Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Venres, 15 de febreiro de 2019 Páx. 9566

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 10 de xaneiro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria (código de procedemento IN421L).

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas renovables calou de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo, prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) xa contén na súa lei de creación –Lei 3/1999, do 11 de marzo– unha referencia expresa ao fomento destas actividades, concretada mediante o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, á mellora do aforro e a eficiencia enerxética, ao fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, á óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente, prevé a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

Para desenvolver os obxectivos anteriores, e na procura de incentivar o coidado do medio natural e o aumento da competitividade da actividade de produción agrícola primaria en Galicia, o Inega establece este sistema de subvencións, complementario aos creados por outras entidades públicas, relacionados con proxectos que fomenten a xeración e aproveitamento de enerxía procedente de fontes renovables. As actuacións que se van desenvolver enmárcanse dentro das Directrices enerxéticas de Galicia 2018-2020 e da Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3), que alude á utilización do aforro e eficiencia enerxética e ao fomento de enerxías renovables, en especial a biomasa, como instrumento para a mellora da competitividade e o fomento do emprego.

Esta convocatoria de axudas financiarase con cargo aos orzamentos do Inega para o ano 2019 e o importe total asignado a esta convocatoria ascende a 1.720.000 euros.

Como un dos órganos encargados de desenvolver a política enerxética da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, o Inega considera de máximo interese potenciar as actuacións de mellora do aforro e a eficiencia enerxética, as enerxías renovables e a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores en Galicia.

Por todo o anterior, en virtude do disposto nos artigos 7.1 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións a proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria e convocar a todos aqueles interesados en solicitalas en función do establecido nelas.

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para instalar equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución (código de procedemento IN421L).

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude e ata o esgotamento do crédito, do cal se dará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover aqueles que fomenten a xeración e aproveitamento de enerxía procedente de fontes renovables e o fomento do aforro e eficiencia enerxética que, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases, se poidan levar adiante en Galicia. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos en todo momento, o que mantén a posibilidade de solicitude aberta de maneira continuada.

3. As axudas obxecto destas bases están suxeitas ás condicións que se establecen no capítulo I do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías), publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014.

Cando se trate de proxectos de enerxías renovables, a presente convocatoria refírese ás que aparecen definidas dentro da sección 7 do capítulo III como axudas ao investimento destinadas á promoción da enerxía procedente de fontes renovables (artigo 41.a) ou b).

Cando se trate de proxectos de aforro e eficiencia, a presente convocatoria refírese ás axudas que aparecen definidas dentro da sección 7 do capítulo III como axudas ao investimento destinadas a medidas de eficiencia enerxética (artigo 38).

Artigo 2. Actuacións que se subvencionan

1. Poderán obter dereito a subvención todas aquelas actuacións descritas nos artigos 6 ou 7 e nos anexos I e II destas bases que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez que se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará no prazo previsto no artigo 24.

Para os efectos destas bases, enténdese por inicio dos traballos, conforme a definición recollida no artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, ou ben o inicio dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido de equipamentos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible, se esta data é anterior. A merca de terreos e os traballos preparatorios, como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

2. O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable debe ser de 5.000 euros por actuación (IVE non incluído).

3. Cada empresa poderá presentar unha ou máis solicitudes. Cada solicitude incluirá un único proxecto técnico, que pode constar dunha soa actuación ou de varias actuacións homoxéneas executadas nunha mesma localización e que se valorarán de maneira conxunta. Considéranse actuacións homoxéneas aquelas que integren varios equipos da mesma tecnoloxía renovable/eficiente nunha mesma localización. As actuacións homoxéneas deberán ser cursadas nunha única solicitude por localización.

Considérase actuacións non homoxéneas e que, polo tanto, deben cursarse en solicitudes independentes a combinación de proxectos de distintas tecnoloxías.

4. As actuacións deberán cumprir coa normativa vixente que lles sexa de aplicación, así como contar coas preceptivas licenzas e autorizacións administrativas no caso de que actuación o requira.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2019 e imputaranse ás aplicacións orzamentarias 09.A2.733A.770.0. e 09.A2.733A.770.1. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 1.720.000 €.

O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxecto será o seguinte:

Distribución por liña de axuda

Aplicación orzamentaria

Total (€)

RT-Proxectos de enerxías renovables térmicas

09.A2.733A.770.1

400.000,00

RE-Proxectos de enerxías renovables eléctricas

09.A2.733A.770.1

1.120.000,00

PAE-Proxectos de aforro e eficiencia enerxética

09.A2.733A.770.0.

200.000,00

Total

1.720.000,00

O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser redistribuído se, pasados dous meses desde a apertura do prazo de solicitudes nalgunha das epígrafes, non se rexistran solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles e noutra das epígrafes existe listaxe de espera.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria.

O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 31.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios fixados nestas bases.

De producirse a ampliación de crédito publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal).

3. Esta convocatoria tramitarase polo procedemento anticipado de gasto. O outorgamento das subvencións quedará condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases:

a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídos no sector de produción agrícola primaria.

Para os efectos desta resolución, consideraranse sector de produción agrícola primaria as actividades incluídas na sección A e, en concreto, as clases da 1.11 á 02.40 do CNAE-2009, ambas incluídas. Tamén serán subvencionables as actividades recollidas no IAE que se correspondan con estas clases do CNAE 2009.

Para os efectos destas bases, defínese empresa conforme o recollido no artigo 1 do anexo I do Regulamento UE 651/2014.

b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e, en concreto, desenvolver algunha das actividades recollidas na letra anterior.

Pola contra, non poden ser centros consumidores de enerxía nin as persoas particulares (comunidades de propietarios) nin as empresas recollidas no artigo 5.

Contarase, en todo caso, co visto e prace do titular da instalación, por se dese lugar á modificación do contrato existente entre ambas as partes.

As empresas de servizos enerxéticos deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 56/2016 para o desenvolvemento da actividade profesional de provedor de servizos enerxéticos, e deberán estar incluídas na Listaxe de provedores de servizos enerxéticos regulada no capítulo III do citado real decreto.

Segundo a definición da Directiva 2006/32/CE, do 5 de abril, sobre a eficiencia do uso final da enerxía e dos servizos enerxéticos, e para os efectos destas bases, entenderase por empresas de servizos enerxéticos aquela persoa física ou xurídica que poida proporcionar servizos enerxéticos, na forma definida no paragrafo seguinte, nas instalacións ou locais dun usuario e afronte certo grao de risco económico ao facelo. Todo isto sempre que o pagamento dos servizos prestados se basee, xa sexa en parte ou totalmente, na obtención de aforros de enerxía por introdución de melloras da eficiencia enerxética e no cumprimento dos demais requisitos de rendemento convidos.

O servizo enerxético prestado pola empresa de servizos enerxéticos consistirá nun conxunto de prestacións, incluída a realización de investimentos inmateriais, de obras ou de subministracións necesarias para optimizar a calidade e a redución dos custos enerxéticos. Esta actuación poderá comprender, ademais da construción, instalación ou transformación de obras, equipamentos e sistemas, o seu mantemento, actualización ou renovación, a súa explotación ou a súa xestión derivados da incorporación de tecnoloxías eficientes. O servizo enerxético así definido deberá prestarse baseándose nun contrato, que deberá levar asociado un aforro de enerxía verificable, medible ou estimable.

Para as solicitudes tramitadas baixo a modalidade de empresas de servizos enerxéticos terase en conta a actividade asimilable ao centro de traballo en que se instalen.

2. As persoas ou entidades que resulten beneficiarias da subvención e con posterioridade contraten a xestión enerxética, total ou parcialmente, a unha empresa de servizos das definidas no número 1 deste artigo poderán solicitar a modificación da resolución de concesión no sentido de que pase a ser beneficiaria esta última. Para isto xuntarán unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda. Esta solicitude deberá presentarse, como mínimo, 20 días hábiles antes da finalización do prazo de xustificación do investimento do proxecto, e poderá dar lugar á minoración da axuda inicialmente outorgada tras a aplicación da metodoloxía de cálculo da axuda segundo o establecido nestas bases, no caso de que se produza unha variación do investimento elixible ou das características técnicas do proxecto.

Artigo 5. Persoas e entidades excluídas destas axudas

1. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

3. As empresas en crise están excluídas, excepto cando se trate de réximes de axudas destinados a reparar os prexuízos causados por determinados desastres naturais.

Para os efectos de considerar unha empresa en crise, entenderase por procedementos de insolvencia, de acordo co disposto no Regulamento (UE) 2015/848 do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de maio, sobre procedementos de insolvencia:

a) O Concurso de acredores.

b) O procedemento de homologación de acordos de refinanciamento.

c) O procedemento de acordos extraxudiciais de pago.

d) O procedemento de negociación pública para a consecución de acordos de refinanciamento colectivos, acordos de refinanciamento homologados e propostas anticipadas de convenios.

As empresas, ao cubrir o formulario de solicitude, declaran que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

Artigo 6. Proxectos de enerxías renovables que se subvencionan

1. Con carácter xeral, serán proxectos subvencionables os custos de investimento adicionais necesarios para fomentar a produción procedente de fontes renovables. Determinaranse do seguinte xeito:

a) Cando os custos do investimento na produción de enerxía procedente de fontes renovables se poida identificar nos custos totais do investimento como investimento separado, por exemplo, como compoñente engadido, facilmente identificable, a unha instalación xa existente, estes custos relacionados coa enerxía procedente de fontes renovables serán subvencionables.

b) En todos os demais casos, os custos do investimento na produción de enerxía procedente de fontes renovables identificaranse por referencia a un investimento similar, menos respectuoso co medio natural, que se puidese ter realizado de forma crible sen a axuda; a diferenza entre os custos de ambos os investimentos determinará o custo relacionado coa enerxía procedente de fontes renovables e será o custo subvencionable.

Neste sentido, os equipamentos de xeración eléctrica de centros de traballo conectados á rede eléctrica consideraranse na situación a), así como as instalacións de solar térmica que dispoñan dun sistema de apoio para garantir a produción. Considerase na situación b) o resto de instalacións subvencionables; así, para as instalacións de xeración eléctrica non conectadas á rede considerarase como investimento similar menos respectuoso co ambiente a instalación dun grupo electróxeno cuxo custo en euros se estima en 150 €/kW; e no caso de instalacións de xeración térmicas considérase como investimento menos respectuoso a instalación dun equipamento eléctrico, quentador de GLP ou dunha caldeira de gasóleo cuxo custo se estima en 40 €/kW de potencia térmica nominal, salvo para quentadores de aire, que se estima en 20 €/kW.

Co obxectivo de garantir o máximo aproveitamento enerxético do combustible e minimizar as emisións de substancias contaminantes á atmosfera, os equipamentos de xeración de calor deberán ser instalacións con avanzadas prestacións operativas, con elevados niveis de eficiencia enerxética e cun bo comportamento con respecto ao ambiente. As instalacións de xeración eléctrica tamén deberán cumprir estes mesmos requisitos.

2. No anexo I desenvólvense as distintas tipoloxías de proxectos renovables subvencionables. Para os efectos destas bases, considéranse enerxías renovables térmicas a biomasa, o biogás, a aerotermia, a xeotérmica e a solar térmica; e considéranse enerxías renovables eléctricas a fotovoltaica e a minieólica.

Artigo 7. Proxectos de aforro e eficiencia enerxética que se subvencionan

Nos proxectos de aforro e eficiencia enerxética considéranse custo elixible os custos de investimento adicionais necesarios para lograr un nivel máis elevado de eficiencia enerxética. Determinarase do seguinte xeito:

a) Cando os custos do investimento en eficiencia enerxética se poidan identificar nos custos totais do investimento como investimento separado, estes custos relacionados coa eficiencia enerxética serán subvencionables.

b) En todos os demais casos, os custos do investimento en eficiencia enerxética determinaranse por referencia a un investimento similar que implique menor eficiencia enerxética, que se podería realizar de maneira crible sen a axuda; a diferenza entre o custo de ambos os investimentos determinará o custo relacionado coa eficiencia enerxética e será o custo subvencionable.

Os custos dos proxectos que non estean directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de eficiencia enerxética non serán subvencionados. Non serán subvencionables aqueles proxectos con ratios de aforro enerxético anual de enerxía final inferiores a 1 kWh por € de investimento elixible por considerarse que a finalidade do investimento non é a consecución dunha maior eficiencia enerxética.

2. No anexo II desenvólvense as distintas tipoloxías de proxectos de aforro enerxético subvencionables.

Artigo 8. Custos subvencionables

1. Os proxectos que non cumpran cos requisitos técnicos mínimos recollidos nos artigos 6, 7 e nos anexos I e II non serán subvencionables.

2. Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables.

3. Non se admitirán no orzamento partidas alzadas; todas as partidas deberán levar as súas correspondentes medicións.

4. Considéranse custos subvencionables o prezo dos equipamentos, a súa montaxe e a posta en marcha.

5. Non se consideran custos subvencionables:

a) Os gastos de legalización.

b) O imposto sobre o valor engadido (IVE).

c) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.

e) Os gastos anteriores á presentación da solicitude. Por exixencia do efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) 651/2014, non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da presentación da solicitude de axuda, de forma que, se algún dos gastos para os cales se solicita axuda foi iniciado con anterioridade, o proxecto na súa totalidade non se considerará subvencionable.

f) A obra civil non asociada directamente á instalación dos equipamentos.

g) As conducións de distribución interior do calor e os equipamentos emisores, salvo cando estes sexan parte activa do circuíto de xeración térmica.

h) As conducións de distribución eléctrica, salvo cando estes sexan parte do circuíto de xeración renovable ou estean asociados directa e exclusivamente á medida de aforro e eficiencia enerxética.

i) A rehabilitación da envolvente dos edificios.

j) As instalacións de iluminación de emerxencia, rótulos lumínicos e a iluminación de sinalización.

k) Operacións de mantemento (simple reposición...).

l) Os electrodomésticos (frigoríficos, fornos, cociñas, televisores, ordenadores…).

m) Vehículos de todas as clases utilizables para o transporte terrestre, marítimo ou aéreo de persoas, animais, materiais ou mercadorías, excepto os que se deban rexistrar na conta de maquinaria. A conta de maquinaria inclúe o conxunto de máquinas ou bens de equipamento mediante as cales se realiza a extracción ou elaboración dos produtos. Nesta conta figurarán todos aqueles elementos de transporte interno que se destinen ao traslado de persoal, animais, materiais e mercadorías dentro de factorías, talleres, etc. sen saír ao exterior.

n) A substitución de radiadores eléctricos portátiles.

6. En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa foran obxecto de axuda en anos anteriores.

7. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Cando nunha actuación de aforro se incremente substancialmente a capacidade produtiva final do proceso, só se considerará elixible o custo correspondente á mellora enerxética da capacidade produtiva inicial.

Artigo 9. Contía da axuda

A contía da axuda será do 35 % do custo elixible da nova instalación, cun máximo de 100.000 € por proxecto e de 300.000 € por empresa. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Artigo 10. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes subscribiranas directamente os interesados ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito. Unha vez presentada unha solicitude non se poderá modificar o proxecto ata que se dite a resolución de concesión.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará 10 días naturais despois daquel en que se publiquen as presentes bases no DOG, ás 9.00 horas, salvo que coincida en día inhábil, que se entenderá prorrogado ao primeiro días hábil seguinte, e concluirá o 31 de maio de 2019.

3. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

Os autónomos presentarán as súas solicitudes por medios electrónicos dado que, por razón da súa capacidade económica, técnica, profesional ou dedicación profesional, teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.

Se algunha persoa interesada presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose presentada a emenda.

A publicación dos formularios da solicitude no DOG realízase unicamente para efectos informativos.

4. Para formular a solicitude, ademais de cubrir o correspondente formulario cos datos de identificación do solicitante e xerais da actuación (anexo III de solicitude), deberase achegar a través da aplicación a seguinte documentación mínima:

– Poder de representación da persoa que presenta a solicitude.

– Memoria técnica do proxecto segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) cuberta na súa totalidade.

– Unha oferta dun provedor para proxectos cun custo total inferior a 15.000 € e tres ofertas para os de custo superior.

As solicitudes que non conten co contido mínimo indicado anteriormente serán inadmitidas a trámite. Admitiranse solicitudes ata a data limite indicada no número 2 do presente artigo.

5. Os fondos solicitados e os validados polo Inega para cada liña poderanse visualizar en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía de axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles para a liña de axudas de que se trate (RT, RE e PAE). Polo tanto, a axuda máxima que se lle vai conceder ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.

De chegar a se esgotaren os fondos dispoñibles para unha liña de axudas, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha listaxe de espera para esta liña; no momento da presentación, a aplicación informática informará da posición que ocupa a solicitude na listaxe de espera. As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos, que poderán ser reasignados aos expedientes que se encontren en listaxe de espera segundo a orde de prelación que lle corresponda.

6. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos, 5 MB por arquivo individual, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos.

7. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

8. Na páxina web do Inega disporase de instrucións de axuda para consulta dos solicitantes. Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, o Inega pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do número de teléfono 981 54 15 00 ou do enderezo de correo electrónico inega.info@xunta.gal.

Artigo 11. Documentación complementaria da solicitude

Xunto coa solicitude presentaranse, anexadas, copias dixitalizadas da documentación complementaria. Os documentos da solicitude deberán incluír unha parte administrativa e unha parte técnica que se describen a continuación:

1. Documentación administrativa que deben achegar todos os solicitantes:

a) Documento oficial en que conste o código CNAE correspondente á actividade da empresa, tal como: declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas. Tamén se aceptarán os documentos en que aparezan as actividades recollidas no IAE que se correspondan coas seccións do CNAE 2009.

b) Declaración responsable asinada polo representante legal do solicitante de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se conceda a axuda.

c) Documentación acreditativa da titularidade dos terreos ou inmobles sobre os cales se vai executar o proxecto, ou da dispoñibilidade destes durante un período mínimo de cinco anos que permita concretar a situación do predio ou inmoble sobre o terreo.

Os documentos admitidos para acreditar a titularidade son: certificado do Rexistro da Propiedade, escritura pública de obra nova, escritura publica de compravenda, escritura pública de aceptación de herdanza, escritura pública de doazón e aceptación ou sentenza xudicial, segundo corresponda. Contrato de arrendamento ou de cesión de uso, xunto co documento que acredita a titularidade do arrendador ou cedente.

Non se admitirán como acreditación da titularidade recibos de impostos de bens inmobles ou certificacións do Catastro inmobiliario.

d) As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, debe ter solicitado o solicitante. Cando o investimento sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario superior a 15.000 €, o beneficiario deberá solicitar e achegar ao Inega, como mínimo, o contido de 3 ofertas de distintos provedores. Non se aceptará como válido certificado, informe ou documento similar en que se indique que se cumpriu co dito trámite de solicitar as 3 ofertas, pois o que se debe achegar é o orixinal ou copia dixital do contido de cada unha das ofertas.

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.

Non será necesario presentar as 3 ofertas se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Neste suposto o beneficiario deberá prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.

e) Cando o investimento sen IVE da actuación non sexa superior a 15.000 € o beneficiario deberá achegar unha oferta que avale o orzamento do proxecto.

f) Se non teñen o domicilio social en Galicia, deberán acreditar, cando menos, a existencia dun centro de traballo ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso das empresas de servizos enerxéticos, o que debe estar situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia son os centros de consumo.

g) Cando non estea obrigada por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou en calquera outro rexistro público, presentará a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente.

h) Cando unha empresa de servizos enerxéticos xestione total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía, deberá achegar, ademais:

1ª. Unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda.

2ª. Constancia por escrito da autorización e coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.

2. Deberase achegar a seguinte documentación técnica:

a) Memoria técnica do proxecto segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) para a tecnoloxía para a cal se solicite axuda. As tecnoloxías clasifícanse nas seguintes tipoloxías de proxectos: fotovoltaica-minieólica, biomasa-biogás, xeotermia-aerotermia, solar térmica, iluminación eficiente e resto de proxectos de aforro e eficiencia enerxética. O incumprimento do contido mínimo desta memoria poderá dar lugar á inadmisión a trámite desta solicitude.

b) Documento denominado «Ficha de consumos», segundo modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) no cal se relacione o número de factura e o consumo enerxético de todas as facturas (electricidade, gas, fuelóleo, gasóleo…) do período anual tomado como referencia (2018 ou últimos doce meses), así como os datos enerxéticos do proxecto. Diferénciase entre «Ficha de consumos de proxectos de enerxías renovables» e «Ficha de consumos de proxectos de aforro e eficiencia». Non será preciso a presentación desta ficha no caso de proxectos de iluminación, fotovoltaica ou minieólica.

c) Características técnicas dos equipamentos para os cales se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica do fabricante) onde se inclúan datos de produtividade do equipamento, potencia nominal e rendemento enerxético. No caso de módulos fotovoltaicos, deberán informar da eficiencia enerxética do módulo para unha irradiación de 1000 W/m2 e unha temperatura de 25 ºC.

d) Xustificación da marcación CE do equipamento.

e) Fotografías do lugar previsto para a instalación do novo equipamento. No caso de substitución de equipamentos existentes, achegaranse tamén fotografías destes.

f) Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos. Fotografía de vista aérea na cal se indique de forma apreciable a edificación/parcela onde se executará a instalación (Sixpac, Catastro, etc.). Bosquexos ou planos onde se localicen os equipamentos na edificación.

3. Ademais, nos casos en que proceda tamén se debe achegar o seguinte:

a) No caso de investimentos en eficiencia enerxética non separables, achegarase oferta técnica dun provedor que avale o orzamento dun investimento similar que implique menor eficiencia enerxética e que se podería realizar de forma crible sen subvención (investimento de referencia).

b) Para as instalacións de mellora de iluminación, fotovoltaicas e minieólicas, facturas de merca de electricidade do último ano do centro de traballo en que está previsa a execución da instalación.

c) Para a instalación de bombas de calor, certificado do coeficiente de rendemento (COP) emitido por un laboratorio independente e acreditado para realizar as probas segundo a norma que lles afecte (UNE-EN 14511:2012, UNE-EN 15316:2010, UNE-EN 16147, UNE-EN 14825:2012, etc.), para os equipamentos incluídos no ámbito de aplicación da dita norma (os que non estean incluídos teñen que xustificalo cun informe técnico do fabricante). Para acreditar este coeficiente, deberase xuntar a certificación emitida por Eurovent, a EPHA (Asociación Europea da Bomba de Calor) ou por un laboratorio de ensaio acreditado para este tipo de ensaios, segundo a normativa vixente. No caso de Eurovent e da EPHA, admitirase a impresión da páxina web onde se poden consultar os datos de potencia e COP do propio equipamento ou do ensaiado na serie técnica, sempre que se xunte unha captura do enlace onde se pode contrastar a información. Tomaranse como temperaturas de referencia para o cálculo do COP e da potencia 0/35 ºC para bombas de calor xeotérmicas e 7/35 ºC para aerotermia.

d) Para a instalación de bombas de calor, cálculo do valor do SPF (prestacións medias estacionais) segundo norma UNE-EN 14825:2012, UNE-EN 12309 ou documento «Prestacións medias estacionais de las bombas de calor», elaborado polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo a través do IDAE.

e) No caso dos equipamentos que deban dispor dunha cualificación enerxética, deberán achegar a documentación xustificativa correspondente.

f) Para instalacións solares térmicas, resolución de certificación do panel solar en vigor, emitida pola Administración competente. Se na resolución de certificación non se recolle de xeito íntegro a seguinte información do panel: marca, modelo, superficie de apertura e potencia térmica para unha radiación de 1000 W/m2 e un salto térmico de 50 ºC, entregarase a maiores copia do ensaio realizado por unha entidade debidamente acreditada (segundo a Orde ITC/71/2007, do 22 de xaneiro, do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio ou, se for o caso, a norma que a substitúa) que serviu de base para emitir a resolución de certificación.

g) Para instalacións solares térmicas, declaración responsable do beneficiario de que a instalación para a cal se solicita axuda non é obrigada conforme a normativa vixente.

h) Cando se requira certificado por entidade acreditada, achegarase acreditación da entidade que emite os certificados dos novos equipamentos emitida pola entidade nacional de acreditación (ENAC, Cofrac, Accredia, Dakks…).

i) As instalacións de iluminación que estean incluídas total ou parcialmente no ámbito de aplicación do documento HE3 do Código técnico da edificación, xustificación asinada por un técnico competente (especifíquese no documento o nome completo, DNI e cualificación do técnico asinante) de que cumpren coas exixencias establecidas nel. Nos casos en que a instalación non estea incluída total ou parcialmente no ámbito de aplicación, xúntase escrito xustificativo dos motivos.

j) Os novos equipamentos de iluminación deberán achegar os certificados emitidos por entidades acreditadas do cumprimento das normas indicadas no anexo II. No caso de que algún equipamento non teña que cumprir con algunha das normas, achegarase xustificante debidamente motivado. Nos certificados deberán figurar, como mínimo, a marca e modelo do equipamento, número de certificado e as normas UNE en que se certifica o equipamento. Só serán válidos os certificados emitidos polas entidades acreditadas, non se aceptarán declaracións de conformidade, certificados marca ENEC ou semellantes, os ensaios realizados polas entidades acreditadas nin ningún outro documento que non sexa o certificado emitido pola entidade acreditada.

k) De todas as estancias ou zonas en que a potencia final dos novos equipamentos de iluminación sexa superior a 1 kW deberase entregar estudo lumínico das zonas que se van reformar con identificación do programa de cálculo utilizado para realizalo, co obxecto de xustificar os valores que se indican no artigo 6.4 (Em, UGRL /GRL e Uo). No estudo lumínico deberán figurar os gráficos de valores de iluminancias a nivel da área de traballo e xustificaranse todos os datos que figuran na Memoria técnica PAE-ILU. Convén aclarar que no documento Memoria técnica PAE_ILU débese incluír a totalidade de estancias ou zonas reformadas e os seus parámetros lumínicos, independentemente da potencia de iluminación instalada. O Inega poderá solicitar en calquera momento a presentación do estudo lumínico da totalidade de estancias; neste sentido, un mesmo estudo pode ser representativo de varias estancias con características semellantes.

4. Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

5. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que as persoas interesadas autorizan esta consulta, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

6. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou desde a páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Certificado catastral.

b) Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT, coa Seguridade Social e coa Facenda autonómica.

c) Certificación de alta no imposto de actividades económicas cando a persoa solicitante sexa unha empresa ou autónomo.

d) DNI ou NIE do solicitante cando o solicitante sexa unha persoa física.

e) NIF da entidade solicitante.

f) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

g) Concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se puidesen impor nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a lle subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 14. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable ou, se é o caso, o límite máximo establecido na normativa que resulte de aplicación.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 20 destas bases reguladoras.

Artigo 15. Órganos competentes

A xefatura da Unidade Xurídico-Administrativa de Inega será o órgano competente para instruír o procedemento administrativo de concesión das subvencións e correspóndelle ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

Artigo 16. Instrución dos procedementos

1. A solicitude de axuda con reserva de fondos será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada. De ser o caso, tamén poderán ser avaliadas as solicitudes de axudas que figuren nos postos de máis prelación da listaxe de espera, sen que tal avaliación supoña garantía de que os expedientes se cheguen a subvencionar ata que, eventualmente, se dite resolución expresa de concesión de axuda.

Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS); consellería competente en materia de economía e facenda; Rexistro Mercantil e outros rexistros públicos. Non será emendable a falta de achega dos documentos indicados no artigo 10.4 destas bases.

2. Tales requirimentos de emenda, así como calquera tipo de notificación, realizaranse a través de medios electrónicos. De tal maneira, cando exista constancia da posta á disposición da notificación e transcorresen 10 días naturais sen que se accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

A notificación do requirimento de emenda practicarase do seguinte xeito:

– Enviaráselle ao interesado ao enderezo de correo electrónico que facilita no formulario de solicitude un aviso no cal se lle indica a posta á súa disposición desta notificación.

– Poderá acceder á citada notificación no taboleiro electrónico dispoñible na aplicación informática habilitada para estas axudas co usuario e contrasinal do solicitante.

3. A documentación a que se refire a emenda presentarase de forma electrónica a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal). Para poder realizala é imprescindible que o solicitante ou o representante legal dispoña de DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT).

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá ser requirido o solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

5. Tras o informe dos servizos técnico e xurídico, as solicitudes serán avaliadas por un comité de avaliación formado pola persoa titular do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética, a persoa titular da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética e un técnico do Inega. O comité de avaliación elaborará unha proposta na cal figuren de maneira individualizada os solicitantes propostos para obter subvención, así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible nas diferentes liñas de actuación que se subvencionan.

Artigo 17. Resolución

1. Unha vez avaliada a solicitude, a proposta de resolución elevaráselle ao director do Inega. O procedemento de concesión resolverase no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o contido da resolución.

2. A resolución de concesión comprenderá a identificación da entidade beneficiaria, o custo elixible do proxecto e a contía da subvención.

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de entrada da solicitude.

Artigo 18. Notificación

1. As notificacións de actos e resolucións administrativos realizaranse por medios electrónicos, a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal, de maneira que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, cos efectos previstos no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

Para poder recibir as notificacións, o sistema solicitaralle o número do NIF e o contrasinal determinado pola persoa interesada.

2. Se transcorrese o prazo sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpor recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o presidente da axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpor recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 20. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, e deberanse cumprir os requisitos previstos no número seguinte.

3. O órgano competente para conceder a subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que de maneira previa non acheguen a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a resolución de pagamento sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no número 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

6. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, ditarao a persoa titular da Dirección do Inega logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lles dará audiencia aos interesados.

Artigo 21. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito, por medios electrónicos a través da aplicación informática, onde comunique este feito co fin de arquivar o expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución, que se lle notificará ao interesado por medios electrónicos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 16.2 destas bases reguladoras.

Artigo 22. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o Inega, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, concretamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, e achegarase canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de tres anos, cando se trate de pemes, e por un período mínimo de cinco anos, cando se trate de grandes empresas, contados desde o remate do proxecto.

Nos contratos de servizos enerxéticos que teñan unha duración inferior a 5 anos terase que achegar un documento asinado polo propietario da instalación no cal asume o compromiso de manter o investimento ata que se cumpra este período.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control, así como facilitar a «pista de auditoría».

Así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control e durante un período de tres anos.

g) O beneficiario da axuda deberá dar publicidade do financiamento por parte do Inega do investimento que se subvenciona, consistente en incluír a imaxe institucional do Inega e da Xunta de Galicia nos carteis, placas conmemorativas, materiais impresos, medios electrónicos audiovisuais ou ben en mencións realizadas nos medios de comunicación, o que se xustificará documentalmente.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias das subvencións están obrigadas a lles subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título da citada lei.

Artigo 23. Subcontratación

Permitirase que o beneficiario subcontrate con terceiros a execución de ata o 100 % da actuación que se subvenciona, nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Prazo para executar a instalación

1. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2019.

Artigo 25. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación das subvencións aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 16.2 destas bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física).

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente.

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 26. Documentación xustificativa do investimento

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados na data límite de xustificación do proxecto.

2. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario presentará copia dixitalizada de toda a documentación que se sinala nos puntos seguintes:

a) Conta xustificativa composta de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados. Os gasto aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

A expedición das facturas e o seu contido axustaranse ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

1ª. Os provedores non poderán estar vinculados co solicitante ou coa empresa beneficiaria final, ou cos seus órganos directivos ou xestores, agás que concorran as seguintes circunstancias, previstas no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia: que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a pertinente autorización por parte da Dirección do Inega.

2ª. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

– Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria), no cal conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

– Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil xunto coa documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, xustificante de recepción asinado e selado polo provedor en que se especifique o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como de obriga de pagamento, para os efectos de data de pagamento, estimarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se estimará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 24.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

b) Declaración expresa por parte do beneficiario de que o proxecto foi executado conforme o indicado na solicitude e na documentación inicial ou que indique os cambios acontecidos, que o proxecto se axusta á normativa vixente e que se obtiveron todos os permisos e autorizacións necesarios para a súa execución. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible o modelo de declaración a que se refire esta letra.

De existiren modificacións no proxecto, deberase indicar isto no informe técnico da actuación realizada e achegar a documentación técnica presentada coa solicitude que se vexa afectada polas modificacións.

c) Informe técnico da actuación realizada, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

d) Fotografías dos equipamentos principais instalados no lugar (realizadas desde os mesmos puntos que as fotografías presentadas na solicitude).

e) Certificado do instalador en que se indique a data de finalización da instalación subvencionada asinado polo técnico competente; en todo caso, a data de finalización da obra debe estar comprendida dentro do período de xustificación. Naqueles proxectos de xeración eléctrica de potencia superior aos 10 kW achegarase no seu lugar o certificado de dirección de obra.

f) Xustificante de solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria onde se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación, se for necesario.

g) Para instalacións de autoconsumo eléctrico, declaración do instalador e do beneficiario de que a instalación de autoconsumo obxecto da subvención se clasifica como subministración con autoconsumo sen excedentes conforme o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal). Débese xuntar con esta declaración o certificado, conforme a norma UNE 217.001 ou a que a substitúa, dos dispositivos instalados para impedir a inxección da enerxía excedentaria á rede de transporte ou distribución.

h) Sempre que sexa obrigatorio, o beneficiario da axuda deberá contar coa autorización emitida pola consellería competente en materia de industria para a posta en servizo da instalación. No caso de que non se obtivese a autorización, si deberá terse solicitado, o que se acreditará documentalmente.

i) Para instalacións de xeración eléctrica de máis de 25 kW, certificado de inspección da instalación de baixa tensión favorable emitido por organismo de control.

j) Nos proxectos de enerxía xeotérmica, o beneficiario deberá achegar certificado de obra do sistema de captación asinado por un técnico conforme o modelo dispoñible na web do Inega. Sempre que sexa obrigatoria unha autorización para executar o proxecto, o beneficiario deberá xustificar a súa obtención ou, no caso de que aínda non se recibise a autorización, si deberá acreditar documentalmente a súa solicitude.

k) Memoria técnica de xustificación da publicidade da axuda segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

l) No caso de actuacións de iluminación, deberase presentar un certificado asinado por un técnico cualificado en que se relacionen as estancias reformadas (coa mesma estrutura utilizada no documento Memoria técnica de iluminación) e o seu uso, e se declare que tras as medicións realizadas se constata o cumprimento do nivel de iluminación mantido a nivel da área de traballo en toda a superficie da zona reformada (Em), dos índices de cegamento (UGRL) e da uniformidade da iluminancia (Uo), que se definen na norma UNE-EN 12464 (Iluminación. Iluminación nos lugares de traballo), na Guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos á utilización de lugares de traballo e a norma UNE-EN 12193 (Iluminación. Iluminación de instalacións deportivas), se é o caso.

Artigo 27. Pagamento das axudas

1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

2. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

3. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderase reducir proporcionalmente se, debido á redución do investimento, se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 28. Datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Instituto Enerxético de Galicia, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderanse fundamentar no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para tramitar e resolver os seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

Artigo 29. Xestión informática das axudas

Os beneficiarios poderán visualizar na aplicación informática –accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou desde a páxina web do Inega (www.inega.gal)– o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente.

Artigo 30. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total. Se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

b) Incumprimento parcial. Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, e a xustificación sexa igual ou superior ao 60 %, poderase apreciar un incumprimento parcial, e deberase resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión.

No caso de condicións referentes á contía ou concepto da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a un concepto distinto do considerado subvencionable e, se é o caso, deberanse reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción.

Artigo 31. Réxime de sancións

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 32. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 33. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas aos investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

Artigo 34. Remisión normativa

1. Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado.

2. Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular as seguintes:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia

ANEXO I

Tipoloxías de proxectos renovables subvencionables

Poden ser obxecto de subvención as actuacións que se recollen a continuación:

1. Nas seguintes epígrafes desenvólvese os distintos conceptos subvencionables para renovables térmicas.

a) Instalacións que utilicen biomasa como combustible.

A instalacións de equipamentos térmicos que utilicen biomasa como combustible. Serán subvencionables:

i. Custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes, extracción de cinzas).

ii. Resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.

iii. Custo do sistema de almacenamento do combustible.

iv. Custo do sistema de alimentación do combustible.

v. Custo de montaxe e conexionado.

O investimento elixible máximo por potencia unitaria (sen IVE) estará limitado polas características do sistema segundo a seguinte táboa:

Potencia térmica nominal do equipo xerador

Custo elixible máximo por potencia sen IVE

Quentadores de aire de calquera potencia

100 €/kW

Resto de equipamentos con potencia ata 40 kW

325 €/kW cun máximo de 10.000 €

Resto de equipamentos con potencia igual ou superior a 40 kW

250 €/kW

O custo elixible máximo reducirase en 20 €/kW de potencia nominal para quentadores de aire e en 40 €/kW de potencia nominal no resto de equipamentos para ter en conta o investimento similar menos respectuoso co medio natural.

b) Instalacións de xeración e consumo de biogás.

As instalacións de equipamentos para a xeración de biogás e os equipamentos térmicos que utilicen o combustible xerado como combustible. Serán subvencionables:

i. O equipamento de pretratamento da materia prima a partir da cal se xerará o biogás.

ii. O dixestor, os sistemas de depuración e o tanque de almacenamento do biogás.

iii. O custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes).

iv. Resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.

v. O custo do sistema de alimentación do combustible.

vi. O custo de montaxe e conexionado.

O investimento elixible máximo por potencia térmica unitaria do equipamento de combustión establécese en 400 €/kW (sen IVE). O custo elixible máximo reducirase en 40 €/kW de potencia nominal para ter en conta o investimento similar menos respectuoso co medio natural.

c) Aerotermia e xeotermia.

No caso das bombas de calor, os proxectos limitaranse a instalacións para o quecemento dun fluído, os equipamentos que se instalan deberán contar cun coeficiente de eficiencia enerxética en modo calefacción (COP) igual ou superior a 3,5, nas condicións establecidas na norma que lles afecte (UNE-EN 14511:2012, UNE-EN 15316:2010, UNE-EN 16147, UNE-EN 14825:2012, etc.). Tomaranse como temperaturas de referencia para o cálculo do COP e da potencia 0/35 ºC para bombas de calor xeotérmicas e 7/35 ºC para aerotermia. No caso dos equipamentos que, segundo a normativa específica, deban dispor dunha cualificación enerxética, os equipamentos deberán contar cunha cualificación A ou superior, salvo no caso de equipamentos acumuladores, que será C ou superior.

Ademais, en calquera dos casos anteriores, o sistema deberá poder ser considerado como renovable, o que se verificará conforme a norma UNE-EN 14825/2012, UNE-EN 12309 ou mediante o cumprimento dos requirimentos mínimos incluídos no documento «Prestacións medias estacionais das bombas de calor para a produción de calor en edificios», emitido polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía en función das características da instalación. Polo tanto, para xustificar esta condición, deberase achegar a documentación xustificativa do ensaio para a obtención do COP, do factor de corrección FC e do factor de ponderación FP segundo a zona climática e o tipo de instalación.

Serán subvencionables:

i. Equipamento principal de xeración enerxética (bomba de calor).

ii. Custo de montaxe e conexionado.

iii. Accesorios para o correcto funcionamento do sistema, salvo os equipamentos emisores que non formen parte do equipamento xerador e os elementos de distribución da calor fóra da sala de caldeiras.

iv. No caso da enerxía xeotérmica, o sistema de captación do recurso xeotérmico: sondaxes, intercambiadores, acumuladores, tubaxes, etc.

O investimento elixible máximo será de 1.500 €/kW para bombas de calor xeotérmicas, 600 €/kW para as bombas de calor aire/auga e 400 €/kW para ás aire/aire, e a potencia será avaliada nas condicións indicadas ao comezo deste punto, IVE non incluído. O custo elixible máximo reducirase en 40 €/kW de potencia nominal no caso de bombas de calor aire/auga e 20 €/kW para as aire/aire para ter en conta o investimento similar menos respectuoso co medio natural.

d) Solar térmica.

Considéranse nesta epígrafe as instalacións que aproveitan a radiación solar para o quentamento dun fluído mediante paneis solares planos ou tubos de baleiro, sempre que a súa utilización conduza a un aforro dun combustible convencional.

Non serán subvencionables aquelas instalacións destinadas á xeración de auga quente sanitaria (AQS) ou climatización de piscinas que sexan obrigatorias en virtude do Documento básico HE 4-Contribución solar mínima de auga quente sanitaria do Código técnico da edificación (CTE), aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, independentemente da porcentaxe de contribución solar que cubra a instalación solar proxectada nestes usos. Para instalacións afectadas polo CTE que tamén se destinen a outras aplicacións non obrigadas por esta normativa, unicamente se poderá obter axuda pola parte correspondente a estas últimas aplicacións.

As instalacións solares destinadas ao apoio á calefacción unicamente serán subvencionables se utilizan emisores de baixa temperatura de deseño (menores de 50 ºC), como piso radiante, radiadores de baixa temperatura ou fan coils.

Non serán subvencionables aquelas instalacións destinadas ao quentamento da auga de piscinas descubertas.

O coeficiente global de perdas do panel solar deberá ser inferior ou igual a 9 W/(m2 ºC). Os equipos acumuladores deben dispor dunha cualificación enerxética clase C ou superior.

Serán subvencionables:

i. Equipamento principal de xeración enerxética (paneis solares).

ii. Custo de montaxe e conexionado.

iii. Accesorios para o correcto funcionamento do sistema, salvo os equipamenos emisores que non formen parte do equipamento xerador e os elementos de distribución da calor fóra da sala de caldeiras.

O investimento elixible máximo por potencia térmica nominal unitaria do equipamento establécese en 1.500 €/kW para instalación con paneis planos e 1.800 €/kW para instalación de tubos de baleiro, IVE non incluído. No caso de instalacións que non requiran outro sistema de xeración de apoio, o custo elixible máximo reducirase en 40 €/kW de potencia nominal para ter en conta o investimento similar menos respectuoso co medio natural.

Para os efectos destas bases, considerarase como potencia térmica nominal a correspondente a unha radiación de 1.000 W/m2 e un salto térmico de 50 ºC.

2. Nas seguintes epígrafes desenvólvense os distintos conceptos subvencionables para renovables eléctricas.

e) Instalacións fotovoltaicas ou minieólicas.

Serán subvencionables as instalacións de xeración eléctrica mediante tecnoloxía fotovoltaica ou minieólica (para os efectos destas bases considérase minieólica aquelas instalacións cunha potencia nominal inferior ou igual a 100 kW) asociadas a algún centro de traballo do sector agrícola primario na modalidade de subministración con autoconsumo sen excedentes.

Os dispositivos físicos instalados para impedir a inxección da enerxía excedentaria á rede de transporte ou distribución deberán cumprir coa normativa vixente nesta materia no momento da súa instalación e, en ausencia de desenvolvemento normativo, deberán estar certificados conforme a norma UNE 217.001.

Os módulos fotovoltaicos deberán ter unha eficiencia enerxética igual ou superior ao 16,5 % para unha irradiación de 1.000 W/m2 e a unha temperatura de 25 ºC.

Serán subvencionables o custo do equipamento, a súa montaxe e a posta en marcha.

i. Equipamento principal de xeración enerxética.

ii. Custo de montaxe e conexionado.

iii. Accesorios para o correcto funcionamento do sistema, tales como inversores, equipamentos de monitorización, baterías de acumulación, estrutura de soporte...

O investimento elixible máximo por potencia unitaria nominal da instalación será de 1.200 €/kW para instalacións fotovoltaicas e 2.000 €/kW para instalacións minieólicas, IVE non incluído. Para as instalacións de xeración eléctrica non conectadas á rede considerarase como investimento similar menos respectuoso co ambiente a instalación dun grupo electróxeno cuxo custo en euros se estima en 150 €/kW.

3. Os proxectos de aproveitamento de enerxías renovables deberán xustificar que o dimensionamento da potencia que se vai instalar é coherente coas necesidades enerxéticas da empresa. O dimensionamento da potencia debe quedar xustificado na memoria técnica e na ficha de consumos a que se fai referencia no artigo 11.

a) No caso de instalacións térmicas débese xustificar a existencia de demanda enerxética e o tempo previsto de funcionamento anual.

b) No caso de instalacións eléctricas débese xustificar a produción eléctrica prevista e que a empresa ten demanda eléctrica base para a potencia que se vai instalar.

A falta de xustificación da coherencia do dimensionamento da potencia que se vai instalar pode ser causa de inadmisión da solicitude.

ANEXO II

Tipoloxías de proxectos de aforro e eficiencia enerxética subvencionables

1. Poden ser obxecto de subvención as actuacións que se recollen a seguir:

i. Os investimentos en substitución ou mellora de equipamentos e instalacións consumidores de enerxía do proceso produtivo, así como dos sistemas auxiliares necesarios para o seu funcionamento, por equipamentos e instalacións que utilicen tecnoloxía de alta eficiencia ou a mellor tecnoloxía dispoñible. O aforro enerxético mínimo requirido para ser subvencionable deberá ser dun 20 % respecto do consumo inicial.

ii. A renovación ou mellora de equipamentos de instalacións existentes de produción de calor e frío destinadas a atender a demanda de benestar e hixiene das persoas por outras de alta eficiencia enerxética, seleccionados con base nun maior rendemento enerxético. O aforro enerxético mínimo requirido para ser subvencionable deberá ser dun 20 % respecto do consumo inicial.

iii. A mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación existentes que leven asociada unha redución anual de, polo menos, un 40 % respecto ao consumo inicial en iluminación, garantindo un confort lumínico adecuado á tarefa que se vai realizar.

iv. Calquera outra actuación, non prevista nos puntos anteriores, que implique un aforro enerxético mínimo dun 20 % respecto do consumo inicial.

v. Para contribuír á comprobación dos resultados enerxéticos obtidos, será subvencionable a implantación de medidas de contabilización, monitorización e telexestión do consumo de enerxía asociadas ás actuacións de aforro para as cales se solicita axuda e incluso a implantación de sistemas de procesado avanzado de datos aplicados á optimización do consumo enerxético da empresa no tocante á análise dos consumos enerxéticos das actuacións subvencionadas.

2. Os proxectos de aforro e eficiencia enerxética deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos técnicos:

a) Levar asociado o aforro enerxético mínimo requirido para cada proxecto segundo o indicado nas epígrafes anteriores deste anexo. O dito aforro debe quedar xustificado na memoria técnica e na ficha de consumos a que se fai referencia no artigo 11. Non se considerarán válidos para a xustificación os resultados de experiencias anteriores, a menos que se presente a documentación que acredite tales aforros.

b) Para os cambios de equipamentos xeradores de calor en instalacións de auga quente sanitaria e climatización, os equipamentos novos que se van instalar deberán contar cun coeficiente de eficiencia enerxética en modo calefacción (COP) igual ou superior a 3,5, e un coeficiente de eficiencia enerxética en modo refrixeración (EER) igual ou superior a 3,0, nas condicións establecidas na norma UNE-EN 14511, sempre que os equipamentos estean incluídos no campo de aplicación da dita norma. Excepcionalmente, poderanse subvencionar equipamentos cuns coeficientes de rendemento menores sempre e cando se xustifique que non existe no mercado tecnoloxía dispoñible máis eficiente para esa solución particular.

c) No caso da renovación de instalacións de iluminación deben cumprir os seguintes requisitos:

i) En toda a superficie da zona que se vai reformar debe cumprirse cos valores de iluminancia mantida (Em), índices de cegamento (UGRL) e uniformidade da iluminancia (Uo), a nivel da área de traballo (plano útil), que se definen na norma UNE-EN 12464 (Iluminación dos lugares de traballo), UNE-EN 12193 (Iluminación de instalacións deportivas) e na Guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos á utilización de lugares de traballo. Unha estancia poderase dividir en distintas zonas de cálculo sempre que cada zona teña diferentes necesidades e as distintas zonas estean delimitadas dunha maneira clara. A utilización de zonas marxinais deberase xustificar adecuadamente, e achegarase un plano da estancia en que figuren as dimensións da zona marxinal e fotografías das paredes destas zonas marxinais.

ii) Se a instalación está incluída no ámbito de aplicación do documento HE3 (Eficiencia enerxética das instalacións de iluminación) do Código técnico da edificación, a nova instalación debe cumprir coas exixencias establecidas nel.

iii) A temperatura de cor das lámpadas deberá ser ≤ 3000 K nas zonas con iluminación mantida inferior ou igual a 300 lux e ≤ 4000 K no resto de zonas, coas excepcións indicadas nos requisitos específicos das táboas de tarefas e actividades das normas UNE-EN 12464.

Non se admitirán equipamentos led sen dispositivos de alimentación e control electrónico, salvo as lámpadas de substitución (con portalámpadas E14, E27, GU 10) e tubos led.

iv) As exixencias visuais nas zonas en que se executen tarefas (talleres, zonas de produción, oficinas, salas de reunións, etc.) clasificaranse como baixas, moderadas, altas ou moi altas, dependendo das necesidades lumínicas conforme o establecido na Guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos á utilización de lugares de traballo.

v) Os novos equipamentos de iluminación deberán cumprir o recollido nas seguintes normas:

v.i) Campás, proxectores, luminarias viarias, paneis, pantallas estancas, spots

– UNE-EN 60598-1. Luminarias. Requisitos xerais e ensaios.

– UNE-EN 60598-2. Luminarias.

– UNE-EN 62493 Avaliación dos equipamentos de iluminación en relación coa exposición humana aos campos electromagnéticos.

– UNE-EN 62471. Seguridade fotobiolóxica de lámpadas e aparellos que utilizan lámpadas.

– UNE-EN 61000-3-2. Compatibilidade electromagnética (CEM). Parte 3-2: límites. Límites para as emisións de corrente harmónica (equipamentos con corrente de entrada ≥ 16 A por fase).

– UNE-EN 61000-3-3. Compatibilidade electromagnética (CEM). Parte 3: límites. Sección 3: Limitación das variacións de tensión, flutuacións de tensión e flicker nas redes públicas de subministracións de baixa tensión para equipamentos con corrente de entrada ≤ 16 A por fase e non suxeitos a unha conexión condicional.

– UNE-EN 61547. Equipamentos para iluminación de uso xeral. Requisitos de inmunidade CEM.

– UNE-EN 55015. Límites e métodos de medida das características relativas á perturbación radioeléctrica dos equipamentos de iluminación e semellantes.

– UNE-EN 62031. Módulos led para iluminación xeral. Requisitos de seguridade.

– UNE-EN 61347-2-13. Dispositivos de control de lámpada. Parte 2.13: requisitos particulares para dispositivos de control electrónicos alimentados con corrente continua ou alterna para módulos led.

– UNE-EN 62384. Dispositivos de control electrónicos alimentados en corrente continua ou corrente alterna para módulos led. Requisitos de funcionamento.

v.ii) Lámpadas e tubos led.

– UNE-EN 62493. Avaliación dos equipamentos de iluminación en relación coa exposición humana aos campos electromagnéticos.

– UNE-EN 62471. Seguridade fotobiolóxica de lámpadas e aparellos que utilizan lámpadas.

– UNE-EN 61000-3-2. Compatibilidade electromagnética (CEM). Parte 3-2: límites. Límites para as emisións de corrente harmónica (equipamentos con corrente de entrada ≥ 16 A por fase).

– UNE-EN 61000-3-3. Compatibilidade electromagnética (CEM).

– UNE-EN 61547. Equipamentos para iluminación de uso xeral. Requisitos de inmunidade CEM.

– UNE-EN 55015. Límites e métodos de medida das características relativas á perturbación radioeléctrica dos equipamentos de iluminación e semellantes.

– UNE-EN 62031. Módulos LED para iluminación xeral. Requisitos de seguridade.

– UNE-EN 62560. Lámpadas LED con balasto incorporado para servizos de iluminación xeral con tensión maior de 50 V.

– UNE-EN 62776. Lámpadas LED de dobre casco para substitución de lámpadas fluorescentes lineais.

No caso de que un equipamento non teña que cumprir con algunha das normas indicadas, deberase motivar adecuadamente.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file