Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Mércores, 27 de febreiro de 2019 Páx. 11360

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 21 de febreiro de 2019, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de concurso específico, dun posto de traballo vacante na Fiscalía Provincial da Coruña.

Por medio do Decreto da Xunta de Galicia 124/2014, do 11 de setembro, determinouse a estrutura e organización da oficina fiscal en Galicia e da Unidade de Apoio á Fiscalía Superior; pola súa banda, as respectivas relacións de postos de traballo das distintas oficinas fiscais foron aprobadas pola Orde JUS/660/2015, do 25 de marzo, do Ministerio de Xustiza, e publicadas pola Resolución da Dirección Xeral de Xustiza do 26 de marzo de 2015 (DOG núm. 72, do 17 de abril).

Dado que se produciu a vacante dun posto singularizado na Fiscalía Provincial da Coruña, e de conformidade co establecido nos artigos 532 e 533 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, e mais no artigo 49 e seguintes do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, procede a convocatoria dun concurso específico para a súa cobertura.

En consecuencia, e no exercicio das competencias previstas no artigo 15 do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

RESOLVO:

1. Aprobar as bases da convocatoria do concurso específico que figuran no anexo I desta resolución, así como os méritos do anexo III.

2. Convocar o concurso específico de méritos e capacidades para a provisión do posto de traballo singularizado vacante que se detalla no anexo II.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e poderá ser impugnada potestativamente en reposición ante este mesmo órgano no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou poderá ser impugnada directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, todo isto de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2019

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza

ANEXO I

Bases da convocatoria

Primeira. Requisitos e condicións de participación

1. De acordo co disposto nos artigos 532 e 533 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, e no artigo 49 e seguintes do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, poderán participar os funcionarios de carreira pertencentes ao corpo ou corpos de adscrición da praza solicitada, calquera que sexa o ámbito territorial en que estean destinados, que reúnan as condicións xerais exixidas e os requisitos determinados nesta convocatoria na data en que termine o prazo de presentación das solicitudes de participación e os manteñan ata a resolución definitiva do concurso.

2. Non poderá participar neste concurso o persoal funcionario que se atope na situación de excedencia voluntaria por interese particular durante o período mínimo obrigatorio de permanencia na dita situación; suspenso en firme, mentres dure a suspensión; nin o que se encontre sancionado con traslado forzoso para destino na mesma localidade en que se lle impuxo a sanción, ata que transcorran un ou tres anos segundo se trate de falta grave ou moi grave, respectivamente.

3. Con respecto ao tempo mínimo para participar neste concurso específico, de conformidade co previsto no artigo 49.7 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, non rexerá a limitación establecida no artigo 46.1 do dito regulamento.

Segunda. Posto de traballo ofertado

O posto que se oferta figura no anexo II desta resolución. Neste anexo constan os datos referentes ao posto de traballo e a súa descrición, con inclusión das especificacións derivadas da natureza da función encomendada ao dito posto e a relación das principais tarefas. Así mesmo, indícase o complemento xeral do posto, o complemento específico e o/s corpo/s a que está adscrito.

Terceira. Presentación de solicitudes e documentación

1. As persoas que concursen deberán presentar a súa solicitude utilizando obrigatoriamente o modelo que figura no anexo IV desta resolución.

2. O prazo de presentación será de 10 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado. En caso de que a publicación desta convocatoria non se faga simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, terase en conta a data de publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co que dispón o artigo 49.5 do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza.

3. As solicitudes irán dirixidas á Dirección Xeral de Xustiza, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, rúa de Madrid, 2-4, 2º andar, polígono das Fontiñas, 15781, Santiago de Compostela, e deberán presentarse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou nas oficinas ás que se refire o artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A data que conste no selo de rexistro de entrada ou do certificado da oficina de Correos debe encontrarse dentro do prazo de presentación de solicitudes. No caso de que esa data se atope fóra do dito prazo, ou de que non conste na instancia remitida o selo do certificado da oficina de Correos, considerarase como presentada fóra de prazo e non será admitida.

4. Xunto coa solicitude deberá fornecerse a documentación orixinal, ou fotocopias compulsadas, da documentación que acredite os requisitos exixidos e os méritos alegados, que se deberán relacionar no modelo de solicitude (anexo IV) desta convocatoria.

Os méritos específicos, correspondentes á segunda fase do concurso, deberán ser xustificados documentalmente mediante os pertinentes títulos académicos ou diplomas, así como mediante certificados ou calquera outro medio de proba admisible en dereito.

5. A Subdirección Xeral de Persoal da Dirección Xeral de Xustiza emitirá de oficio a certificación correspondente á antigüidade no corpo, así como a puntuación correspondente.

6. Os méritos serán avaliados con referencia á data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes previsto no punto 2 desta base terceira.

7. Non se admitirán anulacións ou modificacións do contido das solicitudes unha vez finalizado o período de presentación destas.

Cuarta. Fases do concurso e puntuación

1. O concurso rexerase polo baremo e puntuacións establecidos no anexo III desta resolución.

2. O concurso constará de dúas fases:

a) Primeira fase: de comprobación e valoración dos méritos xerais.

b) Segunda fase: de valoración de aptitudes concretas a través de coñecementos, experiencia, titulacións académicas e aqueloutros elementos que garantan a adecuación da persoa aspirante para o desempeño do posto, excluídos os valorados na primeira fase. A valoración dos méritos específicos deberase efectuar mediante a puntuación obtida tras aplicar a media aritmética das outorgadas por cada un dos membros da comisión de valoración, e deberá desbotarse para estes efectos a máxima e a mínima concedidas, ou, se for o caso, unha das que aparezan repetidas como tales.

Quinta. Comisión de valoración

1. A avaliación dos méritos corresponderá a unha comisión de valoración que será nomeada polo director xeral de Xustiza.

2. A comisión estará integrada por:

a) Catro funcionarios/as da Administración convocante, dos cales un exercerá a presidencia e outro a secretaría, mentres que os outros dous actuarán como vogais. Ao menos un destes catro membros será funcionario ao servizo da Administración de xustiza.

b) Un/unha representante das organizacións sindicais máis representativas, que actuará como vogal.

A persoa que represente as organizacións sindicais designarase baixo proposta destas. Advertirase expresamente que unha vez que a Administración solicite a proposta de designación, se esta non se leva a efecto no prazo de 10 días hábiles entenderase decaída a referida opción.

Unha vez recibida a proposta das organizacións sindicais, publicarase na intranet de Xustiza e mais na web da consellería a resolución do director xeral de Xustiza na cal se nomean os membros da comisión.

3. A comisión de valoración suplente terá a mesma composición ca a titular, e os seus membros actuarán, con voz e voto, en ausencia xustificada do seu correspondente titular.

4. Os membros titulares e os suplentes deberán pertencer a corpos para cuxo ingreso se exixa unha titulación igual ou superior á requirida para os postos convocados.

5. A comisión de valoración poderá solicitar por escrito á autoridade convocante a designación de expertos que, en calidade de asesores, actúen con voz pero sen voto. Fóra deste suposto, non poderán participar na comisión outros representantes distintos dos membros indicados no punto 2.

6. A comisión de valoración poderá solicitar das persoas candidatas as aclaracións, ou se for o caso a documentación adicional, que se consideren necesarias para a comprobación dos méritos alegados.

7. A comisión de valoración terá a consideración de órgano colexiado da Administración e, como tal, estará suxeita ás normas contidas na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Así mesmo, as persoas que a integren estarán sometidas ás causas de abstención e recusación previstas na citada Lei 40/2015.

