Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Xoves, 14 de febreiro de 2019 Páx. 9335

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 21 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas urxentes de tipo social (AUXS) para evitar os cortes de subministración eléctrica aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento IN414D).

BDNS: (Identif.): 439452.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan a consideración de consumidor vulnerable severo en risco de exclusión social. Terán esta consideración aquelas persoas que reúnan os requisitos para ser consumidor vulnerable severo establecidos no artigo 3 do Real decreto 897/2017, do 6 de outubro, polo que se regulan a figura do consumidor vulnerable, o bono social e outras medidas de protección para os consumidores domésticos de enerxía eléctrica, cos límites de renda establecidos no punto 4 do citado artigo e, ademais, estean en risco de exclusión social. Esta situación deberá estar acreditada mediante certificado ou informe social expedido polos servizos sociais correspondentes.

Segundo. Obxecto

Pagamento da factura eléctrica aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social para asegurar a este colectivo o acceso continuado á subministración de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 21 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas urxentes de tipo social (AUXS) para evitar os cortes de subministración eléctrica aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social, publicada no DOG do 14 de febreiro de 2019.

Cuarto. Contía

A dotación orzamentaria é de 1.300.000 euros.

Importe máximo por solicitante de 300 euros/ano ou de 450 euros/ano no caso de familias numerosas.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Comezará o día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2019.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria