Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Mércores, 27 de marzo de 2019 Páx. 16118

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 2019 pola que se modifica a Resolución do 20 de decembro de 2018 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, a establecementos hoteleiros para a adquisición de materiais para a reforma dos establecementos (Reforma-Tur 19), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria.

Mediante Resolución do 20 de decembro de 2018 publicouse o acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, a establecementos hoteleiros para a adquisición de materiais para a reforma dos establecementos (Reforma-Tur 19), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria (DOG núm. 19, do 28 de xaneiro de 2019).

Tras as primeiras tres semanas de vixencia dos incentivos obsérvase que o ritmo de execución é menor do esperado, o cal pode deberse á novidade dos incentivos e á necesidade de executar a adquisición antes da solicitude da axuda.

En consecuencia, para incrementar no posible a oportunidade de acollerse ás axudas por parte dos seus beneficiarios, e dado que non causa prexuízo a terceiros, acórdase ampliar os prazos previstos na resolución citada.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Modifícanse os prazos indicados na Resolución do 20 de decembro de 2018 que quedan establecidos como segue:

O prazo de adhesión das entidades colaboradoras amplíase ata o 30 de abril de 2019.

O prazo de presentación de solicitudes de axuda amplíase ata o 30 de maio de 2019, agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito. Neste caso informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web do Igape e no Diario Oficial de Galicia (procedemento do Igape co código IG259).

O prazo de execución do proxecto, entendido como o prazo en que se deben ter adquiridos os bens subvencionables, amplíase ata o 14 de xuño de 2019.

O prazo de xustificación da axuda estenderase ata o 28 de xuño de 2019.

Segundo. Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2019

Juan Manuel Cividanes Roger
Director do Instituto Galego de Promoción Económica