Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Venres, 15 de febreiro de 2019 Páx. 9547

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 8/2019, do 31 de xaneiro, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Portomarín, do antigo trazado da vía provincial LU-P-4902 de Alto do Valiño (LU-610), por Vilaxuste, a Val de Porrás (N-540) e da vía provincial LU-P-4904 de Portomarín ao Alto do Valiño (LU-610).

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón, no artigo 9.7, que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Portomarín solicita á Deputación Provincial de Lugo a cesión do tramo do antigo trazado da estrada provincial LU-P-4902 que pasa polo medio das vivendas do pobo de Castrolázaro e Arieiras, así como da cesión do tramo da estrada provincial LU-P-4904 de Portomarín ao Alto do Valiño (LU-610).

O Pleno da Deputación de Lugo, en sesión ordinaria levada a cabo o día 30 de xaneiro de 2018, acordou aprobar o cambio de titularidade proposto a prol do Concello de Portomarín.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta e un de xaneiro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Portomarín de:

– Tramo do antigo trazado da vía provincial LU-P-4902 de Alto do Valiño (LU-610), por Vilaxuste, a Val de Porrás (N-540).

– Vía provincial LU-P-4904 de Portomarín ao Alto do Valiño (LU-610).

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Portomarín deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 4

Corresponderalle ao Concello de Portomarín, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de xaneiro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade