Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Martes, 5 de febreiro de 2019 Páx. 7430

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 28 de decembro de 2018, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e a documentación de solicitude de autorización ambiental integrada presentados por Lamaga, S.L., para a ampliación dunha explotación de recría de galiñas e galos para reprodución en Míllara, no concello de Baltar (expediente 2017-IPPC-I-91).

Para os efectos previstos no Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316, do 31.12.2016), e no artigo 36 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental (BOE núm. 296, do 11.12.2013), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposto a seguinte documentación:

– «Autorización ambiental integrada. Proxecto básico e estudo de impacto ambiental. Ampliación de explotación avícola de recría de ponedoras para 60.165 aves».

Para que calquera interesado poida consultalos e, se é o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que xulgue convenientes, o documento estará á súa disposición, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático:

– Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 2º andar, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderase acceder a esta información na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, http://cmaot.xunta.gal/busca-de-expedientes-da-autorizacion-ambiental-integrada.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2018

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO I

Memoria resumo

Clave do expediente: 2017-IPPC-I-91.

Peticionaria: Lamaga, S.L.

CIF: B32323610.

Enderezo social: Centro de Procesado Avícola (CPA), Santa Cruz de Arrabaldo, s/n, Ourense.

Localización da instalación: Míllara-Garabelos, concello de Baltar (Ourense)

Actividade: explotación avícola de recría de aves para reprodución con 2,2 ciclos produtivos ao ano. O ciclo produtivo comenza coa chegada das aves ás instalacións cun día de vida e permanecen ata as 16-18 semanas, para ser trasladadas posteriormente a outras explotacións para o inicio da posta. Ao remate de cada ciclo realizase a retirada do esterco e a desinfección das naves.

Descrición: o proxecto consiste na ampliación da explotación para aumentar a súa capacidade produtiva total en 60.165 aves (52.290 galiñas de recría e 7.875 galos). Na actualidade a instalación conta cunha nave de galiñas de recría e proxéctase a construción de dúas naves para galiñas recría e unha terceira nave para galos. Ademais construirase un corredor de comunicación de todas as naves, unha edificación anexa (almacén, vestiarios e oficinas), unha esterqueira (900 m³), 4 depósitos estancos para almacenar as aguas residuais producidas e 8 silos. Coa ampliación a explotación tamén contará cun grupo electróxeno que entrará en funcionamento en caso de faio na subministración eléctrica, cunha caldeira de gas propano (22 m³) para abastecer ao sistema de calefacción e cun panel solar (2,17 m²) situado na cuberta da edificación anexa para dotar de auga quente a baños e aseos.

Verteduras: as aguas residuais xeradas procedentes de aseos e vestiarios, aguas de limpeza, vao sanitario e lixiviados da esterqueira irán todas a depósitos estancos con capacidades de 8 m³, 15 m³, 2 m³ e 36 m³ respectivamente, que se construirán coa ampliación. As augas pluviais verteranse directamente ao terreo.

O esterco producido será valorizado coma combustible nunha caldeira policombustible para a xeración de vapor industrial.

Inclúese na documentación presentada o grao de implantación das mellores técnicas dispoñibles, atendendo ao recollido na Decisión de execución (UE) 2017/302 da Comisión do 15 de febreiro de 2017 pola que se establecen as conclusións sobre as mellores técnicas dispoñibles (MTD) no marco da Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello respecto á cría intensiva de aves de curral ou de porcos.