Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 8 de abril de 2019 Páx. 17697

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos Premios Camiño de Santiago e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

A Axencia Turismo de Galicia créase como axencia pública autonómica co obxectivo de impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e ordenación do turismo dentro da comunidade e tamén da conservación e promoción dos Camiños de Santiago, de conformidade co disposto polo artigo 1 do Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos.

A peregrinación a Santiago de Compostela é un auténtico fenómeno de carácter histórico-cultural de relevancia universal e un símbolo de fraternidade que goza de numerosos recoñecementos: primeiro Itinerario Cultural Europeo (1987) polo Consello de Europa e Patrimonio da Humanidade pola UNESCO: o chamado Camiño Francés en España (1993), os camiños históricos de Francia (1998) e no pasado ano 2015, os Camiños do Norte, que comprende en Galicia os chamados Camiño Norte ou da Costa e o Camiño Primitivo ou de Oviedo.

A significación histórica e cultural do Camiño de Santiago, a súa crecente vitalidade, a súa importancia como icona de Galicia, o seu decisivo papel como elemento dinamizador da vida social e económica de numerosas localidades de Galicia polas que discorren os itinerarios xacobeos… patentizan que a xestión do Camiño de Santiago é unha responsabilidade colectiva que abrangue tanto as administracións públicas como a outras institucións e colectivos sociais, en definitiva a propia sociedade galega.

A nova convocatoria destes Premios Camiño de Santiago 2019 pretende patentizar este compromiso e promover a excelencia na atención ao peregrino e unha axeitada xestión dos recursos ligados ao Camiño de Santiago.

En consecuencia e con cargo aos créditos da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade, e todo isto consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión dos Premios Camiño de Santiago, así como convocar os devanditos premios para o ano 2019.

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1.1. Convócase a edición 2019 dos Premios Camiño de Santiago co obxecto de distinguir as actuacións públicas e privadas destinadas a conservar, mellorar e embelecer a contorna das distintas rutas do Camiño de Santiago; así como aqueloutras que supoñan novos servizos ou a innovación e mellora daqueles que se prestan aos peregrinos, e as accións específicas de divulgación e promoción, de xeito que se contribúa a un aumento da conservación, difusión e a posta en valor do Camiño de Santiago e da cultura xacobea (código do procedemento TU502A).

Os seus principais obxectivos son:

• Avanzar na mellora do Camiño de Santiago, especialmente en relación cos seus itinerarios e contornos ambientais, paisaxísticos e arquitectónicos (arquitectura popular) e a súa protección xeral e posta en valor.

• Aumentar a sensibilidade cidadá en relación coa relevancia dos valores do Camiño de Santiago.

• Estimular o coñecemento do patrimonio xeral do Camiño.

• Fomentar a colaboración cidadá en coordinación coas administracións públicas.

1.2. Os premios do Camiño de Santiago constarán de catro categorías:

1ª categoría: destinada a distinguir as actuacións realizadas polos concellos, as agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e as áreas metropolitanas, se as houber, todos eles da Comunidade Autónoma de Galicia e polos que discorra calquera das rutas do Camiño de Santiago oficialmente declaradas.

2ª categoría: destinada as actuacións realizadas polas asociacións de amigos do Camiño de Santiago, con dúas modalidades:

a) Asociacións de ámbito nacional, con domicilio social en territorio do Estado español.

b) Asociacións de ámbito internacional, con domicilio social en calquera país estranxeiro.

3ª categoría: destinada a distinguir as actividades desenvolvidas polas persoas físicas ou as persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que estean comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme).

Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20 de maio), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.

Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.

4ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou as actividades de carácter académico, investigador ou educativas, con dúas modalidades:

a) Os traballos de investigación e estudo do Camiño de Santiago e da peregrinación e/ou cultura xacobea, e/ou do patrimonio cultural ligado ao Camiño de Santiago.

b) Os traballos de carácter educativo relacionados coa temática do Camiño de Santiago levados a cabo polos centros de ensinanza de educación non universitaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

1.3. Nas categorías primeira e terceira establécense dous premios, cuxa contía é a seguinte: un primeiro premio por importe de 15.000 € e un segundo premio por importe de 5.000 €.

Na categoría segunda establécese un premio de 10.000 euros para a modalidade a) e outro premio de 10.000 euros para a modalidade b).

Na cuarta categoría establécese un premio de 10.000 euros para a modalidade a) e outro premio de 5.000 euros para a modalidade b).

2. Financiamento e concorrencia.

2.1. A convocatoria realízase con cargo ás aplicacións orzamentarias previstas nos orzamentos de gastos da Axencia Turismo de Galicia para o ano 2019 polo importe máximo de 75.000 € e que se detallan a continuación:

– Para os premios da 1ª categoría: 11.A2.761A.460.0, por un importe máximo de 20.000 €.

– Para os premios da 2ª categoría: 11.A2.761A.480.0, por un importe máximo de 20.000 €.

– Para os premios da 3ª categoría: 11.A2.761A.470.0, por un importe máximo de 20.000 €.

– Para os premios da 4ª categoría: 11.A2.761A.444.0, por un importe máximo de 15.000 €.

2.2. A concesión dos premios realizarase mediante o procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.3. Os premios regulados ao abeiro desta resolución son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatales, da Unión Europea ou de organismos internacionais. O importe dos premios en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concurrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actuación premiada.

3. Modalidade e prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 3 das bases reguladoras.

4. Prazo de duración do procedemento de concesión.

4.1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

4.2. O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a resolución expresa será de 5 meses.

5. Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial de Turismo de Galicia: http://turismo.xunta.gal.

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, introducindo no buscador o código de procedemento TU502A.

c) Os teléfonos 981 54 63 67 e 981 54 74 04 da devandita axencia.

d) Correo electrónico fomento.turismo@xunta.gal.

6. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2019

María Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras dos Premios Camiño de Santiago

Artigo 1. Obxecto e réxime

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos premios do Camiño de Santiago como un recoñecemento institucional e social ás actuacións realizadas nos tres últimos anos (2016 ao 2018) co obxecto de conservar, mellorar e embelecer a contorna das distintas rutas do Camiño de Santiago; así como aqueloutras que supoñan novos servizos ou a mellora daqueles que se prestan aos peregrinos, as accións específicas de divulgación e promoción, de xeito que se contribúa a un aumento da conservación, promoción e difusión, así como a posta en valor do Camiño de Santiago, da cultura xacobea e do seu patrimonio (código do procedemento TU502A).

As actuacións que se presenten a esta convocatoria teñen que ser actuacións xa realizadas ou que se estén a realizar; non se admitirán propostas de actuación.

2. Os premios do Camiño de Santiago constarán das seguintes categorías:

1ª categoría: destinada a distinguir as actuacións levadas a cabo polos concellos, as agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais, as áreas metropolitanas, se as houber, ou outras entidades locais, todos eles da Comunidade Autónoma de Galicia e polos que discorra calquera das rutas do Camiño de Santiago.

2ª categoría: destinada a distinguir as actuacións realizadas polas asociacións de amigos do Camiño de Santiago, con dúas modalidades:

a) Asociacións de ámbito nacional, con domicilio social en territorio do Estado español.

b) Asociacións de ámbito internacional, con domicilio social en calquera país estranxeiro.

3ª categoría: destinada a distinguir as actividades realizadas polas persoas físicas ou as persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que estean comprendidos na definición de pequena e mediana empresa (peme).

4ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou as actividades de carácter académico, investigador ou educativas, con dúas modalidades:

a) Os traballos de investigación e estudo do Camiño de Santiago e da peregrinación e/ou cultura xacobea, e/ou do patrimonio cultural ligado ao Camiño de Santiago desenvolvidos por centros de investigación, universidades ou similares.

b) Os traballos de carácter educativo relacionados coa temática do Camiño de Santiago levados a cabo polos centros de ensinanza de educación non universitaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Nas categorías primeira, segunda e terceira establécense dous premios, e na categoría cuarta establecese un premio en cada unha das modalidades establecidas no parágrafo anterior.

Aos premios, que serán do importe que cada ano estableza a convocatoria, aplicaráselle a correspondente retención fiscal, e poderán outorgarse de maneira individual ou compartida, ou declararse desertos.

Así mesmo, o xurado poderá outorgar unha ou varias mencións especiais a algunha das actuacións desenvolvidas polos participantes, que non terá dotación económica.

4. Os/as premiados/as recibirán un diploma e o importe do premio que lle será pagado mediante transferencia bancaria. No caso de que o premio sexa compartido, serao a partes iguais entre os/as galardoados/as.

5. O procedemento para a concesión dos premios será tramitado no réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de conformidade cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

6. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado no parágrafo anterior deste artigo, as candidaturas serán examinadas por un xurado, que terá carácter de comisión avaliadora e que se axustará aos principios contidos no título preliminar, capítulo II, sección 3ª da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e da sección 3ª, capítulo I, título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 2. Beneficiarios/as

1. Poderán participar nesta convocatoria segundo as categorías que se establecen no artigo anterior:

a) Na primeira categoría, os concellos, as agrupacións de concellos de Galicia, mancomunidades de concellos de Galicia, consorcios locais galegos e as áreas metropolitanas, se as houber, ou outras entidades locais de Galicia que presenten unha memoria das actuacións desenvolvidas.

Para os efectos desta resolución, considérase agrupación de concellos unha candidatura subscrita por dous ou máis concellos.

b) Na segunda categoría, as asociacións de amigos do Camiño de Santiago, e outras entidades que teñan como finalidade a promoción do Camiño de Santiago e a súa peregrinación, tanto de ámbito nacional como internacional, legalmente constituídas, e que teñan como obxectivo principal o desenvolvemento de accións relacionadas co Camiño de Santiago e a peregrinación xacobea.

c) Na terceira categoría, as persoas físicas ou as persoas xurídicas constituídas baixo calquera forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que estean comprendidos na definición de pequena e mediana empresa (peme).

d) Na cuarta categoría, modalidade a), as universidades, centros de investigación ou investigadores independentes.

e) Na cuarta categoría, modalidade b), os centros de ensinanza non universitaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que se dean algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os concellos, así como as agrupacións e resto de entidades locais da alínea a) do punto 1 deste artigo deberán cumprir o requisito de ter remitidas ao Consello de Contas de Galicia as contas xerais de cada exercicio. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de participación e a súa falta de acreditación por parte dalgún dos participantes na candidatura supoñerá a inadmisión desta. No caso de agrupacións de concellos, este requisito deberao acreditar cada un dos concellos integrantes da agrupación.

4. Non se admitirán as solicitudes presentadas por consorcios locais dos cales forme parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.

5. Non poderán presentar solicitudes os premiados nas dúas convocatorias inmediatamente anteriores a esta.

Artigo 3. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura ao final destas bases como anexo II, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para: as administracións públicas e as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes dunha das anteriores, con sede social en España. No caso daquelas que teñan a súa sede social no estranxeiro, aplicarase o previsto no punto 6 deste artigo.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Se algunha das persoas interesadas obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Excepcionalmente, no caso de entidades estranxeiras que non dispoñan de mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, poderán presentar as solicitudes presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións, no caso das categorías segunda e cuarta, poden estar situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes. O medio de presentación elixido manterase para calquera tipo de relación coa Axencia Turismo de Galicia ata que remate o procedemento.

7. O prazo de presentación de candidaturas será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

8. As solicitudes deberán axustarse ao modelo normalizado que se inclúe no anexo II desta resolución, e irán acompañadas da seguinte documentación:

a) No caso de asociacións de amigos do Camiño de Santiago ou persoas xurídicas, escritura de válida constitución, na cal figure como o seu obxecto social a promoción e posta en valor do Camiño de Santiago.

b) Unha memoria das actuacións ou iniciativas que se realizaron, nas cales se detallarán as actividades de conformidade cos criterios de valoración establecidos no artigo 8 destas bases, co maior grao de concreción posible, de xeito que se facilite a súa valoración.

c) Resumo da actuación: anexo II-A, B, C ou D, segundo a categoría do premio que se solicita e de conformidade cos criterios de valoración establecidos no artigo 8 destas bases, que en ningún caso substituirá a memoria da alínea b).

c) No caso de concellos, agrupacións de concellos ou outras entidades locais, certificación da secretaría do concello, da mancomunidade, consorcio, área metropolitana ou das secretarías de cada un dos concellos integrados na agrupación, segundo o caso, acreditando que a entidade local cumpriu co seu deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

d) No caso de agrupación de concellos, instrumento xurídico que regule a agrupación e a xestión dos servizos que deberá incluír, en todo caso, a designación do/da alcalde/sa que actuará como representante da agrupación. A este representante corresponderalle asinar a solicitude e con el efectuaranse todas as actuacións a que o procedemento dea lugar.

e) No caso doutras entidades, a súa acta de creación ou constitución ou certificación que acredite a súa condición.

9. O defecto na solicitude seralles notificado aos interesados e daráselles un prazo de dez días para emendaren os erros ou omisións. No requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se darán por desistidos da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse consonte o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

10. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria achegaranse ao xurado encargado da súa valoración, de acordo co establecido nestas bases.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– NIF da entidade solicitante.

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– NIF da entidade representante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Certificación de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificación de estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.

– Certificación de estar ao día de pagamento coa Consellería de Facenda.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a suministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6. Órganos competentes

1. A Xerencia da Axencia Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión destes premios e das mencións especiais referidas nesta resolución. A devandita instrución rematará coa proposta de resolución que se elevará á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

2. Corresponderalle á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia referida no número anterior ditar a resolución de concesión dos premios con indicación do nome do premiado ou premiados e a contía que lles corresponde, e conceder as mencións especiais que procedan.

Artigo 7. Xurado

1. O premio será outorgado por proposta dun xurado, que terá a consideración de Comisión de Valoración, presidido pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia e estará integrado por:

a) A persoa titular do Comisariado do Xacobeo 2021.

b) Un representante da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

c) Un representante do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.

d) Un representante da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

e) Un representante do Consello da Cultura Galega.

f) O/a xefe/a da Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial, que actuará como secretario/a.

2. Os/as suplentes, se é o caso, serán designados/as pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

3. As decisións do xurado especificarán nunha acta a avaliación que corresponde a cada unha das actuacións realizadas presentadas á convocatoria, en aplicación dos criterios previstos no artigo seguinte.

En cada unha das categorías establecidas nestas bases, os premios poderán outorgarse de xeito individual, compartido, ou declararse desertos. No caso de se outorgar de xeito compartido, o importe total do premio para a categoría que corresponda repartirase a partes iguais entre os premiados.

O xurado proporá, ademais, as mencións especiais correspondentes, se é o caso.

Artigo 8. Criterios de valoración

1. Os criterios que se empregarán para a valoración das candidaturas serán, cun máximo de 100 puntos, os seguintes:

Para a 1ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou actuacións presentadas polos concellos, as agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e as áreas metropolitanas, se as houber, todos eles da Comunidade Autónoma de Galicia e polos que discorra calquera das rutas do Camiño de Santiago.

a) Intervencións encamiñadas á protección do patrimonio/contorna do Camiño, como a recuperación, a conservación, a limpeza, o embelecemento e a posta en valor dos tramos do Camiño de Santiago ou dos elementos a él asociados.

Valorarase o número de actuacións e a importancia dos recursos afectados e a protección e valorización dos contornos ambientais, paisaxísticos e arquitectónicos, así como as medidas concretas para a mellora da accesibilidade e/ou sustentabilidade. Máximo 40 puntos.

– Embelecemento e posta en valor dun tramo/tramos do Camiño. Máximo 12 puntos.

– Limpeza do Camiño. Máximo 8 puntos.

– Mellora da accesibilidade dos recursos naturais e patrimoniais. Máximo 10 puntos.

– Mellora da sustentabilidade dos recursos naturais e patrimoniais. Máximo 10 puntos.

b) Actuacións destinadas aos peregrinos, que supoñan a prestación de novos servizos ou a mellora dos que se lle prestan, así como as accións de difusión e promoción do Camiño. Máximo 60 puntos.

– Deseño de actividades de formación e divulgación destinadas ao empresario local coa finalidade de dar un mellor servizo ao peregrino. Máximo 30 puntos.

– Actuacións de promoción, divulgación e fomento do coñecemento e do interese cultural e turístico do Camiño. Máximo 30 puntos.

Para a 2ª categoría: destinada a distinguir as actuacións desenvolvidas polas asociacións de amigos do Camiño de Santiago.

a) Actuacións desenvolvidas destinadas aos peregrinos, especialmente a súa acollida e que supoñan a prestación de novos servizos ou a mellora dos que se lle prestan. Máximo 60 puntos.

– Actividades divulgativas para dar a coñecer ao futuro peregrino o fito Xacobeo: charlas, seminarios, cursos. Máximo 30 puntos.

– Actuacións en torno á acollida e á hospitalidade que melloren a prestación de servizos. Máximo 30 puntos.

b) Actuacións de investigación, promoción, divulgación e fomento do coñecemento e do interese cultural do Camiño, valorando a colaboración entre os diversos axentes públicos e privados (asociacións e/ou organismos públicos) vinculados ao Camiño. Máximo 30 puntos.

c) Publicación de libros, folletos, presenza en redes sociais etc. Máximo 10 puntos.

Para a 3ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou actuacións desenvolvidas por persoas físicas ou as persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que estean comprendidos na definición de pequena e mediana empresa (peme).

a) Intervencións encamiñadas á protección do patrimonio e da contorna do Camiño, como a recuperación, rehabilitación, a conservación, a accesibilidade, a limpeza, o embelecemento de bens inmobles de propiedade privada situados na contorna do Camiño de Santiago destinados a prestar servizos para o peregrino. Máximo 30 puntos.

Valorarase o número de actuacións e a importancia dos recursos afectados así como a protección e valorización dos contornos ambientais, paisaxísticos e arquitectónicos.

b) Actuacións destinadas aos peregrinos, que supoñan innovación, orixinalidade e creatividade. Máximo 30 puntos.

c) Medidas concretas para a mellora da accesibilidade e/ou sustentabilidade. Máximo 20 puntos.

d) Actuacións que teñan presenza nas novas tecnoloxías de información e comunicación, así como accesibilidade de páxinas web relacionadas co Camiño de Santiago. Máximo 20 puntos.

Para a 4ª categoría:

Na modalidade a), destinada a distinguir as iniciativas ou actuacións desenvolvidas polas universidades, centros de investigación ou investigadores independentes, valoraranse:

a) Actividades de investigación e documentación histórica sobre o Camiño de Santiago e a peregrinación xacobea. Valorarase a súa edición. Máximo 40 puntos.

– Investigación sobre o Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo. Máximo 20 puntos.

– Achega de nova documentación histórica sobre o Camiño. Máximo 10 puntos.

– Edición do proxecto de investigación. Máximo 10 puntos.

b) O carácter innovador na súa metodoloxía e a achega de novas fontes documentais. Máximo 30 puntos.

– Proxecto de investigación innovador. Máximo 15 puntos.

– Proxecto que achegue novas fontes documentais. Máximo 10 puntos.

– Actuacións que se insiran no ámbito das novas tecnoloxías de información e comunicación. Máximo 5 puntos.

c) Proxectos desenvolvidos que impliquen un carácter multidisciplinar e internacional. Máximo 30 puntos.

– Dimensión multidisciplinar e internacional do proxecto. Máximo de 20 puntos.

– A difusión internacional do traballo resultante. Máximo de 10 puntos.

Na modalidade b), destinada a distinguir aqueles traballos sobre o Camiño de Santiago levados a cabo nos centros de ensinanza non universitaria da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) A implicación da comunidade educativa e da comunidade local nas actividades ou nas actuacións realizadas. Máximo 30 puntos.

b) O uso das novas tecnoloxías da comunicación. Máximo 20 puntos.

c) Creatividade e orixinalidade e a adecuación á temática xacobea. Máximo 25 puntos.

d) Calidade da presentación. Valoraranse os recursos estéticos como ilustracións e fotografías. Máximo 25 puntos.

A distribución de puntos, cos máximos indicados, realizarase proporcionalmente.

Artigo 9. Resolución

1. Á vista da deliberación do xurado, contida na acta da sesión en que se concrete a súa avaliación para o outorgamento dos premios, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, quen, á vista da proposta motivada, ditará resolución.

2. A concesión dos premios e das mencións especiais será publicada no Diario Oficial de Galicia e na páxina web de Turismo de Galicia http://turismo.xunta.gal, e notificaráselles aos premiados e, se fose o caso, aos distinguidos coa mención especial.

3. O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución será de 5 meses. Transcorrido o citado prazo sen que se notifique a resolución expresa, entenderase rexeitada a súa candidatura por silencio administrativo.

4. As entidades premiadas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicaren a aceptación ou renuncia ao premio e das condicións contidas na resolución, para o cal disporán do anexo III. Unha vez transcorrido o referido prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptado e, desde ese momento, a entidade ou persoa premiada adquire a condición de beneficiario/a.

5. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión do premio poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

6. A entrega do premio realizarase nun acto público, no lugar e na data que se determinarán oportunamente.

7. Os solicitantes non premiados disporán dun prazo de dúas semanas contados desde o día seguinte ao da recepción da resolución expresa ou desde o momento en que se entenda a resolución presunta para recoller os traballos presentados na sede da Axencia Turismo de Galicia.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, en concordancia co previsto no artigo 3.6 destas bases reguladoras.

Artigo 11. Obrigas específicas dos beneficiarios dos premios económicos

1. Antes de proceder ao pagamento dos premios, as entidades beneficiarias do premio económico deberán remitir, no prazo indicado no artigo 9.4 destas bases (dez días hábiles desde o día seguinte ao da notificación da resolución), a seguinte documentación:

a) Declaración da obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actuación premiada, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión do premio.

b) Declaración responsable de non estaren incursas en ningún dos supostos previstos no artigo 10, números 2 e 3, da Lei de subvencións de Galicia. No caso das agrupacións de concellos, todos os concellos da agrupación deberán presentar cadansúa declaración.

c) Acreditación de estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Para tales efectos, o solicitante deberá achegar certificación de estar ao día nas citadas obrigas no caso de denegar expresamente que se soliciten polo órgano xestor, de conformidade co disposto no artigo 4.2. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

No caso de tratarse das entidades que se recollen no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o previsto no parágrafo anterior substituirase por declaración responsable.

Estas declaracións están incluídas no anexo IV.

2. A documentación das candidaturas premiadas ao abeiro desta convocatoria quedará en poder da Axencia Turismo de Galicia, para o seu arquivamento. Esta reservará para si o dereito de edición, uso e explotación das actuacións premiadas, en todo caso de xeito gratuíto, para a súa difusión e coñecemento público. A compensación económica polos dereitos de autor que puideren corresponder considerarase incluída na dotación do premio.

Artigo 12. Réxime de recursos

Contra a resolución ditada ao abeiro desta orde, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, de conformidade cos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13. Anulación e reintegro

1. Procederá o reintegro total ou parcial das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As entidades beneficiarias dos premios quedan obrigadas a declarar a contía do premio concedido en calquera outro procedemento de subvencións do cal poida derivar financiamento para a dita actuación.

3. No caso de que os beneficiarios incumpran algunha das obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Axencia Turismo de Galicia poderá iniciar, se é o caso, un procedemento sancionador, de conformidade co previsto no título IV da dita lei.

Artigo 14. Control

As entidades solicitantes e as premiadas quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, e a aquelas que deban realizar o Consello de Contas ou o Tribunal de Contas de conformidade co previsto na súa normativa específica.

Ademais, deberán facilitar á Axencia Turismo de Galicia toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou o aboamento do importe do premio.

Artigo 15. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación dos premios concedidos con indicación da norma reguladora, premiado e crédito orzamentario, contía e actuación premiada.

Igualmente, será aplicable o réxime de publicidade establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Así mesmo, en cumprimento do disposto no artigos 18 e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

Para estes efectos, a solicitude levará implícita a autorización, no caso de resultar premiada, para a inscrición no Rexistro de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude, así como na Base de datos nacional de subvencións. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorran algunhas das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As persoas ou entidades interesadas terán, en calquera momento, o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos datos que figuren no Rexistro Público de Subvencións, de conformidade co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 16. Remisión normativa

Supletoriamente, aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file