Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 4 de abril de 2019 Páx. 17261

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 26 de marzo de 2019 pola que se establecen as datas de elección dos membros das xuntas provinciais e da Xunta Autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario.

A Orde do 26 de febreiro de 2019 regula a composición e o funcionamento das xuntas provinciais e da Xunta Autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario.

No seu artigo 4 establece que a elección das persoas directoras que formarán parte das xuntas provinciais de directores e directoras de centros de ensino non universitario e a súa constitución, se efectuarán nas datas fixadas pola consellería con competencias en materia de educación, e no seu artigo 13 establece que a elección das persoas que formarán parte da Xunta Autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario, e a súa constitución se efectuarán nas datas fixadas pola consellería con competencias en materia de educación.

Así mesmo, establece que o sistema de elección será electrónico e que os censos electorais se farán públicos por medios electrónicos, no portal da Dirección habilitado pola consellería con competencias en materia de educación.

A disposición adicional segunda prevé que, no prazo dun mes desde a publicación no Diario Oficial de Galicia da dita orde, a consellería con competencias en materia de educación iniciará o proceso de renovación das xuntas provinciais e da Xunta Autonómica mediante a convocatoria das oportunas eleccións.

En uso das atribucións expresadas na Orde do 26 de febreiro de 2019, esta consellería

RESOLVE:

Artigo 1. Convocatoria

Correspóndelle á consellería con competencias en materia de educación fixar as datas nas cales se levará a cabo a elección das persoas directoras que formarán parte das xuntas provinciais de directores e directoras de centros de ensino non universitario e da Xunta Autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario.

Artigo 2. Prazo

As eleccións efectuaranse no curso académico 2018/19, de tal maneira que:

a) A constitución das xuntas provinciais se leve a cabo antes do día 30 de xuño de 2019.

b) A constitución da Xunta Autonómica se leve a cabo antes do día 31 de xullo de 2019.

Artigo 3. Procedemento

A regulación do procedemento de elección das persoas directoras que formarán parte das xuntas provinciais de directores e directoras de centros de ensino non universitario e da Xunta Autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario seguirá o establecido na Orde do 26 de febreiro de 2019 pola que se regula a composición e o funcionamento das xuntas provinciais e da Xunta autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional