Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 17 de abril de 2019 Páx. 19130

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 3 de abril de 2019 pola que se declara de utilidade pública a Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia Venosa e Outras Patoloxías Vasculares Periféricas.

A Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, recoñece a importancia do fenómeno asociativo como instrumento de integración, participación e representación dos lexítimos intereses dos cidadáns, e con este obxecto recolle unha serie de medidas para facilitar o desenvolvemento das asociacións. Entre estas medidas de fomento recóllese a posibilidade de que as entidades asociativas sen fins de lucro poidan ser declaradas de utilidade pública.

En concreto, o artigo 32 da citada Lei orgánica 1/2002, sinala que, a iniciativa das correspondentes asociacións, poderán ser declaradas de utilidade pública aquelas asociacións en que concorran determinados requisitos, que, en esencia, consisten en que os seus fins estatutarios promovan o interese xeral, que a súa actividade non beneficie exclusivamente os asociados, que os membros dos órganos de representación que perciban retribucións non o fagan con cargo aos fondos públicos, que conten con medios axeitados e organización idónea para o cumprimento dos fins e, finalmente, que se atopen constituídas, inscritas e en funcionamento durante os dous anos anteriores á solicitude.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 157/2008, do 10 de xullo, sobre a asunción de funcións da Administración do Estado traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia mediante Real decreto 1080/2008, do 30 de xuño, en materia de declaración de utilidade pública de asociacións e aplicación dos beneficios fiscais, e sobre a súa asignación á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, establece que para resolver o procedemento de declaración de utilidade pública será competente a persoa titular da citada consellería, logo da instrución do procedemento polo órgano que resulte competente por razón do rexistro en que estea inscrita a asociación solicitante.

En aplicación de esta normativa, e logo de solicitude de declaración de utilidade pública pola entidade interesada, a Secretaría Xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza instruíu o correspondente expediente administrativo, seguindo as prescricións contidas no Real decreto 1740/2003, do 19 de decembro, sobre procedementos relativos a asociacións de utilidade pública.

Constan no dito expediente as memorias de actividades e demais documentos de obrigada achega pola interesada, así como os informes dos departamentos e organismos competentes, e sinaladamente, o preceptivo informe favorable do Ministerio de Facenda.

Logo do exame da normativa aplicable e da documentación que figura no expediente, ponse de manifesto que a entidade solicitante reúne os requisitos necesarios para obter a declaración de utilidade pública.

Na súa virtude, e ao abeiro das facultades previstas no Decreto 157/2008, do 10 de xullo, sobre a asunción de funcións da Administración do Estado traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia mediante Real decreto 1080/2008, do 30 de xuño, en materia de declaración de utilidade pública de asociacións

RESOLVO:

Declarar de utilidade pública a Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia Venosa e Outras Patoloxías Vasculares Periféricas, inscrita no Rexistro Central de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia co número 2004/7769-1.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Con carácter previo poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou esta orde, no prazo dun mes, segundo establecen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza