Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 12 de abril de 2019 Páx. 18455

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 9 de abril de 2019 pola que se aproban as bases xerais de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas e música, e se aproba a convocatoria para o ano 2019.

BDNS (Identif.): 449058.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas e xurídicas privadas domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e que cumpran as condicións e criterios establecidos nestas bases.

2. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

Segundo. Finalidade

A finalidade destas axudas é o apoio a festivais de artes escénicas e de música de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector, e aprobar a súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento CT213A).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 9 de abril de 2019 pola que se aproban as bases xerais de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas e música e se aproba a súa convocatoria para o ano 2019.

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións destínase un crédito global de 530.000 euros, en función das dispoñibilidades orzamentarias existentes na Axencia Galega das Industrias Culturais, coa seguinte desagregación, un total de 340.000 euros para a modalidade A: festivais de música, e 190.000 para a modalidade B, festivais das artes escénicas, das aplicacións orzamentarias seguintes: 11.A1.432B.460.0., 180.000 euros, 11.A1.432B.470.0, 175.000 euros e 11.A1.432B.481.0, 175.000 euros, do código de proxecto 2015-00003.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2019

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais