Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 15 de abril de 2019 Páx. 18723

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 28 de marzo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de intervencións arqueolóxicas e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

A Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, establece no seu artigo 96.7 que, cando como requisito previo para a realización de calquera tipo de obra que afecte un monumento, conxunto histórico, zona arqueolóxica ou xacemento declarado de interese cultural ou catalogado, a consellería competente en materia de patrimonio cultural ou a figura de planeamento vixente determinen a necesidade de realizar intervencións arqueolóxicas, a citada consellería poderá colaborar, se a persoa ou entidade promotora é un particular, mediante subvencións anuais en función das dispoñibilidades orzamentarias, no financiamento do custo da execución do proxecto da actividade arqueolóxica autorizada, sen que en ningún caso esta colaboración poida exceder a metade do seu importe.

Así mesmo, no artigo 63 da anterior Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, establecíase que, cando como requisito previo para a realización de calquera tipo de obra que afecte un conxunto histórico, zona arqueolóxica ou xacemento catalogado ou inventariado, a Consellería de Cultura, ou a figura de planeamento vixente, determine a necesidade de realizar intervencións arqueolóxicas, a Consellería colaborará no financiamento do custo da execución do proxecto, se se trata dun promotor particular.

A previsión contida na Lei do patrimonio cultural de Galicia constitúe, como subvención prevista nunha norma con rango de lei, un mandato á Administración autonómica para levar a cabo a convocatoria das axudas.

A axuda prevista na Lei do patrimonio cultural de Galicia contén elementos regrados, como as actividades que serán obxecto de financiamento e os beneficiarios, pero non concreta outros elementos que quedan á discrecionalidade administrativa.

A concorrencia de requisitos non regrados impide que a previsión legal xere, por si soa, un dereito subxectivo fronte á Administración para o outorgamento da axuda.

No entanto, a previsión legal vincula a Administración pública no senso de verse obrigada a convocar as referidas axudas.

Nese acto de convocatoria e na aprobación das bases será cando os elementos discrecionais se convertan en regrados e os solicitantes que cumpran cos requisitos sinalados adquiran un dereito subxectivo fronte á Administración para a obtención da axuda.

Por tanto, esta orde ten por obxecto cumprir co mandato contido na Lei de patrimonio cultural de Galicia permitindo que, respecto aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, todos aqueles que cumpran os requisitos exixidos pola Lei de patrimonio cultural de Galicia para seren beneficiarios e cos demais requisitos fixados na convocatoria e nas bases reguladoras, obteñan a colaboración da Consellería de Cultura e Turismo ata o límite do crédito orzamentario de que dispón para dar cumprimento ás obrigas derivadas da concesión da axuda.

Nesta convocatoria a Consellería de Cultura e Turismo empregará a totalidade dos créditos orzamentarios de que dispón para o financiamento destas actuacións, de xeito tal que a participación neste proceso de concorrencia sen prelación entre as solicitudes é o único mecanismo de que poderá servirse a consellería dentro dos seus límites orzamentarios para dar cumprimento á colaboración prevista na lei e, por tanto, todos aqueles que desexen obter a colaboración da consellería deben concorrer ao proceso mediante a presentación das solicitudes de conformidade co sinalado no texto da presente orde.

Hoxe en día, un gran número destas intervencións arqueolóxicas desenvólvense no ámbito urbano, nos conxuntos históricos da Comunidade Autónoma declarados ben de interese cultural, onde a declaración afecta tanto o solo coma o subsolo, polo interese histórico e arqueolóxico destas áreas, e onde gran parte da evolución histórica deses asentamentos se atopa nese subsolo susceptible de ser estudado con método arqueolóxico; e no medio rural no contorno dos bens inventariados.

A execución dun proxecto arqueolóxico, pola singularidade dos bens sobre os cales se actúa, require, de acordo co disposto nos artigos 96 e 97 da citada Lei 5/2016, e no Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, a presentación e a autorización previa dun proxecto arqueolóxico, así como a entrega dunha memoria con posterioridade ao remate da actividade en que se reflicta o desenvolvemento e os resultados destes traballos arqueolóxicos.

Conscientes de que a elaboración das memorias cos resultados destes traballos arqueolóxicos, que, unha vez presentadas, quedan á disposición do público en xeral co fin de facilitar outros estudos e investigacións, repercute de xeito directo sobre a execución dos proxectos promovidos polos particulares, e de que a Consellería de Cultura e Turismo debe fomentar o estudo e a difusión deste patrimonio arqueolóxico, é polo que se entende que a colaboración cos promotores particulares debe ter en conta que se cumpran todas as obrigas da autorización arqueolóxica concedida, como é a entrega da memoria cos resultados da actuación e o depósito dos materiais arqueolóxicos.

Á vista do exposto, e para os efectos de cumprir co establecido no artigo 96.7 da Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia, en uso das facultades que teño atribuídas, en virtude do artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto da presente orde é establecer as bases reguladoras e convocar a concesión de axudas, polo procedemento abreviado de concorrencia non competitiva, aos promotores particulares de calquera tipo de obras que afecten un monumento, conxunto histórico, zona arqueolóxica ou xacementos catalogados ou inventariados, nos casos en que a Consellería de Cultura e Turismo ou a figura de planeamento vixente determinen a necesidade de realizar intervencións arqueolóxicas, en concepto de colaboración no financiamento do custo da execución do proxecto arqueolóxico realizado de acordo cos requisitos establecidos nos artigos 96 e 97 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Ao abeiro do artigo 19.2 da Lei de subvencións de Galicia, non será necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 da citada lei.

2. Para os efectos da presente orde considéranse custos de execución do proxecto arqueolóxico os custos financiados polo promotor que figuren nos orzamentos dos proxectos arqueolóxicos autorizados polo titular da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Os tributos son gastos subvencionables cando o beneficiario da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

3. Esta convocatoria, para os efectos da súa identificación e acceso por parte das persoas interesadas, na sede electrónica da Xunta de Galicia, aos formularios de inicio, denomínase «axudas para intervencións arqueolóxicas en conxuntos históricos, zonas arqueolóxicas ou xacementos catalogados ou inventariados», co código do procedemento CT104B.

Artigo 2. Actuacións subvencionables e excluídas

1. Quedan comprendidas no ámbito da presente orde as intervencións arqueolóxicas enunciadas no artigo 95 da citada Lei 5/2016, debidamente autorizados pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

2. Quedan excluídas:

a) As actividades arqueolóxicas promovidas por particulares derivadas das medidas protectoras, correctoras e compensatorias establecidas nos plans, programas e proxectos con incidencia sobre o territorio, así como as incluídas nos procedementos de avaliación ambiental, establecidas en virtude do disposto no artigo 34 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

b) As actuacións que, na data de publicación da presente orde, xa foron obxecto de indemnización pola Consellería de Cultura e Turismo por sentenza xudicial, ou subvencionadas en anteriores convocatorias pola presentación e a entrega das correspondentes memorias técnicas e da acta de depósito dos materiais, así como as executadas en bens inmobles da Igrexa católica.

c) As intervencións arqueolóxicas respecto daquelas obras obxecto de sanción en materia de patrimonio cultural ou que deriven da tramitación ou resolución dun procedemento sancionador.

d) E en todo caso, se o promotor da obra é unha Administración pública ou concesionario ou se os bens inmobles obxecto da actuación son públicos.

Artigo 3. Financiamento e contía global das axudas

1. A contía global destinada ás axudas reguladas nesta orde ascende a cincuenta mil euros (50.000,00) e imputaranse aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019 coa seguinte distribución por aplicacións orzamentarias:

11.30.433A.770.0: 25.000,00 €.

11.30.433A.781.2: 25.000,00 €.

2. Esta contía poderá ser ampliada nos termos previstos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia sen que isto dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

Artigo 4. Normativa aplicable

A tramitación de solicitudes e a concesión destas axudas axustarase ao disposto na presente orde; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; nos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e demais normativa de aplicación.

Artigo 5. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas os empresarios (persoas físicas ou xurídicas) e as persoas físicas e xurídicas sen ánimo de lucro que promovesen as intervencións arqueolóxicas comprendidas no ámbito da presente orde, desenvoltas en bens inmobles de titularidade privada, sempre que non se atopen en ningún dos supostos dos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia, e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que as actuacións arqueolóxicas estean autorizadas e fosen realizadas desde o ano 2015 en diante e estean finalizadas na data de publicación da presente orde.

b) Que as actuacións se desenvolvesen conforme os proxectos arqueolóxicos presentados e se cumprisen as obrigas de responsabilidade da dirección de acordo co establecido no Decreto 199/1997, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que se acredite a presentación e a entrega dos correspondentes informes valorativos ou das memorias técnicas e da acta de depósito dos materiais de acordo co citado Decreto 199/1997.

Artigo 6. Axudas

1. As axudas consistirán nunha subvención que se percibirá por unha soa vez por beneficiario e obra, polas seguintes contías:

– Ata o 50 % dos custos da execución do proxecto arqueolóxico autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, e co límite de 20.000,00 € por proxecto, no caso de que se acredite a presentación e a entrega das correspondentes memorias técnicas e da acta de depósito dos materiais. Esta porcentaxe será do 30 %, co límite de 12.000,00 €, no caso de que a actuación realizada xa fose subvencionada en anteriores convocatorias co 20 % dos custos por ter entregado o informe valorativo a que se refire o parágrafo seguinte.

– Ata o 20 % dos custos da execución do proxecto arqueolóxico autorizado, e co límite de 8.000,00 €, no caso da presentación e a entrega tan só dos correspondentes informes valorativos.

2. O importe das subvencións percibidas para cada intervención arqueolóxica non poderá ser, en ningún caso, de tal contía que illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e para as persoas representantes dunha das anteriores.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidas pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no DOG do extracto da presente convocatoria. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As solicitudes presentaranse no modelo normalizado que figura no anexo I da presente orde, xunto coa documentación que se relaciona a seguir:

– No caso de que se actúe por medio de representante, deberá acreditarse a representación por un medio válido en dereito.

– No caso de que o solicitante sexa persoa xurídica, documentos acreditativos da súa personalidade mediante fotocopia dos estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou no que corresponda.

– Copia compulsada das facturas, ou documentos equivalentes, dos custos pagados pola execución do proxecto arqueolóxico, que figuren no orzamento do proxecto arqueolóxico autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

– Copia compulsada dos xustificantes de ter pagado as facturas. O pagamento das facturas deberá ter sido efectuado por medios bancarios, mediante cheque ou transferencia bancaria e acreditarase mediante extractos ou certificacións bancarias.

– Cando o importe das facturas sexa inferior a 1.000,00 €, poderase acreditar mediante recibo do provedor en que figure identificado este co seu nome, número de documento nacional de identidade e importe e data de pagamento.

– Os informes valorativos ou as memorias técnicas e a acta de depósito de materiais establecidos no Decreto 199/1997, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, de non estaren presentadas con anterioridade.

2. No caso de que nun mesmo inmoble e polo mesmo promotor fosen realizadas varias actuacións arqueolóxicas autorizadas, estas presentaranse nunha única solicitude especificándoas na solicitude, á cal se xuntará a documentación acreditativa dos custos orixinados por cada unha delas de xeito inequívoco.

3. A presentación de solicitudes polo/a interesado/a implicará a aceptación íntegra do establecido nas bases reguladoras fixadas na orde da convocatoria, así como dos requisitos e as obrigas que nelas se fixan.

4. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI ou NIE da persoa solicitante para o caso de persoas físicas.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF para o caso de persoas xurídicas.

– NIF da entidade representante.

– Certificado das epígrafes do imposto de actividades económicas en que figure de alta a persoa solicitante.

– Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Tramitación, resolución e recursos

1. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, como órgano instrutor da Consellería de Cultura e Turismo, examinará as solicitudes presentadas e a documentación achegada. No suposto de que as solicitudes non cumpran os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación conteña erros ou sexa insuficiente, a unidade administrativa encargada da tramitación dos expedientes requirirá os interesados para que, no prazo de dez días, acheguen os documentos preceptivos que emenden os erros detectados, coa indicación de que, se así non o fixeren, se terán por desistidos da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A tramitación e a resolución das solicitudes presentadas efectuarase por rigorosa orde de entrada das solicitudes do xeito previsto no artigo 7. Logo de rematar o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural elaborará unha listaxe de todas as solicitudes presentadas, asignándolles un número correlativo, segundo a data e a hora da presentación da solicitude.

3. Logo de revisar e ordenar a documentación e completala, se é o caso, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural elaborará a proposta de concesión ou a denegación das axudas, que será elevada ao titular da Consellería de Cultura e Turismo, que resolverá sobre a concesión ou a denegación das axudas no prazo máximo de cinco meses desde que a solicitude tivo entrada no rexistro do órgano administrativo competente para resolver.

No suposto de que o número de solicitudes presentadas que cumpran coas condicións administrativas e técnicas establecidas nesta orde para adquirir a condición de beneficiario supoña o esgotamento da contía máxima fixada, a Consellería de Cultura e Turismo acordará a inadmisión de posteriores solicitudes e publicarao no DOG e na páxina web.

4. A Consellería de Cultura e Turismo resolverá o procedemento de concesión no prazo de 15 días desde a data da proposta de resolución. O procedemento e o contido da resolución axustaranse ao artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A resolución de concesión ou de denegación da axuda notificarase aos/ás interesados/as e terá que ser motivada. No Diario Oficial de Galicia publicarase un extracto da resolución de concesión que deberá conter indicación da norma reguladora, dos beneficiarios, do crédito orzamentario, da cantidade concedida e da finalidade da axuda. Desta mesma información darase conta na páxina web da Consellería de Cultura e Turismo e nos rexistros públicos de subvencións.

5. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica no for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. A resolución de concesión ou de denegación da axuda pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición perante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou, directamente, recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados de igual modo.

7. De non notificarse resolución no prazo indicado no parágrafo 3 anterior, entenderase desestimada a solicitude correspondente e poderá interpoñerse recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura e Turismo en calquera momento, desde o día seguinte a aquel en que se entenda denegada a axuda.

Artigo 13. Aceptación das axudas

Logo de que o órgano competente notifique a resolución definitiva, os/as interesados/as propostos/as como beneficiarios/as disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, e transcorrido este sen que se produza a manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios

1. Ademais das obrigas xerais establecidas no artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia, para a percepción das axudas públicas os beneficiarios están obrigados a facilitar toda a información que lle requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. O incumprimento de calquera das obrigas mencionadas será causa de revogación da subvención ou de reintegro, se é o caso, dos importes percibidos e dos xuros de mora correspondentes.

3. Os beneficiarios deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 15. Pagamento

Unha vez concedida e aceptada a axuda, a cantidade adxudicada librarase de acordo co establecido na normativa orzamentaria que sexa aplicable.

Con carácter previo ao pagamento, o beneficiario da axuda deberá presentar unha declaración complementaria actualizada do conxunto de axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou das entidades vinculadas ou dependentes (anexo II). O prazo máximo para a presentación desta declaración remata o 31 de outubro de 2019.

Transcorrido este prazo sen que o beneficiario da axuda tivese presentado a documentación xustificativa, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural requirirao para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, nos termos previstos no artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 16. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, se é o caso, á súa revogación.

Artigo 17. Reintegro

Procederá o reintegro total ou parcial da axuda percibida e a exixencia dos xuros de mora nos casos e termos previstos no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Cultura e Turismo, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse co consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e nos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional primeira

Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración estatal e autonómica, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural poderá realizar as comprobacións e as verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Disposición adicional segunda

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde.

Disposición adicional terceira

Aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o titular da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para ditar as resolucións que sexan necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta convocatoria.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2019

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file