Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Luns, 25 de marzo de 2019 Páx. 15891

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2019, do Servizo de Infraestruturas de Pontevedra, pola que se sinala a data para o levantamento de actas previas á ocupación, para a expropiación dos bens e dereitos afectados polas obras do proxecto de construción da adaptación ao Plan de baixa IMD mellorada da PO-234, punto quilométrico 0+420 (Ponte Caldelas) - 2+580 (Laxoso), de clave PO/16/139.10, no termo municipal de Ponte Caldelas.

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu punto 2º a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 8 de febreiro de 2018, a Axencia Galega de Infraestruturas resolveu aprobar o proxecto de construción da adaptación ao Plan de baixa IMD mellorada da PO-234, pq 0+420 (Ponte Caldelas) - 2+580 (Laxoso), de clave PO/16/139.10.

Con data do 15 de novembro de 2018 a Xunta de Galicia procedeu á declaración de utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción da adaptación ao Plan de baixa IMD mellorada da PO-234, pq 0+420 (Ponte Caldelas) - 2+580 (Laxoso), no concello de Ponte Caldelas (clave PO/16/139.10), mediante o Decreto 144/2018, publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 230, do 3 de decembro.

Na súa virtude, e en cumprimento do disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do regulamento para a súa aplicación, este servizo, en uso das facultades que lle confire o artigo 98 da mencionada lei, resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Ponte Caldelas, para que comparezan no lugar, datas e horas que se detallan a continuación co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación en que se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Lugar: salón de plenos do Concello de Ponte Caldelas.

Data: 23 de abril de 2019.

Horario: das 9.30 ás 13.30 horas.

De: Adán Landeiro, Manuel a Eirabella Pérez, Gerardo.

Lugar: salón de plenos do Concello de Ponte Caldelas.

Data: 24 de abril de 2019.

Horario: das 9.30 ás 13.30 horas.

De: Ferrería Couto, María Rita a López Santos, Mercedes.

Lugar: salón de plenos do Concello de Ponte Caldelas.

Data: 25 de abril de 2019.

Horario: das 9.30 ás 13.30 horas.

De: López Vilariño, Dolores a Portela, Encarnación.

Lugar: salón de plenos do Concello de Ponte Caldelas.

Data: 26 de abril de 2019.

Horario: das 9.30 ás 12.30 horas.

De: Rocha Escudero, Ángel a Vidal Domínguez, Anunciación.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente estarán expostos no Concello de Ponte Caldelas e no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestuturas de Pontevedra (avda. Fernández Ladreda, nº 43, 1º andar, 36003 Pontevedra).

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome e achegar os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo da contribución, así como certificado de conta cos códigos IBAN E BIC, a fin de proceder aos sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria; poderán facerse acompañar pola súa costa, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notarios.

Así mesmo, e no cumprimento do establecido nos artigos 17, 18 e 19 da Lei de expropiación forzosa e do 56 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa ábrese información pública durante un prazo de quince días, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución e ata o momento do levantamento da acta previa correspondente, co fin de que os interesados poidan formular por escrito, ante este Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestuturas de Pontevedra (avda. Fernández Ladreda, nº 43, 1º andar, 36003 Pontevedra), as alegacións que xulguen pertinentes para os efectos previstos na regulación referida.

De conformidade co artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, publicarase o anuncio no Boletín Oficial del Estado, o que servirá de notificación aos propietarios descoñecidos e dos que se ignore o lugar de notificación, ou ben se, intentada esta, non se puidese practicar.

Pontevedra, 13 de marzo de 2019

Fausto Núñez Vilar
Xefe do Servizo Provincial de Pontevedra