Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Martes, 12 de marzo de 2019 Páx. 13633

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 12 de febreiro de 2019 pola que se establece o procedemento de expedición de certificados de profesionalidade e acreditacións parciais acumulables.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, no artigo 8 establece que os títulos de formación profesional e os certificados de profesionalidade teñen carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, son expedidos polas administracións competentes e terán os efectos que lle correspondan consonte a normativa da Unión Europea relativa ao sistema xeral de recoñecemento da formación profesional nos Estados membros da Unión Europea e demais Estados signatarios do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo.

O Real decreto 1128/2003, do 5 de setembro, desenvolve o Catálogo nacional de cualificacións profesionais, no artigo 5 define a unidade de competencia como o agregado mínimo de competencias profesionais, susceptible de recoñecemento e acreditación parcial acumulable; para os efectos previstos no mencionado artigo 8 da Lei orgánica 5/2002.

O Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, establece, no artigo 7.1, que a formación dirixida á obtención de certificados de profesionalidade se acreditará mediante a expedición do correspondente certificado de profesionalidade ou das súas acreditacións parciais acumulables e no artigo 7.3 establece que as competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, de conformidade co procedemento establecido no Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral, poderán dar lugar á obtención, se é o caso, das correspondentes acreditacións totais ou parciais de certificados de profesionalidade.

No artigo 16 do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, modificado polo Real decreto 1675/2010, do 10 de decembro e polo Real decreto 189/2013, do 15 de marzo, establécese que os certificados de profesionalidade se expedirán aos que os soliciten e demostren ter superado todos os módulos correspondentes o dito certificado, ou ben que teñan obtido o recoñecemento e a acreditación de todas as unidades de competencia que o compoñen mediante o procedemento de recoñecemento da competencia profesional adquirida por experiencia laboral establecido no Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo. Así mesmo, os que superen os módulos asociados a unha ou varias unidades de competencia dun certificado recibirán unha certificación dos módulos superados que terá efectos de acreditación parcial acumulable das competencias profesionais.

O Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria determina no artigo 49.h) que a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, ten, entre as súas atribucións, as funcións que corresponden á consellería en materia de expedición de certificados de profesionalidade ou acreditación parcial acumulable correspondente e no artigo 59.f), establece que lle corresponde á Subdirección Xeral das Cualificacións, a través do Servizo de Acreditación das Cualificacións Profesionais, entre outras funcións «a expedición e rexistro dos certificados de profesionalidade» e no artigo 59.g) «a expedición e rexistro das unidades de competencia das cualificacións profesionais do Catálogo nacional das cualificacións profesionais».

A presente orde axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico de Galicia, ao responder o previsto nela á satisfacción de necesidades de interese xeral coa debida proporcionalidade, eficacia e eficiencia, ao recollerse na norma os obxectivos perseguidos a través dela e a súa xustificación e terse promovido durante a súa tramitación a participación cidadá en cumprimento do principio de transparencia.

Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Formación Profesional e o Consello Galego de Relacións Laborais no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento de tramitación dos certificados de profesionalidade e das acreditacións parciais acumulables (acreditación de unidades de competencia) que correspondan, conforme a lexislación vixente, ao alumnado da formación profesional para o emprego, da formación profesional do sistema educativo e as persoas participantes nos procedementos de recoñecemento da competencia profesional de Galicia; así como aprobar o formato de solicitude (TR308A) para a expedición de certificados de profesionalidade e acreditacións parciais acumulables.

Artigo 2. Finalidade do procedemento

O procedemento para a solicitude de certificados de profesionalidade e de acreditacións parciais acumulables que se regula na presente orde ten como finalidade dar resposta á necesidade de integración, transferencia e recoñecemento das competencias profesionais obtidas, favorecendo a transparencia do mercado de traballo e posibilitando a validación das unidades de competencia que coincidan entre os certificados de profesionalidade e os títulos de formación profesional e facilitar así a aprendizaxe permanente.

Artigo 3. Solicitantes

1. Poderán solicitar a expedición dun certificado de profesionalidade:

• O alumnado que cursase ensinanzas de formación profesional para o emprego autorizadas pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral e acredite ter superado con avaliación positiva todos os módulos formativos que conforman o certificado de profesionalidade.

• O alumnado que cursase ensinanzas de formación profesional do sistema educativo en Galicia que superen todos os módulos profesionais asociados ás unidades de competencia que conforman o certificado de profesionalidade; excepto que teña completado o correspondente título de FP.

• As persoas que, a través do procedemento de recoñecemento da competencia profesional adquirida por experiencia laboral ou formación non formal en Galicia, acrediten a totalidade das unidades de competencia que conforman o certificado de profesionalidade.

• As persoas que, mediante a acumulación de acreditacións parciais acumulables adquiridas por calquera das vías descritas nos puntos anteriores, completen todas as unidades de competencia que conforman o certificado de profesionalidade.

2. Poderá solicitar unha acreditación parcial acumulable:

• O alumnado que cursase ensinanzas de formación profesional para o emprego en Galicia e acredite ter superado con avaliación positiva algún módulo formativo e non complete todos os módulos dun certificado de profesionalidade.

Artigo 4. Presentación de solicitudes

1. As persoas interesadas deberán solicitar á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral o certificado de profesionalidade ou as acreditacións parciais acumulables no modelo establecido no anexo I desta orde.

2. Cando unha persoa completase un certificado de profesionalidade a través de distintas accións formativas, a solicitude de expedición do certificado de profesionalidade dirixirase á Administración competente que xestionase a última acción, que se encargará tamén do rexistro del, tal e como se establece no artigo 28 da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro, pola que se desenvolve o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade.

3. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento de solicitude de certificado de profesionalidade e de acreditación parcial acumulable

1. As persoas interesadas que queiran solicitar un certificado de profesionalidade deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

A. O alumnado que cursase ensinanzas de formación profesional para o emprego autorizadas pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral:

• Copia do diploma ou diplomas que acrediten a superación de todos os módulos formativos correspondentes ao certificado de profesionalidade ou a exención do módulo de prácticas profesionais non laborais, no caso en que proceda.

• Copia da documentación que acredite os requisitos académicos ou dos requisitos de acceso ás accións formativas que dan dereito á obtención dun certificado de profesionalidade segundo o disposto no artigo 2 da Orde do 7 de xaneiro de 2014 onde se recollen os requisitos formativos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

B. O alumnado que cursase ensinanzas de formación profesional do sistema educativo en Galicia:

• Copia da certificación de módulos profesionais asociados á totalidade de unidades de competencia que conforman o certificado de profesionalidade.

• Copia da certificación do módulo de formación en centros de traballo ou a exención do módulo de FCT que permita a acreditación do módulo de prácticas non laborais incluído no certificado de profesionalidade.

• Copia da documentación que acredite os requisitos académicos de acceso ao ciclo formativo ou dos requisitos de acceso ás accións formativas que dan dereito á obtención dun certificado de profesionalidade.

C. As persoas do procedemento de recoñecemento da competencia profesional adquirida por experiencia laboral ou formación non formal en Galicia:

• Copia do documento que acredite as unidades de competencia obtidas a través deste procedemento de recoñecemento da competencia profesional.

2. As persoas interesadas que queiran solicitar unha acreditación parcial acumulable deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

• Copia do diploma ou diplomas que acrediten a superación dos módulos formativos correspondentes ao certificado de profesionalidade.

• Copia da documentación que acredite os requisitos académicos ou dos requisitos de acceso ás accións formativas que dan dereito á obtención dun certificado de profesionalidade, segundo o disposto no artigo 2 da Orde do 7 de xaneiro de 2014 onde se recollen os requisitos formativos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, cando se dispoña del.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Resolución do procedemento

1. Unha vez recibida a solicitude, procederase ao seu exame e da documentación achegada e verificarase o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 5 e 6 desta orde.

2. No caso de que a solicitude non reúna os requisitos establecidos, procederase a requirir a persoa interesada para que emende a falta ou xunte os documentos preceptivos.

3. Nos casos en que se comprobe que a solicitude cumpre os requisitos establecidos na normativa de aplicación, comunicarase a concesión do respectivo certificado de profesionalidade ou acreditación parcial acumulable e expediranse conforme ao modelo establecido no Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro. Denegarase de xeito motivado nos restantes casos.

4. O prazo máximo para resolver estes procedementos será de 5 meses, contados a partir da presentación da solicitude para a súa tramitación. Transcurrido este prazo, sen notificarse a resolución, a solicitude entenderase desestimada por silencio administrativo.

5. Estimada a solicitude, procederase de oficio á inscrición no Registro Xeral no Sistema nacional de empleo do Servizo Público de Emprego Estatal así como á expedición do certificado de profesionalidade ou da acreditación parcial acumulable.

A resolución estimatoria, no caso de expedición dun certificado de profesionalidade, producirá provisionalmente os mesmos efectos que a posesión do certificado de profesionalidade en tanto a expedición non se produza.

Artigo 9. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia, «Notifica.gal» dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Expedición de certificados de profesionalidade e de acreditacións parciais acumulables

A expedición do certificado de profesionalidade e das acreditacións parciais acumulables correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de emprego. O dito certificado e as acreditacións parciais acumulables seguirán o modelo establecido conforme as características técnicas indicadas no Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro.

Artigo 11. Rexistro de certificados de profesionalidade e das acreditacións parciais acumulables

A Subdirección Xeral das Cualificacións, dependente da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, leva unha inscrición nominal e por especialidades dos certificados de profesionalidade e das acreditacións parciais acumulables expedidas e efectúa a súa inscrición no Registro Xeral no Sistema nacional de emprego, de acordo co establecido no artigo 17 do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www. xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Equivalencias

As unidades de competencia acreditadas por un certificado de profesionalidade ou unha acreditación parcial acumulable, expedida pola consellería con competencias en materia de emprego, serán recoñecidas pola Administración educativa e producirán os efectos de convalidación do módulo o módulos profesionais correspondentes de acordo cos reais decretos polos que se establecen cada un dos títulos da formación profesional, a quen o solicite.

Disposición adicional terceira. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición derradeira primeira. Norma supletoria

En todo o non previsto nesta orde será de aplicación o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade e a normativa que o desenvolva.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para adoptar cantas medidas sexan precisas para a aplicación, desenvolvemento e execución do disposto na presente orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file