Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Luns, 18 de febreiro de 2019 Páx. 10050

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2019, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se convocan exames extraordinarios teóricos para a obtención das titulacións que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, polo que se regulan as titulacións náuticas para o goberno das embarcacións de lecer (BOE núm. 247, do 11 de outubro), en que se regulan os títulos náuticos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer e motos náuticas, as atribucións, requisitos e o procedemento para a súa obtención.

A Orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 8 de xaneiro de 2009, pola que se establecen as condicións e se regulan os requisitos para a obtención dos títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 11 do 16 de xaneiro) establece que a dirección xeral poderá convocar, con carácter anual, nos seus centros de ensino, as probas de carácter extraordinario para obter os títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia.

Coa entrada en vigor da Lei 39/2015, a tramitación electrónica non pode ser aínda unha forma especial de xestión dos procedementos senón que debe constituír a actuación habitual das administracións. As persoas xurídicas están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo. Polo tanto, todas as disposicións que regulen procedementos administrativos por instancia de parte, as bases reguladoras e as convocatorias de subvencións, así como o establecemento de servizos aos cidadáns e ao persoal empregado público no ámbito da Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia, deberán prever a presentación electrónica, ben na sede electrónica da Xunta de Galicia ou ben en aplicacións propias de presentación electrónica que terán que ser accesibles desde a sede electrónica da Xunta de Galicia.

Esta dirección xeral, no uso das facultades que lle confire o Decreto 39/2018, do 5 de abril, polo que se modifica o Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar (DOG núm. 78, do 23 de abril), resolve convocar os exames extraordinarios teóricos para a obtención dos títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer de patrón/patroa para navegación básica, patrón/patroa de embarcacións de lecer, patrón/patroa de iate, e capitán/capitá de iate, conforme as seguintes normas:

1. Obxecto.

O obxecto desta resolución é establecer as condicións que teñen que cumprir as escolas de navegación de lecer da Comunidade Autónoma de Galicia para acceder ás probas extraordinarias teóricas, así como fixar as datas e os lugares de realización das citadas probas para obter os títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

Para a presentación de solicitudes deberán empregarse os modelos normalizados correspondentes ao código do procedemento administrativo PE616D, que están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PE616D.

2. Normas xerais.

a) Os exames teóricos realizaranos os tribunais que se constitúan de conformidade co establecido no artigo 3 da Orde do 28 de novembro de 2007 pola que se regula a composición dos tribunais para a obtención de titulacións marítimo-pesqueiras e náutico-deportivas (DOG núm. 243, do 18 de decembro).

b) Para que poida realizarse a convocatoria extraordinaria nun centro de ensino será necesario reunir un mínimo de 15 persoas inscritas para as titulacións de patrón/patroa de embarcacións de lecer e patrón/patroa para navegación básica e 10 para patrón/patroa de iate e capitán/capitá de iate. Se o centro de ensino non acada o número mínimo requirido non poderá realizar o exame. Neste caso, os alumnos/as deberán realizar o exame no lugar indicado pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

c) O alumnado das escolas de navegación de lecer, para poder presentarse ao exame teórico complementario de patrón/patroa de embarcacións de lecer, debe estar en posesión da tarxeta de patrón/patroa para navegación básica ou do certificado de exame expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia. Os/as alumnos/as que presenten o certificado de exame soamente terán dereito a examinarse nas dúas seguintes convocatorias consecutivas ordinarias. Para estes efectos, no caso de presentarse ás convocatorias extraordinarias estas serán computadas como ordinarias. Estas persoas soamente terán que examinarse das unidades teóricas 7, 8, 9, 10 e 11 e disporán dun tempo máximo de 45 minutos para realizar o exame.

d) O alumnado das escolas de navegación de lecer que se presente ao exame para obter o título de patrón/patroa de embarcacións de lecer e non consiga superar a proba, pero si o faga de acordo coas exixencias de patrón/patroa para navegación básica, recoñeceráselle o dito aprobado, ben para as seguintes convocatorias nesta Administración ben para a expedición do título de patrón/patroa para navegación básica. Conservarán o aprobado durante un período máximo de dúas convocatorias consecutivas ordinarias en que esta Administración realice os exames de patrón/patroa de embarcacións de lecer. Para este efecto, no caso de presentarse ás convocatorias extraordinarias, estas serán computadas como ordinarias.

e) O alumnado das escolas de navegación de lecer que se presenten ao exame de capitán/capitá de iate ou patrón/patroa de iate e superen algún dos módulos que conforman o exame teórico de acordo co regulado no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, conservaráselle o aprobado destes nas dúas seguintes convocatorias consecutivas ordinarias que convoque esta Administración. Para estes efectos, no caso de presentarse ás convocatorias extraordinarias, estas serán computadas como ordinarias.

3. Idade mínima.

O título de patrón/patroa para navegación básica poden obtelo os/as menores de idade que teñan feitos os 16 anos no momento de realización das probas, sempre que acrediten, mediante a presentación por escrito do consentimento dos seus pais, nais ou titores/as legais e superen os requisitos teóricos e prácticos exixidos no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro.

Para obter calquera das outras titulacións náuticas de lecer as persoas interesadas deberán ter feitos os 18 anos de idade no momento en que se realicen as probas para a obter estes títulos.

4. Solicitude e documentación complementaria necesaria para presentarse aos exames teóricos.

As escolas de navegación de lecer homologadas para poder presentar o seu alumnado aos exames teóricos achegarán a seguinte documentación:

a) Solicitude dirixida ao centro oficial de ensino pesqueiro onde queira realizar o exame. O modelo de solicitude é o que figura no anexo I desta resolución (procedemento PE616D). As escolas de navegación de lecer deberán achegar tamén cuberto o anexo II desta resolución por cada alumno/a que se presente á referida convocatoria.

b) Acreditar o pagamento das taxas. No caso de que non se realice o pagamento da taxa antes da data do fin da matrícula, non poderán presentarse aos exames. O código da taxa é a seguinte: 30.21.01.

Segundo o establecido na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (BOE núm. 12, do 14 de xaneiro de 2004) e na Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019 (DOG núm. 247, do 28 de decembro de 2018), as taxas polos dereitos de exame das distintas titulacións de lecer son as seguintes:

b.1. Exames teóricos:

– Patrón/patroa para navegación básica: 30,53 €.

– Patrón/patroa de embarcacións de lecer: 39,30 €.

– Patrón/patroa de iate: 55,06 €.

– Capitán/capitá de iate: 66,81 €.

O pagamento pode facelo por vía telemática ou presencial e deberá realizalo dentro dos prazos establecidos para a matrícula. O enderezo web é o seguinte: https://ovt.atriga.gal/#!/detalle_servizo/Pago+de+taxas+e+prezos/11609730/4126995/11609860/l/item-dark-blue.

c) Consentimento dos seus pais, nais ou titores/as legais para os menores de idade que teñan feitos os 16 anos, no momento de realización das probas para obter o título de patrón/patroa para navegación básica.

d) Copia do título de patrón/patroa para navegación básica, se foi expedido fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, para poder presentarse ao exame teórico específico para a obtención do título de patrón/patroa de embarcacións de lecer e complementario do xa superado para obter o título de patrón/patroa para navegación básica.

e) Copia do título de patrón/patroa de embarcacións de lecer, se foi expedido fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, para as persoas que se presenten ao exame de patrón/patroa de iate.

f) Copia do título de patrón/patroa de iate, se foi expedido fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, para as persoas que se presenten ao exame de capitán/capitá de iate.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. Achega de solicitudes.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das escolas de navegación de lecer presentan as solicitudes do seu alumnado presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As escolas de navegación de lecer responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das escolas de navegación de lecer presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Todos os trámites administrativos que as escolas de navegación de lecer deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Unha vez finalizado o prazo de matrícula de cada convocatoria que aparece indicado no anexo III, farase pública a listaxe provisional das persoas admitidas e excluídas no portal web de formación da Consellería do Mar, http://mar.xunta.gal/gl/o-mar/investigacion-e-formacion/formacion/informacion-do-alumnado e nos taboleiros de anuncios de cada centro oficial de ensino pesqueiro, dando un prazo de 10 días hábiles para que as escolas de navegación de lecer poidan emendar as deficiencias dos alumnos/as excluídos, de acordo co disposto no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común e das administracións públicas.

6. Comprobación de datos.

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI ou NIE do alumnado ou do representante.

– NIF da entidade solicitante ou representante.

– Título de patrón/patroa para navegación básica cando sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

– Título de patrón/patroa de embarcacións de lecer cando sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

– Título de patrón/patroa de iate cando sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

– Certificado de exame de capitán/capitá de iate cando sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de que as escolas de navegación de lecer ou o seu alumnado se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I ou II e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

7. Protección de datos.

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería do Mar, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

8. Datas e lugares de exame.

As datas dos exames teóricos, así como os lugares onde se realizarán aparecen indicados no anexo III.

As persoas que non se presenten aos exames non terán dereito a cambios de matrícula nin á devolución das taxas.

9. Tribunais.

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, unha vez publicada a listaxe definitiva de aspirantes aos exames nas distintas titulacións, nomeará os tribunais para a realización das probas, e indicará as horas dos exames no taboleiro de anuncios do centro de ensino e no portal web de formación da Consellería do Mar.

10. Desenvolvemento das probas.

Rematados os exames teóricos, o/a secretario/a do tribunal publicará no taboleiro de anuncios do centro de ensino e no portal web de formación da Consellería do Mar unha copia do exame e a folla coas respostas correctas, co fin de que os/as interesados/as poidan comprobar o resultado do seu exercicio.

Unha vez corrixidos os exames teóricos, o tribunal fará públicas no taboleiro de anuncios do centro de ensino as listas provisionais das cualificacións, así como no portal web de formación da Consellería do Mar.

Os/as interesados/as disporán dun prazo de 10 días hábiles desde a publicación no portal web de formación da Consellería do Mar para formular reclamacións ante o tribunal contra as cualificacións provisionais.

Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, o/a presidente/a do tribunal ditará unha resolución coa lista das persoas que superaron as probas teóricas. Esta resolución será publicada no taboleiro de anuncios do centro e no portal web de formación da Consellería do Mar. Non obstante, para os actos de trámite individualizados que poidan xurdir no procedemento, estarase ao disposto no artigo seguinte.

11. Notificacións para actos de trámite individualizados que poidan xurdir no procedemento.

As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás escolas de navegación de lecer avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

Neste caso as escolas de navegación de lecer deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas escolas de navegación de lecer da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

12. Requisitos para a obtención dos títulos.

Para obter o título de lecer correspondente, ademais de superar estas probas os/as interesados/as deberán reunir os requisitos establecidos no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, polo que se regulan as titulacións náuticas para o goberno das embarcacións de lecer.

13. Temarios do exame.

Os temarios oficiais de exame para as titulacións de capitán/capitá de iate, patrón/patroa de iate, patrón/patroa de embarcacións de lecer, patrón/patroa para navegación básica, son os recollidos no anexo II do Real decreto 875/2014, do 10 de outubro.

De conformidade co establecido no anexo II do Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, a normativa IALA na que se basearán os exames para a obtención do título de patrón/patroa para a navegación básica e de patrón/patroa de embarcación de lecer, será o Sistema de balizamento marítimo (IALA-MBS 2010). Na páxina web de Portos do Estado poderase descargar a documentación.

14. Criterios de corrección.

Os criterios de corrección dos exames de cada titulación aparecen indicados no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, e no anexo III da Resolución do 20 de decembro de 2018, da Dirección Xeral da Mariña Mercante, pola que se convocan para o primeiro semestre de 2019, exames teóricos ordinarios para a obtención das titulacións náuticas para o goberno de embarcacións de lecer.

15. Recursos.

Contra as resolucións do/a presidente/a do tribunal os/as interesados/as poderán interpor recurso de alzada perante a Conselleira do Mar, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da listaxe das notas definitivas no portal web de formación da Consellería do Mar.

Contra a resolución desta convocatoria poderán os/as interesados/as interpor recurso de alzada perante a Conselleira do Mar, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2019

Susana Rodríguez Carballo
Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Convocatoria de abril de 2019

Matrícula: do 20 de febreiro ao 6 de marzo de 2019, ambos inclusive.

Titulación

Exame teórico

Centros de ensino onde se realizarán os exames teóricos

Patrón/Patroa para Navegación Básica

1 de abril

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo (avda. Beiramar, 55, 36202 Vigo. Teléf. 886 11 08 25/886 11 08 26).

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol (rúa 19 de Febreiro, 30-34, 15405 Ferrol. Teléf. 881 93 82 12/881 93 82 13).

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira (rúa dos Estudantes, 7, 15960 Ribeira. Teléf. 881 86 63 17/881 86 63 24).

Patrón/Patroa de Embarcacións de Lecer

2 de abril

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol.

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira.

Patrón/Patroa de Iate

3 de abril

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol.

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira.

Capitán/Capitá de Iate

4 de abril

Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4, As Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela

Convocatoria de xullo de 2019

Matrícula: do 27 de maio ao 10 de xuño de 2019, ambos inclusive.

Titulación

Exame teórico

Centros de ensino onde se realizarán os exames teóricos

Patrón/Patroa para Navegación Básica

8 de xullo

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo (avda. Beiramar, 55, 36202 Vigo. Teléf. 886 11 08 25/886 11 08 26).

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol (rúa 19 de Febreiro, 30-34, 1540 Ferrol. Teléf. 881 93 82 12/881 93 82 13).

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira (rúa dos Estudantes, 7, 15960 Ribeira. Teléf. 881 86 63 17/881 86 63 24).

Patrón/Patroa de Embarcacións de Lecer

9 de xullo

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol.

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira.

Patrón/Patroa de Iate

10 de xullo

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol.

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira.

Convocatoria de decembro de 2019

Matrícula: do 28 de outubro ao 11 de novembro de 2019, ambos inclusive.

Titulación

Exame teórico

Centros de ensino onde se realizarán os exames teóricos

Patrón/Patroa para Navegación Básica

9 de decembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo (avda. Beiramar, 55, 36202 Vigo. Teléf. 886 11 08 25/886 11 08 26).

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol (rúa 19 de Febreiro, 30-34, 15405 Ferrol. Teléf. 881 93 82 12/881 93 82 13).

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira (rúa dos Estudantes, 7, 15960 Ribeira. Teléf. 881 86 63 17/881 86 63 24).

Patrón/Patroa de Embarcacións de Lecer

10 de decembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol.

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira.

Patrón/Patroa de Iate

11 de decembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol.

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira.

Capitán/Capitá de Iate

12 de decembro

Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4, As Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela.