Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Xoves, 28 de marzo de 2019 Páx. 16316

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ANUNCIO do 4 de marzo de 2019, da Xefatura Territorial de Pontevedra, polo que se fai pública a resolución pola que se declara a condición minero-medicinal e termal da auga da captación realizada polo Concello de Salvaterra de Miño.

En cumprimento do disposto no Decreto 402/1996, do 31 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de aproveitamento das augas minero-medicinais, termais e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, faise pública a Resolución do 6 de febreiro de 2019 pola que se declara a condición minero-medicinal e termal da auga da captación realizada polo Concello de Salvaterra de Miño.

Pontevedra, 4 de marzo de 2019

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra

O director xeral de Enerxía e Minas, por delegación do conselleiro (Orde do 10 de xuño de 2016; DOG núm. 131, do 12 de xullo), ditou a Resolución do 6 de febreiro de 2019 pola que se declara a condición minero-medicinal e termal da auga da captación realizada polo Concello de Salvaterra de Miño, que literalmente di:

«Examinada a solicitude de declaración da condición minero-medicinal das augas procedentes do pozo do Concello de Salvaterra de Miño, por instancia de Arturo Grandal Vaqueiro, en nome e representación do Concello de Salvaterra de Miño e na súa calidade de alcalde presidente, resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data de rexistro de entrada do 21 de abril de 2017 preséntase solicitude de declaración da condición minero-medicinal e termal das augas dun pozo, realizado en terreos da titularidade do Concello, sito no lugar de Teans, parroquia de Oleiros do Concello de Salvaterra de Miño.

A documentación completouse a requirimento desta xefatura territorial con data do 9 de maio de 2017 e, posteriormente, en data do 21 de agosto de 2018, en que se presenta memoria técnica subscrita pola enxeñeira de minas Silvia González Civeira, colexiada nº 3227 do Colexio de Enxeñeiros de Minas do Noroeste.

Segundo. No Diario Oficial de Galicia do 17 de xullo de 2017 (DOG núm. 135), faise pública a solicitude para a declaración da condición minero-medicinal e termal da auga do pozo realizada polo Concello de Salvaterra de Miño, de conformidade co artigo 4.3 do Decreto 402/1996, do 31 de outubro, polo que se aproba o regulamento de aproveitamento de aguas minero-medicinais e termais e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a exposición pública do proxecto e documentación relacionada no portal da Consellería de Economía, Emprego e Industria, sen que se presentaran alegacións contra ela.

Terceiro. O expediente completouse coa presentación polo Concello de Salvaterra de Miño do resultado das analíticas preceptivas e toma de temperatura realizada ás augas do pozo durante un período de doce meses consecutivos.

Cuarto. Con data do 12 de xullo de 2018, persoal técnico da Xefatura Territorial de Economía, Emprego e Industria en Pontevedra realiza a toma de mostras da auga do pozo e medida da temperatura en intervalos de dúas horas, resultando unha temperatura media de 42,4 ºC co levantamento de acta, segundo determina o artigo 5 do Decreto 402/1996, do 31 de outubro, remitíndose ao Instituto Geológico y Minero de España (IGME), para efectos da emisión do informe regulamentario.

Quinto. Con data do 5 de decembro de 2018 de rexistro de entrada o Instituto Geológico y Minero de España informa favorablemente declaración da condición minero-medicinal e termal das augas captadas no pozo do Concello de Salvaterra de Miño.

Sexto. Con data do 19 de decembro de 2018, solicítase informe de carácter vinculante da declaración da condición minero-medicinal e termal das augas do pozo á Dirección Xeral de Saúde Pública, de conformidade co disposto no artigo 6 do Regulamento de aproveitamento das augas minero-medicinais, termais e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sétimo. Con data do 8 de xaneiro de 2019 a Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable á declaración da condición minero-medicinal e termal da auga do pozo do Concello de Salvaterra, facendo constar nela que, por conter cantidades elevadas de berilio, ferro e fluoruros, non é pertinente o uso continuado destas augas en bebida. Ademais, por conter unha radioactividade beta por riba do límite normativo, implicaría que se recollerán medidas adicionais no seu uso respecto a usuarios asiduos ou traballadores que realicen actividade en espazos pechados.

