Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Mércores, 3 de abril de 2019 Páx. 17031

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 18 de marzo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento PR460A).

O Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 74/2018, do 5 de xullo, que regula a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, establecen que esta vicepresidencia e consellería, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, é o departamento encargado de xestionar as competencias que, en materia de protección civil, ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 56/2000, do 3 de marzo, modificado polo Decreto 109/2004, do 27 de maio, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios/as, agrupacións de persoal voluntario e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, indica, no seu artigo 72, a posibilidade de que a Xunta de Galicia poida conceder subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil.

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, dispón, no seu artigo 48.4, que as autoridades en materia de protección civil e emerxencias, en coordinación coa consellería da Administración autonómica competente na materia de voluntariado, promoverán a creación, o desenvolvemento e o equipamento das organizacións do voluntariado de protección civil.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas, polo Decreto 148/2016 de Presidencia da Xunta de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de Galicia, en diante, AVPC, segundo recolle o artigo 72 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2019 en réxime de concorrencia competitiva.

Con estas axudas preténdese colaborar economicamente coas AVPC nos gastos de natureza corrente para posibilitar o seu funcionamento dentro dos respectivos concellos e a colaboración nos plans e programas de protección civil da Xunta de Galicia.

O procedemento regulado nesta orde habilitarase na Guía de procedementos e servizos co código PR460A.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións as AVPC de Galicia legalmente constituídas, sen fins de lucro que, no día da publicación desta orde, cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro de Agrupacións de Persoal Voluntario de Protección Civil ou ter presentada oficialmente a solicitude de inscrición nel; neste caso, a concesión da subvención quedará condicionada á inscrición efectiva, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, como máis tarde, no último día do prazo de presentación de solicitudes.

b) Ter dependencia funcional dun concello de menos de 50.000 habitantes, mancomunidade ou agrupación de concellos e posuír o NIF propio como asociación.

c) Xustificar o investimento e liquidación de subvencións concedidas en anos anteriores, segundo o disposto nos artigos aplicables da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e concordantes, e do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de tal forma que a non xustificación deste investimento e liquidación comporta non poder optar ás subvencións nos seguintes exercicios.

d) Non ter sido condenados por sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións públicas, estar ao día do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Cumprir o disposto no artigo 54 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e contratar un seguro de accidentes, así como de responsabilidade civil.

Artigo 3. Crédito

Para a consecución do obxectivo a que se refire esta orde, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destinará ata un límite de 340.000 euros, con cargo á partida orzamentaria 05.25.212A.481.0, código do proxecto 2015 00106, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coa Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019 (DOG núm. 247, do 28 de decembro).

A dotación orzamentaria indicada poderase incrementar, se fora procedente, con fondos comunitarios, do Estado ou da Comunidade Autónoma. Nese suposto tramitarase o oportuno expediente de xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de acordo co disposto no artigo 30.2.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. En todo caso, a concesión das subvencións estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Nos casos de renuncia dos solicitantes, anulación ou minoración por menor xustificación final das cantidades inicialmente aprobadas, as dotacións orzamentarias resultantes poderanlles ser adxudicadas a outros solicitantes de acordo coa orde de prelación que resulte da aplicación dos criterios do artigo 11 desta orde. Tamén se poderán aplicar para as aprobacións derivadas da resolución de recursos deste ou de anteriores anos.

Os incrementos das dotacións orzamentarias indicadas no parágrafo anterior poderanse empregar para aumentar as contías das axudas ou o número das subvencións concedidas, sempre que se solicitasen no período indicado no artigo 5, sen necesidade de abrir un novo período de solicitudes.

Artigo 4. Destino das subvencións

As subvencións poderán ser destinadas a:

1. Equipamento e vestimenta persoal de uniforme, de acordo co establecido no Decreto 123/2014, do 18 de setembro, polo que se regula a acreditación, a uniformidade e os distintivos do persoal voluntario e a Orde do 24 de febreiro de 2015 que o desenvolve.

2. Equipamentos de prevención e de protección, sempre que se trate de material funxible (incluído material da caixa sanitaria).

3. Gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil.

4. Gastos ocasionados pola conservación, mantemento e/ou alugamento da súa base e medios de intervención, aplicacións informáticas e de comunicacións, así como os gastos de comunicación fixos e móbiles de voz e datos.

5. Pagamento de seguros do persoal voluntario de protección civil ou outro tipo de seguros relacionados cos medios e desenvolvemento do traballo e das tarefas da AVPC.

6. Gastos ocasionados pola formación dos seus compoñentes.

7. Equipamento do material informático e de comunicacións, sempre que en ambos os casos se trate de elementos funxibles.

Artigo 5. Iniciación e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal. Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

2. A correspondente solicitude, dirixida á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, presentarase dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

Artigo 6. Solicitudes

As solicitudes presentaranse no modelo normalizado que se xunta como anexo I (PR460A) a esta orde onde se acepta e declara o seguinte:

a) Que a entidade que solicita a subvención cumpre e acepta as condicións e requisitos exixidos nesta convocatoria.

b) Que reflicte o conxunto de todas as axudas concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, polas distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

c) Que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

d) Que a AVPC non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 10.3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

e) Que a AVPC está ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedora por resolución de procedemento de reintegro, de acordo co previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para a dita acreditación.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria das actuacións levadas a cabo pola agrupación no ano 2018.

b) Certificado da compañía aseguradora das pólizas subscritas (accidentes e responsabilidade civil) no cal conste o número de persoal voluntario de protección civil asegurado. No caso de estar incluídos dentro das pólizas de seguro do concello, mancomunidade ou agrupación de concellos, remitirase unha certificación do/da secretario/a destas entidades en que se indique o número de persoal voluntario de protección civil incluído nela.

c) Certificado do órgano competente da mancomunidade ou agrupación de concellos no cal se indique a prestación mancomunada dos servizos de emerxencia e protección civil.

d) Certificado ou declaración dos servizos de emerxencia provinciais ou das entidades locais a que se refire o artigo 11.2 desta orde.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A presentación da solicitude leva implícita a autorización para a publicidade, inscrición no rexistro procedente e o tratamento necesario dos datos persoais das entidades beneficiarias para esas finalidades, así como a especificada no artigo 12, por exixencia normativa, segundo se establece no artigo 19 desta orde.

4. O defecto na solicitude seralles notificado aos interesados pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, que é o órgano competente para a instrución do procedemento, por medios telemáticos, e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daráselles un prazo improrrogable de dez días para emendaren os erros ou omisións.

Transcorrido este prazo e de non se producir a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante no caso de non ter solicitado a subvención no ano 2018 ou existir variación de datos respecto a esa solicitude.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

d) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser feitos electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Instrución e comisión de avaliación

1. Recibidas as solicitudes serán informadas polo órgano instrutor que xunto coa súa correspondente documentación enviaráselle á comisión de avaliación, presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior ou persoa en quen delegue, e formada polos titulares dos servizos de emerxencias das xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a persoa responsable do servizo de Protección Civil da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior ou xefe/a de servizo que a substitúa, e actuando como secretario/a a persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior ou, se for o caso, un/unha funcionario/a da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo, con voz e voto.

2. A referida comisión fará unha proposta de resolución, tendo en conta os criterios sinalados no seguinte artigo, co número de beneficiarios e conterá unha lista de reserva cara á posible renuncia dalgún beneficiario, que será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver.

3. Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada elevarase á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 11. Criterios de avaliación

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva e para a elaboración da proposta de resolución teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a graduación que en cada caso se indica, ata un máximo de 100 puntos:

1. Número de mobilizacións da AVPC no ano 2018 e constatados polo Centro de Atención de Emerxencias 112, referidas a accidentes, incendios, protección civil, salvamento e rescate, incidencias de circulación, riscos e operativos de protección civil e animais, ata un máximo de 5 puntos. Tomando como cifra indicativa o dobre do promedio do conxunto das mobilizacións das solicitudes admitidas, adxudicarase a máxima puntuación aos que estean por riba deste promedio e a que lle corresponda proporcionalmente ao resto.

2. Mobilizacións das AVPC, efectuadas no 2018, para prestar colaboración noutros concellos, en operativos de protección civil ou emerxencias acaecidas, ata un total de 10 puntos.

Como metodoloxía de avaliación tomarase o total dos días en que a AVPC foi mobilizada nestes operativos de protección civil ou emerxencias acaecidas, multiplicándose polo número total de voluntarios/as que participou nestes operativos. Calculando o promedio das solicitudes admitidas e tomando como cifra indicativa o dobre deste promedio, adxudicarase a máxima puntuación aos que estean por riba deste promedio e a que lle corresponda proporcionalmente ao resto.

A xustificación nesta epígrafe realizarase a través dunha certificación dos servizos de emerxencia provinciais das mobilizacións que teña constancia, ou ben dunha declaración dos/das alcaldes/esas, ou concelleiros/as, ou por certificación dos/das secretarios/as dos concellos solicitantes da colaboración, en que se reflicta a AVPC participante, o evento, a data de celebración, o número de persoal voluntario mobilizado pola AVPC e o número de días que asistiron.

3. Pola prestación mancomunada do servizo de emerxencias e protección civil en concellos agrupados ou mancomunados, ata un máximo de 20 puntos. Para a valoración deste criterio terase en conta:

– Pola mera presentación da solicitude por parte da entidade resultante da agrupación, outórganse 10 puntos.

– Polo número de concellos agrupados ou mancomunados para os servizos de emerxencia e protección civil, ata un máximo de 10 puntos. Outorgarase a maior puntuación ao solicitante con maior número de concellos agrupados ou mancomunados e, ao resto, a que lle corresponda en proporción.

4. Ratio de número de persoal voluntario de protección civil asegurado acreditada a través da correspondente compañía aseguradora, por risco de accidentes, morte e responsabilidade civil, por cada mil habitantes do concello, mancomunidade ou agrupación de concellos, ata un máximo de 20 puntos. Outorgaráselle a maior puntuación a quen teña unha mellor ratio e ao resto a que lle corresponda en proporción.

A fórmula empregada será a seguinte:

– Divídese o número de habitantes de cada concello, mancomunidade ou agrupación de concellos entre mil.

– Divídese o número de persoal voluntario de protección civil asegurados entre resultado anterior e obtense unha ratio.

– Adxudícase a puntuación máxima á AVPC que teña a mellor ratio e ao resto avalíase de xeito proporcional.

5. O risco potencial de emerxencias, estimado polo Platerga, ata un máximo de 10 puntos. Puntuarase en atención aos tramos seguintes: risco moi alto 10, risco alto 8, risco moderado 6, risco baixo 4 e risco moi baixo 2.

No caso de mancomunidades ou agrupacións de concellos, a puntuación asinada será a media do conxunto das puntuacións dos concellos que forman parte da entidade e, no caso de que a cantidade resultante quede en medio de dúas puntuacións, asignaráselle a puntuación maior.

6. Atendendo á poboación do territorio da entidade local, segundo os datos que figuran no Instituto Galego de Estatística no 1 de xaneiro de 2018, ata un máximo de 5 puntos. Outorgaráselle a maior puntuación ao solicitante con maior poboación e, ao resto, a que lle corresponda en proporción.

7. Atendendo á extensión do territorio da entidade local, segundo os datos que figuran no Instituto Galego de Estatística ano 2011, ata un máximo de 5 puntos. Outorgaráselle a maior puntuación ao solicitante con maior extensión territorial e, ao resto, a que lle corresponda en proporción.

8. Pola antigüidade da AVPC desde a súa inscrición no Rexistro de AVPC da Xunta de Galicia ata un máximo de 5 puntos, asignados cos seguintes criterios:

– 5 puntos ás AVPC inscritas ata o ano 1995 incluído.

– 4 puntos ás AVPC inscritas ata o ano 2000 incluído.

– 3 puntos ás AVPC inscritas ata o ano 2005 incluído.

– 2 puntos ás AVPC inscritas ata o ano 2014 incluído.

9. As AVPC inscritas nos cinco últimos anos, contando o actual, ata 5 puntos, asignados cos seguintes criterios:

– 3 puntos ás AVPC inscritas no ano 2015.

– 4 puntos ás AVPC inscritas nos anos 2016 e 2017.

– 5 puntos ás AVPC inscritas nos anos 2018 e 2019.

10. Pola atención da AVPC ao servizo 24 horas, constatado pola información facilitada polo Centro de Atención de Emerxencias 112, referidos ao ano 2018, 5 puntos.

11. Pola presentación anual nos servizos de emerxencia da provincia, por parte da AVPC, referido ao ano 2018, dos seguintes documentos: memoria anual de actividades, acta da asemblea ordinaria anual, relación de voluntarios e xunta directiva actualizada, así como, estar dado de alta na aplicación do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (https://rgavpc.xunta.gal/), constatado por certificación do xefe do servizo de emerxencias da provincia, 15 puntos, a falta de documentación valorarase con 0 puntos nesta epígrafe.

Quedarán excluídas das subvencións aquelas AVPC que teñan menos de 10 mobilizacións no ano 2018 con constancia no Centro de Atención de Emerxencias 112 e aquelas que non acaden o 15 % da puntuación máxima outorgada no total de puntuación, unha vez avaliadas a totalidade das solicitudes.

Como excepción a este punto, tanto os solicitantes con AVPC rexistrada nos seis últimos meses do ano 2018 e no ano 2019, así como, aquelas que, despois de estaren sen funcionamento nos últimos tres anos sen solicitar ningún tipo de subvención, reactiven a súa actividade, non serán excluídas por non acadar o número de mobilizacións nin pola mínima porcentaxe da puntuación máxima outorgada.

A constatación da reactivación das AVPC realizarase mediante informe dos servizos provinciais de emerxencias.

No caso das AVPC inscritas no ano 2019 estarán exentas de achegar outra documentación que a que xa figure no rexistro.

A subvención concedida será proporcional ao resultado da puntuación. En todo caso, cada subvención individual será sempre inferior a 10.000 euros.

O órgano que concede as subvencións asignará o crédito dispoñible na convocatoria entre todas as solicitudes non excluídas segundo a listaxe final da puntuación acadada por cada AVPC.

Artigo 12. Resolución, publicación e notificación

1. A resolución será adoptada pola persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tendo en conta a proposta de resolución feita pola comisión de avaliación, e procederase á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

Neste caso as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas entidades interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Na notificación da resolución faranse constar as condicións particulares que deberá cumprir o interesado a que se lle conceda a subvención e que se recollen no artigo 13.

3. Transcorridos cinco meses, contados desde o día seguinte á publicación desta orde, sen que se ditase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados para o mesmo fin, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias destas subvencións deberán cumprir as obrigas sinaladas con carácter xeral no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en concreto as seguintes:

a) Cumprir o obxectivo ou realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Comunicarlle, vía telemática, á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a súa aceptación ou renuncia no prazo de 10 días contados a partir do seguinte ao da notificación da resolución. Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

c) Someterse a calquera actuación, comprobación e control financeiro efectuado tanto polo órgano concedente como polas entidades de control competentes autonómicas, estatais ou comunitarias, para o cal se achegará calquera información solicitada no exercicio desas actuacións. En especial, deberán facilitar a información que lle sexa requirida por esta vicepresidencia e consellería, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ou polo Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a modificación das circunstancias que desen lugar á concesión da subvención, en canto se coñeza ou ben, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Achegar os documentos xustificativos tal e como se prevé no artigo 15.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto de actuacións de comprobación e control. En calquera caso este período non será inferior a 5 anos.

Artigo 14. Anticipos

Para as subvencións solicitadas poderase aboar un anticipo de ata o 80 % da subvención concedida sempre e cando a cantidade da axuda non exceda os 18.000 euros e nos casos en que o gasto exixa pagamentos inmediatos. No caso de optar ao anticipo solicitarase expresamente polo beneficiario, no propio impreso de solicitude da subvención (anexo I).

A persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza resolverá de xeito motivado a concesión do anticipo logo da comprobación de que a entidade solicitante cumpre o regulado neste artigo.

Para obter o ingreso do anticipo a persoa responsable de cada agrupación, unha vez publicada a resolución de concesión das subvencións, terá que presentar na Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, novamente e con data actualizada, o anexo II desta orde, indicando se pediron ou non outras subvencións para a mesma finalidade e declarando si cumpre os requisitos previstos no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 15. Xustificación e pagamento

As agrupacións ás cales se lles aprobasen as subvencións segundo o artigo 10 desta orde, disporán ata o 30 de setembro de 2019 para presentar a xustificación da subvención, por medios electrónicos, accedendo á carpeta do cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Toda a documentación xustificativa da subvención, xunto á declaración responsable que figura como anexo II, deberá estar conformada coa sinatura electrónica da persoa responsable da agrupación.

Se a persoa beneficiaria non presenta a xustificación no prazo establecido a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior requerirá a súa presentación electrónica no prazo improrrogable de dez días.

A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Terá a consideración de gasto realizado, para os efectos do disposto no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación, determinado neste artigo e a través dos documentos aquí indicados.

A liquidación do importe final das subvencións concedidas calcularase en función das facturas e demais xustificantes que se presenten ao respecto, de acordo co establecido nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

No caso de que os gastos totais xustificados e admitidos sexan inferiores ao importe da subvención concedida, practicarase a redución proporcional correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos. Entenderase que queda por conta do beneficiario a diferenza de financiamento necesario para a total execución da actividade subvencionada.

Poderanse admitir os documentos xustificativos por gastos efectuados, de acordo co artigo 4 desta orde, entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2019.

Consideraranse xustificantes de pagamento válidos unicamente os seguintes:

– Facturas xunto cos extractos ou certificacións bancarias correspondentes, debidamente identificados, conformados e asinados electronicamente pola persoa responsable da AVPC.

– Para aquelas compras realizadas en metálico de ata 1.000 euros por factura, será suficiente a factura en que figure «pagado» xunto coa sinatura, nome, apelidos e o número de NIF da persoa que recibiu o cobramento na empresa subministradora, conformada e asinada electronicamente pola persoa responsable da AVPC.

– Documentos de liquidación de gastos de desprazamento e manutención en operativos de protección civil, nos cales figuren tanto a conformidade e sinatura electrónica da persoa responsable da AVPC como o xustificante de recepción do persoal voluntario perceptor desta compensación.

Estas directrices afectan a todos os peticionarios, independentemente que solicitaran anticipos ou non, para todos os gastos, incluídos os realizados con cargo ás cantidades anticipadas.

Artigo 16. Compatibilidade

Estas axudas son compatibles coa percepción doutras subvencións, ingresos ou recursos para a mesma finalidade. Porén, o importe destes en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outros, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 17. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Reintegro das subvencións

No caso de incumprimento de obriga de xustificación, de destinar a subvención a unha finalidade distinta para a cal foi concedida, ou se a AVPC non reúne os requisitos exixidos nesta orde ou en calquera dos supostos indicados no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro a esta comunidade autónoma das subvencións percibidas e dos xuros xerados, e para isto seguirase o procedemento establecido no artigo 77 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Tamén se seguirá este procedemento naqueles casos en que a xustificación da subvención sexa inferior ao anticipo concedido.

Artigo 19. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requerida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Delegación de competencias

De conformidade co previsto na Orde do 29 de decembro de 2017 sobre delegación de competencias (DOG nº 3, do 4 de xaneiro), delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira. Lexislación aplicable

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file