Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Luns, 11 de marzo de 2019 Páx. 13371

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 20/2019, do 28 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local.

O Decreto 115/2017, do 17 de novembro, publicouse no Diario Oficial de Galicia do 22  de novembro de 2017, en desenvolvemento das previsións establecidas nos números 6 e 7 do artigo 32 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, que prevén que os concellos lle poderán solicitar á consellería con competencias en materia de seguridade a colaboración na realización das probas de selección para o ingreso, ascenso ou promoción aos corpos de policía local na forma que regulamentariamente se estableza e que, así mesmo, a Xunta de Galicia poderá asumir a convocatoria das prazas vacantes e, de ser o caso, a formación e o período de prácticas naqueles concellos que así o acorden mediante os oportunos convenios de colaboración.

As devanditas previsións legais precisaban dun desenvolvemento regulamentario para a súa operatividade, adaptado á diferente natureza da cooperación requirida en cada caso, de acordo coas exixencias de necesidade, eficacia e proporcionalidade que tamén recolle a lexislación do procedemento administrativo común das administracións públicas como principios de boa regulación.

A presente reforma fundaméntase nos principios da boa regulación. A súa necesidade vén motivada pola experiencia na aplicación práctica do Decreto 115/2017, do 17 de novembro, que mostrou a conveniencia de introducir algúns axustes na regulación dos procesos selectivos unitarios e das listas selectivas para persoal auxiliar de policía local, co obxectivo de mellorar a súa eficacia. Esas modificacións, de acordo co principio de proporcionalidade, limítanse ao estritamente imprescindible e introdúcense no propio texto do decreto en aplicación do principio de seguridade xurídica. Así mesmo, na tramitación da reforma seguíronse os chanzos procedementais que garanten o cumprimento do principio de transparencia.

Neste senso, principalmente, unha vez finalizado o primeiro proceso selectivo unitario de auxiliares de policía local, puxéronse de manifesto diversas cuestións que requiren dun acoutamento para conseguir maior axilidade na xestión, dado que se trata dun proceso selectivo en que o maior volume de contratación se concentra antes do mes de xuño de cada ano, polo que é preciso conxugar os prazos necesarios para que as administracións locais poidan comunicar as prazas que se convocan co dito límite temporal, o cal indubidablemente exixe axilizar prazos e racionalizar procedementos.

A reforma, con carácter xeral, trata de acadar unha maior racionalización e axilidade na aplicación do Decreto. Deste xeito, modifícanse as alíneas c), e) e g) do artigo 5, para concretar o prazo de presentación de solicitudes de participación nos procesos selectivos, precisar os criterios de desempate que se poden introducir nas bases daqueles e axilizar a celebración das probas selectivas; o artigo 6, para facilitar o nomeamento de asesores dos órganos de selección; o artigo 8, para recoller expresamente a posibilidade da tramitación de urxencia dos procesos selectivos, reducindo prazos; e o artigo 13, para mellorar a regulacións das alegacións das persoas aspirantes.

En relación cos procesos selectivos do persoal auxiliar de policía local, modifícase o artigo 18 para establecer máis polo miúdo as súas especificidades; o artigo 19, ao que se lle engade un novo artigo 19 bis, para completar e puntualizar o réxime de funcionamento das listas de colaboración para a contratación deste persoal; e o artigo 21, para concretar o período de vixencia dos seus cursos formativos.

Finalmente, aproveitase a modificación para introducir unha flexibilización dos prazos establecidos para a comunicación polos concellos das prazas que serán obxecto dos procesos selectivos unitarios e das reservas de prazas para os cursos selectivos ou de formación, tendo en conta a novidade que supón esta normativa e co fin de facilitar a operatividade dos procesos selectivos unitarios, baseados no necesario concurso de vontades de administracións diferentes, como son a da Comunidade Autónoma e os concellos.

En consecuencia, en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, logo do informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais previsto na alínea a) do número 1 do artigo 17 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de acordo co ditame do Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de febreiro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local

O Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local, queda modificado como segue:

Un. Engádese un novo parágrafo á alínea c) do artigo 5, coa seguinte redacción:

«O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días desde a publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial del Estado, agás nos procesos selectivos unitarios para persoal auxiliar de policía local, en que se aplicará o prazo de dez días previsto na alínea b) do número 3 do artigo 18, contado desde a publicación da convocatoria coas bases no Diario Oficial de Galicia».

Dous. Modifícase a alínea e) do artigo 5, que queda redactada como segue:

«e) Enumeración, descrición e características das probas selectivas que se van desenvolver e sistemas ou métodos de cualificación destas e/ou relación de méritos que se valorarán e sistema de acreditación e valoración destes, así como os criterios para resolver os eventuais empates entre as puntuacións de dúas ou máis persoas aspirantes.

Como primeiro criterio de desempate incluirase a preferencia polas aspirantes mulleres, de verificarse a infrarrepresentación do sexo feminino nos termos establecidos polo artigo 49 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, aprobado polo Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, ou norma que o substitúa. De establecerse criterios adicionais de desempate baseados nos resultados das probas de aptitude física, estes aplicaranse en función dos tramos de idade e sexo previstos nos correspondentes baremos».

Tres. Modifícase a alínea g) do artigo 5, que queda redactada como segue:

«g) De aplicarse o procedemento de oposición ou concurso-oposición, orde de desenvolvemento das probas e duración da realización destas, coa indicación expresa de que entre a convocatoria das probas e a súa celebración deberá transcorrer un prazo mínimo de dous días, agás no caso da proba de avaliación do coñecemento da lingua galega, que se poderá levar a cabo no mesmo día e a continuación da proba de avaliación dos coñecementos.

Así mesmo, prazo de que disporán as persoas aspirantes para efectuar alegacións ás súas cualificacións en cada proba ou fase do proceso selectivo e, de ser o caso, ao cadro de respostas correctas do cuestionario tipo test, que se contará desde a publicación das cualificacións ou do cadro de repostas correctas.

En todo caso, obrigatoriedade de resolver por parte do órgano de selección as alegacións ás cualificacións que eventualmente puidesen ter presentado as persoas aspirantes».

Catro. Modifícase o número 3 do artigo 6, que queda redactado como segue:

«3. Os órganos de selección a que se refire este artigo, a través da persoa titular da presidencia, poderán solicitar da Dirección da Academia Galega de Seguridade Pública o nomeamento de persoal técnico cualificado para o seu asesoramento».

Cinco. Engádese un novo parágrafo ao número 1 do artigo 8, que queda redactado como segue:

«Na mesma resolución, cando razóns de interese público o aconsellen, poderase acordar a aplicación ao procedemento da tramitación de urxencia, pola cal se reducirán á metade todos os prazos previstos neste decreto e na demais normativa de aplicación, agás os relativos á presentación de solicitudes e recursos e os de alegacións ás cualificacións e ao cadro de respostas correctas dos cuestionarios tipo test establecidos no número 1 do artigo 13 e na alínea c) do número 3 do artigo 18».

Seis. Modifícase o número 1 do artigo 13, que queda redactado como segue:

«1. As persoas aspirantes poderán efectuar alegacións ás súas cualificacións en cada proba ou fase do proceso selectivo dentro dos catro días seguintes ao da publicación daquelas.

Cando se estableza un prazo de alegacións ao cadro de respostas correctas do cuestionario tipo test de acordo co previsto na alínea g) do artigo 5, este non será inferior a dous días nin superior a catro, contados desde a publicación daquel, e o prazo de alegacións ás cualificacións da proba poderá reducirse á metade».

Sete. Modifícase o número 3 do artigo 18, que queda redactado como segue:

«3. En todo o non previsto neste artigo, os procesos selectivos unitarios para persoal auxiliar de policía local rexeranse polas normas do capítulo II, coas seguintes particularidades:

a) As publicacións a que se refire o número 4 do artigo 4 realizaranse exclusivamente no Diario Oficial de Galicia.

b) O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días contados desde a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

c) O prazo para efectuar alegacións ás cualificacións, así como o de alegacións ao cadro de respostas correctas do cuestionario tipo test, en caso de establecerse de acordo co previsto na alínea g) do artigo 5, será de dous días, contados desde a publicación das cualificacións ou do cadro de respostas correctas.

d) As persoas aprobadas que, estando obrigadas consonte ao previsto no número 2 do artigo 15, non comparezan persoalmente ou por medio de representante á reunión presencial para a elección de praza prevista no devandito artigo, ou renuncien expresamente antes ou despois da elección, decaerán en calquera dereito ao acceso aos postos de auxiliares de policía local por esta vía, excepto o disposto no parágrafo seguinte.

Nos supostos de incomparecencia á reunión por causa de forza maior, debidamente acreditada e comunicada pola persoa aspirante con anterioridade á reunión, a elección efectuarase telefonicamente no mesmo acto e no posto que corresponda segundo a puntuación obtida no proceso selectivo, para o cal a persoa aspirante deberá designar o número de teléfono onde poida ser localizada. En caso de non designar o número de teléfono ou non atender á chamada, decaerá no seu dereito.

e) As persoas aprobadas que comparezan á reunión, pero non acepten ou non elixan ningunha das prazas obxecto da convocatoria que lles correspondan elixir, decaerán no seu dereito á elección e pasarán á lista regulada no artigo 19 no lugar que por puntuación proceda.

f) A lista prevista no artigo 19 poderase utilizar para a cobertura das prazas convocadas cando non sexa posible cubrilas coa lista de persoas aprobadas e de reserva do propio proceso selectivo. Neste caso, os chamamentos realizaranse de acordo co establecido no número 7 do artigo 19 bis».

Oito. Modifícase o artigo 19, que queda redactado como segue:

«Artigo 19. Listas de colaboración para a contratación de persoal auxiliar de policía local

1. Con cada proceso selectivo unitario para persoal auxiliar de policía local elaborarase, para un período de catro anos, unha lista de colaboración para a contratación deste persoal, que será confeccionada inicialmente polo órgano de selección. Nela figurarán, por orde decrecente de puntuación no proceso selectivo, aquelas persoas aspirantes que, aínda que superaron todas as probas do proceso selectivo, non resultaron aprobadas por obteren unha puntuación inferior á da última persoa que obtivo praza. O órgano de selección poderá determinar que, para estes efectos, a proba consistente nun cuestionario tipo test se entenderá superada cun número de preguntas correctas inferior ao establecido para acadar a puntuación mínima prevista na alínea b) do número 2 do artigo 18.

2. Unha vez rematado o proceso de elección de praza, a Dirección da Academia Galega de Seguridade Pública, de oficio, integrará na lista de colaboración, por orde da puntuación acadada no proceso selectivo, as persoas aprobadas que non elixan ou acepten praza, así como as da lista de reserva que non a obteñan, e excluirá as persoas inicialmente incluídas na lista que obtivesen praza pola desistencia ou renuncia das anteriores.

3. A lista de colaboración, unha vez rematada a cobertura das prazas convocadas e realizadas as integracións e exclusións referidas no número anterior, será publicada pola Academia Galega de Seguridade Pública na súa páxina web.

4. Para a inclusión na lista de colaboración non será precisa solicitude previa, agás nos supostos previstos no número seguinte e nos de reincorporación regulados no número 4 do artigo 19 bis.

5. Á lista prevista neste artigo poderanse, así mesmo, incorporar, unha vez rematado o período para o cal fosen contratadas, as persoas que aprobasen e obtivesen praza no proceso selectivo unitario.

Para estes efectos, deberán solicitar a súa inclusión nun prazo máximo de dez días desde a finalización do contrato e achegar unha declaración responsable dos períodos traballados como auxiliar de policía local e dos concellos en que prestasen servizos, ou ben unha certificación destes, no suposto de non autorizar a consulta dos seus datos. A súa orde na lista determinaraa de oficio a Academia Galega de Seguridade Pública segundo o establecido no presente decreto.

No suposto de non solicitar a súa reincorporación no dito prazo de dez días, poderán facelo en calquera momento dentro do período de vixencia da lista, pasando a ocupar a derradeira posición.

6. Poderán solicitar a cobertura de prazas de persoal auxiliar de policía local polo sistema regulado neste artigo os concellos que no momento da solicitude teñan en vigor o correspondente convenio para a selección desta clase de persoal, cando, por circunstancias sobrevidas xustificadas e de acordo coa normativa de aplicación, sexa necesaria a dita cobertura.

7. Para estes efectos, o concello deberá achegar coa solicitude de cobertura de prazas unha certificación na cal conste:

a) A duración prevista da contratación.

b) Unha lista das persoas contratadas como persoal auxiliar de policía local no ano en curso, coa especificación dos períodos de contratación.

c) Certificación da secretaría municipal do cumprimento dos requisitos legais para a contratación de persoal auxiliar de policía local.

8. Cada lista de colaboración terá unha vixencia de catro anos desde a súa publicación na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública. Para a determinación da prelación entre listas estarase ao disposto no número 3 do artigo 19 bis.

9. A Dirección da Academia Galega de Seguridade Pública poderalles solicitar aos concellos interesados calquera documentación que xulgue oportuna para a xestión das listas de colaboración reguladas neste artigo».

Nove. Engádese un novo artigo 19.bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 19 bis. Chamamentos nas listas de colaboración para a contratación de persoal auxiliar de policía local

1. Os chamamentos realizaraos a Dirección da Academia Galega de Seguridade Pública de acordo coa lista do proceso unitario convocado en cada momento, e dentro da lista dun mesmo proceso, da puntuación obtida nesta.

2. Dentro de cada lista, non poderán ser obxecto de chamamento aquelas persoas que xa acadasen o período máximo de contratación como persoal auxiliar de policía local de catro ou, de ser o caso, seis meses, sumando os períodos de contratación en todos os concellos tanto polo sistema de listas de colaboración como, de ser o caso, en virtude de praza obtida nun proceso selectivo deste tipo de persoal.

Malia o anterior, poderase superar o tempo máximo de contratación cando un concello solicite unha persoa da lista de colaboración por un período superior ao que lle faltase á persoa que figure no primeiro lugar daquela para acadar os catro ou seis meses, sempre que con isto non se exceda o límite máximo legal para ser contratado dentro dun ano nun mesmo concello. De excederse o devandito límite, será chamada a seguinte persoa da lista que cumpra os requisitos legais, sen que a anterior perda a súa posición naquela.

3. Para determinar a prelación entre listas de colaboración para a contratación de persoal auxiliar de policía local aplicaranse os seguintes criterios:

a) Aplicando sempre a orde de puntuación, primeiro utilizarase a lista do propio proceso unitario celebrado ata esgotarse a lista de persoas que poidan ser obxecto de chamamento polos períodos máximos de contratación de catro ou seis meses e ata que exista unha nova lista derivada dun ulterior proceso unitario.

b) De non existir nova lista por novo proceso selectivo, non ser suficiente a lista actual do proceso convocado ou, en todo caso, transcorrido un ano desde a finalización do derradeiro proceso e salvo que estea iniciado o novo, aplicaranse as listas vixentes por orde decrecente de antigüidade e cos mesmos límites de períodos de contratación e así sucesivamente, tendo en conta as particularidades establecidas no presente decreto para o exceso dos períodos, supostos de renuncias, non aceptación ou elección de praza e similares, de xeito que o sistema sexa rotatorio para que os integrantes das diferentes listas poidan obter un período de contratación de catro ou seis meses.

4. Unha vez rematada cada contratación efectuada polo sistema regulado neste artigo, a persoa interesada poderá solicitar a súa reincorporación á lista de colaboración nun prazo máximo de dez días desde a finalización do contrato, achegando unha declaración responsable dos períodos de contratación como auxiliar de policía local e dos concellos en que prestase servizos. A Academia Galega de Seguridade Pública verificará de oficio estes datos, salvo que a persoa interesada non autorice a súa consulta, caso en que aquela deberá achegar as oportunas certificacións acreditativas.

A reincorporación á lista de colaboración levarase a cabo no posto que corresponda á persoa de acordo coa puntuación obtida no correspondente proceso selectivo unitario, agás nos casos en que aquela superase os prazos máximos establecidos. Nestes supostos, a persoa reincorporarase no derradeiro posto da lista, segundo a orde vixente no momento en que presente a solicitude de reincorporación.

Cando se solicitase a reincorporación á lista de colaboración transcorrido o devandito prazo de dez días, estimarase igualmente a solicitude, sempre que a lista manteña a súa vixencia, pero a persoa interesada ocupará a derradeira posición nela.

5. No suposto de que unha mesma persoa figure de forma simultánea en diferentes listas de colaboración, a Academia Galega de Seguridade Pública requiriraa para que nun prazo de dez días opte expresamente pola súa permanencia nunha soa delas. No caso de non cumprir este trámite, quedará excluída de todas as listas, ditándose a correspondente resolución administrativa.

6. Os chamamentos regulados neste artigo faranse polo medio máis urxente que permita ter a constancia da súa recepción.

As persoas chamadas que, sen xustificación, non respondan ao chamamento, non comparezan no lugar en que deban presentarse ou renuncien expresamente logo do chamamento ou antes da incorporación ao posto, decaerán en calquera dereito ao acceso aos postos de auxiliares de policía local por esta vía, procedéndose a chamar a seguinte persoa da lista.

Cando non acepten, poderán ser chamadas ata por tres ocasións para diferentes vacantes sen perder a súa posición na lista e pasarase a chamar a seguinte persoa e así sucesivamente. Realizadas aquelas, non perderán a súa posición na lista pero non volverán a ser chamadas ata cando por quenda lles corresponda unha vez esgotada a lista do correspondente proceso unitario e, de ser o caso, as correspondentes listas supletorias cando sexan de aplicación.

7. Nos supostos de urxencia para o adecuado funcionamento do servizo, debidamente acreditado polo concello, o chamamento poderase realizar telefonicamente, mediante unha chamada. O persoal funcionario que o efectúe deixará constancia nunha dilixencia na cal figurará se houbo ou non resposta e, de ser o caso, o sentido desta.

De non constar contestación á chamada, non perderán a súa posición na lista e pasarase a chamar a seguinte persoa e así sucesivamente. As persoas interesadas volverán a ser chamadas no suposto de nova vacante.

No suposto de non comparecencia no lugar que deban presentarse, renuncia ou non aceptación, aplicarase o establecido no número 6 anterior».

Dez. Engádese un número 3 ao artigo 21, coa seguinte redacción:

«3. Os cursos de formación regulados neste artigo que se realizasen desde a entrada en vigor do presente decreto teñen unha validez de catro anos, contados desde a súa superación, debendo cursarse e superarse novamente transcorrido o devandito período».

Once. A disposición adicional única pasa a ser a disposición adicional primeira.

Doce. Engádese unha nova disposición adicional segunda, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional segunda. Ampliación dos prazos para a comunicación de prazas, reservas de prazas nos cursos selectivos e concesión de prazos adicionais para os concellos

Os prazos previstos neste decreto para a comunicación polos concellos das prazas que serán obxecto dos procesos selectivos unitarios e das reservas de prazas para os cursos selectivos ou de formación poderán ser ampliados, antes da súa finalización, por motivos vinculados á correcta prestación do servizo da policía local, mediante resolución da persoa titular da Dirección da Academia Galega de Seguridade Pública.

Igualmente, unha vez finalizados os devanditos prazos, por resolución motivada do mesmo órgano, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, poderanse conceder con carácter xeral prazos adicionais para efectuar as comunicacións a que se refire esta disposición».

Disposición transitoria única. Listas existentes para a selección de persoal auxiliar de policía local

As listas existentes para a selección de persoal auxiliar de policía local, elaboradas ao abeiro do artigo 19 do Decreto 115/2017, do 17 de novembro, conservarán a súa vixencia por catro anos desde a súa publicación na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública. A prelación entre elas establecerase de acordo co previsto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia de seguridade para ditar as disposicións necesarias de carácter organizativo e nas materias propias do seu departamento para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de febreiro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza