A base oitava da Resolución do 1 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso nas categorías de grupo técnico da función administrativa e grupo de xestión da función administrativa do Servizo Galego de Saúde, dispón que tras a publicación das puntuacións provisionais dos exercicios, os/as aspirantes poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de cinco días hábiles seguintes ao da devandita publicación, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida.
A estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita na resolución pola que se aproben as puntuacións definitivas dos distintos exercicios, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.
Á vista das reclamacións presentadas e do acordo adoptado sobre estas polo tribunal de selección e elevado ao órgano convocante, este centro directivo, de conformidade coa antedita base
RESOLVE
Primeiro. Aprobar e dar publicidade, a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), ás puntuacións definitivas obtidas polos/as aspirantes presentados/as en cada un dos exercicios que integran a fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso nas categorías de grupo técnico da función administrativa e grupo de xestión da función administrativa, convocado por Resolución do 1 de marzo de 2018.
Segundo. Declarar finalizada a fase de oposición do referido proceso selectivo.
Terceiro. Esta resolución poderá ser impugnada polos/as interesados/as nos termos previstos na base 7) e 11) da resolución de convocatoria do proceso.
Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2019
Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos