Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Venres, 26 de abril de 2019 Páx. 20593

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 8 de abril de 2019, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución dos recursos de reposición interpostos contra a revisión do esbozo do monte veciñal en man común de Carballo, do concello de Friol (expediente 62/75).

Para os efectos previstos no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, na sesión do día 27.3.2019, baixo a presidencia de María Olga Iglesias Fontal e coa asistencia dos vogais Josefina Pereira de la Riera, Carlos Vázquez Díaz e Antonio José López-Acuña Herrero, e da secretaria Lucía Belver Quiroga, tomou os seguintes acordos:

Monte de Carballo (expediente 62/75), pertencente aos veciños da parroquia de Carballo, no termo municipal de Friol. Na reunión do xurado do 14.6.2018, acordouse aceptar a proposta do Servizo de Montes pola que se procedía á revisión do esbozo para o monte ao constatar un solapamento con zonas de concentración parcelaria, adaptándoo á planimetría do proceso de concentración, estimando a inexistencia de variación substancial da superficie do monte.

• O día 6.8.2018, Esther Quiroga Rodríguez presenta un recurso de reposición en que solicita que se exclúa do perímetro do esbozo a parcela 3323 do polígono 420 do parcelario catastral de Friol.

• O día 6.8.2018, Carlos Sánchez Pazos presenta recurso de reposición solicitando que se exclúan do perímetro do esbozo as parcelas 3363 do polígono 420, 78 do polígono 372 e 245 do polígono 370.

• O día 8.8.2018, Eladio Bello Castro presenta recurso de reposición solicitando que se exclúan do perímetro do esbozo as parcelas 205 e 256 do polígono 370.

• O día 9.8.2018, José Manuel Combo Villar presenta recurso de reposición en que solicita que se exclúan do perímetro do esbozo as parcelas 3303 do polígono 420, 5 do polígono 375 e 17 do polígono 376.

Analizados os recursos e a documentación achegada con eles, cabe dicir:

A parcela 3323 do polígono 420 reclamada por Esther Quiroga Rodríguez non estaba incluída no esbozo orixinal do monte e quedou incluída na proposta de revisión ao ter atribuída a titularidade catastral a nome da comunidade do monte veciñal en man común de Carballo. Achega unha escritura pública de herdanza do seu pai, en que a mellora adxudicándolle exclusivamente esta parcela. De acordo co exposto, constátase a existencia dun conflito de propiedade e conforme o establecido na disposición transitoria 13ª.5 da Lei 7/2012 de montes de Galicia, procedería poñer fin a este procedemento con respecto a esta parcela e excluíla do perímetro cuestionado.

A parcela 3363 do polígono 420, que reclama Carlos Sánchez Pazos, non estaba incluída no esbozo orixinal do monte. Esta parcela figura ao seu nome no Catastro e no rexistro da propiedade. Por outra banda, as parcelas 78 do polígono 372 e 245 do polígono 370 estaban parcialmente incluídas no esbozo orixinal pero puido constatarse unha falta de precisión da cartografía do esbozo, e ambas as parcelas están a nome do recorrente no Catastro e no rexistro da propiedade. Conforme o establecido na disposición transitoria 13ª.2 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, na proposta non poderán incluírse parcelas que figuren inmatriculadas no rexistro da propiedade a favor de persoas físicas ou xurídicas distintas á comunidade veciñal, polo que procede excluílas da proposta de revisión, sen prexuízo do disposto no punto 5 da dita disposición transitoria.

As parcelas 205 e 256 do polígono 370 reclamadas por Eladio Bello Castro estaban parcialmente incluídas no esbozo do MVMC de Carballo. Están inscritas no rexistro da propiedade a nome do reclamante e ten atribuída tamén a titularidade catastral. Conforme o establecido na disposición transitoria 13ª.2 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, na proposta non poderán incluírse parcelas que figuren inmatriculadas no rexistro da propiedade a favor de persoas físicas ou xurídicas distintas á comunidade veciñal, polo que procede excluílas da proposta de revisión, sen prexuízo do disposto no punto 5 da dita disposición transitoria.

A parcela 3303 do polígono 420 reclamada por José Manuel Combo Villar non estaba incluída no esbozo orixinal do monte de Carballo, pero figura no Catastro e no rexistro da propiedade a nome de José Manuel Combo e María Josefa Currás. As parcelas 5 do polígono 375 e 17 do polígono 376 estaban parcialmente incluídas no esbozo orixinal do monte veciñal, e a súa titularidade catastral corresponde á comunidade propietaria do monte. O recorrente non achega acreditación ningunha da titularidade sobre as ditas parcelas. Conforme o establecido na disposición transitoria 13ª.2 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, na proposta non poderán incluírse parcelas que figuren inmatriculadas no rexistro da propiedade a favor de persoas físicas ou xurídicas distintas á comunidade veciñal, polo que procede excluír da proposta de revisión unicamente a parcela 3303 do polígono 420, sen prexuízo do disposto no punto 5 da dita disposición transitoria.

O día 4.3.2019, o Servizo de Montes elabora un informe en relación cos recursos presentados e no cal se detectan certas desviacións na proposta de revisión do esbozo con respecto da planimetría catastral e da liña do límite municipal do Instituto Xeográfico Nacional, que consideran preciso corrixir. Tamén se comproba que nas zonas que foron obxecto de revisión do esbozo foron incluídas por erro parcelas con titularidade catastral atribuída a propietarios particulares e que procede excluír. Como consecuencia de todo o dito, o monte de Carballo queda cunha superficie de 667,9 ha.

Examinados os devanditos recursos, o xurado, por unanimidade, acorda estimar integramente os recursos de reposición interpostos por Esther Quiroga Rodríguez, Carlos Sánchez Pazos e Eladio Bello Castro, e parcialmente o interposto por José Manuel Combo Villar (este último con respecto á parcela 3303 do polígono 420) e proceder á oportuna modificación da resolución impugnada de conformidade co informe do Servizo de Montes.

Tamén, por unanimidade, acorda desestimar o recurso presentado por José Manuel Combo Villar con respecto ás parcelas 5 do polígono 375 e 17 do polígono 376, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución.

Contra esta resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 8 de abril de 2019

María Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Lugo