Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Martes, 5 de febreiro de 2019 Páx. 7318

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2018 pola que se convocan subvencións do Programa de infravivenda do Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, para o exercicio 2019.

O 24 de xaneiro de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 26 de decembro de 2017 pola que se establecían as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de infravivenda do Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, e se procedía á súa convocatoria para o ano 2018. A citada orde foi obxecto de modificación pola Orde do 20 de decembro de 2018 (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro de 2019).

Esta convocatoria axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Así mesmo, esta resolución suxéitase á tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos, con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, ao abeiro da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2019 habilítanse créditos para o financiamento das actuacións derivadas desta convocatoria.

De acordo coas competencias atribuídas no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na Orde do 26 de decembro de 2017,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar, para o exercicio 2019, as subvencións para o Programa de infravivenda do Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020; código de procedemento VI406A.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 16 das bases reguladoras.

Segundo. Bases reguladoras

As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras publicadas establecidas pola Orde do 26 de decembro de 2017, publicadas no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 17, do 24 de xaneiro de 2018, modificada pola Orde do 20 de decembro de 2018 (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro de 2019).

Terceiro. Finalidade da subvención

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes para que poidan axudar con carácter urxente as unidades de convivencia que residan, en condicións de propietarias, nunha edificación ou nunha vivenda que se encontre en mal estado de conservación e non dispoñan de recursos para acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade.

Así mesmo, estas subvencións terán por obxecto permitir aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes rehabilitaren edificacións ou vivendas do seu patrimonio municipal para destinalos a solucionar os problemas de residencia de unidades de convivencia que cumpran os requisitos fixados nesta resolución.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451A.760.0, por importe de 200.000 euros, e con cargo á anualidade 2019 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) e terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Quinto. Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data de publicación desta convocatoria.

2. Para poderen ser beneficiarios destas subvencións, os concellos deberán ter cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano da convocatoria, en que o seu prazo de presentación estea vencido.

3. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se encontren nalgún dos supostos previstos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Tampouco poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que, téndoselles concedido unha subvención en virtude deste programa dentro dos dous anos anteriores a esta convocatoria, non a xustificasen debidamente e non renunciasen a ela no prazo dun mes, contado desde a data de notificación da resolución de concesión.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e terminará cando se esgote a partida orzamentaria contida nesta convocatoria e, en todo caso, o día 31 de maio de 2019.

Sétimo. Solicitudes

1. A solicitude de concesión realizarase conforme o modelo que se incorpora como anexo I desta convocatoria. Deberase dirixir á área provincial do IGVS onde estea situada a edificación ou a vivenda.

2. No caso de que os concellos pretendan financiar varias actuacións a través desta convocatoria, deberán presentar unha solicitude para cada unha delas.

3. A solicitude deberá formalizala, en representación do concello, a persoa titular da Alcaldía ou a persoa en quen esta delegue.

4. As solicitudes deberanse presentar por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algún dos concellos interesados presenta a súa solicitude presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

No modelo de solicitude realizaranse as seguintes declaracións:

a) Declaración das axudas solicitadas ou obtidas de calquera entidade pública ou privada ou, de ser o caso, declaración de que non solicitou nin obtivo outras axudas para a mesma finalidade. No caso de que solicitase ou obtivese outras axudas para a mesma finalidade, deberase indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade.

c) Declaración de non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas.

d) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

e) Compromiso, no caso de edificacións do patrimonio municipal, de destinar a edificación rehabilitada, durante un prazo non inferior a cinco anos, contado desde a finalización das obras, a solucionar os problemas de residencia de unidades de convivencia que cumpran os requisitos previstos nas bases reguladoras.

f) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Declaración de que todos os datos consignados na solicitude, así como os documentos que se acheguen, son certos.

Oitavo. Documentación complementaria

Coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Certificado do acordo municipal de solicitar a subvención ao IGVS, aceptando os termos da convocatoria, de conformidade coa memoria, o orzamento e o prazo de execución propostos na documentación que se xunta á solicitude.

b) Para o suposto de que a vivenda sexa de titularidade privada, o anexo II de autorización das persoas propietarias do inmoble, membros da unidade de convivencia, para que o concello execute as obras de rehabilitación, así como o compromiso de dedicar a vivenda a domicilio habitual e permanente da unidade de convivencia durante un prazo non inferior a cinco anos, contado desde a finalización das obras.

c) Certificado da Secretaría municipal en que se acredite terse cumprido os requisitos recollidos no artigo 6.1.b) e 6.2 das bases reguladoras.

d) Memoria relativa á infravivenda obxecto das actuacións. Esta memoria deberá conter a seguinte documentación:

1. Informe social sobre as circunstancias persoais, así como das económico-sociais de cada un dos membros da unidade de convivencia. No caso de tratarse dunha infravivenda de titularidade municipal, que aínda non estea ocupada por unha unidade de convivencia, non se presentará este informe.

2. Informe asinado pola persoa técnica municipal relativo á localización da infravivenda, das súas características e do seu estado de deterioración. Este informe deberá ir acompañado dunha reportaxe fotográfica en cor da edificación ou vivenda e dunha xustificación da necesidade e idoneidade das actuacións propostas.

3. Memoria da actuación proposta, do orzamento de execución material e do calendario de execución.

4. Informe da persoa técnica municipal de que as actuacións propostas cumpren coa lexislación vixente.

5. Informe municipal sobre o financiamento da actuación que xustifique a súa viabilidade.

6. Certificado do correspondente órgano do concello de que o nivel de renda da unidade de convivencia das persoas beneficiarias entra dentro dos criterios establecidos nesta resolución. No caso de tratarse dunha infravivenda de titularidade municipal, que aínda non estea ocupada por unha unidade de convivencia, non se presentará este certificado.

7. No caso de tratarse dunha vivenda de titularidade municipal, certificado da Secretaría municipal en que se acredite que a edificación ou vivenda obxecto de rehabilitación é de titularidade municipal.

8. No caso de que a edificación ou vivenda pertenza a algún dos membros da unidade de convivencia, certificado da Secretaría municipal en que se acredite a propiedade da edificación ou da vivenda obxecto de rehabilitación.

Noveno. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade ou número de identidade de estranxeiro da persoa representante, que será quen exerza a titularidade da Alcaldía ou da persoa en quen este delegue.

b) Número de identificación fiscal do concello.

2. Cando os concellos interesados se opoñan a estas consultas, deberán facelo constar no correspondente recadro habilitado para tal efecto na solicitude e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar aos concellos interesados que presenten os documentos correspondentes.

Décimo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que os concellos deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo primeiro. Órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da área provincial do IGVS en que estea situado o concello solicitante.

2. A competencia para resolver correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Décimo segundo. Resolucións de concesión

1. O procedemento de concesión realizarase segundo o establecido nas bases reguladoras.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous (2) meses, contados desde a data de presentación da solicitude. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima o concello interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. Contra a resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución ou desde que se teña presuntamente desestimada a solicitude.

Décimo terceiro. Xustificación da subvención

A xustificación da subvención realizarase de acordo co establecido no artigo 20 das bases reguladoras.

Décimo cuarto. Obrigas dos concellos

Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas dos concellos beneficiarios as seguintes:

1. Executar as actuacións subvencionadas nas condicións e nos prazos indicados que consten na resolución de concesión.

2. Destinar a vivenda rehabilitada a solucionar os problemas de infravivenda durante un prazo non inferior a cinco anos, contados desde a finalización das obras, para o caso de que a edificación ou vivenda sexa de propiedade municipal.

3. Acreditar documentalmente ao IGVS a efectividade dos pagamentos realizados nos prazos establecidos no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

4. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

5. Dar a adecuada publicidade de que as actuacións están subvencionadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do IGVS.

6. Subministrar ao IGVS, logo de requirimento para o efecto, de conformidade co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo quinto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e demais actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles aos concellos interesados avisos da posta á disposición das notificacións mediante un correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten na solicitude para estes efectos. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, o IGVS efectuará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo sexto. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recollidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-IGVS coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e esta circunstancia reflectirase no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nesta norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Décimo sétimo. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo oitavo. Eficacia

Esta resolución producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivienda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file