Sexta. Procedemento

1. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a comisión de valoración proporá para o posto de traballo ofertado a persoa candidata que obtivera maior puntuación sumando os resultados das dúas fases do concurso, e no caso de empate, a quen teña maior antigüidade no corpo.

2. A proposta da comisión de valoración conterá as puntuacións obtidas en cada fase e publicarase na intranet de Xustiza e mais na web da consellería.

3. As persoas interesadas poderán alegar e xustificar o que consideren conveniente sobre os resultados da valoración dentro dos 10 días hábiles seguintes ao da publicación na intranet de Xustiza e na web da consellería.

4. A comisión de valoración resolverá sobre as alegacións e xustificacións presentadas e redactará a proposta de resolución, que elevará á Dirección Xeral de Xustiza, quen pronunciará a resolución definitiva.

Sétima. Resolución do concurso

1. O presente concurso deberá ser resolto no prazo máximo de seis meses contados desde o día seguinte ao de finalización da presentación de solicitudes, de conformidade co previsto no artigo 51.3 do Real decreto 1451/2005; e a resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e mais no Boletín Oficial del Estado, motivarase de acordo co previsto no artigo 51.4 do citado real decreto.

2. Os postos de traballo incluídos na presente convocatoria non se poderán declarar desertos cando haxa concursantes que os solicitaran, agás no suposto en que, como consecuencia dunha reestruturación ou modificación da correspondente relación de postos de traballo, foran amortizados ou modificados nas súas características funcionais, orgánicas ou retributivas.

3. A resolución deberá expresar o posto de orixe do interesado a quen se lle adxudique destino.

Oitava. Carácter dos destinos adxudicados

1. Os destinos adxudicados como consecuencia da resolución deste concurso terán a consideración de voluntarios, polo que non xerarán dereito ao aboamento de indemnización por concepto ningún.

2. Os destinos adxudicados serán irrenunciables. No entanto, quen obtivera un posto de traballo por concurso específico poderá renunciar a este se antes de finalizar o prazo de toma de posesión obtén outro destino mediante convocatoria pública, tendo neste caso a obriga de llo comunicar ao órgano convocante. De incumprir esta obriga de comunicación, deberá tomar posesión no primeiro dos destinos adxudicados.

3. Cando se produza unha desocupación do posto singularizado obxecto deste concurso que non dea lugar a vacante, a cobertura temporal deste, que se realizará polo procedemento establecido nos números 2 e 3 do artigo sexto da Resolución do 7 de maio de 2008 da Dirección Xeral de Xustiza para a convocatoria das substitucións horizontais, terá en conta, en primeiro lugar, o criterio de preferencia previsto no artigo 74.4 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, e en segundo lugar, o baremo de puntuación establecido no anexo III da presente convocatoria.

Será requisito indispensable estar en activo no/s corpo/s a que figura adscrita a praza na correspondente relación de postos de traballo.

Novena. Toma de posesión

1. O prazo para tomar posesión do novo destino obtido será de tres días naturais se non implica cambio de localidade do funcionario, de oito días se implica cambio de localidade dentro da Comunidade Autónoma e de 20 días se implica cambio de comunidade autónoma, con excepción da Comunidade Autónoma de Canarias, Comunidade Autónoma das Illes Balears, Cidade de Ceuta e Cidade de Melilla, en que será dun mes. Cando o adxudicatario de praza obteña coa súa toma de posesión o reingreso no servizo activo, o prazo será de 20 días.

2. O prazo para a toma de posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución do concurso no Diario Oficial de Galicia, cando esta non sexa simultánea coa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Se a resolución comporta reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde a dita publicación.

3. O cómputo dos prazos posesorios comezará cando finalicen os permisos ou licenzas, incluídos os de vacacións, que lles fosen concedidos aos interesados.

4. Efectuada a toma de posesión, o prazo posesorio considerarase como de servizo activo para todos os efectos, bardante dos supostos de reingreso ao servizo activo.

5. Cando, por calquera causa, o funcionario adxudicatario da praza non chegase a tomar posesión, poderase adxudicar o destino ao funcionario que obtivese a seguinte mellor puntuación.

ANEXO II

1. Posto de coordinador/a da oficina fiscal.

Código do posto

Denominación

Centro de destino

Localidade

Corpo

CXP

CE

XG9257802015001602.07

Responsable de estatística, rexistro e calidade I

Fiscalía provincial

A Coruña

Xestión procesual e administrativa

3.724,92 €/ano

8,942,04 €/ano

Tramitación procesual e administrativa

3.166,80 €/ano

8.863,44 €/ano

CXP: complemento xeral do posto 2019.

CE: complemento específico 2019.

2. Funcións principais do posto de responsable de estatística, rexistro e calidade I:

– Control da calidade e efectividade dos rexistros informáticos.

– Control da documentación e xestión de información realizada polo persoal da oficina fiscal nas aplicacións de xestión procesual e demais ferramentas informáticas.

– Control da información, estatística e datos de xestión e pendencia de asuntos.

Sen prexuízo das que lle correspondan polo seu corpo de pertenza.

ANEXO III

Méritos e capacidades. Valoración

Posto de responsable de estatística, rexistro e calidade I.

A. Primeira fase: valoración de méritos xerais, cun máximo de 65 puntos.

1. Antigüidade.

Polos servizos efectivos no corpo de adscrición do posto de traballo a que se opta, outorgaranse 2 puntos por cada ano completo de servizos, computándose proporcionalmente os períodos inferiores por meses ou, de ser o caso, por días. Para estes efectos, os meses consideraranse de 30 días e a puntuación correspondente por día será de 0,0055556 puntos.

A puntuación máxima por este concepto será de 53 puntos.

2. Coñecementos da lingua galega.

A acreditación de coñecementos da lingua galega realizarase mediante os certificados de aptitude emitidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e pola Dirección Xeral de Xustiza, ou certificados ou diplomas equiparados segundo a normativa vixente. A puntuación asignarase en función do nivel superior alcanzado:

a) Celga 4 ou equivalente: 4 puntos.

b) Curso medio de linguaxe xurídica galega: 8 puntos.

c) Curso superior de linguaxe xurídica galega: 12 puntos.

B. Segunda fase: valoración dos méritos específicos, cun máximo de 43 puntos.

1. Coñecementos e experiencia profesional: a puntuación máxima será de 40 puntos.

Os coñecementos e experiencia profesional acreditaranse e baremaranse:

a) Pola experiencia en explotación de datos estatísticos e memoria da Fiscalía, outorgaranse 4 puntos por cada por cada ano completo de servizos prestados en que se acredite a realización destas funcións. Para estes efectos, computaranse proporcionalmente os períodos inferiores por meses ou, de ser o caso, por días; os meses consideraranse de 30 días e a puntuación correspondente por día será de 0,0111111.

A puntuación máxima será de 16 puntos.

b) Polos servizos efectivos prestados en fiscalía no corpo de xestión procesual e administrativa, outorgaranse 6 puntos por cada ano completo de servizos prestados. Para estes efectos, computaranse proporcionalmente os períodos inferiores por meses ou, de ser o caso, por días; os meses consideraranse de 30 días e a puntuación correspondente por día será de 0,0166667 puntos.

A puntuación máxima será de 24 puntos.

c) Polos servizos efectivos prestados en fiscalía no corpo de tramitación procesual e administrativa, outorgaranse 3 puntos por cada ano completo de servizos prestados. Para estes efectos, computaranse proporcionalmente os períodos inferiores por meses ou, de ser o caso, por días; os meses consideraranse de 30 días e a puntuación correspondente por día será de 0,0083333 puntos.

A puntuación máxima será de 24 puntos.

2. Formación específica: 3 puntos.

Valorarase a formación específica incluída na relación de postos de traballo.

missing image file