Faise constar no informe que, no caso do aproveitamento destas augas cando se dispoña da autorización pertinente, o seu uso terapéutico deberá estar baixo a prescrición dun facultativo, nunha unidade asistencial de hidroloxía médica, integrada nun balneario, de acordo coa Orde do 5 de novembro de 1996, pola que se regula a autorización sanitaria dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Oitavo. Con data do 16 de xaneiro de 2019, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Pontevedra emite informe favorable á declaración da condición minero-medicinal e termal das augas do pozo do Concello de Salvaterra, situado no lugar de Teans, parroquia de Oleiros do Concello de Salvaterra de Miño, con coordenadas UTM (ETRS 89) fuso 29:

X: 542.919 e Y: 4.658.998.

O informe complétase cos datos construtivos do pozo que son:

– Diámetro de perforación: 197 mm ata 47 m, e dos 47 m ata o remate do pozo nos 261 m a perforación realizouse con recuperación de testemuña e diámetro de 100 mm.

– Entubación: realizada con tubo de aceiro inoxidable de diámetro 140 mm ata a profundidade de 47 m, o resto do pozo queda en rocha.

O caudal máximo que se pode extraer do pozo coa bomba somerxible instalada a 47 m de profundidade é de 14.000 l/h.

Fundamentos legais:

Primeiro. A Consellería de Economía, Emprego e Industria é competente para ditar a presente resolución de acordo co previsto no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG núm. 18, do 25 de xaneiro de 2018) en relación co disposto no artigo 3 da Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, que indica que o órgano competente para a declaración da condición minero-medicinal dun auga é a consellería competente en materia de industria.

Segundo. De conformidade co artigo 2 da Orde do 10 de xuño de 2016 sobre delegación de competencias en diversos órganos da Consellería de Economía, Emprego e Industria, corresponde ao director xeral de Enerxía e Minas ditar a presente resolución.

Terceiro. Na resolución deste expediente administrativo, resulta necesario ter presente, dada a súa relevancia o disposto nos números 1.a) e 2 do artigo 2 e no número 2 do artigo 4 da Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, onde se di:

“Artigo 2.

(...)

1.a) Augas minero-medicinais: as nacidas natural ou artificialmente e que polas súas características e calidades sexan declaradas de utilidade pública e sexan aptas para tratamentos terapéuticos.

(...)

2. Augas termais: son aquelas augas nas que a súa temperatura de xurdimento sexa superior, polo menos, en catro graos centígrados á media anual do lugar en que nazan”.

“Artigo 4.

(...)

2. Para o caso de augas minero-medicinais, minerais naturais ou termais para os usos terapéuticos será solicitado o informe, que terá carácter vinculante, da consellería competente en sanidade”.

Cuarto. Dos informes emitidos polo Instituto Geológico y Minero de España do 5 de decembro de 2018, da Dirección Xeral de Saúde Pública do 8 de xaneiro de 2019 e da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria en Pontevedra do 16 de xaneiro de 2019, así como da restante documentación que obra no expediente administrativo, constátase que as augas que abrollan na captación realizada polo Concello de Salvaterra de Miño cumpren os requisitos para a súa declaración como minero-medicinal e termal establecidas pola normativa de aplicación, polo que esta xefatura

RESOLVE:

Declarar a condición minero-medicinal e termal das augas da captación realizada polo Concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra), con coordenadas UTM (ETRS 89) fuso 29, X: 542.919 e Y: 4.658.998.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da notificación da presente resolución, de acordo co disposto no artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou ben recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado desde a mesma data, de acordo co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren procedente».