Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Luns, 4 de marzo de 2019 Páx. 12111

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 19/2019, do 21 de febreiro, polo que se regulan as medallas ao mérito de protección civil de Galicia e outras condecoracións.

Da implicación da cidadanía en Galicia respecto á protección civil é fiel expoñente a figura das agrupacións de persoal voluntario de protección civil, en diante AVPC, e o seu persoal voluntario, de longa traxectoria desde principios da década dos noventa que, de forma organizada, intervén en operativos preventivos e participa tamén, coma calquera cidadán con coñecementos sobre a materia, na prestación do auxilio debido en situacións de emerxencia ata a chegada do persoal profesional.

Así mesmo, poderiamos falar dos profesionais das emerxencias ou entidades e organismos que achegan un plus especial ás súas dedicacións en prol da axuda e colaboración en situacións de risco ou emerxencia.

É de xustiza que as accións meritorias que destaquen por riba do nivel de exixencia para cos demais que temos toda a cidadanía e todas as persoas voluntarias e/ou profesionais sexan recoñecidas pola sociedade á cal serviron desinteresadamente, xa sexan tanto as persoas individuais coma as xurídicas.

Para os efectos de considerar as accións sobresaíntes que, en materia de protección civil, realizase o persoal voluntario ou profesional, así como entidades de todo tipo, publicouse a Orde do 22 de abril de 1994 (DOG núm. 82, do 29 de abril), que regula as medallas ao mérito e as placas e diplomas de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, e desenvolve o procedemento que se seguirá para a súa concesión.

Desde a publicación da citada orde produciuse unha actualización da normativa autonómica respecto da protección civil e das AVPC e publicáronse o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, e a Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia.

Na Lei 5/2007, do 7 de maio, no seu artigo 13.1 recóllese que entre as funcións da persoa titular da consellería competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias está «Exercer a potestade de recoñecemento público das actuacións meritorias de cidadáns, entidades, organismos e profesionais».

De conformidade co disposto no artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no exercicio da iniciativa lexislativa e na potestade regulamentaria, as administracións públicas actuarán de acordo cos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia.

En virtude dos principios de necesidade e eficacia, o interese xeral vén motivado pola incompleta normativa autonómica existente na actualidade, coa finalidade de acadar un marco normativo axeitado ás necesidades actuais nesta materia.

O decreto polo que se regulan as medallas ao mérito de protección civil de Galicia e outras condecoracións cumpre co principio de proporcionalidade, xa que contén a regulación imprescindible para atender as necesidades que hai que cubrir.

Pola experiencia adquirida nestes anos, xunto co desenvolvemento das actividades de protección civil, o incremento dos colectivos colaboradores e a propia participación cidadá fan conveniente facer unha nova regulación normativa adaptándoa á situación de hoxe en día.

Polo tanto, cómpre crear e determinar o deseño e características dunha serie de condecoracións, distintivos e distincións honoríficas, así como os correspondentes pasadores e insignias de lapela, xunto cos seus respectivos diplomas acreditativos, que recoñezan os méritos extraordinarios de persoas físicas ou xurídicas realizados en beneficio da protección civil e seguridade pública no seu sentido máis amplo, así como o servizo continuado en prol da protección civil.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de febreiro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O presente decreto ten por obxecto regular a concesión de medallas e demais condecoracións que permita ao Goberno galego recoñecer e distinguir publicamente tanto as actuacións destacadas en materia de protección civil como a prestación de servizos por tempo continuado no labor altruísta de apoio e colaboración do persoal voluntario de protección civil (código de procedemento administrativo PR467A).

2. A concesión destas medallas e condecoracións ao mérito de protección civil de Galicia ten por finalidade distinguir as persoas físicas ou xurídicas e/ou institucións que sobresaian polas súas actividades en materia de protección civil, accións de emerxencia en situacións de grave risco, catástrofe ou calamidade pública ou por actuacións que impliquen risco notable, solidariedade excepcional, colaboración e cooperación coas institucións de protección civil, así como a prestación de servizos continuados no tempo, de interese para a protección civil, todo iso no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Poderanse outorgar estas distincións ao persoal ao servizo das distintas administracións públicas e ao persoal das forzas e corpos de seguridade só nos seguintes casos:

a) Por accións levadas a cabo cando non estean de servizo.

b) Nos casos en que, estando de servizo, se acredite que a súa acción superou o nivel de exixencia regulamentaria no seu cumprimento.

c) Polo traballo continuado e relevante en interese da protección civil.

Artigo 2. Condecoracións de protección civil

Establécense as seguintes condecoracións:

a) Medalla ao Mérito de Protección Civil de Galicia na súa categoría de ouro.

b) Medalla ao Mérito de Protección Civil de Galicia na súa categoría de prata.

c) Medalla ao Mérito de Protección Civil de Galicia na súa categoría de bronce.

d) Distintivo de permanencia.

Artigo 3. A Medalla ao Mérito de Protección Civil de Galicia

1. A Medalla ao Mérito de Protección Civil de Galicia concedese en tres categorías: ouro, prata e bronce. A concesión dunha ou doutra categoría será discrecional e efectuarase en función das accións de relevancia e transcendencia que se realicen e das circunstancias que concorran, respecto aos fins da protección civil.

2. En cada anualidade poderán concederse: unha medalla de ouro, tres de prata e seis de bronce, non obstante, en casos excepcionais, sucesos ou emerxencias que desen lugar a perdas de vida o que afecten gravemente a integridade das persoas que interveñen neles, poderanse conceder as medallas sen limitación de número, en calquera das súas categorías e na mesma anualidade.

3. Estas condecoracións revestirán o formato de medalla cando sexan outorgadas a título individual, de placa cando sexan outorgadas a entidades ou a colectivos e de gravata para os guións ou as bandeiras daqueles corpos ou unidades que dispoñan deles.

Artigo 4. Distintivo de permanencia

O distintivo de permanencia entregarase ao persoal voluntario das AVPC que se atope prestando servizo activo de protección civil nunha AVPC inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que acrediten un mínimo de 25 anos ao servizo en agrupacións ou asociacións de persoal voluntario de protección civil.

Artigo 5. Acreditación documental da Medalla ao Mérito de Protección Civil de Galicia e demais condecoracións

A Medalla ao Mérito de Protección Civil de Galicia e demais condecoracións de protección civil comportará a súa acreditación documental, a través dos diplomas de protección civil correspondentes.

Artigo 6. Procedemento de concesión

A concesión da Medalla ao Mérito de Protección Civil de Galicia nas súas distintas categorías será outorgada pola persoa titular da consellería competente en materia de protección civil, logo da proposta da comisión de avaliación a que se refire o artigo 11 deste decreto.

Artigo 7. Iniciación do procedemento e presentación de solicitudes

1. As solicitudes para optar á concesión das medallas ao mérito de protección civil de Galicia, nas súas distintas categorías, poderán ser presentadas por calquera persoa física ou xurídica, representantes de organismos, entidades, asociacións, así como calquera Administración pública.

2. No caso do distintivo de permanencia para o persoal voluntario, a solicitude poderá efectuala a AVPC a que pertenza o/a voluntario/a e/ou o concello sede da AVPC, achegando a documentación necesaria que acredite a citada permanencia no servizo activo.

As solicitudes, dirixidas á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo VIII) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas nos trámites realizados pola súa condición de empregado público.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. O prazo máximo de presentación de peticións de solicitudes correspondente a cada ano natural rematará o primeiro de marzo do seguinte ano a aquel en que aconteceron os feitos tidos en conta para a solicitude de concesión da condecoración.

Artigo 8. Solicitudes

As solicitudes presentaranse no modelo normalizado que se xunta como anexo VIII (PR467A) especificando os datos da persoa física, xurídica ou institución a favor da cal se promove a condecoración.

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Memoria ou informe das causas, motivos e circunstancias polas que promove a concesión da medalla ou distintivo ao mérito de protección civil debidamente razoadas e fundamentadas, xunto coa documentación que permita levar a cabo a correspondente avaliación.

Certificación de permanencia en servizo activo no caso de que o que se solicite sexa o distintivo de permanencia para o persoal voluntario.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada nos parágrafos anteriores. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación dos datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIF da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Transcorrido o prazo indicado no artigo 14.1 sen que se ditase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativas que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadán.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Artigo 14. Comisión de avaliación

Para a concesión das medallas e demais condecoracións reguladas neste decreto créase unha comisión de avaliación, procurando que a súa composición sexa equilibrada entre homes e mulleres, que estará composta por:

Presidencia: a persoa responsable da dirección xeral con competencias en materia de protección civil.

Vicepresidencia: a persoa responsable da subdirección xeral con competencias en materia de protección civil.

Vogais:

– As persoas responsables das xefaturas de servizo provinciais con competencias en materia de protección civil.

– Dúas persoas representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias.

– Dúas persoas representantes das asociacións provinciais de AVPC.

Secretaría: unha persoa responsable dunha xefatura de servizo da dirección xeral con competencias en materia de protección civil.

Artigo 15. Proposta de resolución

1. A comisión de avaliación, unha vez analizadas e estudadas as solicitudes presentadas, de consideralo necesario, poderá reclamar e solicitar todo tipo de información complementaria que precise ás persoas solicitantes. Rematado este proceso elevará unha proposta a persoa titular da consellería con competencias en materia de protección civil, á cal lle corresponderá a decisión de concesión das medallas e demais condecoracións, quen resolverá, nun prazo máximo de dous meses contados desde a finalización de presentación de solicitudes, de acordo co establecido no artigo 7.3 deste decreto.

2. A comisión de avaliación non poderá realizar proposta de concesión de medallas superior ao número máximo que se indica neste decreto e poderán, se así se considera oportuno, quedar baleiras unha, varias ou a totalidade das distincións, no suposto de que as persoas aspirantes non reúnan os requisitos e non tivesen lugar as causas e circunstancias necesarias para o recoñecemento da distinción, tendo sempre en conta o establecido no artigo 3.2 deste decreto.

Artigo 16. Publicación da concesión

A orde de concesión das medallas e outras condecoracións de protección civil deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 17. Entrega das medallas e outras condecoracións

As medallas ao mérito e outras condecoracións de protección civil seranlles impostas ás persoas galardoadas pola persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia ou persoa en quen delegue.

Artigo 18. Características e dimensións

1. As dimensións e características distintivas das medallas, placas, diplomas e outras condecoracións ao mérito de protección civil de Galicia, que as acreditan individual ou colectivamente figuran nos anexos deste decreto, relacionados da seguinte maneira:

Anexo I. Medalla ao Mérito de Protección Civil de Galicia na súa categoría de ouro.

Anexo II. Medalla ao Mérito de Protección Civil de Galicia na súa categoría de prata.

Anexo III. Medalla ao Mérito de Protección Civil de Galicia na súa categoría de bronce.

Anexo IV. Placas das medallas ao mérito de protección civil de Galicia nas súas categorías de ouro, prata e bronce, outorgadas a título colectivo.

Anexo V. Gravata para os guións ou as bandeiras daqueles corpos ou unidades que dispoñan deles, adaptada ás distintas medallas.

Anexo VI. Distintivo de permanencia.

Anexo VII. Diplomas para as respectivas medallas e condecoracións.

Artigo 19. Rexistro das medallas e demais condecoracións

A dirección xeral con competencias en protección civil realizará a inscrición pertinente das medallas concedidas, no libro rexistro que se estableza para tales efectos, e levará a cabo a adaptación das condecoracións concedidas coa normativa derrogada e incluirá a súa inscrición. Os datos que se incluirán no libro rexistro son: a data da concesión, tipo de medalla, nome e apelido das persoas galardoadas, o seu NIF e o número de rexistro; no caso de entidades ou institucións, o seu nome e o NIF da entidade, se é o caso.

Disposición adicional única. Distincións colectivas

No caso de distincións colectivas, o persoal de que resulte acreditada a súa participación nos feitos ou servizos motivo do outorgamento desa distinción poderá portar na súa uniformidade un símbolo dela en forma de pin, emblema ou semellante, sempre e cando a normativa da súa institución ou entidade así o permita.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogada expresamente a Orde do 22 de abril de 1994 pola que se regulan as medallas ao mérito e as placas e diplomas de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia e se desenvolve o procedemento que se seguirá para a súa concesión.

Disposición derradeira primeira. Delegación de competencias

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de protección civil para ditar as resolucións precisas para o desenvolvemento deste decreto, así como a modificación das características dos anexos, eliminación de condecoracións ou inclusión de novas.

Disposición derradeira segunda. Adaptación das mencións honoríficas outorgadas con anterioridade

A dirección xeral con competencias na materia levará a cabo a adaptación ao presente decreto das mencións honoríficas concedidas nas anteriores anualidades, así como do seu rexistro.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de febreiro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

Medalla ao Mérito de Protección Civil de Galicia na súa Categoría de Ouro

missing image file

1. Descrición.

As medallas serán tipo elipse, de 40 mm no seu eixe menor e 50 mm no seu eixe maior, cun espesor non inferior a 2 mm. Penderán en forma de gravata dunha fita de 30 mm de ancho, en cor laranxa de fondo cun trazado vertical no lado dereito coas cores da bandeira galega, dúas franxas brancas e unha azul, unida á medalla por unha argola na súa parte superior.

Anverso:

Levará o logo de protección civil da Xunta de Galicia de acordo coa Orde do 24 de febreiro de 2015, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, coas adaptacións necesarias. Constará dunha silueta do mapa da Comunidade Autónoma de Galicia de cor azul Prusia (Pantone 2935c) e no seu interior un triángulo equilátero de cor azul cobalto (Pantone 286c), quedando os vértices do triángulo na parte interior do mapa. Este último irá orlado cunha franxa circular en cor laranxa coa lenda «PROTECCIÓN CIVIL DE GALICIA», na súa parte superior, e na parte inferior «AO MÉRITO», ambas as lendas en cor dourada (Pantone 811U) e tipo de letra centl TC BK BT.

O escudo irá dentro da elipse de cor dourada.

Reverso:

Será plano e levará o escudo de Galicia co número de rexistro gravado debaixo del.

2. Pasador. Estará constituído pola cinta coas cores descritas, de 30 mm de longo por 10 mm de ancho, montada sobre unha armazón de metal dourado e enmarcada por dúas barras laterais do mesmo metal de 2 mm de longo e 10 mm de ancho cada unha. No centro da franxa laranxa levará o triángulo equilátero de protección civil de ouro, de 7 mm de lado. Na súa parte posterior terá un sistema de suxeición adecuado para poder fixalo ao uniforme.

3. Miniatura para lapela. Será unha reprodución en miniatura da medalla dun tamaño total de 16 mm, cun sistema de suxeición que permita o seu emprego tanto sobre un ollal como sobre o tecido.

ANEXO II

Medalla ao Mérito de Protección Civil de Galicia na súa categoría de prata

missing image file

1. Descrición.

As medallas serán tipo elipse, de 40 mm no seu eixe menor e 50 mm no seu eixe maior, cun espesor non inferior a 2 mm. Penderán en forma de gravata dunha fita de 30 mm de ancho, en cor laranxa de fondo cun trazado vertical no lado dereito coas cores da bandeira galega, dúas franxas brancas e unha azul, unida á medalla por unha argola na súa parte superior.

Anverso:

Levará o logo de protección civil da Xunta de Galicia de acordo coa Orde do 24 de febreiro de 2015, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, cos adaptacións necesarias. Constará dunha silueta do mapa da Comunidade Autónoma de Galicia de cor azul Prusia (Pantone 2935c) e, no seu interior, un triángulo equilátero de cor azul cobalto (Pantone 286c), quedando os vértices do triángulo na parte interior do mapa. Este último irá orlado cunha franxa circular en cor laranxa coa lenda «PROTECCIÓN CIVIL DE GALICIA» na súa parte superior e, na parte inferior «AO MÉRITO», ambas as lendas en cor prata (Pantone 811U) e tipo de letra centl TC BK BT.

O escudo irá dentro da elipse de cor prata.

Reverso:

Será plano e levará o escudo de Galicia co número de rexistro gravado debaixo.

2. Pasador. Estará constituído pola cinta coas cores descritas, de 30 mm de longo por 10 mm de ancho, montada sobre unha armazón de metal prateado e enmarcada por dúas barras laterais do mesmo metal de 2 mm de longo e 10 mm de ancho cada unha. No centro da franxa laranxa levará o triángulo equilátero de protección civil de prata, de 7 mm de lado. Na súa parte posterior terá un sistema de suxeición adecuado para poder fixalo ao uniforme.

3. Miniatura para lapela. Será unha reprodución en miniatura da medalla dun tamaño total de 16 mm, cun sistema de suxeición que permita o seu emprego tanto sobre un ollal como sobre o tecido.

ANEXO III

Medalla ao Mérito de Protección Civil de Galicia na súa categoría de bronce

missing image file

1. Descrición.

As medallas serán tipo elipse, de 40 mm no seu eixe menor e 50 mm no seu eixe maior, cun espesor non inferior a 2 mm. Penderán en forma de gravata dunha fita de 30 mm de ancho, en cor laranxa de fondo cun trazado vertical no lado dereito coas cores da bandeira galega, dúas franxas brancas e unha azul, unida á medalla por unha argola na súa parte superior.

Anverso:

Levará o logo de protección civil da Xunta de Galicia de acordo coa Orde do 24 de febreiro de 2015, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, con las adaptacións necesarias. Constará dunha silueta do mapa da Comunidade Autónoma de Galicia de cor azul Prusia (Pantone 2935c) e, no seu interior, un triángulo equilátero de cor azul cobalto (Pantone 286c) quedando os vértices do triángulo na parte interior do mapa. Este último irá orlado cunha franxa circular en cor laranxa na súa parte superior coa lenda de «PROTECCIÓN CIVIL DE GALICIA» e na parte inferior «AO MÉRITO», ambas as lendas en cor bronce (Pantone 811U) e tipo de letra centl TC BK BT.

O escudo irá dentro da elipse de cor bronce.

Reverso:

Será plano e levará o escudo de Galicia co número de rexistro gravado debaixo del.

2. Pasador. Estará constituído pola cinta coas cores descritas, de 30 mm de longo por 10 mm de ancho, montada sobre unha armazón de metal bronceado e enmarcada por dúas barras laterais do mesmo metal de 2 mm de longo e 10 mm de ancho cada unha. No centro da franxa laranxa levará o triángulo equilátero de protección civil de bronce, de 7 mm de lado. Na súa parte posterior terá un sistema de suxeición adecuado para poder fixalo ao uniforme.

3. Miniatura para lapela. Será unha reprodución en miniatura da medalla dun tamaño de 16 mm, cun sistema de suxeición que permita o seu emprego tanto sobre un ollal como sobre o tecido.

ANEXO IV

Placas das medallas ao Mérito de Protección Civil de Galicia nas súas categorías de ouro, prata e bronce, outorgadas a título colectivo

As tres placas teñen formato semellante que consta dunha base de madeira de nogueira, vernizada en cor escura, cunhas dimensións de 400 mm de ancho e 250 mm de longo, sobre a que irá fixada unha placa de metal prateado de acabado brillante de 370 mm de ancho e 220 mm de longo.

Sobre a placa de metal irá gravada, na súa marxe superior esquerda, a lenda «XUNTA DE GALICIA» cos caracteres tipográficos propios da súa imaxe corporativa nun tamaño de conxunto de 150 mm de ancho e 50 mm de longo; á súa dereita, a condecoración da distinción honorífica correspondente á medalla de ouro, prata ou bronce, según sexa a distinción concedida, a un tamaño de 70 mm de longo e 56 mm de ancho.

Baixo elas irá gravado no metal o texto que figura na imaxe coas seguintes características:

Placa correspondente á Medalla ao Mérito de Protección Civil de Galicia na súa categoría de ouro:

missing image file

Placa correspondente á Medalla ao Mérito de Protección Civil de Galicia na súa categoría de prata:

missing image file

Placa correspondente á Medalla ao Mérito de Protección Civil de Galicia na súa categoría de bronce:

missing image file

ANEXO V

Gravata para os guións ou as bandeiras daqueles corpos ou unidades
que dispoñan deles, adaptada ás distintas medallas

A gravata correspondente confeccionarase sobre unha banda de seda de cor branca de 80 mm de ancho e 1.500 mm de longo, rematada nos seus extremos con flocos de cor dourada, prateada ou bronceada, segundo sexa a condecoración concedida, de 50 mm de longo. Entre ambos os flocos con cor laranxa de fondo, un trazado vertical no lado dereito coas cores da bandeira galega, dúas franxas brancas e unha azul.

Nun dos extremos, a 80 mm deste, levará bordada a imaxe da condecoración da distinción honorífica cunhas dimensións de 90 mm de longo e 60 mm de ancho; 20 mm por debaixo da condecoración situarase bordado o nome da unidade, centro ou organismo receptor da gravata e 20 mm por debaixo do nome figurará tamén bordada a data de concesión da condecoración.

