Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Venres, 29 de marzo de 2019 Páx. 16430

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 29/2019, do 14 de marzo, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Laxe do treito da estrada AC-429, situado entre os puntos quilométricos 10+900 e 11+420.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Laxe solicitou á delegación da Axencia Galega de Infraestruturas na Coruña o cambio de titularidade do treito de estrada autonómica AC-429 Ponteceso-(AC-424)-Laxe, punto quilométrico inicial 10+890, punto quilométrico final 11+710, dunha lonxitude de 820 metros.

Este treito de estrada correspóndese co final da mesma, conta con marcadas características urbanas, está integrado no tecido urbano do núcleo de Laxe e o seu tráfico rodado é maioritariamente de ámbito local. Os terreos por que discorre están clasificados polo PXOM do Concello de Laxe como solo urbano.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito da estrada AC-429 realizando uns axustes tanto no punto quilométrico inicial como no punto quilométrico final do treito de estudo.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catorce de marzo de dous mil dezanove,

DISPOÑO

Artigo 1

– Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Laxe do treito da estrada AC-429, situado entre os puntos quilométricos 10+900 e 11+420.

– Modificar o Decreto 308/2003, do 26 de xuño, polo que se aproba a relación de estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, do seguinte xeito:

• Suprimir a estrada AC-431, xa que esta integrada dentro da estrada AC-429.

• Engadir a estrada AC-429, denominada Ponteceso-(AC-424)-Laxe (AC-433). Clave anterior AC430 e AC-431.

• Corrixir a denominación da estrada AC-430, que queda do seguinte xeito: Baio (AC-552)-As Grelas (AC-429). Clave anterior AC-430.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Laxe deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponden ao Concello de Laxe, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de marzo de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade