Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Xoves, 7 de marzo de 2019 Páx. 12885

I. Disposicións xerais

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 26 de febreiro de 2019 pola que se regula a composición e o funcionamento das xuntas provinciais e da Xunta Autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario.

A Orde do 10 de decembro de 1997 creou e regulou as xuntas provinciais de directores de centros de ensino non universitario, e creouse unha xunta en cada unha das provincias como canle institucional de participación e colaboración en materia educativa.

Posteriormente, a Resolución do 4 de febreiro de 1998, da entón Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, recentemente modificada pola Resolución do 17 de outubro de 2018, estableceu o procedemento de elección, constitución, renovación e substitución dos membros das ditas xuntas provinciais.

A Orde do 11 de novembro de 1999 creou e regulou a Xunta Autonómica de Directores de Centros de Ensino non Universitario e modificou a devandita Orde do 10 de decembro de 1997. O procedemento de elección, constitución, renovación e substitución dos seus membros foi regulado pola Resolución do 17 de novembro de 2000 das entón Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

A actividade dos devanditos órganos ao longo deste período puxo de manifesto a necesidade de acometer unha reforma da súa regulación coa finalidade de promover unha composición máis adecuada ao principio de igualdade e, polo tanto, fomentar unha maior presenza das mulleres nestes órganos de participación e colaboración en materia educativa.

Ademais, tendo en conta o tempo transcorrido desde a regulación destes órganos, é numerosa a normativa posterior á cal debe adaptarse a devandita regulación, polo que procede unha renovación do réxime de elección, constitución, renovación e substitución dos membros das ditas xuntas, así como do seu réxime de funcionamento.

De acordo co anterior, mediante a presente orde

RESOLVO:

CAPÍTULO I

Xuntas provinciais de directores e directoras
de centros de ensino non universitario

Artigo 1. Natureza e adscrición

1. As xuntas provinciais de directores e directoras de centros de ensino non universitario configúranse como a canle institucional de participación e colaboración en materia educativa, que terán como función específica a representación das direccións dos centros, a función consultiva e o asesoramento naquelas decisións da Administración educativa que incidan nos aspectos organizativos e nos de funcionamento dos indicados centros, sempre que non interfiran nas competencias atribuídas regulamentariamente a outros órganos.

2. En cada xefatura territorial da consellería con competencias en materia de educación existirá unha xunta provincial de directores e directoras de centros de ensino non universitario, que quedará adscrita á Consellería a nivel territorial.

Artigo 2. Composición

1. Cada xunta provincial de directores e directoras de centros de ensino non universitario estará presidida pola persoa titular da xefatura territorial da consellería con competencias en materia de educación, ou persoa en quen delegue.

2. Cada xunta provincial de directores e directoras de centros de ensino non universitario contará como vogais con dúas persoas inspectoras de Educación que presten servizos na respectiva xefatura territorial, designadas pola presidencia do órgano e as persoas directoras de centros públicos de ensino non universitario da provincia que resulten elixidas, no número que se indica no punto seguinte.

Na designación das persoas inspectoras a que se refire este artigo por parte da persoa titular da presidencia procurarase respectar o principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes.

3. O número de persoas directoras que formará parte das respectivas xuntas provinciais é o seguinte:

a) Na Xunta Provincial de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario da Coruña elixiranse 14 persoas directoras; sete persoas directoras de institutos de ensino secundario, ensinanzas de réxime especial e centros integrados de formación profesional, e sete persoas directoras de centros de educación infantil e primaria, educación infantil, educación primaria, colexios rurais agrupados, centros públicos integrados, centros de educación especial e educación permanente de adultos.

b) Na Xunta Provincial de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario de Lugo elixiranse 10 persoas directoras; cinco persoas directoras de institutos de ensino secundario, ensinanzas de réxime especial e centros integrados de formación profesional, e cinco persoas directoras de centros de educación infantil e primaria, educación infantil, educación primaria, colexios rurais agrupados, centros públicos integrados, centros de educación especial e educación permanente de adultos.

c) Na Xunta Provincial de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario de Ourense elixiranse 10 persoas directoras; cinco persoas directoras de institutos de ensino secundario, ensinanzas de réxime especial e centros integrados de formación profesional, e cinco persoas directoras de centros de educación infantil e primaria, educación infantil, educación primaria, colexios rurais agrupados, centros públicos integrados, centros de educación especial e educación permanente de adultos.

d) Na Xunta Provincial de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario de Pontevedra elixiranse 14 persoas directoras; sete persoas directoras de institutos de ensino secundario, ensinanzas de réxime especial e centros integrados de formación profesional, e sete persoas directoras de centros de educación infantil e primaria, educación infantil, educación primaria, colexios rurais agrupados, centros públicos integrados, centros de educación especial e educación permanente de adultos.

4. Exercerá as funcións de secretaría, sen voz nin voto, unha persoa funcionaria que preste servizos na xefatura territorial, designada pola presidencia do órgano.

5. Poderán participar, con voz e sen voto, nas xuntas provinciais as persoas inspectoras de Educación da xefatura territorial, por requirimento da presidencia do órgano.

Artigo 3. Persoas electoras e elixibles

1. Son persoas electoras e elixibles todas as persoas directoras dos centros de ensino non universitario.

2. As persoas representantes das direccións dos institutos de ensino secundario, ensinanzas de réxime especial e centros integrados de formación profesional serán elixidas por e entre o colectivo de persoas directoras de institutos de ensino secundario, ensinanzas de réxime especial e centros integrados de formación profesional da súa provincia.

3. As persoas representantes das direccións dos centros de educación infantil e primaria, educación infantil, educación primaria, colexios rurais agrupados, centros públicos integrados, centros de educación especial e educación permanente de adultos serán elixidas por e entre o colectivo de persoas directoras dos centros dos ditos niveis ou modalidades da súa provincia.

4. Promoverase e fomentarase a participación dos centros das zonas rurais, que permita a súa adecuada representatividade.

Artigo 4. Sistema de elección

1. A elección das persoas directoras que formarán parte das xuntas provinciais de directores e directoras de centros de ensino non universitario, e a constitución delas, efectuarase nas datas fixadas pola consellería con competencias en materia de educación.

2. O sistema de elección será electrónico e adoptaranse as medidas necesarias para garantir de forma plena a confidencialidade do voto.

3. A consellería con competencias en materia de educación elaborará dous censos electorais en cada provincia, un composto polas persoas directoras de institutos de ensino secundario, ensinanzas de réxime especial e centros integrados de formación profesional, e outro composto polas persoas directoras de centros de educación infantil e primaria, educación infantil, educación primaria, colexios rurais agrupados, centros públicos integrados, centros de educación especial e educación permanente de adultos.

4. Os censos electorais faranse públicos por medios electrónicos, no portal da dirección habilitado pola consellería con competencias en materia de educación. O prazo para a presentación de candidaturas, que serán conxuntas para a correspondente xunta provincial e para a Xunta Autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario, será de quince días hábiles, e a presentación farase por medios electrónicos.

5. Pechado o prazo de admisión de candidaturas, a xefatura territorial correspondente fará pública a proclamación de persoas candidatas no devandito portal da dirección.

6. Contra o acordo de proclamación de candidaturas poderase reclamar ante a xefatura territorial correspondente no prazo dos tres días seguintes. A xefatura territorial resolverá nos tres seguintes días hábiles e contra a súa decisión poderá interpoñerse recurso, que non terá efectos suspensivos, perante a persoa titular da consellería con competencias en materia de educación.

7. A votación será electrónica e quedará garantida a confidencialidade do voto mediante a utilización dun sistema de contrasinais que se enviarán ás direccións dos centros. O prazo para emitir o voto será de cinco días hábiles. Cada unha das persoas directoras poderá votar un máximo de tres persoas candidatas a representantes na xunta provincial.

8. Unha vez rematado o prazo de votación, resultarán elixidas en cada xunta provincial o número de persoas directoras indicado no número 3 do artigo 2 desta orde, tendo en conta que co obxecto de asegurar unha presenza equilibrada de mulleres e homes nos ditos órganos, o número de persoas directoras indicado no dito artigo dividirase á metade, e resultarán elixidos e elixidas o número de candidatos de sexo masculino e o número de candidatas de sexo feminino resultante da devandita división, en números enteiros, escollendo, para estes efectos, o dito número de candidatos de sexo masculino que obtiveron maior número de votos e o dito número de candidatas de sexo feminino que obtiveron maior número de votos. No caso de que non existan persoas candidatas suficientes dalgún dos sexos, resultarán elixidas as persoas candidatas do outro sexo con maior número de votos, ata completar o número total de membros elixibles.

En caso de empate no número de votos obtidos entre persoas do mesmo sexo, o empate resolverase a favor da persoa de menor idade.

No suposto de que os membros que se van elixir fosen impares, logo de seguir o procedemento indicado no parágrafo anterior resultará elixida ademais a seguinte persoa que obtivera maior número de votos, con independencia do seu sexo, e en caso de empate procederase de conformidade co previsto no parágrafo anterior.

Artigo 5. Proclamación de persoas candidatas

A consellería con competencias en materia de educación procederá á proclamación das persoas candidatas elixidas en cada provincia, que será publicada electronicamente no portal da dirección no prazo dos tres días hábiles seguintes ao de finalización das votacións.

Artigo 6. Constitución das xuntas provinciais

Dentro dos quince días seguintes á proclamación de persoas candidatas electas constituirase a xunta provincial de directores e directoras, logo da convocatoria dos seus compoñentes pola persoa titular da xefatura territorial correspondente.

Artigo 7. Duración do mandato

O mandato dos membros elixibles das xuntas provinciais será de catro anos, con posibilidade de reelección por unha soa vez, salvo no suposto previsto no número 1 do artigo 8.

Artigo 8. Renovación

1. Dous anos despois de que se constitúan as xuntas provinciais, levarase a cabo a súa renovación parcial, en que serán substituídas a metade das persoas representantes das direccións de institutos de ensino secundario, ensinanzas de réxime especial e centros integrados de formación profesional, e a metade das persoas representantes das direccións de centros de educación infantil e primaria, educación infantil, educación primaria, colexios rurais agrupados, centros públicos integrados, centros de educación especial e educación permanente de adultos. As persoas representantes substituídas serán as que obtiveron o menor número de votos nas eleccións.

No suposto de que o número de membros fose impar substituiranse nesta primeira renovación parcial a metade máis un de membros de cada representación.

2. Dous anos despois desta renovación parcial, substituiranse os compoñentes das xuntas provinciais non substituídos na renovación parcial anteriormente citada.

3. No réxime de renovacións procurarase, sempre que sexa posible, manter a presenza equilibrada de homes e mulleres, resultando elixible en cada momento a candidatura de sexo masculino ou feminino máis votada en función do sexo da persoa que se vai substiuír.

Artigo 9. Réxime de substitución de membros

1. As baixas das persoas directoras de centros que compoñen a xunta provincial que se produzan antes do remate do período de tempo para o que foron elixidos/as, por deixaren de reunir os requisitos necesarios para pertenceren a ela ou por calquera outra circunstancia, producirá unha vacante que será cuberta polas persoas candidatas seguintes de acordo co número de votos obtidos por candidaturas do mesmo sexo que a persoa que se vai substituír, se for posible.

2. Para estes efectos utilizarase a lista da última renovación parcial, independentemente de que a vacante que se vaia cubrir corresponda a unha renovación parcial anterior.

3. No caso de que non houbese persoas candidatas para cubrir a vacante, quedaría sen cubrir ata a próxima renovación da xunta provincial.

4. As baixas de persoas directoras de centros que compoñen a xunta provincial que se produzan antes do remate do período de tempo para o que foron elixidos/as, por deixaren de reunir os requisitos necesarios para pertenceren a ela ou por calquera outra circunstancia, e que tamén sexan membros da Xunta Autonómica de Directores e Directoras serán comunicadas de xeito inmediato pola secretaría da correspondente xunta provincial á secretaría da Xunta Autonómica de Directores e Directoras.

CAPÍTULO II

Xunta Autonómica de Directores e Directoras
de Centros de Ensino non Universitario

Artigo 10. Natureza e adscrición

1. A Xunta Autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario configúrase como a canle institucional de participación e colaboración en materia educativa, que terá como función específica a función consultiva e o asesoramento naquelas decisións da Administración educativa que incidan nos aspectos organizativos e nos de funcionamento dos indicados centros que, polo seu ámbito de aplicación, superen os límites propios das xuntas provinciais, sen prexuízo das competencias atribuídas regulamentariamente a outros órganos.

2. A Xunta Autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario quedará adscrita á consellería con competencias en materia de educación.

Artigo 11. Composición

1. A Xunta Autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario estará integrada polos seguintes membros:

a) A persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería con competencias en materia de educación, que a presidirá.

b) As persoas titulares das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo que a presidencia determine, que actuarán como vogais.

c) Catro persoas directoras pertencentes a cada una das xuntas provinciais, dúas delas representantes de institutos de ensino secundario, ensinanzas de réxime especial e centros integrados de formación profesional, e outras dúas representantes de centros de educación infantil e primaria, educación infantil, educación primaria, colexios rurais agrupados, centros públicos integrados, centros de educación especial e educación permanente de adultos, que actuarán todas elas como vogais.

d) Exercerá as funcións da secretaría, sen voz nin voto, unha persoa funcionaria que preste servizos na consellería con competencias en materia de educación.

2. Participarán nas xuntanzas da Xunta Autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario, con voz pero sen voto, dúas persoas designadas polas federacións de asociacións de directores constituídas, unha representante dos institutos de ensino secundario, ensinanzas de réxime especial e centros integrados de formación profesional, e outra dos centros de educación infantil e primaria, educación infantil, educación primaria, colexios rurais agrupados, centros públicos integrados, centros de educación especial e educación permanente de adultos.

3. Por requirimento da presidencia, en calquera momento e por razón da materia, poderán incorporarse ás reunións do órgano as persoas titulares das secretarías xerais ou direccións xerais da consellería, calquera outra persoa funcionaria da consellería ou outras persoas directoras pertencentes ás respectivas xuntas provinciais.

Artigo 12. Persoas electoras e elixibles

1. Teñen a condición de persoas electoras todas as persoas directoras dos centros de ensino non universitario.

2. Son elixibles todas as persoas que teñan a condición de membros das xuntas provinciais de directores e directoras.

3. As persoas representantes das direccións dos institutos de ensino secundario, ensinanzas de réxime especial e centros integrados de formación profesional serán elixidas polo colectivo de persoas directoras de institutos de ensino secundario, ensinanzas de réxime especial e centros integrados de formación profesional da súa provincia de entre as persoas representantes deste colectivo membros da súa xunta provincial.

4. As persoas representantes das direccións dos centros de educación infantil e primaria, educación infantil, educación primaria, colexios rurais agrupados, centros públicos integrados, centros de educación especial e educación permanente de adultos serán elixidas polo colectivo de persoas directoras dos centros dos ditos niveis ou modalidades da súa provincia de entre as persoas representantes deste colectivo membros da súa xunta provincial.

5. Promoverase e fomentarase a participación dos centros das zonas rurais, que permita a súa adecuada representatividade.

Artigo 13. Sistema de elección

1. A elección das persoas que formarán parte da Xunta Autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario e a súa constitución efectuarase nas datas fixadas pola consellería con competencias en materia de educación.

2. O sistema de elección será electrónico e adoptaranse as medidas necesarias para garantir de forma plena a confidencialidade do voto.

3. Unha vez constituídas as xuntas provinciais de directores de centros de ensino non universitario, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería publicará no portal da dirección a proclamación de candidaturas para a Xunta Autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario, que consistirá na listaxe de membros elixidos por cada colectivo nas correspondentes xuntas provinciais.