A gravata irá suxeita á punta de lanza da bandeira ou estandarte cunha lazada, cos dous extremos da gravata caendo 500 mm a cada lado.

Gravata correspondente á Medalla ao Mérito de Protección Civil de Galicia na súa categoría de ouro

Gravata correspondente á Medalla ao Mérito de Protección Civil de Galicia na súa categoría de prata

missing image file

Gravata correspondente a Medalla ao Mérito de Protección Civil de Galicia na súa categoría de bronce:

missing image file

ANEXO VI

Distintivo de permanencia

missing image file

1. Descrición.

As distincións serán de tipo circular de 40 mm de diámetro cun espesor non inferior a 2 mm. Penderán en forma de gravata dunha fita de 30 mm de ancho, en cor laranxa de fondo cun trazado vertical no lado dereito coas cores da bandeira galega, dúas franxas brancas e unha azul, unida á medalla por unha argola na súa parte superior.

Anverso:

Levará un triángulo equilátero dentro do círculo, cuxos vértices tocan a liña circular, dentro deste situarase o mapa de Galicia e un triángulo equilátero máis pequeno que reflicte os elementos do logo de protección civil da Xunta de Galicia, de acordo coa Orde do 24 de febreiro de 2015, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Por debaixo da base do triángulo maior a lenda «25 ANOS», en cor dourada (Pantone 811U) e tipo de letra centl TC BK BT.

Reverso:

Será plano e levará o escudo de Galicia e a data da concesión gravada debaixo del.

2. Pasador. Estará constituído pola cinta coas cores descritas, de 30 mm de longo por 10 mm de ancho, montada sobre unha armazón de metal dourado e enmarcada por dúas barras laterais deste metal de 2 mm de longo e 10 mm de ancho cada unha. No centro da franxa laranxa levará o logo «25 ANOS» de cor dourada, de 9 mm de lado. Na súa parte posterior terá un sistema de suxeición adecuado para poder fixalo ao uniforme.

3. Miniatura para lapela. Será unha reprodución en miniatura da medalla a un tamaño de 20 mm, cun sistema de suxeición que permita o seu emprego tanto sobre un ollal como sobre o tecido.

ANEXO VII

Diplomas para as respectivas medallas e condecoracións
ao Mérito de Protección Civil de Galicia

Os diplomas, segundo as imaxes que se anexan, irán reberetados en todo o seu contorno por unha cuádrupla orla de cor ouro, prata ou bronce, segundo corresponda á categoría da medalla concedida, situada a 25 mm do bordo do soporte material do documento.

Fóra desta orla, no ángulo inferior dereito, levará o número de rexistro do diploma.

O documento incluirá, ademais, xa dentro do contorno da orla, os seguintes elementos gráficos coas características que se sinalan:

missing image file

missing image file

missing image file

missing image file

O texto dos diplomas, distribuído segundo figura na imaxe anexa, observará as seguintes tipografías e dimensións:

Texto

Tipografía

Tamaño

[Denominación do cargo da autoridade superior que outorga o diploma]

Helvetica Neue Light Condensed

10 mm

en uso das atribucións que lle están legalmente conferidas, resolve outorgar a

Helvetica Neue Light Condensed

8 mm

[Medalla de ao Mérito de Protección Civil] [Ouro/Prata/Bronce]/ [Medalla de permanencia en Protección Civil]

Myriad Pro Bold Condensed

17 mm

a

Helvetica Neue Light Condensed

8 mm

[Don/Dona] Nome Apelido Apelido

Myriad Pro Bold Italic

17 mm

con DNI [DNI do receptor da condecoración]

Helvetica Neue Light Condensed

8 mm

Por concorreren todos os requisitos establecidos no Decreto 0000/0000, do 00 de aaaa

Helvetica Neue Light Condensed

8 mm

[Lugar e data]

Helvetica Neue Light Condensed

7 mm

Denominación do cargo da autoridade

Helvetica Neue Light Condensed

7 mm

[Nome e apelidos da autoridade]

Helvetica Neue Light Condensed

7 mm

[Núm. de rexistro [OU/PR/BR/M25] [0000000000]

Myriad Pro Regular

8 mm