Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Martes, 19 de febreiro de 2019 Páx. 10200

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

DECRETO 10/2019, do 17 de xaneiro, polo que se crea e se regula o Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia.

O Decreto 95/2017, do 21 de setembro, creou a Rede de reservas da biosfera de Galicia.

As reservas da biosfera (RB) son territorios cuxo obxectivo é harmonizar a conservación da diversidade biolóxica e cultural e o desenvolvemento económico e social a través da relación das persoas coa natureza.

O marco estatutario da Rede mundial de reservas da biosfera regula a participación en rede, considerando que se debe propiciar a constitución e cooperación de subredes rexionais.

Neste marco, na Rede de reservas da biosfera de Galicia incluíronse todos os espazos declarados reserva da biosfera pola Unesco sitos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. Na actualidade existen en Galicia seis reservas da biosfera declaradas pola Unesco: Terras do Miño, Área de Allariz, Os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá, Río Eo, Oscos e Terras de Burón, Transfronteiriza Gêres-Xurés, Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

A existencia dunha rede garante a cooperación entre reservas e permite a súa interacción e a súa actuación como unha auténtica rede de aprendizaxe do desenvolvemento sustentable.

Os obxectivos fundamentais da Rede son a creación de novos vínculos entre as reservas da biosfera declaradas en Galicia, e o reforzamento dos xa existentes, propiciando a colaboración entre todas as reservas integrantes da Rede e fomentando a súa colaboración na realización de proxectos comúns.

Ao mesmo tempo, o funcionamento en Rede das reservas da biosfera de Galicia permite establecer sinerxías e colaborar con outras redes territoriais ou temáticas do Programa Home e Biosfera. Para tal efecto, procede ter en conta que as reservas da biosfera non só teñen un compoñente conservacionista e ambientalista, senón tamén económico e social, ao poder configurarse como un instrumento idóneo para contribuír á dinamización do rural galego e para loitar contra o seu abandono.

A Rede galega de reservas da biosfera é unha aposta da nosa comunidade autónoma para facilitar a consecución dos fins das nosas reservas e servir de canle para o intercambio de experiencias e coñecementos entre elas.

En consecuencia, coa aprobación do Decreto 95/2017, do 21 de setembro, constituíuse a Rede de reservas da biosfera de Galicia que abrangue unhas 777.834,3 hectáreas (territorio das 6 reservas actualmente declaradas). Non obstante, a disposición derradeira primeira do Decreto 95/2017, do 21 de setembro, prevé que a Rede de reservas da biosfera de Galicia dispoña dun órgano colexiado de xestión, ao sinalar: «mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia crearase un órgano colexiado de xestión da Rede de reservas da biosfera de Galicia, adscrito á consellería competente en materia de ambiente e cuxa presidencia exercerá a persoa titular da devandita consellería».

Tras a aprobación do Decreto 95/2017, do 21 de setembro, polo que se crea a Rede de reservas da biosfera de Galicia, procede a tramitación e aprobación dunha nova disposición para a creación e regulación dun órgano de xestión desta rede, cuxa presidencia desempeñará a persoa titular da consellería.

Polo exposto, considérase que este decreto se adecúa aos principios establecidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, que establece no seu punto primeiro que, no exercicio da iniciativa lexislativa e a potestade regulamentaria, as administracións públicas actuarán de acordo cos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia.

A Constitución española recoñece no seu artigo 45.1 que todos teñen o dereito de desfrutar dun ambiente adecuado para o desenvolvemento da persoa, así como o deber de conservalo, e o seu artigo 149.1.23 establece a competencia exclusiva do Estado en materia de lexislación básica sobre protección do ambiente, sen prexuízo das facultades que teñen as comunidades autónomas de establecer normas adicionais de protección.

Conforme o artigo 27.30 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Comunidade Autónoma galega ten competencia exclusiva para o establecemento de normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23 da Constitución española.

Por tal motivo, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio convocou os xestores da Rede co obxecto de que formulasen as súas achegas no tocante á regulación deste órgano de xestión, presentando ao respecto unha proposta inicial que foi sometida ás alegacións dos representantes e órganos xestores das ditas reservas da biosfera e que logo da súa valoración orixinou un texto de carácter regulamentario.

Este decreto ten por obxecto crear o Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia para a xestión da Rede, como órgano colexiado de asesoramento e coordinación adscrito á consellería competente en materia de ambiente.

Neste sentido, este decreto estrutúrase en tres capítulos e contén 12 artigos, unha disposición adicional e unha disposición derradeira. O capítulo I, que engloba os artigos 1 e 2, recolle o obxecto desta disposición, que é crear o Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia e as súas funcións; o capítulo II, que engloba os artigos 3 a 8, refire a composición deste órgano colexiado, que contará cunha presidencia, unha vicepresidencia, a secretaría e as vogalías, e especifica no seu articulado as persoas que desempeñarán tal condición e as súas funcións, así como a duración do seu mandato; finalmente, o capítulo III, que abarca os artigos 9 a 12, recolle as normas de funcionamento deste comité, especificando a forma de funcionamento deste órgano colexiado, que pode ser en pleno ou en grupos de traballo e de que cuxas sesións debe quedar plena constancia nas correspondentes actas que se redacten. A disposición derradeira única prevé a entrada en vigor desta disposición aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, fórmula acorde coa regra xeral de entrada en vigor das normas xurídicas prevista na normativa de aplicación.