4. Contra o acordo de proclamación de persoas candidatas poderase reclamar ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería no prazo dos tres días seguintes. A Secretaría Xeral Técnica resolverá nos tres seguintes días hábiles e contra a súa decisión poderá interpoñerse recurso, que non terá efectos suspensivos, perante a persoa titular da consellería con competencias en materia de educación.

5. A votación será electrónica e quedará garantida a confidencialidade do voto mediante a utilización dun sistema de contrasinais que se enviarán ás direccións dos centros. O prazo para emitir o voto será de tres días hábiles. Cada unha das persoas directoras poderá votar a un máximo de dúas persoas candidatas representantes do seu colectivo a representantes na xunta autonómica.

6. Unha vez rematado o prazo de votación, resultarán elixidas catro persoas representantes de cada unha das xuntas provinciais, dúas delas representantes de institutos de ensino secundario, ensinanzas de réxime especial e centros integrados de formación profesional, e outras dúas representantes de centros de educación infantil e primaria, educación infantil, educación primaria, colexios rurais agrupados, centros públicos integrados, centros de educación especial e educación permanente de adultos, tendo en conta que co obxecto de asegurar unha adecuada presenza da muller no dito órgano, sempre que resulte posible, resultarán elixidos e elixidas o candidato de sexo masculino e a candidata de sexo feminino que obtivese maior número de votos dos representantes de institutos de ensino secundario, ensinanzas de réxime especial e centros integrados de formación profesional; e o candidato de sexo masculino e a candidata de sexo feminino que obtivese maior número de votos dos representantes de centros de educación infantil e primaria, educación infantil, educación primaria, colexios rurais agrupados, centros públicos integrados, centros de educación especial e educación permanente de adultos.

No caso de que non existan candidaturas suficientes dalgún dos sexos, resultarán elixidas as persoas candidatas do outro sexo con maior número de votos, ata completar o número total de membros elixibles.

En caso de empate no número de votos obtidos entre persoas do mesmo sexo, o empate resolverase a favor da persoa de menor idade.

Artigo 14. Proclamación de persoas candidatas

A consellería con competencias en materia de educación procederá á proclamación das persoas candidatas elixidas membros da Xunta Autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario, que será publicada electronicamente no portal da dirección no prazo dos tres días hábiles seguintes ao de finalización das votacións.

Artigo 15. Constitución da Xunta Autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario

Dentro dos quince días seguintes á proclamación de persoas candidatas electas constituirase a Xunta Autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario, logo da convocatoria dos seus compoñentes pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería.

Artigo 16. Duración do mandato

O mandato dos membros elixibles da Xunta Autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario será de catro anos, con posibilidade de reelección por unha soa vez, salvo no suposto previsto no número 1 do artigo 17.

Artigo 17. Renovación

1. Dous anos despois de que se constitúa a Xunta Autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario levarase a cabo a súa renovación parcial, en que serán substituídos a metade dos compoñentes representantes das direccións de institutos de ensino secundario, ensinanzas de réxime especial e centros integrados de formación profesional, e a metade dos compoñentes representantes das direccións de centros de educación infantil e primaria, educación infantil, educación primaria, colexios rurais agrupados, centros públicos integrados, centros de educación especial e educación permanente de adultos. As persoas representantes substituídas serán as que obtivesen o menor número de votos nas eleccións.

2. Dous anos despois desta renovación parcial, substituiranse os compoñentes da Xunta Autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario non substituídos na renovación parcial anteriormente citada.

3. No réxime de renovacións procurarase, sempre que sexa posible, manter a presenza equilibrada de homes e mulleres, resultando elixible en cada momento a candidatura de sexo masculino ou de sexo feminino máis votada en función do sexo da persoa a substiuír.

Artigo 18. Réxime de substitución de membros

1. As baixas de persoas directoras de centros que compoñen a Xunta Autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario que se produzan antes do remate do período de tempo para o que foron elixidas, por deixaren de reunir os requisitos necesarios para pertenceren a ela ou por calquera outra circunstancia, producirá unha vacante que será cuberta polas candidaturas seguintes de acordo co número de votos obtidos por persoas do mesmo sexo que a persoa que se vai substituír, se for posible.

2. Para estes efectos utilizarase a lista da última renovación parcial, independentemente de que a vacante que se vaia cubrir corresponda a unha renovación parcial anterior.

3. No caso de que non houbese persoas candidatas para cubrir a vacante, quedaría sen cubrir ata a próxima renovación da Xunta Autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario.

CAPÍTULO III

Réxime común de funcionamento

Artigo 19. Normas de funcionamento

En todo o non regulado nesta orde será de aplicación o establecido na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na sección 3ª do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 20. Convocatorias e sesións

1. As reunións celebraranse por convocatoria da súa presidencia, debendo reunirse como mínimo dúas veces en cada curso académico.

2. Salvo que non resulte posible, as convocatorias serán remitidas aos membros do órgano colexiado a través de medios electrónicos, facendo constar nela a orde do día xunto coa documentación necesaria para a súa deliberación cando sexa posible.

3. Para a válida constitución do órgano, para os efectos da celebración de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a asistencia da persoa titular da presidencia e da secretaría ou, se é o caso, de quen os supla, e a da metade, polo menos, das persoas que o compoñen.

4. Cando os asuntos que se vaian tratar puidesen afectar soamente un dos dous colectivos representados na xunta provincial ou autonómica, a presidencia poderá convocar, con carácter excepcional, e realizar as reunións coas persoas representantes de cada un dos dous colectivos representados, de xeito separado. Os asuntos así tratados seranlle comunicados ao resto de membros da xunta na seguinte reunión plenaria que teña lugar.

5. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que asistan todos os membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

6. Quen acredite a titularidade dun interese lexítimo poderá dirixirse ao secretario do órgano colexiado para que lle sexa expedida certificación dos seus acordos.

Artigo 21. Actas

1. De cada sesión que celebre o órgano colexiado redactará acta a secretaría, que especificará necesariamente as persoas asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e tempo en que se celebrou, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.

2. A acta de cada sesión poderá aprobarse na mesma reunión ou na inmediata seguinte. A secretaría elaborará a acta co visto e prace da presidencia e remitiraa a través de medios electrónicos aos membros do órgano colexiado, que poderán manifestar polos mesmos medios a súa conformidade ou reparos ao texto, para os efectos da súa aprobación, considerándose, en caso afirmativo, aprobada na mesma reunión.

Disposición adicional primeira. Indemnizacións por razón do servizo

Os membros electos dos órganos colexiados regulados nesta orde terán dereito a percibir unha indemnización en concepto de axudas de custo de acordo coa normativa xeral da Xunta de Galicia.

Disposición adicional segunda. Proceso electoral excepcional

No prazo dun mes desde a publicación no Diario Oficial de Galicia da presente orde, a consellería con competencias en materia de educación iniciará o proceso de renovación das xuntas provincias e da Xunta Autonómica mediante a convocatoria das oportunas eleccións.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas a Orde do 10 de decembro de 1997 pola que se crean e se regulan as xuntas provinciais de directores de centros de ensino non universitario, a Orde do 11 de novembro de 1999 pola que se crea e se regula a Xunta Autonómica de Directores de Centros de Ensino non Universitario, a Resolución do 4 de febreiro de 1998, da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, pola que se establece o procedemento de elección, constitución, renovación e substitución dos membros das xuntas provinciais de directores de centros de ensino non universitario, a Resolución do 17 de novembro de 2000, conxunta da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, pola que se establece o procedemento de elección, constitución, renovación e substitución dos membros da Xunta Autonómica de Directores de Centros de Ensino non Universitario e a Resolución conxunta do 17 de outubro de 2018, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se modifica a Resolución do 4 de febreiro de 1998.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional