Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Luns, 22 de abril de 2019 Páx. 19323

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 40/2019, do 4 de abril, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Soutomaior do treito urbano entre o punto quilométrico 0+000 e o punto quilométrico 0+441 da EP-2908 Arcade-Amoedo (rúa Rosalía de Castro).

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

Rematadas as obras correspondentes ao proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP-2908, Arcade-Amoedo, desde o punto quilométrico 1+180 ata o punto quilométrico 1+400, obras recollidas no convenio asinado entre a Deputación e o Concello o día 21.2.2018, o Concello de Soutomaior solicita á Deputación Provincial de Pontevedra o cambio de titularidade do treito da vía da EP-2908 entre o punto quilométrico 0+000 e o punto quilométrico 0+441, coincidente coa rúa Rosalía de Castro.

A Deputación Provincial de Pontevedra, no Pleno da Corporación Provincial levado a cabo o día 25.5.2018, aceptou o cambio de titularidade proposto.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catro de abril de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Soutomaior do treito urbano entre o punto quilométrico 0+000 e o punto quilométrico 0+441, Arcade-Amoedo (rúa Rosalía de Castro).

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Soutomaior deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre Concello e Deputación.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Soutomaior, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de abril de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade