Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 1 de abril de 2019 Páx. 16624

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2019, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo da comisión paritaria do convenio colectivo de residencias privadas da terceira idade.

Visto o acordo da comisión paritaria do convenio colectivo de residencias privadas da terceira idade (código 82000475011998), subscrito con data do 14 de maio de 2018 pola comisión paritaria conformada por Agarte e Acolle en representación da parte empresarial, e CC.OO., UGT-Galicia e CIG en representación da parte sindical, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

A Secretaría Xeral de Emprego

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2019

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

En Santiago de Compostela, ás 11.45 horas do 14 de maio de 2018, na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, reúnense as persoas abaixo sinaladas:

• Representación empresarial:

Lucía del Campo Redondo (Agarte).

José Manuel Pazos Seco (Agarte).

José Antonio Patiño Amboage (Agarte).

Sonia Penedo Rodríguez (Acolle).

• Representación social:

– CC.OO.:

Mª Isabel Salgado Fandiño.

– UGT-Galicia:

Javier Martínez Fente.

Eliseo Rivas Pernas.

– CIG:

Beatriz Fernández González.

e acordan:

Primeiro. En relación coas cuestións sometidas a esta comisión paritaria por parte de Alfonso García Blanco en representación da SN de CC.OO. de Galicia, as partes representadas nesta comisión paritaria acadan os seguintes acordos:

1. Sobre o artigo 29.a) do convenio colectivo, a comisión acorda que este artigo se refire exclusivamente ao descanso semanal e que non regula nin recolle o descanso diario entre xornadas.

2. Sobre as alíneas f) e g) do artigo 33 do convenio, a comisión acorda que na súa regulación para o convenio vixente as dúas compensacións se aboarán no caso de concorrencia dos supostos regulados nelas.

3. Sobre a interpretación do artigo 38.c), as partes da comisión acordan tratar o tema con carácter exclusivo nunha reunión da comisión paritaria que queda pola presente convocada para o día 6 de xuño de 2018, as 10.30 horas, na sede do Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo. Facúltase o funcionario do Consello Galego de Relacións Laborais, Ignacio Bouzada Gil, para os trámites de rexistro, depósito e publicación desta acta.

E non tendo máis asuntos que tratar, levántase a reunión, ás 13.15 horas do día sinalado no encabezamento e expídese para o efecto esta acta, que asinan todos os asistentes en proba de conformidade.