Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Venres, 29 de marzo de 2019 Páx. 16355

I. Disposicións xerais

Consellería de Política Social

ORDE do 26 de marzo de 2019 pola que se modifica a Orde do 2 de xaneiro de 2012 de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema de autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.

O Sistema para a autonomía e atención á dependencia (SAAD) prevé o recoñecemento da situación de dependencia e a determinación do servizo ou servizos do sistema axeitados ás circunstancias persoais da persoa solicitante que se recollen no seu programa individualizado de atención (PIA). Nesta asignación de servizos débese dar preferencia á asignación pública dun recurso, salvo que este non exista ou non estea dispoñible ou por un criterio de mantemento das circunstancias persoais status quo da persoa solicitante que xa estea recibindo un servizo privado con anterioridade á existencia ou dispoñibilidade do servizo público.

A propia normativa en materia de dependencia recolle no catálogo de posibles prestacións as libranzas tanto vinculadas á adquisición dun servizo de asistente persoal como a libranza para coidados no contorno familiar.

Preténdese mediante esta modificación incrementar a contía das libranzas para coidados no contorno familiar, as libranzas vinculadas ao servizo de atención residencial e a libranza de asistente persoal.

A Constitución española, no seu artigo 149.1.1ª, atribúe ao Estado a competencia exclusiva para a regulación das condicións básicas que garantan a igualdade de todos os españois no exercicio dos seus dereitos e no cumprimento dos seus deberes constitucionais. Con base nesta competencia, o Consello de Ministros aproba o financiamento do nivel mínimo de protección para a atención ás persoas en situación de dependencia atendidas no marco do Sistema para a autonomía e atención á dependencia (SAAD). Así o establece tamén o artigo 7.1 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia. O artigo 9 da mesma lei establece que o financiamento público do nivel mínimo de protección garantido para cada beneficiario do sistema segundo o seu grao de dependencia correrá por conta da Administración xeral do Estado.

O artigo 7 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia tamén establece no seu punto terceiro que a protección da situación de dependencia por parte do sistema se prestará tamén de acordo co nivel adicional de protección que poida establecer cada comunidade autónoma. O artigo 11.2 da mesma lei tamén engade que as comunidades autónomas, de conformidade co artigo 7, poderán definir, con cargo aos seus orzamentos, niveis de protección adicionais ao fixado pola Administración xeral do Estado en aplicación do artigo 9, para as cales se poderán adoptar as normas de acceso e desfrute que consideren máis adecuadas.

A Comunidade Autónoma de Galicia, no exercicio das súas competencias e con cargo aos seus orzamentos, pode definir, polo tanto, niveis de protección adicionais ao fixado polo Estado. Abórdase nesta modificación a protección adicional da libranza para coidados no contorno familiar, a libranza de asistente persoal e a libranza vinculada á adquisición do servizo de atención residencial.

A libranza para coidados no contorno familiar permítelles ás persoas en situación de dependencia permanecer no seu contorno ao coidado dunha persoa que exerce os coidados de maneira non profesional. A súa contía increméntase nun 10 % para todos os beneficiarios desta prestación.

No caso das libranzas vinculadas á adquisición dun servizo, preténdese incrementar a contía da libranza vinculada ao servizo de atención residencial nun 20 % para as persoas que teñan recoñecida unha situación de dependencia nos graos I ou III de dependencia moderada ou gran dependencia, e nun 75 % para o grao II de dependencia severa.

No caso de libranza para asistente persoal os importes tamén se aumentan por medio desta modificación. A protección adicional da Comunidade Autónoma de Galicia increméntase de maneira que a libranza chegue aos 1.500 euros ao mes, incrementados en 200 euros máis nos casos de especial dedicación.

No anexo V actualízanse as contías do complemento adicional e do incremento deste complemento nos casos de especial dedicación da libranza para asistente persoal.

Co fin de axilizar ao máximo a efectividade destas medidas, o cálculo das novas contías das libranzas modificadas será realizada nas xefaturas territoriais da Consellería de Política Social sen necesidade de realizar a revisión dos programas individuais de atención.

En virtude do exposto, no exercicio das atribucións conferidas segundo o artigo 38 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como pola disposición derradeira segunda do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, e polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, esta consellería

RESOLVE:

Artigo único. Modificación da Orde do 2 de xaneiro de 2012 para o desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema de autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes

A Orde do 2 de xaneiro de 2012 de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento de recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema de autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, queda modificada como segue:

Un. Engádese o artigo 34.bis, que queda redactado como segue:

«Artigo 34.bis. Nivel de protección adicional na libranza vinculada ao servizo de atención residencial

Unha vez determinada a contía da libranza vinculada ao servizo de atención residencial segundo os importes e regras de cuantificación establecidos polo SAAD, e de acordo co establecido nos artigos 34, 47, 56 e 57 e a súa contía máxima establecida no anexo V, a contía da libranza vinculada ao servizo de atención residencial terá un nivel de protección adicional cuxo importe será igual a unha porcentaxe da contía que lle correspondería á persoa beneficiaria. Esta porcentaxe de protección adicional será do 20 % para as persoas nunha situación de dependencia en graos I ou III, de dependencia moderada ou gran dependencia, e dun 75 % para as persoas en situación de dependencia en grao II de dependencia severa».

Dous. Engádese o artigo 39.bis, que queda redactado como segue:

«Artigo 39.bis. Nivel de protección adicional na libranza para coidados no contorno familiar

Unha vez determinada a contía da libranza para coidados no contorno familiar segundo o establecido nos artigos 39, 47, 56 e 57 e a súa contía máxima establecida no anexo V, a contía da libranza para coidados no contorno familiar terá un nivel de protección adicional cuxo importe será igual ao 10 % da contía que lle correspondería á persoa beneficiaria, segundo os importes e regras de cuantificación establecidos polo SAAD».

Tres. Modifícase o artigo 45, que queda redactado como segue:

«Artigo 45. Nivel de protección adicional ás persoas en situación de gran dependencia e dependencia severa

1. A contía da libranza de asistencia persoal terá un nivel de protección adicional cuxo importe será igual á diferenza entre a contía que lle correspondería á persoa beneficiaria, segundo os importes e regras de cuantificación establecidos polo SAAD, e a contía máxima establecida no anexo V a esta orde como teito deste nivel adicional, que será actualizado anualmente segundo o disposto no artigo 56.1 desta orde, en función da intensidade horaria e segundo a súa capacidade económica, de acordo co establecido no artigo 56.4 da presente orde.

2. Excepcionalmente, cando así se recoñeza no programa individual de atención e neste se acredite a prestación de polo menos un 10 % da intensidade horaria en períodos de especial dedicación como os vacacionais e fins de semana, festivos, períodos nocturnos das 22.00 ás 7.00 horas ou estadías temporais fóra da Comunidade Autónoma non superiores a dous meses, o cálculo para a contía da libranza de asistencia persoal, tal e como se indica no número anterior, farase tendo en conta a contía máxima establecida no anexo V como complemento adicional incrementada en 200 € mensuais».

Catro. O anexo V. Contías máximas das libranzas, queda redactado como segue:

ANEXO V

Contías máximas das libranzas

Contía máxima das libranzas (euros/mes)

Grao de dependencia

Libranza vinculada
á adquisición de servizos

Libranza para coidados no contorno familiar

Libranza de asistente persoal

Grao III

715,07 €

387,64 €

715,07 €

Grao II

426,12 €

268,79 €

426,12 €

Grao I

300,00 €

153,00 €

300,00 €

Contía do complemento nivel adicional da. C.A. (euros/mes)

Grao de dependencia

Libranza vinculada
á adquisición do servizo de atención residencial

Libranza para coidados no contorno familiar

Libranza de asistente persoal

Grao III

Complemento adicional do 20 % da contía total recoñecida

Complemento adicional do 10 % da contía total recoñecida

– Contía do complemento adicional da Comunidade Autónoma ata 1.500 €.

– Incremento do complemento adicional da Comunidade Autónoma de 200 € na contía do complemento adicional anterior en períodos de especial dedicación.

Grao II

Complemento adicional do 75 % da contía total recoñecida

Complemento adicional do 10 % da contía total recoñecida

– Contía do complemento adicional da Comunidade Autónoma ata 1.500 €.

– Incremento do complemento adicional da Comunidade Autónoma de 200 € na contía do complemento adicional anterior en períodos de especial dedicación.

Grao I

Complemento adicional do 20 % da contía total recoñecida

Complemento adicional do 10 % da contía total recoñecida

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento desta orde

Autorízase a persoa titular do órgano de dirección con competencias en materia de dependencia e autonomía persoal para ditar os actos e instrucións que resulten necesarios para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Vixencia da norma

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e producirá os seus efectos a partir do 1 de abril de 2019.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social