Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 1 de abril de 2019 Páx. 16650

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 21 de marzo de 2019 de delegación de competencias nos órganos superiores e de dirección desta consellería.

O Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 106/2018, do 4 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, supuxeron a creación e a organización básica da Consellería de Cultura e Turismo, cuxa estrutura orgánica se estableceu polo Decreto 163/2018, do 13 de decembro.

A Orde do 25 de xaneiro de 2012, de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, coas súas posteriores modificacións, respondeu á necesidade de delegar as competencias de índole cultural e educativa da persoa titular da consellería nos distintos órganos superiores e de dirección que a conformaban.

Logo da publicación do Decreto 163/2018 no Diario Oficial de Galicia número 243, do 21 de decembro, cómpre acudir ao citado instrumento xurídico en prol dunha maior axilidade na actuación administrativa.

A delegación de competencias da persoa titular da consellería noutros órganos desta redunda en beneficio tanto da Administración como dos interesados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas, como a tutela dos intereses públicos, de acordo cos principios informadores da actividade administrativa e que a Constitución recolle no seu artigo 103.1.

Esta orde regula a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo nas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, das direccións xerais e das xefaturas territoriais, no ámbito dos servizos centrais e periféricos correspondentes.

A pretensión que se persegue é acadar unha maior eficacia na tramitación e resolución dos asuntos atribuídos a esta consellería, de acordo co actual escenario de xestión a que se enfrontan os diferentes órganos que a integran.

En materia de axudas e subvencións públicas, a experiencia acumulada aconsella non realizar unha delegación de competencias xenérica para todos os procedementos e, por tal motivo, a disposición adicional primeira prevé que a persoa titular da consellería poida delegar a competencia para resolver o procedemento na propia orde de convocatoria nos casos en que o considere oportuno.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Delegacións na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica

Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica as seguintes atribucións:

a) Resolver os recursos administrativos, a suspensión da execución dos actos impugnados en vía administrativa, así como as reclamacións en materia de responsabilidade patrimonial e a resolución de expedientes de revisión de oficio de actos administrativos nulos, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación dos actos de gravame ou desfavorables que correspondan á persoa titular da consellería, nos casos en que non estean expresamente delegados noutros órganos, e sempre que o órgano delegado non teña ditado o acto obxecto de recurso ou reclamación.

b) Autorizar e dispoñer os gastos xerais dos servizos da consellería ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como recoñecer as obrigas de gasto e propor os pagamentos, sen prexuízo do disposto nos artigos 4.a) e 5.a) desta orde.

c) As funcións que como órgano de contratación corresponden á persoa titular da consellería de acordo coa lexislación vixente, agás nos casos en que estean expresamente delegadas noutros órganos.

d) As funcións que, en relación coas encomendas de xestión, tanto intrasubxectivas como intersubxectivas, así como as encomendas a outras entidades, corresponden á persoa titular da consellería de acordo coa lexislación vixente, agás nos casos en que estean expresamente delegadas noutros órganos.

e) As competencias que correspondan á persoa titular da consellería en materia de persoal que perciba a súas retribucións polos programas de gasto correspondentes, de acordo coa Lei de orzamentos xerais, así como autorizar e dispoñer os gastos derivados deste persoal, o recoñecemento das obrigas de gasto e as propostas de pagamento correspondentes.

f) Designar as comisións de servizos con dereito a indemnización previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, así como dos altos cargos da consellería, sen prexuízo do disposto nos artigos 2.b), 3.c), 4.c) e 5.c) desta orde.

g) Autorizar a asistencia do persoal destinado nos servizos centrais da consellería a cursos e actividades de formación e perfeccionamento, sen prexuízo do disposto nos artigos 2.b), 3.c), 4.c) e 5.c) desta orde.

h) Dispoñer canto concirne ao réxime interno da consellería, agás o reservado legalmente á competencia exclusiva do/da conselleiro/a que estea atribuído ou delegado noutros órganos.

i) As funcións que derivan do exercicio do protectorado das fundacións de interese galego adscritas a esta consellería.

Artigo 2. Delegacións na persoa titular da Dirección Xeral de Políticas Culturais

Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Políticas Culturais as seguintes atribucións:

a) Exercer, dentro do seu ámbito de competencias, as funcións que corresponden á persoa titular da consellería como órgano de contratación, en relación cos contratos cualificados como menores consonte a normativa vixente en materia de contratación pública.

b) Designar as comisións de servizos con dereito a indemnización, previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, do persoal adscrito a esta dirección xeral, así como autorizar a súa asistencia a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

Artigo 3. Delegacións na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural as seguintes atribucións:

a) Exercer, dentro do seu ámbito de competencias, as facultades que a normativa en materia de patrimonio cultural atribúe á persoa titular da consellería.

b) Exercer, dentro do seu ámbito de competencias, as funcións que corresponden á persoa titular da consellería como órgano de contratación, en relación cos contratos cualificados como menores consonte a normativa vixente en materia de contratación pública.

c) Designar as comisións de servizos con dereito a indemnización, previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, do persoal adscrito a esta dirección xeral, así como autorizar a súa asistencia a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

Artigo 4. Delegacións na persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística as seguintes atribucións:

a) Autorizar e dispor os gastos ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como recoñecer as obrigas de gasto e propor os pagamentos, respecto dos créditos asignados a esta secretaría xeral nas correspondentes leis de orzamentos xerais.

b) Exercer, dentro do seu ámbito de competencias, as funcións que corresponden á persoa titular da consellería como órgano de contratación, en relación cos contratos cualificados como menores consonte a normativa vixente en materia de contratación pública.

c) Designar as comisións de servizos con dereito a indemnización, previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, do persoal adscrito a esta secretaría xeral, así como autorizar a súa asistencia a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

d) Resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

Artigo 5. Delegacións nas persoas titulares das xefaturas territoriais

Deléganse nas persoas titulares das xefaturas territoriais desta consellería as seguintes atribucións:

a) Respecto dos créditos desconcentrados, autorizar e dispoñer os gastos, recoñecer as obrigas e propoñer os pagamentos correspondentes a tales créditos, sen prexuízo das competencias que pola normativa vixente corresponden ao Consello da Xunta de Galicia.

b) Exercer, dentro do seu ámbito de competencias, as funcións que corresponden á persoa titular da consellería como órgano de contratación, en relación cos contratos menores e outros contratos que se tramiten polo procedemento aberto simplificado previsto no artigo 159.6 da Lei de contratos do sector público, nos casos en que o correspondente gasto sexa imputable ao capítulo II do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Designar as comisións de servizos con dereito a indemnización, previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, do persoal da consellería con destino no correspondente ámbito territorial, así como autorizar a súa asistencia a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

Artigo 6. Réxime xurídico das delegacións

1. Os actos e as resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia, con referencia ao número e á data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

2. En calquera momento a persoa titular da consellería poderá avocar para si o coñecemento dun asunto cuxa resolución corresponda por delegación a un órgano administrativo dependente, cando haxa circunstancias de índole técnica, económica, social, xurídica ou territorial que o fagan conveniente e, así mesmo, poderá acordar a súa revogación.

3. A delegación de competencias e a súa revogación deberán publicarse no Diario Oficial de Galicia e figurar dun xeito permanente e accesible na páxina web institucional da consellería.

4. En todo caso, quedarán excluídos das delegacións contidas nesta orde os supostos previstos no artigo 6.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

5. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade das persoas titulares dos órganos superiores e de dirección desta consellería, as competencias delegadas contidas nesta orde serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, polo órgano superior ou de dirección que corresponda seguindo a orde de prelación que se establece no artigo 6 bis a) do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

Nos mesmos supostos, as competencias delegadas nos/as xefes/as territoriais serán desempeñadas polas persoas titulares dos servizos de Xestión Cultural das respectivas xefaturas territoriais.

Disposición adicional primeira

O réxime de delegacións en materia de axudas e subvencións públicas será o que se estableza, se é o caso, nas correspondentes ordes de convocatoria.

Disposición adicional segunda

Deléganse na persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia as facultades que correspondan ao conselleiro de Cultura e Turismo en relación coas seguintes materias:

a) A resolución de reclamacións de responsabilidade patrimonial nos procedementos e materias de competencia da Axencia, segundo o previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro.

b) A resolución de expedientes de revisión de oficio de actos administrativos nulos, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación dos actos de gravame ou desfavorables ditados polos órganos superiores de goberno das axencias, segundo o previsto no capítulo I do título V da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

c) O exercicio da potestade sancionadora que a normativa de aplicación en materias e procedementos da súa competencia atribúa á persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas a Orde do 25 xaneiro de 2012 de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Orde do 11 de xaneiro de 2016 pola que se modifica a Orde do 25 xaneiro de 2012 de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos desta consellería, a Orde do 14 de marzo de 2018 pola que se modifica a Orde do 25 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos desta consellería e a Orde do 30 de abril de 2018 pola que se modifica a Orde do 25 xaneiro de 2012 de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos desta consellería, todas elas na parte relativa á área de cultura, así como cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao previsto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2019

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo