Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Xoves, 31 de xaneiro de 2019 Páx. 6433

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 22 de xaneiro de 2019 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

BDNS (Identif.): 437111.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Os pagamentos directos indicados no título II e as axudas de desenvolvemento rural recollidas no capítulo III e na sección 3ª do capítulo IV do título III desta orde só se concederán a aqueles solicitantes que cumpran os requisitos de agricultor activo e actividade agraria. O requisito da actividade agraria tamén será exixible aos solicitantes das axudas de agroambiente e clima recollidas na sección 2ª do capítulo IV do título III.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular e convocar na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2019 os pagamentos directos á agricultura e á gandaría, así como as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 22 de xaneiro de 2019 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

Cuarto. Contía

A concesión destas axudas realizarase con cargo aos orzamentos de gastos do Fogga, da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e da Dirección Xeral de Patrimonio Natural conforme os orzamentos xerais desta comunidade autónoma para 2019, nas seguintes aplicacións orzamentarias:

1. No que respecta aos réximes de pagamentos directos á agricultura e á gandaría recollidos no número 1 do artigo 2 desta orde, en concreto, os réximes de axuda comunitarios establecidos no Regulamento (UE) nº 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e no Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir de 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda, así como sobre a xestión e control dos pagamentos directos e dos pagamentos ao desenvolvemento rural, todas estas axudas son financiadas integramente polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) exercendo o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) como intermediario na súa xestión, polo que, en aplicación da disposición adicional décimo oitava da Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, os expedientes correspondentes aos réximes indicados serán xestionados como operacións extraorzamentarias conforme o sinalado no artigo 46.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime orzamentario e financeiro de Galicia.

Non obstante o anterior, todos os actos e documentos de xestión deses expedientes serán obxecto de fiscalización previa nos termos establecidos no artigo 95.1.a) do citado Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

2. No que respecta aos réximes de axuda recollidos no título III desta orde, cofinanciados ao 75 % polo Feader, a concesión das axudas realizarase con cargo aos orzamentos de gastos do Fogga, da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, conforme os orzamentos xerais desta comunidade autónoma para 2019, nas seguintes aplicacións orzamentarias:

a) Aplicación 14.02.713B.770.0, C.P. 2016 00207, compromisos da anualidade 2019 das primas anuais de mantemento xa concedidas e asociadas ás axudas de forestación de terras non agrícolas por importe de trinta e oito mil cento seis con setenta (38.106,70) euros.

b) Aplicación 14.02.713B.770.0, C.P. 2016 00208, compromisos da anualidade 2019 das primas anuais de mantemento xa concedidas e asociadas ás axudas para o establecemento de sistemas agroforestais por importe de corenta e seis mil seiscentos sesenta (46.660,00) euros.

c) Aplicación 14.02.713B.770.0, C.P. 2016 00207, compromisos da anualidade 2019 das primas anuais de mantemento xa concedidas e asociadas ás axudas á creación de superficies forestais por importe de setecentos vinte mil (720.000,00) euros.

d) Aplicación 07.03.541B.780.0, compromisos da anualidade 2019 das primas anuais de mantemento xa concedidas e asociadas ás axudas para o pagamento por compromisos silvoambientais e climáticos e de conservación de bosques por importe de douscentos corenta (240,00) euros.

e) Aplicación 14.80.712B.772.1:

1º. Solicitudes de axudas a zonas con limitacións naturais con carácter anual, por importe de dezasete millóns oitocentos sesenta e dous mil (17.862.000,00) euros.

2º. Compromisos para o exercicio 2019 procedentes de campañas anteriores nas axudas relativas á medida de agroambiente e clima, por importe de catorce millóns seiscentos noventa e cinco mil novecentos setenta e seis con once (14.695.976,11) euros.

3º. Compromisos para o exercicio 2019 procedentes de campañas anteriores nas axudas relativas á medida de agricultura ecolóxica, por importe de dous millóns cincocentos cincuenta e dous mil trescentos vinte e oito con sesenta e nove (2.552.328,69) euros.

Quinto. Prazo de presentación da solicitude única

O prazo de presentación da solicitude única, para o ano 2019, iniciarase o 1 de febreiro e finalizará o 30 de abril, ambos incluídos.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2019

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria