Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 1 de abril de 2019 Páx. 16589

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regula e se convoca para o ano 2019 o Programa de axudas para a concesión das estadías de tempo libre para mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas.

A Comunidade Autónoma, en virtude do artigo 148.1 20ª da Constitución española e do artigo 27.23 do Estatuto de autonomía de Galicia, asume a competencia exclusiva en materia de asistencia social. A Xunta de Galicia, na aplicación do principio de integración da dimensión da igualdade de oportunidades na elaboración, execución e seguimento de todas as políticas e accións da súa competencia establece, como un dos criterios xerais da súa actuación, a garantía da dignidade das mulleres e homes, con especial incidencia na adopción de accións tendentes á erradicación de todas as formas de violencia de xénero, tal e como recolle o artigo 5 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

De conformidade co Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, correspóndelle impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade; na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia.

O 27 de decembro de 2017, todas as CC.AA. ratificaron de común acordo o documento final do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que no seu eixe 4 recolle de maneira específica medidas para «a intensificación da asistencia e protección de menores». A protección específica dos e das menores parte do seu recoñecemento como vítimas directas e leva aparellada a necesidade de ampliar e mellorar as medidas dirixidas á súa asistencia e protección coa implantación de diversas actuacións que impulsen a aplicación práctica dese recoñecemento das e dos menores como vítimas, recolléndose de xeito específico na medida 218 a mellora da conexión entre a violencia contra as mulleres e a experiencia vitimizadora dos fillos e fillas.

As comunidades autónomas son quen asumen as competencias da asistencia social integral ás mulleres vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos e fillas e están, polo tanto, chamadas a xogar un papel clave no deseño e posta en marcha de servizos, programas e proxectos que repercutan no mellor benestar das e dos menores, fillos das mulleres vítimas da violencia machista, e vítimas directas, polo tanto, desta violencia.

A presente resolución establece un programa de estadías de tempo libre, dirixido a mulleres soas, preferentemente vítimas de violencia de xénero, que teñen ao seu cargo en exclusiva aos seus fillos e fillas e/ou a menores en acollida, e a súa finalidade é facilitarlles o desfrute dun tempo desligado da súa situación habitual e no cal poidan intercambiar experiencias a través da convivencia nun espazo de lecer.

A través desta disposición establécense as bases que rexerán o procedemento de selección das persoas beneficiarias das prazas deste programa de estadías de tempo libre e procédese á súa convocatoria para o ano 2019.

Por todo o exposto, e no exercicio das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto, finalidade, réxime e convocatoria

1.1. O obxecto desta resolución é establecer as bases que rexerán a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de estadías de tempo libre para mulleres soas, preferentemente vítimas de violencia de xénero, con responsabilidades familiares non compartidas. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas estadías para o ano 2019.

1.2. A súa finalidade é facilitarlles ás mulleres, preferentemente vítimas de violencia de xénero, que teñan fillas ou fillos menores e/ou menores en acollida, exclusivamente ao seu cargo, un espazo e un tempo desligado da súa situación habitual e no cal poidan intercambiar experiencias a través da convivencia nun espazo de lecer, reforzando o seu vínculo materno-filial nun ambiente de seguridade, respecto e bo trato como modelo de convivencia.

1.3. O código do procedemento correspondente a estas axudas é o SI447A.

Artigo 2. Número de prazas

Convócanse ata un máximo de 90 prazas para mulleres con fillas/os menores e/ou menores en acollida, exclusivamente ao seu cargo, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Duración

As estadías terán unha duración de entre 7 e 10 días, en réxime de pensión completa, e desenvolveranse preferentemente entre finais do mes de xuño e principios do mes de setembro.

Artigo 4. Condicións económicas

Os gastos de aloxamento, en réxime de pensión completa, traslado de ida e volta desde o seu concello de residencia, equipo de monitoras/es e actividades complementarias serán gratuítos para as persoas beneficiarias, e serán por conta da Secretaría Xeral da Igualdade.

Artigo 5. Adquisición dos servizos obxecto da axuda

A adquisición dos servizos que constitúen o obxecto desta axuda realízase mediante contratación, cun gasto de importe máximo total de 72.600 euros (IVE incluído), con cargo á aplicación orzamentaria 05.11.313D. 227.99 (cód. proxecto 2018 00112). A presente axuda ten por tanto a consideración de subvención en especie, e para estes efectos procederase á contratación dos servizos precisos para facela efectiva, por medio dun procedemento público de contratación, en cuxos pregos de cláusulas se preverán as instrucións, normas e especificacións que rexerán a dita contratación e posibilitan o desenvolvemento do programa.

Artigo 6. Prazo e solicitude

1. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Artigo 7. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Poderán solicitar as prazas obxecto desta convocatoria as mulleres que reúnan os seguintes requisitos, na data de presentación da solicitude:

a) Ter fillas ou fillos menores e/ou menores en acollida, exclusivamente ao seu cargo e con idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos.

b) Non convivir con parella afectiva.

c) Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia e de traballo.

d) Que os ingresos brutos mensuais da solicitante non superen o límite do importe de 1,5 veces o IPREM vixente.

e) Non padecer ela, nin as fillas/os menores e/ou menores en acollida que a acompañen, unha enfermidade que requira illamento e/ou que impida a normal convivencia.

2. Para asistir ao programa, as mulleres beneficiarias irán acompañadas das súas fillas/os menores e/ou menores en acollida, exclusivamente ao seu cargo e con idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos, ambos inclusive, na data de presentación da solicitude.

Artigo 8. Solicitudes e documentación

1. A solicitude da subvención deberá presentarse no modelo que figura como anexo I desta resolución, debidamente cuberto e asinado pola persoa solicitante, xunto coa seguinte documentación:

a) Copia do libro de familia, certificación expedida polo Rexistro Civil ou calquera outro documento que acredite fidedignamente a relación materno filial.

b) Informe social, sentenza xudicial de custodia ou calquera outro documento que acredite que as/os fillas/os están exclusivamente ao seu cargo.

c) Nos casos de menores en acollida, a cargo, deberá achegarse copia da resolución xudicial acreditativa da dita situación ou da resolución administrativa acreditativa da dita situación se non fose expedida pola Xunta de Galicia.

d) Copia da certificación acreditativa da discapacidade da solicitante ou das súas fillas/os menores e/ou menores en acollida, a cargo, cando non fose expedida pola Xunta de Galicia, de ser o caso.

e) Documentación que xustifique os ingresos da solicitante declarados no punto 1 do anexo I.

f) Documentación acreditativa da condición de vítima de violencia de xénero por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, de ser o caso.

g) Informe do centro de acollida para vítimas de violencia de xénero que acredite que a solicitante está a residir nel, de ser o caso.

h) Informe médico do Servizo Galego de Saúde (Sergas), referido tanto ás mulleres como as súas fillas/os menores e/ou menores en acollida, que a vaian acompañar, no que conste que non padecen ningunha enfermidade que requira illamento e/ou impida a normal convivencia.

i) Anexo II, de ser o caso.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. As solicitantes deberán comunicar á Secretaría Xeral da Igualdade calquera modificación que se produza nos datos indicados na súa solicitude ou en calquera dos documentos que a acompañan. Esta variación comunicarase no momento en que se produza, co fin de axilizar a instrución do procedemento. No caso das prestacións do Servizo Público de Emprego non será preciso achegar a dita documentación agás que se denegue expresamente á Secretaría Xeral da Igualdade a dita consulta.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Certificado de residencia legal da persoa solicitante estranxeira.

c) Certificado de residencia da persoa solicitante.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Resolución administrativa de acollemento familiar emitido pola Xunta de Galicia.

b) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia da persoa solicitante e/ou das fillas/os menores e/ou menores en acollida, a cargo.

c) Prestacións do Servizo Público de Emprego Estatal (área de Galicia) da solicitante.

d) Renda de Integración Social de Galicia (Risga) da solicitante.

e) Inscrición da solicitante como demandante de emprego.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no modelo de solicitude (anexo I) ou no anexo II, se é o caso, e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Criterios de valoración

1. Para a adxudicación das prazas aplicaranse os seguintes criterios de valoración:

1.1. Mulleres que estean residindo nun centro de acollida para vítimas de violencia de xénero na data de presentación da solicitude: 4 puntos.

1.2. Mulleres que acrediten ser ou ter sido vítima de violencia de xénero nos últimos 24 meses, segundo o disposto no artigo 8.1.f): 6 puntos.

1.3. Número de fillas/os menores e/ou menores en acollida, a cargo exclusivo da muller:

a) 4 ou máis fillas/os menores e/ou menores en acollida, a cargo: 3 puntos.

b) 2 ou 3 fillas/os menores e/ou menores en acollida, a cargo: 2 puntos.

c) 1 filla/o menor e/ou menor en acollida, a cargo: 1 punto.

Teranse en conta exclusivamente as fillas e os fillos da solicitante non emancipados e/ou as/os menores en acollida, que estean ao seu cargo exclusivo e que convivan con ela.

1.4. Situación de discapacidade:

a) Situación de discapacidade da solicitante, igual ou superior ao 33 %: 3 puntos.

b) Situación de discapacidade das fillas/os menores e/ou menores en acollida da solicitante, igual ou superior ao 33 %: 3 puntos por cada filla/o ou menor en acollida.

Teranse en conta exclusivamente as fillas e os fillos da solicitante menores non emancipados e/ou as/os menores en acollida que estean ao seu cargo exclusivo e que convivan con ela.

1.5. Contía dos ingresos brutos mensuais da solicitante:

a) Renda inferior ou igual ao IPREM: 4 puntos.

b) Renda superior ao IPREM e inferior ou igual a 1,5 veces o IPREM: 2 puntos.

1.6. Mulleres que acrediten estar en situación de desemprego: 2 puntos.

2. No caso de que se produza empate na puntuación, atenderase, para dirimilo, á orde de criterios establecida neste artigo. Se aínda así persistise o empate, resolverase atendendo á orde de presentación de solicitudes e, posteriormente, á orde alfabética, comezando polo primeiro apelido.

Artigo 11. Instrución dos procedementos

1. A instrución dos procedementos corresponde á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos, o órgano instrutor requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixesen, teranse por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento poderáselle requirir á solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á Comisión de Valoración.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao seu arquivamento sen posibilidade de emenda das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido.

Artigo 12. Comisión de Valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, crearase unha comisión de valoración que será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes e de emitir o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

– Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero.

– Vogais: a persoa titular da Xefatura do Servizo de Planificación e Mellora da Coordinación e a persoa titular do Servizo de Apoio Técnico-Administrativo da Secretaría Xeral da Igualdade.

– Secretario/a, con voz pero sen voto: un/unha funcionario/a da Secretaría Xeral da Igualdade, por proposta da persoa titular da Presidencia.

Se, por calquera causa, algunha das persoas compoñentes da Comisión de Valoración non puidese asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída pola/o funcionaria/o designada/o para o efecto polo/a seu/súa presidente/a.

3. A Comisión de Valoración poderá requirirlles ás persoas solicitantes das subvencións a información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

4. Unha vez avaliados os expedientes segundo os criterios de valoración establecidos nesta resolución, a Comisión de Valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou a denegación da axuda solicitada, propoñendo a concesión da subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito.

5. No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas no suposto de que quedase crédito libre por producirse algunha renuncia, ou por modificacións nos programas inicialmente subvencionados, ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado nesta resolución.

Artigo 13. Resolución e notificación

1. A resolución destas subvencións correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo da fiscalización da proposta do órgano instrutor pola Intervención Delegada.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, esta entenderase rexeitada, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

6. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a Secretaría Xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión desta axuda poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 16. Renuncia das beneficiarias

1. A renuncia á praza ou prazas adxudicadas por parte das beneficiarias titulares deberá ser comunicada por escrito á Secretaría Xeral da Igualdade, polo menos, sete días antes do comezo das estadías. O prazo será de dous días no caso das beneficiarias suplentes e cando a data de comunicación da concesión por parte da Secretaría Xeral da Igualdade non permita cumprir o prazo de sete días.

2. A praza ou prazas vacantes, resultantes das renuncias que se produzan, poderán ser ocupadas polas seguintes beneficiarias da listaxe de suplentes, que deberán aceptar ou rexeitar a concesión, tendo en conta que, se estas beneficiarias tivesen máis fillas/os e/ou menores en acollida que as vaian acompañar que as que tivese a titular da praza, só poderán participar no programa ocupando as prazas que queden dispoñibles.

No caso de que unha suplente con máis fillas/os e/ou menores en acollida que a titular que renunciou aceptase as prazas vacantes, o resto de menores quedarán en espera de posibles vacantes con prioridade a outras mulleres suplentes.

3. A non comunicación da renuncia así como a súa comunicación fóra do prazo establecido no punto 1 deste artigo, implicará a exclusión automática da participación na convocatoria do ano seguinte.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

As mulleres beneficiarias, ademais das obrigas previstas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán:

a) Realizar a actividade para a que solicitou a axuda e que lle foi concedida.

b) Aceptar as normas de convivencia e as recomendacións que lle sexan realizadas desde a Secretaría Xeral da Igualdade e polas/os profesionais que exerzan funcións de coordinación e acompañamento durante o desenvolvemento das estadías.

c) Comunicarlle á Secretaría Xeral da Igualdade a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade.

Artigo 18. Reintegro

1. Procederá a devolución íntegra dos importes que resulten de considerar os custos dos servizos percibidos cando se obtivese a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, ou falseando ou ocultando os feitos ou datos que tivesen impedido a súa concesión. Para a tramitación do expediente declarativo de reintegro haberá que aterse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da axuda concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia que lle será facilitada polo órgano xestor, en concepto de devolución voluntaria da subvención. Neste caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da axuda concedida.

Artigo 19. Incompatibilidades

1. As axudas reguladas nesta resolución son incompatibles coa percepción de calquera outra axuda establecida tanto polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada, destinada ao mesmo fin.

2. No suposto de que a persoa beneficiaria obtivese subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, para o mesmo obxecto, a Secretaría Xeral da Igualdade iniciará o correspondente procedemento sancionador e de reintegro.

Artigo 20. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recollidos no eido deste programa de axudas serán tratados, na súa condición de responsable, pola Xunta de Galicia, Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Secretaría Xeral da Igualdade, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión das devanditas axudas e do procedemento correspondente, así como para a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión realizada en interese público, na prestación de asistencia de tipo social e na xestión de sistemas e servizos de asistencia social conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e demais normativa de aplicación, e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectindo esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. En particular, poderá levar a cabo as seguintes comunicacións de datos:

– A outras administracións públicas estatais, autonómicas e locais no exercicio das súas competencias, coa finalidade de permitir a comprobación da súa condición de beneficiaria desta axuda, así como para a xustificación da súa concesión ante os seus organismos financeiros.

– Ao centro de referencia sinalado pola solicitante (CIM, servizos sociais, centro de acollida, etc.), para a xestión da concesión da axuda, incluíndo a verificación do cumprimento dos requisitos exixidos para a percepción da axuda, o cumprimento das obrigas e como medio de contacto coa persoa beneficiaria.

– Á entidade ou entidades adxudicatarias do procedemento público de contratación para a xestión dos servizos que constitúen o obxecto desta axuda, segundo o previsto no artigo 5, comunicaránselle os datos estritamente necesarios para posibilitar a prestación dos seus servizos sen facer referencia aos colectivos prioritarios a que vai dirixida a axuda nin aos criterios da súa adxudicación.

As persoas interesadas poderán solicitar o acceso, rectificación e supresión dos seus datos, así como exercer outros dereitos como a oposición ao tratamento, ou retirar, se é o caso, o consentimento outorgado, segundo se detalla na información adicional recollida https:// www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

A concesión destas axudas non será obxecto de publicidade, en aplicación do disposto no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, logo do requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 22. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI447A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de igualdade das xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos ou da Secretaría Xeral da Igualdade, https://igualdade.xunta.gal, nos teléfonos 981 54 53 61 e 981 95 76 99 ou no enderezo electrónico vx.igualdade@xunta.gal.

Artigo 23. Infraccións e sancións

As persoas beneficiarias estarán sometidas ás responsabilidades e ao réxime sancionador que sobre infraccións nesta materia establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de aplicación.

Artigo 24. Remisión normativa

En todo o non previsto nesta Resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e demais normativa de aplicación.

Disposición derradeira primeira

A Secretaría Xeral da Igualdade ditará as instrucións necesarias para o desenvolvemento adecuado e o cumprimento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2019

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file