Consonte o disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, esta disposición foi sometida a trámite de audiencia, á información pública, así como aos informes sectoriais correspondentes.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do dezasete de xaneiro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións de carácter xeral

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto a creación do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia, como órgano colexiado de asesoramento e coordinación adscrito á consellería competente en materia de ambiente, para a xestión da Rede e cuxa presidencia desempeñará a persoa titular da devandita consellería.

Artigo 2. Funcións

O Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia ten as seguintes funcións:

a) Emitir informes e efectuar propostas en materia de reservas da biosfera de Galicia, por iniciativa propia ou por petición da consellería competente en materia de ambiente.

b) Emitir informe con carácter previo sobre as propostas de designación de novas reservas da biosfera de Galicia.

c) Elaborar propostas sobre accións de investigación, coñecemento, sensibilización e divulgación en materia de reservas da biosfera de Galicia.

d) Promover o coñecemento e difusión dos valores das reservas da biosfera de Galicia.

e) Propoñer á persoa titular da consellería con competencias en materia de conservación da natureza a designación de novas reservas da biosfera de Galicia ou a modificación das existentes.

f) Actuar como órgano de asesoramento, análise e difusión de información periódica relativa á situación das reservas da biosfera de Galicia, como a universidade, os centros de investigación e formación e fundacións, entre outros.

g) Actuar como foro de encontro interdisciplinar e establecer contactos con outras redes de reservas da biosfera.

h) Coordinar a información e axudar na elaboración de proxectos europeos, estatais ou rexionais de financiamento específico.

i) O fomento do traballo en rede, propoñendo proxectos que se poidan levar a cabo en todas as reservas da biosfera, se así o deciden os órganos de xestión de cada unha delas.

j) A aprobación do plan estratéxico da Rede de reservas da biosfera de Galicia coas liñas de actuación prioritarias, respectando as liñas estratéxicas de cada reserva da biosfera dentro dos obxectivos do Programa MaB.

k) Realizar cantas outras actuacións lle sexan encomendadas para o mellor cumprimento destas funcións.

CAPÍTULO II

Composición

Artigo 3. Composición do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia

1. O Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia terá a seguinte composición:

a) A Presidencia.

b) A Vicepresidencia.

c) A Secretaría.

d) Os vogais.

2. A composición do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia procurará unha composición equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 4. A Presidencia

1. A Presidencia do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia corresponde á persoa titular da consellería competente en materia de ambiente.

2. Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade ou outra causa legal, a Presidencia será substituída pola persoa titular da Vicepresidencia.

3. Correspóndenlle á Presidencia as seguintes funcións:

a) Desempeñar a representación do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias, e fixar a orde do día.

c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos.

e) Asegurar o cumprimento das leis.

f) Visar as actas e certificación dos acordos do órgano.

g) Nomear e separar, se é o caso, os/as vogais propostos/as polos distintos departamentos e entidades.

h) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes a súa condición de presidente/a do órgano.

Artigo 5. A Vicepresidencia

1. A Vicepresidencia do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia correspóndelle á persoa titular da dirección xeral competente en materia de conservación da natureza.

2. Correspóndenlle á Vicepresidencia as seguintes funcións:

a) Exercer as funcións atribuídas á persoa titular da Presidencia en caso de ausencia, vacante ou enfermidade ou noutra causa legal.

b) Exercer aquelas funcións que lle sexan delegadas pola persoa titular da Presidencia.

c) Exercer cantas funcións sexan inherentes ao seu cargo e que estean relacionadas coas funcións do órgano.

Artigo 6. A Secretaría

1. A Secretaría do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia correspóndelle a unha persoa funcionaria da dirección xeral con competencias en materia de conservación da natureza, que será nomeada pola Presidencia.

2. Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, será substituída pola persoa funcionaria que expresamente designe a persoa titular da Presidencia.

3. Correspóndenlle á Secretaría as seguintes funcións:

a) Asistir ás reunións do Pleno, con voz pero sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións do órgano por orde da Presidencia, así como as citacións aos seus membros.

c) Recibir os actos de comunicación dos membros co órgano e, por tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.

e) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á Secretaría pola súa condición.

Artigo 7. Vogais

1. Os/as vogais do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia serán nomeados/as pola persoa titular da Presidencia, por proposta da consellería ou das entidades correspondentes segundo se especifica a seguir:

a) Dúas persoas en representación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda designadas pola dirección xeral competente en materia de conservación da natureza.

b) Unha persoa en representación do organismo competente en materia de turismo.

c) Unha persoa en representación de cada unha das reservas da biosfera de Galicia. No caso das reservas da biosfera de Galicia en que esta comunidade exerza a coxestión con outra comunidade ou outro país, poderán estar presentes os dous representantes.

En calquera caso, cada reserva da biosfera contará con un único voto.

d) Unha persoa en representación do Programa persoa e biosfera (MaB) da Unesco en España.

e) Unha persoa en representación da Federación Galega de Municipios e Provincias.

f) Dous expertos designados pola persoa titular da consellería competente en materia de ambiente, entre personalidades relevantes e de recoñecido prestixio e experiencia profesional en materia ambiental.

g) Tres persoas en representación dos órganos da Administración xeral e do sector público autonómico con competencias en materia de infraestruturas, administración local e medio rural, considerados de interese nas estratexias que desenvolvan as reservas da biosfera galegas en atención á súa competencia sectorial.

2. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade ou outra causa legal, a suplencia será exercida pola persoa designada como suplente pola entidade.

3. Correspóndenlles aos/ás vogais as seguintes funcións:

a) Recibir, cunha antelación mínima de corenta e oito horas, a convocatoria que conteña a orde do día das reunións. A información sobre os temas que figuren na orde do día estará á disposición dos membros coa antelación referida.

b) Participar nos debates das sesións.

c) Exercer o seu dereito ao voto e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.

d) Non absterse nas votacións aqueles que pola súa calidade de autoridades ou persoal ao servizo das administracións públicas teñan a condición de membros do órgano colexiado.

e) Formular rogos e preguntas.

f) Obter a información precisa para cumprir coas funcións asignadas.

g) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición.

4. A representación das reservas da biosfera de Galicia nas vogalías corresponderá a unha soa persoa que poderá ser quen desempeñe ben a Presidencia da reserva ben o cargo de xestor da reserva. As persoas que teñan tal condición poderán asistir xuntamente ás reunións do Comité, pero só un deles terá condición de vogal e a representación de cada reserva, polo que lle corresponderá un só voto.

Artigo 8. Duración do mandato.

1. As persoas integrantes do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia que teñan a dita condición por razón do seu cargo desempeñarán as súas funcións polo tempo que dure o exercicio deste.

2. O mandato da persoa titular da Secretaría e dos/das vogais terá unha duración de catro anos a partir da data da sesión constitutiva, e entenderase prorrogado no tempo entre a súa finalización e o nomeamento dos novos membros.

CAPÍTULO III

Normas básicas de funcionamento

Artigo 9. Funcionamento

1. Para o cumprimento das funcións atribuídas, o Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia poderá funcionar en pleno ou en grupos de traballo.

2. A Presidencia do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia poderá invitar a incorporarse ás sesións do Pleno ou dos grupos de traballo, con voz pero sen voto, as autoridades, funcionarios/as, técnicos/as que considere conveniente que, por razón da súa experiencia ou coñecemento específico nas materias que se traten, poidan intervir.

3. O Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia axustarase no seu funcionamento ao regulamento de funcionamento que aprobe ao respecto. En canto este non se aprobe, regularase polas normas xerais de funcionamento dos órganos colexiados previstos na sección 3ª, capítulo I, do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na sección 3ª, capítulo II, do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 10. O Pleno

1. O Pleno estará composto pola totalidade dos membros que compoñen o Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia, os cales terán dereito a voto.

2. Para a válida constitución do Pleno requirirase a presenza das persoas titulares da Presidencia e Secretaría ou, de ser o caso, daquelas que as substitúan, e da metade, polo menos, dos seus membros.

3. O Pleno reunirase como mínimo unha vez ao ano, en sesión ordinaria, e, en sesión extraordinaria, cando sexa convocado pola persoa titular da Presidencia, por propia iniciativa ou pola petición de, polo menos, a metade dos seus membros.

4. Para que os acordos do Pleno sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría de votos das persoas asistentes.

5. O Pleno emitirá a súa opinión sobre aquelas cuestións que lle sexan trasladadas por parte da Presidencia.

6. Correspóndelle ao Pleno a elaboración e aprobación, por maioría cualificada de tres quintos dos seus membros, do regulamento de funcionamento do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia.

Artigo 11. Grupos de traballo

1. O Pleno do Comité poderá acordar a constitución, con carácter permanente ou temporal, de grupos de traballo, logo da aprobación por maioría cualificada de tres quintos dos seus membros.

2. O acordo de constitución dos grupos de traballo deberá especificar a súa composición, as funcións que se lle encomenden e, se é o caso, o prazo para a súa consecución.

Artigo 12. Actas

1. A persoa titular da Secretaría redactará a correspondente acta, na cal se reflectirán as persoas asistentes, a orde do día, as circunstancias do lugar e tempo en que se realizou, as deliberacións e o contido dos acordos adoptados.

2. Na acta figurará, por solicitude dos respectivos membros do Pleno, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen ou o sentido do seu voto favorable.

3. Calquera membro ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que se refira a algún dos puntos da orde do día e achegue, no acto ou no prazo que sinale a persoa titular da Presidencia, o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, que se unirá á acta.

4. Os membros que discrepen do acordo maioritario poderán formular voto particular por escrito, no prazo das corenta e oito horas seguintes á finalización da sesión, que se incorporará ao texto aprobado.

Disposición adicional única. Dotacións orzamentarias

A creación e o funcionamento do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia non suporá un incremento das dotacións orzamentarias da consellería competente en materia de conservación da natureza.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de xaneiro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda