Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 12 de abril de 2019 Páx. 18565

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 18 de marzo de 2019, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado O Forno e Casa da Prensa a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Monte Asnal, no concello de Amoeiro (Ourense).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 3/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, en sesión que tivo lugar no 7 de novembro de 2018, adoptou a seguinte resolución:

«Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado O Forno e Casa da Prensa a favor dos veciños da CMVMC Monte Asnal, no concello de Amoeiro (Ourense), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 2 de setembro de 2016 tivo entrada no rexistro da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Rural un escrito dirixido ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de José Benito Álvarez Conde, en que solicita a clasificación como veciñal en man común de varias parcelas denominadas O Forno e Casa da Prensa.

Segundo. Con data do 21 de febreiro de 2018, o Xurado Provincial acorda iniciar o expediente de clasificación como veciñal en man común do referido monte, designando instrutor e realizando as comunicacións e publicacións a que fan referencia os artigos 20, 21 e 23 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e abriuse un período dun mes para a práctica de alegacións.

Terceiro. Durante a tramitación do expediente o presidente da CMVMC presentou un escrito de alegacións en que manifestaba que na comunicación que recibiron relativa ao inicio do expediente se indicaba que a clasificación se realizaba a favor dos veciños da parroquia de Trasalba, cando realmente pertecen á CMVMC de Monte Asnal.

O Xurado comprobou que, efectivamente, houbo un erro no oficio en que se comunicaba aos interesados o inicio do expediente de clasificación, xa que os terreos pertencen efectivamente á CMVMC de Monte Asnal, tal e como figura correctamente no acordo de inicio.

Cuarto. O monte obxecto de clasificación, de acordo coa documentación que consta no expediente, descríbese así:

Nome do monte: O Forno e Casa da Prensa.

Superficie: 71 m2.

Pertenza: CMVMC de Monte Asnal.

Parroquia: Trasalba (San Pedro).

Concello: Amoeiro.

Descrición das parcelas que constitúen o monte:

Os terreos obxecto da solicitude constitúen un único couto redondo formado polas dúas parcelas catastrais seguintes:

Concello

Polígono

Parcela

Referencia

catastral

Superficie

catastral

Sup. clasificación

Uso principal

Amoeiro

59

235

32003A059002350001UY

30 m2

30 m2

Residencial

239

32003A059002390001UL

41 m2

41 m2

Relixioso

Estremas: estes terreos atopanse rodeados por unha estrada e camiños sen referencia catastral, segundo os datos catastrais consultados na Dirección Xeral do Catastro.

Os terreos atópanse ocupados case totalmente por dúas edificacións e non forman parte de ningún monte veciñal en man común, dos clasificados como tales ata a data nin en trámites de clasificación, e non están afectados por convenios ou consorcios para a xestión forestal por parte da Administración. Non afecta tampouco terreos catalogados como montes de utilidade pública. Están localizados a carón do MVMC O Coto, clasificado como monte veciñal en man común, pertencente á mesma comunidade, por acordo do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común do 9 de xuño de 2016.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co disposto no artigo 1 da devandita lei “son montes veciñais en man común... os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños”.

Terceiro. É reiterada doutrina da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo que son dúas as notas características dos montes veciñais en man común: unha, o aproveitamento consuetudinario en man común, e outra, a atribución da titularidade dese aproveitamento aos veciños integrantes dun grupo social determinado, independentemente da súa cualificación ou non como entidade administrativa, correspondendo constatar o aproveitamento e atribuír a titularidade a favor do grupo social que o veña gozando ao xurado provincial de clasificación.

Cuarto. O carácter de monte veciñal en man común tense acreditado mediante as testemuñas dos veciños solicitantes, as actuacións realizadas polo servizo de Montes e a documentación que consta no expediente.

En consecuencia co que antecede, examinada a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, o Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería do Medio Rural e demais normativa legal e regulamentaria, o Xurado Provincial, por unanimidade dos seus membros,

RESOLVE:

Clasificar como monte veciñal en man común o monte denominado O Forno e Casa da Prensa a favor dos veciños da CMVMC Monte Asnal, no concello de Amoeiro (Ourense), de acordo coa descrición realizada no feito cuarto.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Ourense, 18 de marzo de 2019

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Ourense