario atender as funcións de persoal fixo ou temporal, durante os períodos de vacacións, permisos e demais ausencias de carácter temporal que comporten a reserva da praza. Porén, debe terse en conta que, no ámbito previsto neste acordo, existen numerosas ausencias de moi curta duración que non resulta eficiente e óptimo atender con nomeamentos de substitución, non só por razóns asistenciais e administrativas, senón polas inconveniencias que se derivan para o persoal afectado ao ter que realizar distintos contratos sucesivos en ámbitos xeográficos dispares e desfrutar dunha escasa estabilidade no emprego.

Por estas razóns, en lugar de acudir a contratos eventuais e substitucións mediante unha contemplación illada, centro a centro ou praza a praza, das necesidades asistenciais existentes, o que se pretende é racionalizar e analizar de forma máis ampla as indicadas necesidades, ao nivel de varios centros pertencentes a un mesmo distrito, para proceder ao nomeamento dun número de profesionais que poidan atender a acumulación de tarefas e reforzo que se precisa en calquera dos centros considerados. Deste modo, os nomeamentos de continuidade non cubrirán as funcións dunha praza determinada nun centro sanitario, nin substituirán as funcións dun concreto titular, senón que atenderán as necesidades de reforzo e acumulación de tarefas que se vaian producindo no ámbito determinado no nomeamento, constituído por varios centros dun mesmo distrito. Estas necesidades non se poden determinar anticipadamente, no momento do nomeamento, con absoluta precisión, por descoñecerse o centro e o período concreto de tempo no que se producirán, pero sábese que certamente acaecerán ao longo do tempo do nomeamento, tendo en conta o número de persoal dos centros e as incidencias habituais e inevitables que se producen.

Estes nomeamentos de continuidade, polo tanto, permitirán dispoñer dun número razoable de persoal de reforzo ao nivel de distrito que poidan ser destinados á cobertura das necesidades asistenciais que se produzan nos centros que se indique no seu nomeamento, posibilitando o cumprimento do obxectivo de garantía do funcionamento permanente e continuado dos centros sanitarios, en especial dos situados en determinadas áreas xeográficas e para asumir necesidades asistenciais de curta duración, á vez que os obxectivos de mellora da calidade asistencial e estabilidade do emprego demandado polos profesionais, ao evitar a repetición de contratos que provoca a contemplación puntual e illada das necesidades centro a centro ou praza a praza.

En consecuencia, constátase a necesidade de acordar unha específica modalidade de nomeamento estatutario temporal de carácter eventual que, conforme o referido artigo 9.3.a) e b) do Estatuto marco, permita acadar os seguintes obxectivos:

– Outorgue maior estabilidade laboral aos profesionais.

– Fidelice os recursos humanos dispoñibles.

– Sen pretender a substitución dos profesionais nas ausencias de curta duración, facilite a atención das necesidades de reforzo e acumulación de tarefas do persoal que se produce pola súa existencia.

– Fomente a continuidade asistencial da relación do profesional cos usuarios dos servizos sanitarios.

– Garanta unha maior calidade da asistencia á poboación.

En consecuencia, o Servizo Galego de Saúde e as organizacións sindicais asinantes, logo de negociación na Mesa Sectorial do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, de conformidade co disposto no artigo 38 do texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e do artigo 80 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, subscriben o presente acordo nos seguintes termos:

Primeiro. Obxecto

1. De conformidade co artigo 9.3.a) e b) da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, o Servizo Galego de Saúde, para garantir o funcionamento permanente e continuado dos centros sanitarios, posibilitar de forma óptima e eficiente a cobertura das necesidades asistenciais coxunturais, garantir a estabilidade do persoal afectado, e reducir o número de chamamentos sucesivos, poderá formalizar nomeamentos de persoal estatutario eventual na modalidade de nomeamentos de continuidade no ámbito e forma previstos neste acordo.

2. Os nomeamentos previstos neste acordo non terán por causa a cobertura dunha vacante determinada nun centro sanitario nin a substitución dun concreto titular, senón a de ter persoal dispoñible a nivel de distrito para posibilitar a atención eficiente e inmediata de necesidades asistenciais conxunturais derivadas de reforzos de persoal ou ausencias nos seus distintos centros sanitarios.

3. O persoal que opte por estes nomeamentos estará obrigado a atender a cobertura das necesidades que se xeren no ámbito contemplado no nomeamento.

Segundo. Ámbito funcional dos nomeamentos de continuidade

1. Os nomeamentos previstos neste acordo ofertaranse ao persoal das categorías de médica/o de familia de atención primaria e pediatra de atención primaria.

No caso da categoría de médica/o de familia os nomeamentos realizaranse para prestar servizos ou ben nas unidades e/ou servizos de atención primaria, ou ben nos puntos de atención continuada.

2. A realización destes nomeamentos poderá estenderse a outras categorías profesionais, logo de negociación oportuna coas organizacións sindicais.

Terceiro. Ámbito territorial dos nomeamentos de continuidade

1. O réxime de prestación de servizos do persoal vinculado por estes nomeamentos estenderase a dous ou mais centros do mesmo distrito sanitario.

2. Só excepcionalmente, cando así se xustifique especificamente por razóns xeográficas e do número de persoal do centro, poderá valorarse a realización de funcións nun único centro do distrito.

3. A comisión de seguimento do presente acordo determinará os ámbitos potenciais que, dentro de cada distrito, poderán abarcar os nomeamentos de continuidade.

Cuarto. Determinación da necesidade e número de nomeamentos de continuidade

1. A determinación do número e formalización destes nomeamentos requirirá a previa xustificación das circunstancias concorrentes e da súa necesidade para cubrir as necesidades asistenciais e garantir o funcionamento continuado e permanente dos centros sanitarios do distrito. En particular, ademais das necesidades actuais xa existentes, terase en conta a análise do persoal dispoñible nos centros valorados para os nomeamentos e as incidencias asistenciais ou cálculo das ausencias –con e sen substitución– que se adoitan producir na actividade normal. Indicarase na xustificación, en particular, o número de nomeamentos eventuais e de substitución que foi preciso realizar no exercicio anterior.

Para estes efectos, e polo que se refire ás ausencias do persoal, teranse en conta para a determinación da necesidade e número dos nomeamentos, soamente as necesidades coxunturais que se produzan a consecuencia de actuais ou posibles ausencias do persoal nos centros valorados derivadas de vacacións, licenzas, permisos, así como incapacidades temporais e outras ausencias imprevisibles cuxa duración sexa ou se prevexa inferior a 15 días.

2. A proposta dos nomeamentos deberá incluír os centros do distrito nos que o persoal nomeado realizará as súas funcións de reforzo. Xustificaranse neste sentido as circunstancias asistenciais, xeográficas e de distancia tidas en conta para a selección dos centros.

Quinto. Selección

1. A vinculación dos profesionais efectuarase a través das listaxe de longa duración da correspondente categoría, derivadas do vixente Pacto de selección temporal de persoal estatutario do sistema sanitario público de Galicia (DOG núm. 123, do 30 de xuño de 2016), entre aqueles profesionais que o manifesten voluntariamente.

2. O persoal vinculado por este tipo de nomeamento permanecerá como dispoñible nas listas para a cobertura de nomeamentos de interinidade en praza vacante, podendo optar durante o tempo do seu nomeamento eventual, por unha soa vez, a unha oferta desas características.

Sexto. Duración

1. A duración do nomeamento será de 12 meses e poderá ser obxecto de sucesivas prórrogas, de ata 12 meses, cando persistan as causas que o motivasen, ata unha duración total máxima de 3 anos.

2. A prórroga requirirá a xustificación do mantemento das circunstancias tidas en conta para o nomeamento.

Sétimo. Estudo das necesidades de creación de prazas de estrutura

Á finalización dos nomeamentos, se a prestación dos servizos se estendese por un período acumulado de 12 ou máis meses nun período de dous anos, procederá ao estudo das causas que o motivaron, para valorar, se é o caso, se procedese á creación de prazas estruturais.

Oitavo. Réxime xurídico

1. O réxime xurídico do persoal vinculado con este nomeamento é o previsto para o persoal estatutario temporal eventual na Lei 55/2003, do 16 de decembro, e para a correspondente categoría estatutaria.

2. O centro onde en cada momento prestará os seus servizos o persoal, dentro dos previstos no seu nomeamento, será concretado pola xerencia de xestión integrada en función das necesidades asistenciais que requiran cobertura e xurdan durante a vixencia do nomeamento. A Xerencia asignará un centro de referencia ao traballador.

3. Xornada de traballo:

a) A xornada de traballo non poderá exceder as 48 horas semanais de media en cómputo semestral.

b) As carteleiras de traballo deste persoal iranse confeccionando en función das necesidades asistencias polo órgano competente do centro no que en cada momento se presten os servizos. Procurarase que este persoal teña fixado mensualmente, como mínimo, o sesenta por cento da carteleira.

c) As/os médicas/os de familia vinculadas/os por este tipo de nomeamento para prestar servizos en unidades e/ou servizos de atención primaria realizarán gardas nos puntos de atención continuada de referencia dos centros asignados no seu nomeamento que, de ser necesario, lle sexan asignadas pola respectiva xerencia, realizando unha media de dúas gardas ao mes, procurando a equidade na distribución destas.

d) O persoal terá garantido o réxime de descansos, permisos e vacacións que establece o Estatuto marco e demais normativa de aplicación. O desfrute de permisos e vacacións será coordinado pola xerencia de xestión integrada.

e) Na programación da actividade deste persoal, incluída a prestación nos sábados pola mañá, procurase un tratamento equitativo co resto do persoal.

Noveno. Retribucións

O persoal eventual con nomeamento de continuidade percibirá as retribucións correspondentes ás categorías que teñan atribuídas as funcións que se desenvolvan. Se é o caso, os factores do complemento de produtividade fixa aboaranse tendo en conta a media do dito complemento nos centros sanitarios valorados no seu nomeamento.

Tamén percibirá as contías que se deriven do grao de cumprimento de obxectivos (complemento de produtividade factor variable).

Décimo. Comisión de seguimento

Constituirase una comisión paritaria coas organizacións sindicais asinantes deste acordo para o seu seguimento. A comisión de seguimento reunirase con carácter ordinario trimestralmente.

Décimo primeiro. Vixencia

Tendo en conta a implantación por vez primeira da modalidade de nomeamento prevista neste acordo, este terá unha vixencia inicial de tres anos. Ao finalizar a vixencia inicial, as partes do acordo estudarán o mantemento e prórroga deste ou a súa renegociación á vista da experiencia adquirida e resultados obtidos.