Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Xoves, 14 de marzo de 2019 Páx. 13946

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 21/2019, do 14 de febreiro, polo que se crea e se regula o Consello Interdepartamental de Coordinación para a Prevención e Atención das Condutas Suicidas.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) considera o suicidio como unha das cuestións prioritarias e compromete aos estados membros a traballar en prol da meta mundial de reducir para 2020 nun 10 % a taxa de suicidio. Este mesmo organismo tamén recoñece a prevención do suicidio como unha prioridade de saúde pública e destaca que o suicidio é a segunda causa de defunción entre as persoas de 15 a 29 anos.

Galicia tivo historicamente un alto índice de suicidios. A taxa de suicidio galega supera a media en España. Mentres que España rexistrou no 2016 unha media de 7,46 suicidios por 100.000 habitantes, en Galicia rexistráronse 11,08. En números absolutos, Galicia, con aproximadamente o 6 % da poboación estatal, achega o 9,5 % das mortes por esta causa, o que é unha mostra da súa importancia como problema de saúde pública de primeira orde.

O suicidio é un problema da sociedade no seu conxunto, de xeito que para que unha estratexia nunha poboación resulte eficaz é precisa unha resposta multisectorial e integral. É dicir, para comprender o suicidio é necesario partir dunha percepción global do problema, de xeito que cómpre agrupar o coñecemento e a experiencia dos distintos axentes implicados nel.

O Plan de prevención do suicidio en Galicia, elaborado no ano 2017, nace cun dobre obxectivo, o de reducir a taxa de suicidio e o de establecer medidas para diminuír o sufrimento das persoas que presentan un intento de suicidio e das súas familias. Este plan establece un compromiso claro do goberno galego en relación co problema do suicidio, en prol dunha resposta integral das institucións para a súa prevención. Con este plan quérese priorizar a prevención do suicidio na axenda da atención á saúde mental e concienciar acerca do suicidio como un problema global, e que vai alén da atención no ámbito sanitario, polo que é necesario implementar outras medidas complementarias en ámbitos como o educativo e o social.

Entre as liñas estratéxicas que recolle o plan figura a relativa á coordinación interinstitucional ante a conduta suicida, que como xa se apuntou, require para a súa correcta abordaxe a atención desde diversos ámbitos: sanitario, social e educativo, entre outros. Por tanto, é necesaria unha correcta colaboración e coordinación entre as distintas institucións implicadas e, con esta finalidade, o Plan prevé a creación dun consello interdepartamental de coordinación para a prevención e atención das condutas suicidas.

O consello interdepartamental citado terá a facultade de realizar a avaliación dos resultados das medidas implementadas durante o seu desenvolvemento, actualizar o coñecemento e promover novas actuacións baixo criterios de eficiencia e efectividade.

O decreto conta con dez artigos relativos o seu obxecto e adscrición, natureza e réxime xurídico, funcións do Consello Interdepartamental, así como a regulación da súa composición no relativo aos membros, as concretas funcións asignadas á presidencia, vicepresidencia, secretaría e vogalías, funcionamento do Consello, duración do cargo e causas de cesamento. O decreto complétase con dúas disposicións derradeiras relativas, respectivamente, ao seu desenvolvemento normativo e entrada en vigor.

O presente decreto tramitouse de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e foi obxecto de publicación no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia. Así mesmo, foi sometido a informe económico-financeiro da consellería competente en materia de facenda, informe sobre impacto de xénero e informe da Asesoría Xurídica Xeral.

Finalmente, no exercicio desta potestade regulamentaria, e en prol da mellora da calidade normativa, esta administración actuou de conformidade co recollido no artigo 37.1 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, no que atinxe aos principios de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade e eficacia; así como tamén aos principios de boa regulación recollidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, nomeadamente, os de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de febreiro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e adscrición

1. Este decreto ten por obxecto a creación e regulación do Consello Interdepartamental de Coordinación para a Prevención e Atención das Condutas Suicidas (en diante, Consello Interdepartamental).

2. O Consello Interdepartamental, que depende da consellería competente en materia de sanidade, estará adscrito á dirección xeral competente en materia de asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 2. Natureza e réxime xurídico

1. O Consello Interdepartamental é un órgano colexiado de carácter consultivo, de estudo, coordinación, seguimento e asesoramento en materia de prevención e atención das condutas suicidas en Galicia.

2. Será de aplicación o establecido para os órganos colexiados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no seu regulamento interno de funcionamento.

Artigo 3. Funcións

O Consello Interdepartamental terá as seguintes funcións:

a) A supervisión da elaboración e o seguimento da implantación do Plan de prevención do suicidio en Galicia.

b) A formulación dunha proposta anual ante as respectivas institucións das medidas que se levarán a cabo en relación coa prevención e actuación ante as condutas suicidas.

c) A supervisión da evolución das medidas, actuacións e compromisos que se establecen no Plan de prevención do suicidio en Galicia.

d) Valorar a información e documentación que se lle remita sobre as medidas estratéxicas do plan e dos seus respectivos indicadores, así como do cumprimento e revisión periódica dos protocolos e as accións de coordinación desenvolvidas para a prevención e actuación ante condutas suicidas.

e) A emisión de informes anuais que inclúan datos dispoñibles referidos a condutas suicidas, actividades levadas a cabo, información de seguimento e avaliación do plan.

Artigo 4. Composición

1. O Consello Interdepartamental estará composto por unha presidencia, unha vicepresidencia e doce vogalías, nomeadas e cesadas pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade mediante resolución.

2. A presidencia corresponderá á persoa titular da dirección xeral competente en materia de asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

3. A vicepresidencia corresponderá á persoa titular da subdirección xeral competente en materia de planificación e programación asistencial do Servizo Galego de Saúde.

4. A secretaría corresponderá a unha persoa funcionaria de carreira proposta polo servizo competente en materia de saúde mental e asistencia a drogodependencias do Servizo Galego de Saúde.

5. As vogalías estarán formadas por:

a) Unha persoa proposta pola Vicepresidencia e consellería con competencia en materia de presidencia, administracións públicas e xustiza.

b) Unha persoa proposta pola consellería con competencias en materia de educación.

c) Unha persoa proposta pola consellería con competencias en materia de política social.

d) Unha persoa proposta pola dirección xeral con competencias en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade.

e) Unha persoa proposta polo Instituto de Medicina Legal de Galicia.

f) Unha persoa proposta pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

g) Unha persoa proposta pola Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes Galicia).

h) Un/unha enfermeiro/a especialista en saúde mental, en servizo activo, do Servizo Galego de Saúde, por proposta da dirección xeral competente en materia de asistencia sanitaria.

i) Un/unha traballador/a social, en servizo activo, do Servizo Galego de Saúde, por proposta da dirección xeral competente en materia de asistencia sanitaria.

j) Un/unha médico/a de medicina familiar e comunitaria, en servizo activo, do Servizo Galego de Saúde, por proposta da dirección xeral competente en materia de asistencia sanitaria.

k) Un/unha psiquiatra, en servizo activo, do Servizo Galego de Saúde, por proposta da dirección xeral competente en materia de asistencia sanitaria.

l) Un/unha psicólogo/a clínico/a, en servizo activo, do Servizo Galego de Saúde, por proposta da dirección xeral competente en materia de asistencia sanitaria.

6. En caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa xustificada, os/as vogais serán substituídos/as polas persoas suplentes designadas polo órgano propoñente. O/a secretario/a poderá ser substituído/a pola persoa suplente que se designe.

7. Na composición do Consello Interdepartamental procurarase unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 5. Presidencia

Son funcións da presidencia do Consello Interdepartamental:

a) Desempeñar a representación do Consello.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e a fixación da orde do día, tendo en conta, de ser o caso, as peticións dos demais membros formuladas coa suficiente antelación.

c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos.

e) Asegurar o cumprimento das leis.

f) Visar as actas e certificacións dos acordos do Consello.

g) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente/a do Consello.

Artigo 6. Vicepresidencia

Corresponde á persoa que desempeñe a vicepresidencia:

a) Substituír a persoa que desempeña a presidencia na totalidade das súas atribucións, nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa xustificada.

b) Exercer as funcións intrínsecas á súa condición de membro do Consello, con dereito a voto.

c) Asistir á presidencia nas correspondentes sesións do Consello.

d) Cantas outras funcións expresamente lle sexan delegadas pola presidencia.

Artigo 7. Vogais

Ás persoas titulares das vogalías corresponderanlles as seguintes funcións:

a) Recibir, cunha antelación mínima de corenta e oito horas, a convocatoria que conteña a orde do día das reunións. A información sobre os temas que figuren na orde do día estará á disposición dos membros coa antelación referida.

b) Participar nos debates das sesións.

c) Exercer o seu dereito ao voto e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.

d) Non absterse nas votacións aquelas persoas que sexan membros pola súa calidade de autoridade ou persoal ao servizo das administracións públicas.

e) Formular rogos e preguntas.

f) Obter a información precisa para cumprir as funcións asignadas.

g) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición.

Artigo 8. Secretaría

1. A persoa que exerza a secretaría do Consello terá as seguintes funcións:

a) Asistir ás reunións, con voz pero sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións do Consello por orde da súa presidencia, así como as citacións aos seus membros.

c) Recibir os actos de comunicación dos membros co Consello e, por tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.

e) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Coordinar as tarefas dos subconsellos específicas que se poidan constituír.

g) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de secretario/a.

Artigo 9. Funcionamento

1. Para a válida constitución do Consello Interdepartamental para os efectos da celebración de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presenza da persoa que exerza a presidencia e da persoa que exerza a secretaría, ou das persoas que as substitúan, e da metade, polo menos, dos seus membros, presentes ou representados.

2. O Consello Interdepartamental poderase constituír e convocar e poderá celebrar as súas sesións, adoptar acordos e remitir actas tanto de forma presencial como a distancia. Non obstante, salvo que non sexa posible, as convocatorias serán remitidas aos membros do órgano colexiado a través de medios electrónicos, segundo o disposto no artigo 17 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, e no artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

3. O Consello reunirase, con carácter ordinario, dúas veces ao ano e, con carácter extraordinario, cando sexa convocado pola persoa que exerza a secretaría, por acordo da persoa que exerza a presidencia.

4. Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos. A persoa que exerza a presidencia, en caso de empate, terá voto de calidade.

5. Ademais dos seus membros, poderán asistir ás sesións, con voz pero sen voto, logo de convite da persoa que exerza a presidencia, persoas de recoñecida competencia profesional ou representantes de entidades cuxa actividade teña relación cos asuntos que vaian tratarse, cando a natureza destes o requira.

Artigo 10. Duración do mandato dos membros do Consello e causas de cesamento

1. As persoas que posúan a condición de membro do Consello por razón do seu cargo perderán a dita condición cando cesen nel.

2. A composición do Consello renovarase, como mínimo, pola metade do seus membros cada catro anos. Una vez finalizado o seu mandato, permanecerán no desempeño das súas funcións ata o nomeamento dos novos membros.

3. O resto dos membros cesarán polas seguintes causas:

a) Incapacidade permanente, física ou mental, que inhabilite para o exercicio das funcións inherentes á condición de membro do órgano colexiado ou falecemento.

b) Perda das condicións que determinaron o seu nomeamento.

c) Renuncia.

d) Remoción por incumprimento grave das súas obrigas.

De se producir algunha das causas relacionadas anteriormente, a nova persoa designada posuirá a condición de membro do Consello durante o tempo que reste ata o remate da duración do mandato.

4. Os servizos que presten os membros do Consello non xerarán dereitos laborais nin económicos para ningún deles.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade para adoptar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de febreiro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade