Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 5 de abril de 2019 Páx. 17442

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 20 de marzo de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica e se convocan para o ano 2019.

BDNS (Identif.): 447070.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

As persoas, físicas ou xurídicas, así como as sociedades civís e comunidades de bens –ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia–, así como as unións temporais de empresas, dedicadas profesionalmente á produción de actividade escénica, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, quedan exceptuadas as asociacións e restantes entidades sen fins de lucro.

No suposto da modalidade 1 (subvencións á creación de espectáculos de empresas de nova creación), ademais, débense cumprir os seguintes requisitos:

–O equipo artístico debe estar integrado, como mínimo nun 50 %, por persoas nacidas a partir do ano 1984, inclusive. Enténdese por equipo artístico: elenco, dirección, deseño de espazo escénico, deseño de luz, deseño de espazo sonoro e deseño de vestiario.

– Antigüidade da compañía non superior aos tres anos. Para estes efectos, a constitución e antigüidade da compañía contabilizaranse desde a primeira data da alta no IAE, na actividade de produción ou distribución de espectáculos de artes escénicas.

Segundo. Finalidade

A finalidade destas axudas é fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para contribuír á promoción da produción da actividade escénica, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento CT403B).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 20 de marzo de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica e se convocan para o ano 2019.

Cuarto. Importe

O importe global máximo das subvencións anteriormente detalladas será de 650.000 euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 11.A1.432B.770.0 do orzamento de gastos da Agadic, código de proxecto 2010-0005, distribuído entre as anualidades 2019 e 2020: 150.000 euros con cargo ao exercicio 2019, e 500.000 euros con cargo ao exercicio 2020.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2019

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais