Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Venres, 1 de febreiro de 2019 Páx. 6899

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 28 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2019 para a concesión das primas de mantemento das forestacións cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

No Programa de desenvolvemento rural (en diante PDR) de Galicia para o período 2014-2020, inclúese a medida 8.1 (establecemento e mantemento de superficies forestais), que ten como fin a reforestación e creación de superficies forestais e na cal se inclúen como actuacións elixibles os custos de mantemento desas forestacións en forma dunha prima anual por hectárea.

No PDR de Galicia 2014-2020 establécese que na solicitude única pola cal anualmente se regulan os pagamentos directos tamén se inlúen as solicitudes de pagamento das axudas de desenvolvemento rural establecidas no ámbito do Sistema integrado de xestión e control, e nas cales se inclúen as primas anuais de mantemento asociadas ás axudas á creación de superficies forestais (submedida 8.1).

Estas axudas están recollidas no Regulamento (UE) 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas nos sectores agrícola e forestal e nas zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, foron comunicadas por España á Comisión Europea e publicadas na páxina web da Comisión (http://ec.europa.eu/competition/elojade/isef/case_details.cfm?proc_code=3_SA_43021) o 20 de outubro de 2015, coa clave SA.43021 (2015/XA).

Por todo o anterior cómpre convocar as axudas ás primas de mantemento vinculadas aos expedientes pagados das axudas á creación de superficies forestais (submedida 8.1) das convocatorias dos anos 2016 e 2017.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

A orde, en réxime de concorrencia non competitiva, ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2019, para a concesión das primas de mantemento correspondentes ás superficies forestadas mediante as axudas á creación de superficies forestais (medida 8.1 do PDR de Galicia 2014-2020, procedemento MR670C) dos anos 2019, 2020 e 2021.

Artigo 2. Finalidade

1. Estas primas teñen como finalidade contribuír ao coidado, mantemento e demais traballos forestais posteriores á plantación, financiando os traballos mediante unha prima de mantemento anual nos primeiros anos de existencia das plantacións realizadas.

2. En todo caso, será de aplicación o disposto no Real decreto 1077/2014, do 19 de decembro, polo que se regula o sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios todos os titulares dos expedientes pagados antes do 31 de decembro de 2018 ao abeiro das ordes do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a reforestación e a creación de superficies forestais e a súa convocatoria para o ano 2016 (DOG nº 248, do 30 de decembro de 2015), e do 8 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais e a súa convocatoria para ano 2017 (DOG nº 115, do 19 de xuño de 2017) cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (en diante Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020 e que soliciten as primas previstas nesta orde.

2 Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Non poderán ser beneficiarias as entidades de dereito público nin locais.

4. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Unha empresa está en crise cando concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:

a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.

b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.

c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.

As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na letra c).

Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

Artigo 4. Actuacións obxecto de prima e importes subvencionables

1. As primas de mantemento están destinadas ao coidado, mantemento e demais traballos posteriores que son necesarios para o logro das plantacións realizadas.

2. Aplicaranse os valores seguintes en euros por hectárea de actuación:

a) Expedientes de primas a plantacións de especies do anexo I (coníferas): 320 €.

b) Expedientes de primas a plantacións de especies do anexo II (frondosas): 400 €.

3.O IVE non é subvencionable.

Artigo 5. Condicións técnicas

1. Os traballos elixibles deberan axustarse ás superficies pagadas ao abeiro das ordes de axudas que figuran no artigo 3 desta orde e deberán realizarse de acordo co establecido no seu anexo V.

2. A planta empregada para a reposición das marras deberá axustarse ás condicións establecidas na correspondente orde de axudas do expediente inicial que posibilita a solicitude da prima de mantemento.

Artigo 6. Compromisos

1. Os beneficiarios das primas comprometeranse expresamente ao cumprimento das condicións previstas nesta orde e nas ordes de axudas que figuran no artigo 3.

2. Se as superficies plantadas se transmitiren en todo ou en parte durante o período de compromiso, adecuaranse as primas á situación do novo titular, e, en todo caso, o novo titular debe cumprir as condicións exixibles para a percepción das axudas que se lle outorgaron.

3. No caso de abandono ou destrución da plantación por calquera causa, suspenderanse todas as primas pendentes ata que sexa restaurada a superficie abandonada ou destruída, total ou parcialmente, sen prexuízo dos compromisos adquiridos e das responsabilidades que se deriven. O solicitante estará obrigado a comunicar, no prazo máximo dun mes, os feitos e circunstancias que provocaron a destrución da totalidade ou de parte da plantación.

4. O beneficiario comprométese en todo momento a facilitar as tarefas de inspección ao persoal adscrito á consellería competente no medio rural nas materias relacionadas con esta orde.

5. En todos os casos, e para calquera tipo de titular, o persoal que executou os traballos deberá estar dado de alta no réxime xeral da Seguridade Social e poderase solicitar en calquera momento que verifique que cumpre o dito requisito.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes deberanse presentar obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Os datos da solicitude que se citan a seguir considéranse o mínimo imprescindible para a súa tramitación, polo que a inexactitude, falsidade ou omisión de calquera dos datos determinará a imposibilidade de continuar coa tramitación da subvención e dará lugar á inadmisión da solicitude, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procederen. Estes datos son:

a) Datos da persoa solicitante (nome, apelidos, NIF e enderezo completo).

b) En todos os casos, correo electrónico ou teléfono móbil.

c) Tres ofertas de diferentes provedores, asinadas ou seladas.

3. Toda a información para a presentación de solicitudes está dispoñible na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos. Tamén se poderá acceder a través da Oficina Agraria Virtual (OAV) dispoñible no enderezo http://mediorural.xunta.gal/es/institucional/oficina_virtual/.

Artigo 8. Prazo de solicitude

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Documentación que se deberá presentar xunto coa solicitude (anexo I):

a.1) No caso do representante, e de acordo co artigo 5.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, deberá acreditar esa representación mediante algún dos seguintes medios de acreditación:

A. Por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna:

1. Poder notarial.

2. Representación legal, presentando a autorización asinada e a copia de escrituras ou poderes onde se acredite a representación legal.

B. Mediante declaración en comparecencia persoal do interesado (poder apud acta):

Realizará o levantamento da acta un funcionario público dunha oficina de asistencia en materia de rexistros, deixando constancia de que a partir dese momento un suxeito actuará como representante doutro; desde ese momento apartarase a persoa representada do procedemento e as seguintes actuacións serán dirixidas ao representante.

a.2) Deberanse presentar tres ofertas de diferentes provedores nas cales figurarán detalladas as actuacións de mantemento que se realizarán (obrigatorio, como mínimo, o control da vexetación de competencia e a reposición de marras) nas anualidades 2019, 2020 e 2021, e o seu importe por anualidade (indicarase o custo por hectárea das actuacións de mantemento que se realizarán). A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis favorable, sen admitirse as ofertas que procedan de empresas vinculadas entre elas nin coa persoa solicitante da prima, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público. As ditas ofertas deberán estar asinadas ou seladas e incluír, como mínimo, o NIF, o nome e o enderezo da empresa ofertante, o nome ou razón social da persoa solicitante da prima, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados.

a.3) Así mesmo, as empresas e persoas individuais que sexan responsables deses orzamentos deberán exercer a súa actividade vinculada á silvicultura (Clasificación nacional de actividades económicas –CNAE– subgrupo A02: Silvicultura e explotación forestal, códigos 021 ou 024, ou obxecto social no que figure dita vinculación; ou epígrafe do IAE), polo que, xunto aos orzamentos, se deberá presentar documentación xustificativa da CNAE ou do IAE ou do obxecto social de cada un dos provedores.

a.4) Para asociacións ou agrupacións formalmente constituídas inscritas no Rexistro Xeral de Asociacións da Xunta de Galicia, presentarase debidamente asinado por todos e cada un dos compoñentes da agrupación o anexo II ou acordo de cesión.

a.5) Para proindivisos, de varas, fabeo, de vocerío, de voces, abertais e comunidades de bens, presentarase debidamente asinado por todos e cada un dos seus compoñentes o anexo III e deberán presentar a acreditación da persoa física que as representa.

a.6) No caso de CMVMC, certificado do acordo tomado en asemblea xeral, asinado polo secretario, conforme autorizan que o presidente da CMVMC solicite as primas á consellería competente no medio rural para a execución das accións obxecto da solicitude.

a.7) No caso doutras entidades xurídicas (cooperativas asociacións, agrupacións, etc.), acreditación da persoa física que as representa e anexo IV debidamente cuberto. Tamén deberán presentar copia dos estatutos ou escrituras de constitución, no caso de non telos presentado con anterioridade e para o cal no impreso de solicitude se deberá indicar o órgano, procedemento e ano de presentación.

b) Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria presentarase tamén por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

3. Se a presentación desta documentación se realiza presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se deben presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante (se for o caso).

d) DNI/NIE da persoa cesionaria (se for o caso).

e) NIF da entidade cesionaria (se for o caso).

f) Estar ao día do pagamento coa Seguridade Social a persoa solicitante e, se for o caso, a persoa cesionaria.

g) Estar ao día do pagamento de obrigas tributarias (AEAT) a persoas solicitante e, se for o caso, a persoa cesionaria.

h) Estar ao día do pagamento coa Xunta de Galicia a persoa solicitante e, se for o caso, a persoa cesionaria.

i) Estar inhabilitada a persoa solicitante para obter subvencións públicas.

j) Ter recibido a persoa solicitante axudas pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I e, se for o caso, no anexo VI, e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Tramitación

1. O órgano competente para tramitar esta orde de primas son a subdirección xeral responsable dos recursos forestais e os servizos provinciais responsables dos recursos forestais.

2. As solicitudes presentadas enviaranse, revisaranse e codificaranse nos servizos provinciais responsables dos recursos forestais.

3. Os servizos provinciais responsables dos recursos forestais examinarán as solicitudes presentadas e requirirán aos solicitantes que, no prazo máximo de dez días hábiles, acheguen a documentación non presentada e, no caso de que as solicitudes conteñan defectos ou omisións, as emenden, conforme se establece no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Neste requirimento indicarase ademais que, se non se fixer, se terá o solicitante por desistido da súa petición, logo de notificación nos termos que se recollen no artigo 21 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Posteriormente, a subdirección xeral responsable dos recursos forestais, dado que se trata dun procedemento de concorrencia non competitiva, emitirá un informe onde se reflictan as solicitudes e formulará a proposta de resolución que, de acordo co artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, elevará ao director xeral responsable da ordenación forestal para que, pola súa vez, a eleve ao conselleiro responsable do Medio Rural para a súa aprobación e posterior execución das actuacións.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de tres meses, contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo para a presentación de solicitudes. Este prazo poderase ampliar segundo o indicado no artigo 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de non se ditar resolución expresa no prazo indicado, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 21 e 25 da mesma lei.

6. As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro responsable do medio rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

Artigo 13. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, agás o indicado no número 6 deste artigo.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Malia o establecido nos anteriores números, e de conformidade co establecido no artigo 45 da indicada Lei 39/2015, as notificacións das resolucións de aprobación e denegación destas axudas realizaranse mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como a indicación das causas da desestimación e expresaranse, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, órgano administrativo ou xudicial ante o cal deben presentarse e o prazo para interpolos.

7. Na notificación de concesión da axuda informarase os beneficiarios de que a operación se financia en virtude dun programa cofinanciado polo Feader, así como da medida e da prioridade do PDR de que se trata.

Artigo 14. Solicitude de pagamento

A solicitude de pagamento e a xustificación dos traballos presentaranse coa solicitude única da PAC de cada ano, de acordo coa orde anual da convocatoria que regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e a gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.

Artigo 15. Execución e certificación dos traballos

1. A data límite de xustificación dos traballos é a establecida no artigo 14 e só serán subvencionables os investimentos que se realicen e cuxo gasto (factura) e pagamento (xustificante de pago) se xustifiquen de acordo co indicado no anexo VII desta orde.

2. No caso de cesión do dereito de cobramento da prima cun terceiro, deberase presentar a seguinte documentación:

a) Comunicación do dereito de cobramento, conforme o modelo que figura no anexo VI desta orde.

b) Copia do documento público ou privado polo cal se formalizou a cesión. Se o documento é privado, deberase presentar copia da declaración do imposto de actos xurídicos documentados, e, se o documento non se asina electronicamente, deberá ser asinado en presenza dun funcionario público, o cal deixará constancia deste acto no dito documento.

3. A prima definitiva será a resultante da comprobación final realizada por funcionarios da consellería competente no medio rural. A raíz desa comprobación, deberase modificar á baixa a cantidade aprobada inicialmente sempre que se realizase un menor número de unidades de obra das aprobadas.

Artigo 16. Revogacións e reintegros

1. A prima revogarase ou reintegrarase, se for o caso, total ou parcialmente, se se dá algún dos seguintes supostos:

En xeral:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) Por incumprimento das disposicións legais de aplicación, ocultar ou falsear datos ou destinar as primas a fins distintos aos sinalados na solicitude.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente, segundo o establecido nesta orde, na Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas nas leis 9/2007, de subvencións de Galicia, e 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, respectivamente.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables rexistrais ou de conservación de documentos, cando signifique a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade remitidas de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se alcancen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

h) Incumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención.

i) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

E, en particular:

j) Execución de menos do 80 % das accións previstas sen autorización previa ou causa xustificada excepcional ou de forza maior. Para estes efectos considéranse causas excepcionais ou de forza maior o falecemento da persoa beneficiaria, a incapacidade laboral de longa duración da persoa beneficiaria, unha catástrofe grave que afecte gravemente a explotación forestal, unha enfermidade vexetal que afecte unha parte ou a totalidade da masa arbórea da persoa beneficiaria, ou a expropiación da totalidade ou dunha parte importante da explotación forestal, se esta expropiación non era previsible o día en que se presentou a solicitude.

k) Incumprimento dos prazos para realizar os traballos subvencionados fixados na notificación de aprobación do expediente ou, se é o caso, da prórroga concedida.

l) Modificacións graves das accións previstas, de forma que desvirtúen os obxectivos descritos nesta orde.

m) Incumprimento do ditado en calquera dos artigos desta orde que impliquen obrigas por parte do beneficiario.

Nestes supostos, a consellería reclamará directamente a devolución das cantidades aboadas en concepto de axudas e os xuros de demora que se calcularán conforme a normativa vixente, en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución, sen prexuízo das responsabilidades a que houber lugar.

Se se descobre que un beneficiario efectuou deliberadamente unha declaración falsa, o expediente de prima de que se trate quedará excluído da axuda do Feader e recuperaranse todos os importes que fosen aboados polo devandito expediente. Ademais, o beneficiario quedará excluído da axuda para a medida en cuestión durante o exercicio do Feader de que se trate e durante o exercicio do Feader seguinte.

Artigo 17. Controis

1. A consellería competente no medio rural realizará os controis sobre o terreo, así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das primas concedidas.

2. O beneficiario e o cesionario do dereito de cobramento, se for o caso, comprométense a someterse ás actuacións de control que deba efectuar a consellería competente no medio rural, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvenciones e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás instancias comunitarias de control derivadas da aplicación dos regulamentos de execución (UE) nº 808/2014 e 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014.

3. Seralles de aplicación ás primas recollidas nesta orde e non se poderá efectuar ningún pagamento sen que antes se realizasen os controis establecidos no punto 4 desta orde, así como o réxime de controis, reducións e exclusión reguladas no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural. Así mesmo, será de aplicación o Regulamento delegado (UE) 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, polo que se completa o Regulamento (UE) 1306/2013, do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas.

4. A consellería competente no medio rural, ao abeiro do establecido no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, realizará controis administrativos de todas as solicitudes de prima e de pagamento con respecto a todos os aspectos que sexa posible controlar en relación coa admisibilidade da solicitude, así como, controis sobre o terreo antes do pagamento final dunha mostra que represente ao menos o 5 % do gasto público de cada ano civil.

Artigo 18. Financiamento

1. As accións previstas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.713B.770.0, CP 2016 00207, por un importe total de 2.160.000 €, 720.000 € para o ano 2019, 720.000 € para o ano 2020 e 720.000 € para o ano 2021.

2. Esta orde tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

3. Este orzamento pode verse incrementado con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias. A consellería competente no medio rural poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde, cando o incremento derive:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

4. Estas primas financiaranse con cargo ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia, cunha achega do Feader do 75 %, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 7,5 % e da Xunta de Galicia do 17,5 %.

Artigo 19. Infraccións e sancións

En materia de infraccións e sancións será de aplicación o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Regulamento (UE) 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, polo que se completa o Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade e no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade. Así mesmo, tamén serán de aplicación as circulares de coordinación do Fondo Español de Garantía Agraria relativas ao plan nacional de controis das medidas desenvolvemento rural establecidas no sistema integrado de xestión e control do período 2014-2020 e que figuran publicadas na páxina web dese organismo.

Artigo 20. Alteración de condicións

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, para a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 21. Obrigas

1. O beneficiario da prima está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida polos órganos de control da consellería competente no medio rural, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Tribunal de Contas e Consello de Contas, e as instancias de control comunitarias no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas e a levar un sistema de contabilidade separado, ben como un código contable adecuado para todas as transaccións relativas ás primas solicitadas ao abeiro desta orde.

2. O solicitante e o beneficiario están obrigados a realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

Artigo 22. Comprobacións

1. A solicitude non implica ningún dereito para o peticionario mentres non exista resolución favorable á petición.

2. A Dirección Xeral de Ordenación Forestal, como órgano xestor, antes de levar a cabo a valoración das solicitudes de prima, comprobará que os beneficiarios cumpren coas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social. No caso de concesión da prima, esta comprobación tamén se levará a cabo antes de cada pagamento.

Artigo 23. Medidas informativas e publicitarias

1. Nos instrumentos de información e difusión que utilice a consellería competente no medio rural farase constar que estas axudas están cofinanciadas nun 7,50 % pola Administración xeral do Estado, nun 17,50 % pola Xunta de Galicia e nun 75 % polo fondo Feader.

2. Conforme o establecido no Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo, pola que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e a súa posterior modificación mediante o Regulamento de execución (UE) nº 669/2016 da Comisión do 28 de abril, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo III do referido regulamento.

Así, en todas as actividades de información e comunicación que se desenvolvan, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Feader mostrando:

a) O emblema da Unión.

b) Unha referencia á axuda do Feader.

Durante a realización da operación, o beneficiario informará o público da axuda obtida do Feader da seguinte forma:

a) Presentando no sitio web do beneficiario para uso profesional, no caso de que exista tal sitio, unha breve descrición da operación cando se poida establecer un vínculo entre o obxecto do sitio web e a axuda prestada pola operación, en proporción ao nivel de axuda cos seus obxectivos e resultados e destacando a axuda financeira da Unión.

b) No caso de operacións que reciban unha axuda pública total superior a 50.000 euros, colocando ao menos un panel ou unha placa con información sobre o proxecto e cos requisitos especificados no anexo VIII, onde se destaque a axuda financeira recibida da Unión, nun lugar ben visible para o público, onde se destaque a axuda financeira recibida da Unión, así como a bandeira europea e o lema «Feader: Europa inviste no rural», nun lugar ben visible para o público.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das primas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas primas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a suministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

As primas que se concedan nestas bases reguladoras son incompatibles coas axudas para o cesamento anticipado da actividade agraria e con calquera outra axuda de mantemento da plantación concedida sobre a mesma superficie nos anos 2019, 2020 ou 2021.

Disposición adicional segunda

No non previsto nesta orde observarase o disposto no Regulamento (UE) nº 1305/2013, no Regulamento de execución (UE) nº 808/2014, no Regulamento de execución (UE) nº 809/2014, no Regulamento de execución (UE) nº 1242/2017 da Comisión, do 10 de xullo de 2017, que modifica o Regulamento de execución (UE) nº 809/2014, no Regulamento delegado (UE) nº 640/2014, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, teranse en conta as circulares de coordinación ditadas polo Fondo Español de Garantía Agraria 4/2018 relativa ao Plan nacional de controis das medidas de desenvolvemento rural establecidos no ámbito do sistema integrado do período 2014-2020, e a 32/2016, que establece os criterios xerais para a aplicación de reducións, sancións e exclusións nas medidas de desenvolvemento rural establecidas no ámbito do sistema integrado do período 2014-2020.

Disposición adicional terceira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería do Medio Rural, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o director xeral responsable da ordenación forestal para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para a aplicación ou o cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2018

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V

Limitacións de uso e condicións técnicas mínimas dos traballos

Traballo

Limitacións de uso

Condicións técnicas mínimas que deben cumprir os traballos

Roza manual

• Pendentes superiores ao 35 %.

• Zonas en que se xustifique a imposibilidade de realizar traballos mecanizados.

• A altura do mato, unha vez rozado, non superará os 10 cm.

Roza mecánica

• Pendentes iguais ou inferiores ao 35 %, agás xustificación técnica.

• A altura do mato, unha vez rozado, non superará os 10 cm.

Tratamento fitocida

• Non utilizar en zonas de valgada.

• Utilizar produtos sistémicos non residuais.

Labra superficial

• Vexetación herbácea.

• Pendentes comprendidas entre 0-15 %.

• Profundidade da labra maior de 20 cm.

Compartimentos picados

• Pendentes superiores ao 35 %.

• Zonas en que se xustifique a imposibilidade de realizar traballos mecanizados.

• Dimensións mínimas de 30×30×30 cm.

Buratos manuais

• Pendentes superiores ao 35 %.

• Zonas en que se xustifique a imposibilidade de realizar traballos mecanizados.

• Dimensións mínimas de 40×40×40 cm.

Subsolaxe lineal

• Pendentes comprendidas entre 0-35 %.

• Traballarase no sentido que permita a posterior mecanización dos traballos de mantemento.

• Levantarase o ripper 2 m cada 10 m en caso de pendentes maiores do 20 %.

• Profundidade maior de 50 cm.

Aburatamento mecanizado con bulldózer

• Xustificar a súa utilización en pendentes inferiores ao 35 %.

• Profundidade do labor ao final do burato, medida desde o nivel do solo sen alterar, maior de 50 cm.

• Lonxitude total do burato, incluído o burato e o lombeiro de terra sacada do burato, comprendida entre 150-200 cm.

• Anchura superficial no comezo do burato, medido ao nivel do chan sen alterar, maior de 40 cm.

• Largura superficial ao final do burato, medido ao nivel do chan sen alterar, maior de 60 cm.

Camallón con desfonde lineal

• Zonas con alagamentos.

• Só se fará cando a realización dos traballos non produza a inversión de horizontes (horizonte A de profundidade maior de 50 cm).

• Realizarase mediante a pasada de polo menos dous vesos.

• Profundidade do corte da arada, medida desde o nivel do chan sen alterar, maior de 40 cm.

• Largo total do camallón, incluíndo o suco e o lombeiro vesado, maior de 150 cm.

Aburatamento mecanizado con excavadora

• Plantación de frondosas de altura maior de 100 cm.

• Dimensións mínimas de 60×60×60 cm.

• Pendente máxima do 30 %.

• Terreo non pedregoso.

Fertilización completa

• Realizarase con fertilizantes CEE ou UE, de aplicación localizada e liberación lenta, adaptados ás características edafolóxicas da zona de plantación, co fin de evitar a contaminación dos acuíferos.

• Os fertilizantes poderán aplicarse en forma de pastillas ou cápsulas resinadas.

Área de defensa contra incendios forestais

• Obrigatoria, agás xustificación técnica, no caso de CMVMC, sociedades e agrupacións e de propietarios ou outros.

• Terán un largo mínimo de 10 m.

• Terán unha franxa central de 5 metros con decapaxe ata o solo mineral e dúas franxas laterais de polo menos 2,5 metros de largo nas cales se realizará unha roza a feito.

• No caso de coincidir no perímetro unha pista forestal, débese realizar unha roza nunha franxa de largo igual ao resultado de restar a 10 metros o largo da pista en metros.

• Procurarase integrar noutras existentes.

• Efectuaranse cortas transversais, cunha pendente lonxitudinal do 2 % e distanciadas 50 m a partir das pendentes daquelas superiores ao 20 %.

missing image file

ANEXO VII

Instrución para a presentación dos xustificantes de gasto e de pagamento
das actuacións elixibles

1. Xustificantes de gasto. As facturas deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

– Número e, se é o caso, serie.

– Data da súa expedición.

– Nome e apelidos, razón ou denominación social completa, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

– Número de identificación fiscal atribuído pola Administración española ou, se é o caso, pola doutro Estado membro da Comunidade Europea, con que realizase a operación o obrigado a expedir a factura.

– Domicilio, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

– Descrición das operacións. Consignaranse todos os datos necesarios para determinar a base impoñible do imposto correspondente a aquelas e o seu importe, incluíndo o prezo unitario sen imposto das ditas operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estea incluído no dito prezo unitario.

– O tipo impositivo ou tipos impositivos, se é o caso, aplicados ás operacións.

– A cota tributaria que, se é o caso, lle repercuta, deberá consignarse por separado.

– A data en que se efectuasen as operacións que se documentan, sempre que se trate dunha data distinta á de expedición da factura.

– No caso de que unha operación estea exenta ou non suxeita ao IVE, especificarase o artigo da normativa referida ao IVE que así o recoñece.

– Só se considerará elixible a base impoñible que figure na factura.

– Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets, xustificantes de recepción nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tales ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

–A factura da planta utilizada ten que estar expedida por un viveiro autorizado e tamén se admitirán as facturas emitidas por comercializadores que veñan acompañadas da copia cotexada da factura do viveiro autorizado ao comercializador. No caso de enxertía, na factura figurará a procedencia da variedade empregada para o enxerto.

2. Xustificantes do pagamento efectivo. A xustificación do pagamento realizarase con copia dalgún documentos que se relacionan a seguir:

a) Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria, etc.), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura. No caso de que o xustificante bancario sexa transferencia bancaria, estará selado pola entidade bancaria.

b) Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio, etc.), achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil e coa documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o antedito efecto foi efectivamente pagado dentro do prazo de xustificación.

c) No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto del.

d) No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento e irá xunto cunha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

e) No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberá identificarse claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

f) No caso de facturas en moeda estranxeira, deben achegarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

ANEXO VIII

Carteis e placas

Os modelos de carteis e placas que os beneficiarios de axudas Feader deben utilizar para cumprir coas obrigas recollidas no artigo 23 adaptaranse ao seguinte formato estándar, no cal o emblema da Unión Europea e a denominación do fondo, conxuntamente co lema, ademais da descrición do proxecto ou operación, deberán ocupar como mínimo o 25 % do deseño.

missing image file

Axuda pública total

Cartel

Placa

>50.000 €

Dimensión mínima (A)

100 cm

30 cm

Altura mínima

130 cm

-

Tanto os carteis como as placas serán de material resistente (ríxido ou semirríxido), sen que sexa admisible a simple impresión en papel. Colocaranse sempre nun lugar visible ao público.

O elemento publicitario debe manterse, polo menos, durante un prazo idéntico ao do compromiso que adquire o beneficiario ao recibir a subvención.