Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Venres, 1 de febreiro de 2019 Páx. 6760

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería do Mar

ORDE do 21 de xaneiro de 2019 pola que se dispón o nomeamento dun vogal suplente do Consello Reitor da entidade pública empresarial Portos de Galicia.

O Consello Reitor é o órgano superior colexiado de dirección da entidade pública empresarial Portos de Galicia, tal como determina o artigo 13 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia. A súa disposición transitoria novena, engadida polo artigo 17 da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, dispón que mentres non se estableza regulamentariamente o número de vogais do Consello Reitor, a composición do dito órgano e o réxime de substitucións serán os establecidos nos artigos 10 e 11 do Regulamento de Portos de Galicia, aprobado polo Decreto 227/1995, do 20 de xullo, e que o nomeamento dos vogais realizarao a persoa titular da consellería competente en materia de portos, conforme dispón o artigo 13.2 da Lei 6/2017, do 12 de decembro.

O artigo 10 do regulamento, no seu número 4, sinala que dos sete vogais representantes dos sectores económicos relacionados coas actividades portuarias no Consello Reitor, tres serano en representación das confrarías de pescadores ou asociacións de produtores, un por cada provincia costeira. Sinala tamén que cada unha das federacións provinciais de confrarías de pescadores proporanlle ao presidente da entidade pública empresarial Portos de Galicia un máximo de dous vogais.

Polo exposto, no exercicio da facultade atribuída, recibida proposta de nomeamento de vogal suplente representante no Consello Reitor da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra en representación dos sectores económicos relacionados coas actividades portuarias, por proposta do presidente da entidade pública empresarial Portos de Galicia,

DISPOÑO:

O nomeamento de Juan Manuel Gregorio Vaqueiro como vogal suplente no Consello Reitor da entidade pública empresarial Portos de Galicia, en representación da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2019

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar